Primeira Carta ós Corintios
13 Se falo os idiomas dos homes e dos anxos pero non teño amor, son coma un gong que retumba ou coma un címbalo que fai moito ruído*. 2 Se teño o don de profetizar e entendo tódolos segredos sagrados e sei todo o que hai que saber, e se teño tanta fe que podo mover montañas pero non teño amor, non son nada*. 3 E se dou todo o que teño para darlles de comer a outros ou se entrego a miña vida para poder presumir pero non teño amor, non me serve de nada.
4 O amor é paciente e bondadoso. O amor non é celoso, non presume, non é arrogante, 5 non se porta de maneira indecente*, non busca os seus propios intereses, non se irrita con facilidade, non leva a conta das ofensas*. 6 Non se alegra pola inxustiza, senón que se alegra coa verdade. 7 Todo o soporta, todo o cre, todo o espera, todo o aguanta.
8 O amor nunca falla*. Pero os dons de profetizar e de falar noutros idiomas* acabaranse, e os de recibir coñecemento de maneira milagrosa serán eliminados. 9 Porque o coñecemento que temos está incompleto e profetizamos de maneira incompleta, 10 pero cando chegue o que está completo, o que está incompleto será eliminado. 11 Cando era neno falaba coma un neno, pensaba coma un neno e razoaba coma un neno, pero agora que son un home deixei atrás as cousas propias dun neno. 12 Agora vemos imaxes borrosas coma se as vísemos nun espello de metal, pero despois veremos con claridade*. Agora teño un coñecemento incompleto, pero despois terei un coñecemento completo*, igual que o coñecemento que Deus ten sobre min. 13 Agora ben, quedarán estas tres cousas: a fe, a esperanza e o amor. Pero a máis importante de todas é o amor.