Segunda Carta ós Corintios
2 De feito, decidín que a próxima vez que vaia onda vós non vai ser unha visita triste. 2 Porque se vos poño tristes, quen vai quedar para alegrarme a min? Só quedarán os que eu puxen tristes. 3 Escribín o que escribín para que cando vaia non me poña triste polos que debería alegrarme. Estou convencido de que o que me fai feliz a min tamén vos fai felices a todos vós. 4 Escribinvos con moitas lágrimas polo sufrimento* e a angustia do meu corazón. Pero non o fixen para poñervos tristes, senón para que soubésedes o amor tan grande que sinto por vós.
5 Se alguén provocou tristeza, non ma provocou a min, senón a todos vós ata certo punto (non quero ser demasiado duro co que digo). 6 A ese home xa lle chega coa reprensión que recibiu da maioría. 7 Agora debedes perdoalo con bondade e consolalo para que non se sinta totalmente afundido* por estar demasiado triste. 8 Por iso, aconséllovos* que lle demostredes o voso amor. 9 Porque tamén vos escribín por isto: para saber se demostrariades obediencia en todo. 10 Se vós lle perdoades algo a alguén, eu tamén llo perdoo. De feito, todo o que perdoei (se é que tiven algo que perdoar) foi polo voso ben diante de Cristo, 11 para que Satanás non se aproveite de nós*, porque sabemos cales son as súas tácticas*.
12 Cando cheguei a Troas para anunciar as boas noticias acerca do Cristo, abríuseme unha porta na obra do Señor. 13 Pero non estaba tranquilo* porque non encontrei ó meu irmán Tito. Así que, despedinme e marchei para Macedonia.
14 Dámoslle grazas a Deus! El sempre nos guía nun desfile triunfal acompañados do Cristo, e por medio de nós espalla* por todas partes o aroma do coñecemento acerca del. 15 Porque para Deus somos coma un aroma agradable de Cristo que chega ós que van camiño á salvación e ós que van camiño á destrución. 16 Para os que van camiño á destrución é un olor* de morte que leva á morte, pero para os que van camiño á salvación é un aroma de vida que leva á vida. E, quen está capacitado para facer estas cousas?* 17 Nós si que o estamos, porque non somos vendedores ambulantes da* palabra de Deus, como moitos outros que si que o son. En vez diso, somos enviados de Deus que falamos con total sinceridade diante de Deus e acompañados de Cristo.