BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • es25 páxs. 98-108
  • Outubro

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Outubro
  • Analicemos as Escrituras tódolos días 2025
  • Subtítulos
  • Mércores 1 de outubro
  • Xoves 2 de outubro
  • Venres 3 de outubro
  • Sábado 4 de outubro
  • Domingo 5 de outubro
  • Luns 6 de outubro
  • Martes 7 de outubro
  • Mércores 8 de outubro
  • Xoves 9 de outubro
  • Venres 10 de outubro
  • Sábado 11 de outubro
  • Domingo 12 de outubro
  • Luns 13 de outubro
  • Martes 14 de outubro
  • Mércores 15 de outubro
  • Xoves 16 de outubro
  • Venres 17 de outubro
  • Sábado 18 de outubro
  • Domingo 19 de outubro
  • Luns 20 de outubro
  • Martes 21 de outubro
  • Mércores 22 de outubro
  • Xoves 23 de outubro
  • Venres 24 de outubro
  • Sábado 25 de outubro
  • Domingo 26 de outubro
  • Luns 27 de outubro
  • Martes 28 de outubro
  • Mércores 29 de outubro
  • Xoves 30 de outubro
  • Venres 31 de outubro
Analicemos as Escrituras tódolos días 2025
es25 páxs. 98-108

Outubro

Mércores 1 de outubro

A sabedoría de arriba está lista para obedecer (Sant. 3:17).

Cústache obedecer ás veces? Ó rei David pasoulle. Por iso lle dixo a Deus en oración: “Desperta en min o desexo de obedecerte” (Sal. 51:12, TNM). David amaba a Xehová pero, aínda así, nalgunhas ocasións non lle resultaba fácil obedecer. E a nós pásanos o mesmo. Por que? Primeiro, herdamos a tendencia a ser desobedientes. Segundo, o Demo intenta que nos rebelemos contra Xehová, tal como fixo el (2 Cor. 11:3). Terceiro, estamos rodeados pola actitude rebelde deste mundo, é dicir, polo “espírito que agora actúa nos fillos desobedientes” (Ef. 2:2). Por un lado, temos que facer un esforzo constante, non só para loitar contra a nosa tendencia a pecar, senón tamén para resistir a presión que Satanás e o seu mundo exercen sobre nós para que desobedezamos. E ademais, temos que esforzarnos por obedecer a Xehová e ás persoas ás que el lles deu autoridade. w23.10 páx. 6 par. 1

Xoves 2 de outubro

Deixáche-lo viño bo para agora (Xoán 2:10).

Que podemos aprender do milagre no que Xesús converteu auga en viño? Podemos aprender unha lección de humildade. Xesús nunca presumiu daquel milagre. De feito, nunca presumiu dos seus logros. Todo o contrario, foi humilde e sempre fixo que toda a gloria e todo o mérito fosen para seu Pai (Xoán 5:19, 30; 8:28). Se imitamos a Xesús e mantemos un punto de vista humilde, nunca presumiremos do que facemos servindo a Xehová. En vez de presumir de nós mesmos, presumiremos do noso marabilloso Deus (Xer. 9:22, 23 [9:23, 24, TNM]). É un honor servir a Xehová, e debemos darlle a honra que merece. Despois de todo, que poderiamos conseguir nós sen a súa axuda? (1 Cor. 1:26-31) Cando somos humildes, non queremos levar o mérito polas cousas boas que facemos por outros. Chéganos con saber que Xehová ve e valora o que facemos (compara con Mateo 6:2-4; Heb. 13:16). Seguro que a Xehová lle gusta moito ver que somos humildes e que imitamos a Xesús (1 Ped. 5:6). w23.04 páx. 4 par. 9; páx. 5 pars. 11, 12

Venres 3 de outubro

Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros (Filip. 2:4).

Xehová inspirou o apóstolo Paulo para que animase os cristiáns a pensar nos intereses dos demais. Que podemos facer para poñer en práctica este consello durante as reunións? Recordar que, igual ca nós, os demais tamén queren comentar. Pensa nisto: se estiveses cos teus amigos, falarías tanto que non os deixases falar a eles? Claro que non! O que queres é que participen na conversación. Pois o mesmo pasa nas reunións. Cantos máis irmáns comenten, mellor. De feito, unha das mellores formas de animar os nosos irmáns é dándolles a oportunidade de demostrar a súa fe (1 Cor. 10:24). Fai comentarios breves. Así deixarás tempo para que poidan comentar máis irmáns. Incluso se fas un comentario curto, evita mencionar demasiadas ideas. Se comentas o parágrafo enteiro, os demais case non terán nada que dicir. w23.04 páxs. 22-23 pars. 11-13

Sábado 4 de outubro

Fago tódalas cousas polas boas noticias, para compartilas con outros (1 Cor. 9:23).

Debemos recordar o importante que é seguir axudando a outros, especialmente mediante a predicación. Cando predicamos, necesitamos ser flexibles. Encontramos xente con diferentes crenzas, orixes e culturas. O apóstolo Paulo deixounos un bo exemplo sendo adaptable. Xesús nomeouno “apóstolo [...] dos xentís” (Rom. 11:13). Así que Paulo predicoulles a xudeus, a gregos, a xente culta, a persoas sen estudos, a gobernantes e a reis. Esforzouse por chegarlles ó corazón ós diferentes tipos de persoas. Por iso dixo: “Fíxenme todo con todos” (1 Cor. 9:19-22). Cando falaba con alguén, Paulo tiña moi en conta a súa cultura e as súas crenzas. Isto axudáballe a ser adaptable e a transmitir a mensaxe dunha maneira que fose atractiva para quen a escoitase. Nós tamén podemos mellorar a nosa predicación se somos flexibles e nos esforzamos por adaptarnos ás necesidades de cada persoa. w23.07 páx. 23 pars. 11, 12

Domingo 5 de outubro

En quen serve ó Señor non di ben a contenda, senón o ser manso con todos (2 Tim. 2:24).

A persoa mansa demostra fortaleza, non debilidade xa que é necesario ser forte para manter a calma cando nos enfrontamos a unha situación difícil. A mansedume é un aspecto do “froito do Espírito” (Gál. 5:22, 23). A palabra grega que se traduce como “mansedume”, ou apracibilidade, usábase ás veces para referirse a un cabalo salvaxe que fora domado. Cando un cabalo salvaxe se volve manso, non por iso deixa de ser forte. Entón, como podemos os humanos chegar a ser mansos e ó mesmo tempo ser fortes? Non poderemos conseguilo sós. Necesitamos pedirlle a Xehová que nos dea o seu espírito para que nos axude a cultivar esta bonita calidade. Hai unha gran cantidade de persoas que xa aprenderon a ser mansas. Por exemplo, moitos dos nosos irmáns demostraron esta calidade cando alguén intentou provocalos ou discutir con eles. E isto axudou ás persoas que os observaban a quedar cunha boa opinión das testemuñas de Xehová (2 Tim. 2:24, 25). w23.09 páx. 15 par. 3

Luns 6 de outubro

Pedíalle este neno e Xehová concedeume o favor que lle pedía (1 Sam. 1:27).

Nunha visión impresionante, o apóstolo Xoán viu 24 anciáns no ceo adorando a Xehová. Estaban louvando a Deus e dicindo que el merece “recibir gloria, honra e poder” (Apoc. 4:10, 11). Os anxos fieis tamén teñen moitas razóns para louvar e honrar a Xehová. Como están no ceo con el, coñéceno moi ben. Cando se fixan en todo o que fai, poden ver as súas calidades e séntense motivados a louvalo (Xob 38:4-7). Nós tamén deberiamos louvar a Xehová cando lle oramos. Podemos facelo dicíndolle por que o queremos e o respectamos tanto. Ademais, cando leas e estudes a Biblia, intenta identificar as calidades de Xehová que máis che gustan (Xob 37:23; Rom. 11:33). Despois, cóntalle a Xehová como te fan sentir esas calidades. Tamén podemos louvalo pola axuda que nos dá, tanto a nós coma ó resto dos irmáns por todo o mundo (1 Sam. 2:1, 2). w23.05 páxs. 3-4 pars. 6, 7

Martes 7 de outubro

Para que vos portedes dunha maneira digna de Xehová (Col. 1:10).

En 1919 abriuse o “Camiño da Santidade”, e o pobo de Deus deixou de estar baixo o control de Babilonia a Grande. Ese ano apareceu o “criado fiel e prudente”, xusto a tempo para axudarlles ás persoas de bo corazón a empezar a andar por ese camiño (Mat. 24:45-47; Is. 35:8). Ademais, todo o traballo que se fixera para preparar ese camiño permitiu que os que empezaban a andar por el fosen coñecendo mellor a Xehová e os seus propósitos (Prov. 4:18). Tamén lles axudou a vivir de acordo coas normas de Deus. Pero Xehová non esperaba que fixesen tódolos cambios de golpe. En vez diso, foi refinando os seus servos co paso do tempo. Imaxina o felices que nos sentiremos cando poidamos agradarlle ó noso Deus “en todo”. Tódolos camiños necesitan que se lles faga mantemento para seguir estando en boas condicións. No “Camiño da Santidade” lévanse facendo traballos de mantemento desde 1919 para que máis persoas poidan saír de Babilonia a Grande. w23.05 páx. 17 par. 15; páx. 19 par. 16

Mércores 8 de outubro

Non te deixarei (Heb. 13:5).

O Consello Reitor estivo preparando persoalmente os axudantes dos diferentes comités que atende. Estes axudantes xa se están encargando fielmente de moitas tarefas importantes. Así que están ben preparados para continuar co traballo de coidar das ovellas de Cristo. Cando o último dos unxidos sexa levado ó ceo pouco antes do final da gran tribulación, o pobo de Xehová aquí na Terra seguirá servíndoo fielmente. Grazas á guía de Xesucristo, o pobo de Deus non se desviará. Sabemos que nese momento unha coalición de nacións que a Biblia chama Gog de Magog atacará os servos de Xehová (Ezeq. 38:18-20). Pero ese breve ataque fracasará e non impedirá que o pobo de Deus o adore. Podemos estar seguros de que el o rescatará! Nunha visión, o apóstolo Xoán viu a “gran multitude” de outras ovellas de Cristo, e díxoselle que esa “gran multitude” saía “da gran tribulación” (Apoc. 7:9, 14, TNM). Así que, estamos convencidos de que Xehová manterá a salvo os seus servos. w24.02 páxs. 5-6 pars. 13, 14

Xoves 9 de outubro

Non apaguéde-lo Espírito (1 Tes. 5:19).

Recibimos ese espírito cando llo pedimos a Xehová en oración, estudamos a súa Palabra e formamos parte da súa organización. Todo isto axudaranos a cultivar “o froito do Espírito” (Gál. 5:22, 23). Deus só lles dá o seu espírito a aqueles que manteñen limpos tanto os seus pensamentos coma a súa conduta. Así que, se non eliminamos da nosa mente os pensamentos impuros, non seguiremos estando limpos ós seus ollos e deixaremos de recibir o seu espírito (1 Tes. 4:7, 8). Ademais, Paulo tamén dixo o seguinte: “Non desprecéde-las palabras inspiradas” (1 Tes. 5:20). Neste versículo a expresión “palabras inspiradas” refírese ás mensaxes que Xehová nos deu mediante o seu espírito, incluídas as que están relacionadas co seu día e coa urxencia dos tempos nos que vivimos. Así que, non deberiamos pensar que o Harmaguedón vai tardar tanto que non ocorrerá durante a nosa vida. Todo o contrario, debemos demostrar que o temos moi presente mantendo limpa a nosa conduta e estando moi ocupados servindo a Xehová (2 Ped. 3:11, 12). w23.06 páx. 12 pars. 13, 14

Venres 10 de outubro

O temor de Xehová é o comezo da sabedoría (Prov. 9:10).

Que deberiamos facer se, de repente, nos aparece unha imaxe pornográfica? Deixar de mirala de inmediato. Algo que nos pode axudar a facelo é recordar que a nosa relación con Xehová é o máis valioso que temos. Incluso as imaxes que non se consideran pornográficas poden despertar en nós desexos inmorais. Por que temos que evitalas? Porque non queremos nin pensar en facer algo inmoral (Mat. 5:28, 29). David, un ancián de Tailandia di: “Neses casos pregúntome: ‘Aínda que unha imaxe non sexa considerada como pornográfica, gustaralle a Xehová que a siga mirando?’. Razoar desta maneira axúdame a actuar con sabedoría”. Cultivar un temor apropiado a desagradar a Xehová axudaranos a actuar con sabedoría. De feito, o temor a Deus é a base ou “o comezo da Sabedoría”. w23.06 páx. 23 pars. 12, 13

Sábado 11 de outubro

Ven, meu pobo, entra nas túas habitacións (Is. 26:20).

É posible que as “habitacións” sexan as congregacións. Xehová promete que nos protexerá se o seguimos servindo en unidade cos nosos irmáns e irmás. Así que temos que esforzarnos xa agora, non só por soportalos, senón por querelos. A nosa vida dependerá diso. “O grande día do Señor” será un momento moi difícil para toda a humanidade (Sof. 1:14, 15). E, por suposto, o pobo de Xehová tamén pasará por dificultades. Pero se nos preparamos xa agora seremos capaces de manter a calma e axudarlles a outros. Poderemos aguantar calquera dificultade. Cando os nosos irmáns sufran, faremos todo o posible para consolalos demostrándolles compaixón e axudándolles a cubrir as súas necesidades. E se lles demostramos amor xa agora seranos aínda máis fácil facelo no futuro. Entón, Xehová recompensaranos con vida eterna nun mundo no que tódolos desastres e problemas serán cousa do pasado (Is. 65:17). w23.07 páx. 7 pars. 16, 17

Domingo 12 de outubro

Xehová vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade (1 Ped. 5:10).

Moitas veces, cando a Palabra de Deus fala de homes fieis, refírese a eles como homes cunha gran forza física e mental. Pero, ata estes homes tan fortes non sempre se sentiron así. Por exemplo, nalgunhas ocasións o rei David sentiu que era “tan forte coma unha montaña”, pero noutras sentiuse “aterrorizado” (Sal. 30:7, TNM). Sansón tiña unha forza excepcional cando contaba co espírito de Deus, pero recoñeceu que sen o seu poder se debilitaría, “e sería coma un dos outros homes” (Xuí. 14:5, 6; 16:17). Foi Xehová quen lles deu o poder a estes servos fieis para aguantar en situacións moi difíciles. O apóstolo Paulo sabía moi ben que el tamén necesitaba o poder de Xehová (2 Cor. 12:9, 10). El tivo que enfrontarse a problemas de saúde (Gál. 4:13, 14). Ás veces, tamén lle custaba facer o correcto (Rom. 7:18, 19). E nalgunha ocasión sentiu angustia e inseguridade (2 Cor. 1:8, 9). Con todo, cando Paulo estaba débil, sentíase poderoso. En que sentido? Porque Xehová lle daba as forzas que necesitaba para aguantar as probas. w23.10 páx. 12 pars. 1, 2

Luns 13 de outubro

Xehová ve o corazón (1 Sam. 16:7).

Se ás veces sentimos que non valemos para nada, recordemos que foi Xehová quen nos trouxo a el (Xoán 6:44). El coñece o noso corazón e pode ver as boas cualidades que temos, aínda que quizais nós mesmos non as vexamos (2 Crón. 6:30). Así que o podemos crer cando nos di que somos moi valiosos ós seus ollos (1 Xoán 3:19, 20). Antes de coñecer a verdade, algúns de nós practicamos cousas que quizais aínda nos fan sentir culpables (1 Ped. 4:3). E outros cristiáns fieis quizais teñan que seguir loitando contra malas tendencias. E que hai de ti? Tamén sentes ás veces que non mereces o perdón de Xehová? Se é así, animarate moito saber que houbo outros servos fieis de Deus que loitaron contra sentimentos parecidos. Por exemplo, cando o apóstolo Paulo pensaba nas súas debilidades, desanimábase moito (Rom. 7:24). El arrepentírase dos seus pecados e bautizárase pero, aínda así, dicía que era “o menor dos apóstolos” e “o primeiro” dos pecadores (1 Cor. 15:9; 1 Tim. 1:15). w24.03 páx. 27 pars. 5, 6

Martes 14 de outubro

Abandonaron a casa de Xehová (2 Crón. 24:18).

Unha lección que aprendemos da mala decisión que tomou o rei Ioax é que necesitamos escoller compañías que sexan unha boa influencia para nós, é dicir, que amen a Xehová e que queiran facelo feliz. Podemos escoller como amigos persoas que sexan máis maiores ou máis novas ca nós. Recorda, Ioax era moito máis novo que Iehoiadá. Pensa nas túas amizades e pregúntate: “Axúdanme a fortalecer a miña fe? Esfórzanse por darlle o mellor a Xehová e anímanme a min a facer o mesmo? Falan sobre Deus e das cousas que aprenden na Biblia? Dinme só o que quero escoitar, ou teñen o valor de aconsellarme se me equivoco?” (Prov. 27:5, 6, 17). Sendo sinceros, se os teus amigos non aman a Xehová, esas non son as compañías que necesitas. Pola contra, se tes amigos que si o aman, mantente unido a eles porque será bo para ti (Prov. 13:20). w23.09 páx. 9 pars. 6, 7

Mércores 15 de outubro

Eu son o Alfa e o Omega (Apoc. 1:8).

O alfabeto grego comeza coa letra alfa e conclúe coa letra omega. Ó usar a expresión “o Alfa e o Omega”, Xehová indica que cando empeza algo, lévao a cabo ata que o remata con éxito. Despois de que Xehová crease a Adam e Eva “bendiciunos así: ‘Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea’” (Xén. 1:28). Nese momento, Xehová dixo “Alfa” porque deixou claro cal era o seu propósito. El quería que a Terra estivese chea de descendentes perfectos e obedientes de Adam e Eva e que a transformasen nun paraíso. No momento no que se cumpra por completo o seu propósito, será coma se dixese “Omega”. Despois de completar a creación do ceo e da Terra, Xehová mencionou algo que demostra que o seu propósito se cumprirá sen falta. El deunos a garantía de que cando acabe o sétimo día, o seu propósito para a humanidade e para a terra xa estará cumprido por completo (Xén. 2:1-3). w23.11 páx. 5 pars. 13, 14

Xoves 16 de outubro

Preparádelle o camiño a Xehová. Endereitádelle na estepa a calzada ó noso Deus (Is. 40:3).

A viaxe desde Babilonia a Israel era perigosa e levaba uns catro meses. Pero Xehová prometeu que quitaría calquera obstáculo que puidese impedir que os xudeus volvesen á súa terra. Para os xudeus fieis, os beneficios de volver a Israel superaban por moito calquera sacrificio que tivesen que facer. Pero a recompensa máis grande tiña que ver coa súa adoración a Xehová. Non había ningún templo de Xehová en Babilonia. Tampouco había un sacerdocio organizado nin un altar para que se puidesen ofrecer os sacrificios que mandaba a Lei mosaica. Ademais, os servos de Xehová estaban rodeados de persoas que adoraban deuses falsos e que non respectaban as normas de Deus. Así que había miles de xudeus fieis que estaban desexando volver á súa terra para poder restaurar a adoración pura. w23.05 páxs. 14-15 pars. 3, 4

Venres 17 de outubro

Andade coma fillos da luz (Ef. 5:8).

Para continuar andando “coma fillos da luz” necesitamos ter a axuda do espírito santo de Deus. Por que? Porque non é fácil manterse limpo neste mundo inmoral (1 Tes. 4:3-5, 7, 8). O espírito santo pode axudarnos a loitar contra a forma de pensar deste mundo, o que inclúe as súas filosofías e os puntos de vista que van en contra da forma de pensar de Deus. Ademais, o espírito santo tamén nos pode axudar a comportarnos con “toda bondade, xustiza e verdade” (Ef. 5:9). Unha forma na que podemos recibir espírito santo é pedíndoo en oración. Xesús dixo que Xehová lles “dará o Espírito Santo ós que llo pidan” (Luc. 11:13). Tamén o recibimos cando louvamos a Deus xuntos nas reunións (Ef. 5:19, 20). A boa influencia que pode ter esta forza en nós axudaranos a vivir da maneira que lle agrada a Deus. w24.03 páxs. 23-24 pars. 13-15

Sábado 18 de outubro

Seguide pedindo e recibiredes, seguide buscando e encontraredes, seguide petando á porta e abrirásevos (Luc. 11:9).

Necesitas ser máis paciente? Entón, pídelle a Xehová que che axude a selo. A paciencia é unha calidade do froito do espírito (Gál. 5:22, 23). Así que, cando nos enfrontemos a unha situación que poña a proba a nosa paciencia, debemos pedirlle vez tras vez a Xehová que nos dea o seu espírito santo para demostrar esta calidade (Luc. 11:13). Tamén podemos pedirlle que nos axude a ver as cousas como el as ve. E despois de orarlle temos que facer todo o que poidamos por ser pacientes sempre. Se damos estes pasos, Xehová axudaranos a conseguir que esta calidade chegue a ser parte da nosa personalidade. Tamén axuda meditar en exemplos da Biblia. Na Biblia atopamos moitos exemplos de persoas que foron pacientes. Cando meditamos neles podemos aprender diferentes formas de demostrar esta calidade. w23.08 páx. 22 pars. 10, 11

Domingo 19 de outubro

Botade alí as redes para pescar (Luc. 5:4).

Xesús aseguroulle ó apóstolo Pedro que Xehová coidaría del. Despois de resucitar, Xesús fixo un milagre no que lles axudou ós seus apóstolos a conseguir outra vez unha gran cantidade de peixe (Xoán 21:4-6). Sen dúbida, isto aseguroulle a Pedro que Xehová podería coidar facilmente das súas necesidades materiais. É posible que nese momento o apóstolo recordase as palabras de Xesús, cando dixera que Xehová coidaría de tódolos que buscan “primeiro o Reino” (Mat. 6:33). Todo isto axudoulle a poñer a predicación en primeiro lugar na súa vida, en vez de centrarse no seu negocio de pesca. De feito, anunciou a verdade con valor no día do Pentecostés do ano 33 n. e., e isto fixo que miles de persoas aceptasen as boas noticias (Feit. 2:14, 37-41). A partir dese momento, Pedro axudou a samaritanos e a xentís a seguir a Cristo (Feit. 8:14-17; 10:44-48). Está claro que Xehová o usou dunha maneira sobresaliente para que toda clase de persoas chegasen a formar parte da congregación. w23.09 páx. 20 par. 1; páx. 22 par. 11

Luns 20 de outubro

Se non me dicíde-lo soño e maila súa interpretación, vós seredes cortados en anacos (Dan. 2:5).

Uns dous anos despois de que os babilonios destruísen Xerusalén, o rei Nabucodonosor de Babilonia tivo un soño que o asustou moito no que viu unha estatua enorme. E ameazou con matar tódolos homes sabios, incluído Daniel, se non lle dicían o que soñara e tamén o seu significado (Dan. 2:3-5). Este fiel servo de Deus tivo que actuar moi rápido para evitar que moita xente morrese. Así que “acudiu onda o rei e suplicoulle que lle concedese un prazo para lle dar a coñece-la interpretación” (Dan. 2:16). Daniel demostrou ser moi valente e ter moita fe. Por que? A Biblia non di que el interpretase ningún soño antes. De feito, o relato di que lles pediu ós seus compañeiros “que implorasen misericordia do Deus do ceo para que lles revelase aquel segredo” (Dan. 2:18). Xehová contestou as súas oracións. Coa súa axuda, Daniel interpretou aquel soño e salvou tanto a súa vida coma a dos seus amigos. w23.08 páx. 2 par. 4

Martes 21 de outubro

Deus salvará a quen aguante ata o fin (Mat. 24:13).

Pensa nos beneficios de ser paciente. Se somos pacientes seremos máis felices e estaremos máis tranquilos, e iso mellorará a nosa saúde mental e física. Tamén fará que nos levemos mellor cos demais e que a nosa congregación estea máis unida. Se non nos enfadamos rapidamente cando alguén nos provoca, contribuiremos a que o problema non vaia a peor (Sal. 37:8; Prov. 14:29). Pero, sobre todo, estaremos imitando o noso Pai celestial e acercándonos aínda máis a el. A paciencia é unha calidade moi atraente e que nos beneficia moito. Aínda que non sempre nos resulta fácil demostrala, coa axuda de Xehová podemos seguir mellorando. E, mentres esperamos con paciencia polo novo mundo, podemos estar seguros de que “os ollos do Señor miran polos seus fieis, polos que esperan na súa misericordia” (Sal. 33:18). Polo tanto, esteamos decididos a seguir demostrando paciencia. w23.08 páx. 22 par. 7; páx. 25 pars. 16, 17

Mércores 22 de outubro

Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne (Sant. 2:17).

Santiago indicou que poida que un home diga que ten fe, pero que demostran as súas obras? (Sant. 2:1-5, 9) Tamén falou dunha persoa que ve que un irmán necesita roupa e comida pero non lle axuda. Aínda que esa persoa diga que ten fe, non o demostra con feitos, polo tanto esa fe é inútil (Sant. 2:14-16). Santiago mencionou a Rahab como un exemplo de alguén que demostra cos seus actos a fe que ten (Sant. 2:25, 26). Ela escoitara falar de Xehová e dérase conta de que os israelitas tiñan o seu apoio (Xos. 2:9-11). Demostrou a súa fe con obras, xa que protexeu a dous espías israelitas cando estaban en perigo. Como resultado, esta muller imperfecta que ademais non era israelita foi declarada xusta, igual que fora Abrahán. O seu exemplo destaca a importancia de que a nosa fe quede demostrada polas nosas accións. w23.12 páx. 5 pars. 12, 13

Xoves 23 de outubro

Estade ben arraigados e establecidos no fundamento (Ef. 3:17).

Os cristiáns non nos contentamos con ter un coñecemento superficial da Biblia. Coa axuda do espírito santo de Xehová, desexamos entender “mesmo as profundidades de Deus” (1 Cor. 2:9, 10). Por que non empezas un proxecto de estudo persoal que te acerque máis a Xehová? Por exemplo, poderías investigar sobre como lles mostrou amor ós seus servos no pasado e como iso demostra que tamén te ama a ti. Ou podes estudar sobre como quería Xehová que o adorasen os israelitas e comparalo con como nos pide que o fagamos os cristiáns hoxe en día. Outra idea sería estudar a fondo as profecías que cumpriu Xesús ó longo da súa vida e do seu ministerio na Terra. Tamén sacarás moito proveito doutros temas que aparecen no Índice de las publicaciones Watch Tower (dispoñible en español) ou na Guía de estudo para as testemuñas de Xehová. Ter un estudo profundo da Biblia fortalecerá a túa fe e axudarache a atopar o “coñecemento de Deus” (Prov. 2:4, 5). w23.10 páxs. 18-19 pars. 3-5

Venres 24 de outubro

Ante todo, sentide amor intenso uns polos outros, porque o amor cobre unha multitude de pecados (1 Ped. 4:8).

A palabra que utilizou o apóstolo Pedro para “intenso” significa literalmente que “se estende”. A segunda parte do versículo describe o que faremos se sentimos este tipo de amor. Aí di que cobre os erros dos nosos irmáns. Podemos ilustralo da seguinte maneira: é coma se o noso amor fose unha peza de tea que suxeitamos coas dúas mans e que imos estendendo máis e máis ata que cobre, non un, nin dous, senón “unha multitude de pecados”. A expresión “cubrir” é unha forma moi descritiva de referirse ó perdón. Igual que unha tea pode cubrir unha mancha, o amor pode cubrir as debilidades e as imperfeccións dos demais. O noso amor debería ser tan forte que fósemos capaces de perdoar as imperfeccións dos nosos irmáns, aínda cando nos resulte moi difícil (Col. 3:13, TNM). Cando perdoamos a outros estamos demostrando que o noso amor é forte e que queremos facer feliz a Xehová. w23.11 páxs. 11-12 pars. 13-15

Sábado 25 de outubro

Xafán leuno ante o rei (2 Crón. 34:18).

Cando Ioxías tiña 26 anos, empezou a reconstruír o templo. Durante eses traballos encontrouse “o libro da Lei do Señor escrito por Moisés”. Ó escoitar o que dicía a Lei, o rei fixo rapidamente cambios para obedecela (2 Crón. 34:14, 19-21). Gustaríache ler a Biblia regularmente? Se o estás intentando, que tal che vai? Fas algo para recordar os versículos que che poden axudar persoalmente? Cando Ioxías tiña uns 39 anos, cometeu un erro que lle custou a vida. Nesta ocasión confiou en si mesmo, en vez de pedirlle a Xehová a súa guía (2 Crón. 35:20-25). Disto tamén aprendemos unha lección. Sen importar a idade que teñamos e os anos que levemos estudando a Biblia, debemos seguir buscando a Xehová. Isto implica orarlle regularmente para pedirlle a súa guía, estudar a súa Palabra e escoitar os consellos de cristiáns maduros. Desta forma será menos probable que cometamos erros grandes, e seremos máis felices (Sant. 1:25). w23.09 páxs. 12-13 pars. 15, 16

Domingo 26 de outubro

Deus opónselles ós soberbios, pero ós humildes dálle-la súa gracia (Sant. 4:6).

A Biblia fala de moitas mulleres exemplares que amaron a Xehová e o serviron. Foron “moderadas nos seus hábitos e fieis en tódalas cousas” (1 Tim. 3:11). As irmás tamén poden encontrar nas congregacións exemplos de cristiás maduras que aman a Xehová e das que se pode aprender moito. Irmás, por que non escolledes algunhas cristiás maduras que coñezades e que poidades imitar? Fixádevos nas súas fermosas cualidades e despois pensade en como poderiades demostralas vós. Unha cualidade moi necesaria para ser unha cristiá madura é a humildade. Se unha muller é humilde, desfrutará dunha boa relación con Xehová e levarase ben cos demais. Por exemplo, cando unha muller ama a Xehová, a súa humildade fará que decida apoiar o principio de autoridade que o seu Pai celestial estableceu (1 Cor. 11:3). Este principio aplica tanto na congregación como na familia. w23.12 páxs. 18-19 pars. 3-5

Luns 27 de outubro

Deben tamén os maridos ama-las súas mulleres coma os seus propios corpos (Ef. 5:28).

Xehová espera que o esposo ame a súa muller e que coide das necesidades físicas, emocionais e espirituais dela. Conseguir capacidade de pensar, demostrar respecto polas mulleres e ser de fiar axudarache a ser un bo marido. Despois de casar, quizais chegues a ser pai. Que podes aprender de Xehová para cumprir ben con este papel? (Ef. 6:4) Xehová díxolle abertamente ó seu fillo que o amaba e que tiña a súa aprobación (Mat. 3:17). Se chegas a ser pai, asegúrate de dicirlles con regularidade ós teus fillos que os queres moito. Tamén deberías eloxialos xenerosamente polas cousas boas que fan. Os pais que imitan o exemplo de Xehová axúdanlles ós seus fillos a converterse en cristiáns maduros. Podes prepararte xa agora para ser un bo pai coidando con cariño tanto dos membros da túa familia coma dos irmáns da congregación. Aprende a dicirlles que os queres e que os valoras moito (Xoán 15:9). w23.12 páxs. 28-29 pars. 17, 18

Martes 28 de outubro

Xehová vos dará estabilidade (1 Ped. 5:10).

Como calquera outra persoa, os servos fieis de Xehová sufrimos dificultades e enfermidades. Pero ademais, tamén temos que aguantar persecución por parte dos que odian o pobo de Deus. Aínda que Xehová non evita que pasemos por estas situacións, si que promete axudarnos (Is. 41:10). Co seu apoio podemos manter a alegría, tomar boas decisións e permanecer leais a el, incluso nas situacións máis difíciles. Xehová promete darnos o que a Biblia chama “a paz de Deus” (Filip. 4:6, 7). Trátase da calma e tranquilidade que sentimos como resultado da boa relación que temos con el. Esta paz “supera toda intelixencia”, é dicir, é mellor do que podemos sequera imaxinar. Sentícheste algunha vez sorprendentemente tranquilo despois de orarlle con intensidade a Xehová? Pois esa é “a paz de Deus”. w24.01 páx. 20 par. 2; páx. 21 par. 4

Mércores 29 de outubro

Louva a Xehová, alma miña; que todo o que hai dentro de min louve o seu santo nome (Sal. 103:1).

Os que aman a Xehová queren honrar o seu nome de todo corazón. David entendía que honrar o nome de Deus é o mesmo que darlle louvanza a el. Cando escoitamos o seu nome, automaticamente pensamos na súa personalidade, en tódalas súas bonitas cualidades e nas súas impresionantes obras. David quería darlle gloria ó nome de seu Pai e santificalo, ou tratalo como santo. De feito, dixo que quería facelo con “todo o que [había] dentro” del, é dicir, de todo corazón. De forma parecida, os levitas puxeron o exemplo en canto a honrar a Xehová. Eles recoñeceron con humildade que as súas palabras nunca poderían expresar toda a honra que merece o seu santo nome (Neh. 9:5). Sen dúbida, esa louvanza humilde e sincera fixo moi feliz a Deus. w24.02 páx. 9 par. 6

Xoves 30 de outubro

A onde queira que teñamos chegado, sigamos na mesma liña (Filip. 3:16).

Se non podes conseguir unha meta que non estaba ó teu alcance, Xehová non vai pensar que fracasaches (2 Cor. 8:12). Aproveita as complicacións para aprender. Párate a pensar no que xa conseguiches. A Biblia di que “Deus non é inxusto como para que lle esqueza o voso traballo” (Heb. 6:10). Así que tampouco o esquezas ti. Reflexiona no que xa conseguiches, como por exemplo, facerte amigo de Xehová, falarlles del a outros ou bautizarte. Igual que ata agora fuches progresando e alcanzando outras metas espirituais, podes seguir avanzando para conseguir o teu obxectivo actual. Coa axuda de Xehová podes alcanzar a túa meta. Mentres segues esforzándote por alcanzar a túa meta, acórdate de desfrutar ó ver como Xehová che vai axudando e te vai recompensando (2 Cor. 4:7). Se non te rendes, poderás recibir recompensas aínda máis grandes (Gál. 6:9). w23.05 páx. 31 pars. 16-18

Venres 31 de outubro

O propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min, e crestes que eu saín de Deus (Xoán 16:27).

Xehová busca maneiras de demostrarlles ós seus servos que os ama e que está contento con eles. Na Biblia menciónanse dúas ocasións nas que lle dixo a Xesús que o quería e que tiña a súa aprobación (Mat. 3:17; 17:5). Gustaríache que Xehová che confirmase que tes o seu favor? É certo que na actualidade non podemos oír a Deus falándonos dende o ceo, pero podemos “escoitalo” a través das páxinas da Biblia, como por exemplo nos Evanxeos. Xesús imitaba á perfección a personalidade de seu Pai. Así que, cando lemos as cariñosas palabras de aprobación que Xesús lles dicía ós seus discípulos é coma se puidésemos “escoitar” a Xehová dicíndonolas a nós (Xoán 15:9, 15). Que pasemos por probas non significa que perdésemos a aprobación de Deus. Máis ben, estas situacións dannos a oportunidade de demostrarlle que o queremos moito e que confiamos nel (Sant. 1:12). w24.03 páx. 28 pars. 10, 11

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir