UNHA CONVERSA CUNHA TESTEMUÑA DE XEHOVÁ
Cando empezou a gobernar o Reino de Deus? (Parte 1)
A seguinte é unha conversa típica que unha testemuña de Xehová podería ter cun dos seus veciños. Imaxinemos que Carlos é a testemuña de Xehová e Ramón o veciño a quen visita.
SEGUIDE BUSCANDO O COÑECEMENTO
Carlos: Pois a verdade é que me gusta moito falar contigo da Biblia, Ramón.a Da última vez preguntáchesme sobre o Reino de Deus e por que as testemuñas de Xehová cremos que empezou a gobernar en 1914.
Ramón: Si, é que estaba a ler unha das vosas publicacións e dicía que o Reino de Deus comezou a gobernar nese ano. E a verdade é que me chamou a atención. Dixéchesme que tódalas vosas crenzas están baseadas na Biblia, non?
Carlos: Si, todiñas.
Ramón: Pois eu lin a Biblia completa e non lembro que en ningún sitio se mencione o ano 1914. Tamén fun a Internet e busquei “1914” nunha Biblia en liña e non me saíu ningún resultado.
Carlos: Entendo o que dis. Pero antes de explicarcho quero felicitarte por dúas cousas. Primeiro, por ler a Biblia completa. Nótase que a valoras moito.
Ramón: Si que a valoro, si. Para min non hai outro libro mellor.
Carlos: Estou de acordo contigo. E, por outro lado, quero felicitarte por acudir á mesma Biblia para intentar atopar a resposta á túa pregunta. Fixeches xusto o que a Biblia di que fagamos, seguir buscando o coñecemento.b Iso é moi boa cousa.
Ramón: Grazas. É que quero seguir aprendendo. De feito, púxenme a investigar un pouquiño máis e atopei algo sobre o ano 1914 no libro que estamos estudando. Relaciónao co soño que tivo un rei. No soño había unha árbore moi grande que cortan e despois volve medrar, ou algo así...
Carlos: Ai, si. Falas da profecía do capítulo 4 de Daniel. Alí explica un soño que tivo o rei Nabucodonosor de Babilonia.
Ramón: Iso! Pois lin esa profecía varias veces pero, aínda así, non entendín que ten que ver co Reino de Deus nin co ano 1914.
Carlos: Normal, non te preocupes. O certo é que nin Daniel mesmo entendeu o cumprimento exacto daquela profecía.
Ramón: Que me dis?
Carlos: Si. Mira o que escribiu en Daniel 12:8. Dixo: “Eu oín, pero non cheguei a comprender”.
Ramón: Vaia, entón non son o único. Xa me sinto un pouco mellor.
Carlos: Sabes por que lle pasou iso a Daniel? Porque aínda non era o momento indicado por Deus para que se entendesen aquelas palabras. Pero agora si que o é, e podemos entender o que significan.
Ramón: E iso por que?
Carlos: Fíxate no que di o versículo seguinte. En Daniel 12:9 lemos: “Estas cousas son secretas, e quedan seladas deica o momento final”. Así que estas profecías entenderíanse tempo despois, no “momento final” ou nos últimos días dos que fala a Biblia. Máis adiante, no teu curso da Biblia, verás probas que demostran que estamos a vivir nese tempo.c
Ramón: Vale. Entón, poderías explicarme o que significa esta profecía?
Carlos: Vouno intentar.
O SOÑO DE NABUCODONOSOR
Carlos: Primeiro imos repasar brevemente o que viu o rei Nabucodonosor no seu soño e despois falamos do seu significado, vale?
Ramón: Perfecto.
Carlos: Pois o que viu foi unha árbore enorme que chegaba ata o ceo. Entón, escoitou como un mensaxeiro de Deus mandou cortar a árbore de xeito que só quedase a cepa. Despois dun período de sete tempos, a árbore volveu medrar.d Inicialmente esta profecía cumpriuse no mesmo rei Nabucodonosor. El era un rei moi poderoso, era coma a árbore do soño que chegaba ata o ceo. Pero, en certo sentido, tamén o cortaron durante sete tempos. Lembras o que lle pasou?
Ramón: Pois... non, non lembro.
Carlos: Non te preocupes. A Biblia di que toleou da cabeza por sete anos. Durante ese tempo, non puido gobernar como rei. Ó rematar os sete tempos, Nabucodonosor recuperou o xuízo e empezou a gobernar outra vez.e
Ramón: Vale, ata agora penso que te sigo. Pero, que ten que ver todo iso co Reino de Deus e co ano 1914?
Carlos: Pois dito de maneira sinxela: esta profecía tivo dous cumprimentos. O primeiro cumprimento foi cando se interrompeu a gobernación do rei Nabucodonosor. E o segundo cumprimento está relacionado coa interrupción da gobernación de Deus, e polo tanto ten que ver co Reino de Deus.
Ramón: E como sabes que esta profecía tivo un segundo cumprimento?
Carlos: Porque a profecía xa nos dá algunhas pistas. En Daniel 4:14 (4:17, TNM) di que a profecía é “para que todo ser vivente recoñeza que o Altísimo é o dono da realeza humana, que lla dá a quen lle comprace”. Fixácheste que di “o dono da realeza humana”?
Ramón: Si, di que “o Altísimo é o dono da realeza humana”.
Carlos: Exacto. E a quen cres que se refire aquí cando di “o Altísimo”?
Ramón: Pois entendo que está a falar de Deus, non?
Carlos: Correcto. Iso indícanos que esta profecía non tiña que ver só con Nabucodonosor. Tamén estaba relacionada con que a xente recoñecese que Deus “é o dono da realeza humana”, é dicir, ten que ver co goberno de Deus sobre a humanidade. De feito, isto encaixa co resto da profecía.
Ramón: Que queres dicir?
O TEMA CENTRAL DO LIBRO DE DANIEL
Carlos: No libro de Daniel hai un tema que se repite unha e outra vez. Fálase moito de cando o Reino de Deus goberne con Xesús como Rei. Podemos ver un exemplo dous capítulos antes, en Daniel 2:44. Poderías lelo?
Ramón: Si. Di: “No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre”.
Carlos: Grazas. Dirías que este versículo está falando sobre o Reino de Deus?
Ramón: Pois non estou seguro.
Carlos: Fala dun reino que “subsistirá para sempre”. Quen, á parte de Deus, podería ter un reino que durase tanto tempo?
Ramón: Ninguén.
Carlos: Claro. Imos ver agora outra profecía do libro de Daniel que tamén fala sobre o Reino de Deus. Está en Daniel 7:13, 14. Falando dun futuro rei, a profecía di: “Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído”. Sóache que algunha destas expresións estea relacionada co que estamos a falar?
Ramón: Si, menciona un reino.
Carlos: Exacto. E non un reino calquera. Fíxate que di que ten autoridade sobre “tódolos pobos, nacións e linguas”. Noutras palabras, este Reino goberna sobre toda a Terra.
Ramón: Ah, non me dera conta. Pero é certo.
Carlos: Ademais, fíxate que di que “o seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído”. Pensas que esta profecía se parece á que lemos antes en Daniel 2:44?
Ramón: Pois si, bastante.
Carlos: Fagamos un breve repaso do que falamos ata agora. A profecía do capítulo 4 de Daniel mostra que o Altísimo goberna sobre toda a humanidade. Isto indica que a profecía ten un cumprimento maior, non se limita ó lle pasou a Nabucodonosor. Por outro lado, en todo o libro de Daniel atopamos profecías que falan sobre o momento no que o Reino de Deus comezaría a gobernar, con Xesús como Rei. Cres que é lóxico pensar que esta profecía do capítulo 4 de Daniel tamén fale sobre o Reino de Deus?
Ramón: Pois si, ten sentido. Pero sigo sen verlle a conexión co ano 1914.
“QUE PASEN POR ELA SETE TEMPOS”
Carlos: Vale, volvamos ó rei Nabucodonosor. Dixemos que no primeiro cumprimento da profecía el é a árbore. Que a árbore fose cortada significa que a súa gobernación foi interrompida. Isto durou un período de sete tempos, durante o cal Nabucodonosor toleou da cabeza. Ó final deses sete tempos recobrou o xuízo e volveu ser rei. No segundo cumprimento da profecía, o goberno de Deus tamén é interrompido, aínda que neste caso non é porque Deus fixese nada malo.
Ramón: Que queres dicir?
Carlos: En tempos bíblicos, dicíase que os reis de Israel sentaban no “trono de Iavé”.f Isto quería dicir que eran representantes de Deus. Así que, cando un rei de Israel gobernaba, en realidade estaba representando o goberno de Deus. Pero, co tempo, a maioría deses reis desobedeceu a Deus e o mesmo fixo a maioría dos seus súbditos. Por culpa diso, Deus permitiu que Babilonia conquistase Israel no ano 607 antes da nosa era. Así que nese ano deixou de haber reis que representasen a Xehová en Xerusalén, a capital do reino. Por así dicilo, o goberno de Deus quedou interrompido. Ata aquí ben?
Ramón: Si.
Carlos: Así que ese ano, o 607 antes da nosa era, marcou o comezo deses sete tempos nos que a gobernación de Deus quedou interrompida. Cando eses sete tempos remataron, Deus nomeou un novo rei como o seu representante, pero esta vez fíxoo no ceo. As outras profecías que lemos en Daniel tamén se cumpriron ó final dese período. Entón, a pregunta é: cando remataron eses sete tempos?
Ramón: Pois déixame adiviñar... En 1914?
Carlos: Pois si, acertaches.
Ramón: Pero, como chegas a esa conclusión?
Carlos: Ben, durante o seu ministerio, Xesús dixo que eses sete tempos aínda non remataran.g Así que estamos falando dun período moi, moi longo. Os sete tempos comezaron varios séculos antes de vir Xesús á Terra e continuaron moitos séculos despois de que el volvese ó ceo. Ademais, se lembras, antes dixemos que as profecías de Daniel non se entenderían ata o “momento final”, ou os últimos días.h É interesante que, a finais do século XIX, un grupo de estudantes sinceros da Biblia quixo investigar a fondo esta e outras profecías. Pouco a pouco foron entendendo que os sete tempos rematarían en 1914. E o que pasou no mundo despois confirma que nese ano comezou a reinar no ceo o Reino de Deus e que empezou un período chamado os últimos días, ou o tempo da fin. Se cadra é moita información de golpe, Ramón...
Ramón: Creo que si. Vou ter que repasala para entendela ben.
Carlos: Normal. A min tamén me levou un tempiño encaixar tódalas pezas. Pero espero que a nosa conversa che axudase a ver que todo o que dicimos as testemuñas de Xehová sobre o Reino de Deus está baseado no que di a Biblia.
Ramón: Si, iso téñoo claro. E a verdade é que sempre me impresionou canto confiades no que di a Biblia.
Carlos: E vexo que a ti tamén che gustaría ter esa mesma confianza. Pero, como che dixen, é moita información xunta, e seguro que tes moitas preguntas. Por exemplo, dixemos que os sete tempos comezaron no ano 607 antes da nosa era e que están directamente relacionados co Reino de Deus. Pero, por que dicimos que remataron en 1914?i
Ramón: Si, iso non o teño claro.
Carlos: Pois a mesma Biblia nos axuda a saber canto duraron eses sete tempos. Se queres, falamos diso o próximo día. Que che parece?j
Ramón: Ah, pois paréceme moi ben.
Hai algún tema da Biblia que che gustaría entender mellor? Queres saber máis sobre o que cren as testemuñas de Xehová? Se é así, non dubides en falar con elas. Estarán encantadas de responder as túas preguntas.
a As testemuñas de Xehová ofrecen cursos gratuítos nos que se analiza a Biblia por temas.
b Proverbios 2:3-5.
c Mira o capítulo 9 do libro Que nos ensina a Biblia?, publicado polas testemuñas de Xehová e dispoñible en jw.org.
d Daniel 4:10-14, nota (4:13-17, TNM)
e Daniel 4:17-33 (4:20-36, TNM)
f 1 Crónicas 29:23.
g Na súa profecía sobre os últimos días, Xesús dixo: “Xerusalén [que representa o goberno de Deus] será pisada polas nacións ata que se cumpran os tempos sinalados das nacións” (Lucas 21:24, TNM). Así que, cando Xesús estivo na Terra, o goberno do Reino de Deus estaba interrompido, e continuou así ata que empezaron os últimos días.
h Daniel 12:9.
i Mira a Nota 22 nas páxinas 217 a 220 do libro Que nos ensina a Biblia?, dispoñible en jw.org.
j O próximo artigo desta serie analizará algúns versículos da Biblia que explican canto duran os sete tempos.