TEMA DE PORTADA | DESFRUTA DE LER A BIBLIA
Por que ler a Biblia?
“Pensaba que me ía custar moito entender a Biblia” (Jovy)
“Parecíame que ía ser un libro aburrido” (Queennie)
“Cando vin que tiña tantas páxinas quitáronseme as ganas de lela” (Ezekiel)
Se cadra ti tamén pensaches en ler a Biblia, pero ideas coma as de arriba botáronte para atrás. A moitas persoas fáiselles un mundo ler a Biblia. Pero, pensarías o mesmo se te deses conta de que o que di pode facerte feliz e darlle sentido á túa vida? E se descubrises que hai formas de conseguir que a túa lectura sexa máis interesante? Por que non lle botas unha ollada ó que a Biblia che ofrece?
Imos ver o que din algunhas persoas que se puxeron a ler a Biblia e descubriron o ben que lles facía.
Ezekiel, un mozo de algo máis de 20 anos, di: “Antes, era como alguén que vai conducindo sen un destino fixo. Pero ler a Biblia deulle unha nova traxectoria á miña vida. Ten consellos moi prácticos para o día a día”.
Frieda, que tamén ten uns 20 anos, explica: “Antes saltaba por calquera cousa, pero grazas á Biblia aprendín a controlarme. Agora son máis fácil de levar, así que teño máis amigos”.
Unha muller duns 50 anos que se chama Eunice di: “A Biblia estame axudando a ser mellor persoa, e a cambiar hábitos non moi bos”.
Ler a Biblia mellorou a vida de millóns de persoas, e tamén pode mellorar a túa (Isaías 48:17, 18). Por exemplo, pode axudarche a tomar boas decisións, a facer bos amigos ou a levar mellor o estrés. Pero o máis importante é que che pode axudar a aprender a verdade sobre Deus. Os consellos que dá a Biblia veñen del, así que nunca te vas equivocar se os levas á práctica. Deus nunca dá malos consellos.
A cuestión é empezar. Nos seguintes artigos imos ver ideas prácticas que che poden axudar a empezar a ler a Biblia e a desfrutar de facelo.