“Onde Estaba Deus?”
“A PREGUNTA SEMPRE É A MESMA: ONDE ESTABA DEUS?” (O papa Benedito XVI, mentres visitaba o antigo campo de concentración de Auschwitz, en Polonia).
SE PASACHES POR UNHA TRAXEDIA, PREGUNTÁCHESTE ONDE ESTABA DEUS? OU SE VIVICHES UNHA EXPERIENCIA TRAUMÁTICA, DUBIDACHES DE SE DEUS SE PREOCUPA POR TI PERSOALMENTE?
Quizais te sintas como Sheila, quen vive nos Estados Unidos. Ela criouse nunha familia moi relixiosa, e conta: “Desde que era pequena sempre me sentín atraída a Deus porque é o noso Creador. Aínda así, nunca me sentín cerca del. Eu cría que me observaba, pero desde a distancia. Non pensaba que me odiase, pero tampouco que se preocupase por min”. Por que pensaba Sheila así? Ela explica: “A miña familia pasou por unha traxedia tras outra, e parecía que Deus non nos estaba axudando nada”.
Igual ca Sheila, quizais esteas seguro de que o Deus Todopoderoso existe. Pero, aínda así, pode que te preguntes se realmente se preocupa por ti. Xob, un home xusto que tiña fe no poder e na sabedoría do Creador, tiña dúbidas parecidas (Xob 2:3; 9:4). Despois de ter que soportar unha traxedia tras outra e perder a esperanza, preguntoulle a Deus: “¿Por que ocúlta-lo rostro e me tes por inimigo?” (Xob 13:24).
Que di a Biblia? Ten Deus a culpa de que haxa traxedias? Hai algunha proba de que Deus se preocupe polos humanos en xeral e por cada un de nós en particular? E a nivel persoal, podemos chegar a saber realmente se se fixa en nós, se nos entende, se sente empatía por nós ou se nos axuda cos nosos problemas?
Nos seguintes artigos veremos como a creación e a Biblia nos ensinan que Deus se preocupa por nós (Romanos 1:20). Canto máis o coñezas mediante a súa creación e a súa Palabra, máis seguro estarás de que el se preocupa por ti (1 Pedro 5:7; 1 Xoán 2:3).