“Vós valedes máis” (MATEO 10:31).
Fíxase Deus en ti?
O QUE NOS ENSINA A CREACIÓN
Os 60 primeiros minutos dende que nace un bebé son cruciais. Por que? Porque o vínculo que establece a nai co bebé durante estes momentos tan importantes mellora moito o seu crecemento e desenvolvemento.a
Que fai que unha nai coide con cariño do seu bebé? A profesora Jeannette Crenshaw explica en The Journal of Perinatal Education que un elevado nivel dunha hormona chamada oxitocina “estimula sentimentos maternais despois do parto cando unha nai toca, mira e lle dá o peito ó seu bebé”. Hai outra hormona que se libera neste momento e que “lle axuda a interactuar con el” e a estreitar o seu vínculo. Por que é isto importante?
A estreita relación que hai entre unha nai e o seu bebé foi deseñada polo noso amoroso Creador, Xehová Deus.b O rei David deulle o mérito a Deus por sacalo “do seo materno” e por facer que se sentise seguro nos brazos da súa nai. El díxolle en oración: “A ti estou encomendado desde o nacemento, desde o ventre materno ti e-lo meu Deus” (Salmo 22:10, 11 [22:9, 10, TNM]).
PENSA NISTO: Se Deus creou este complexo sistema hormonal para asegurarse de que as nais coiden con cariño dos seus bebés e estean atentas ó que necesiten, non ten sentido pensar que Deus tamén se preocupa por cada un de nós, que somos fillos seus? (Feitos 17:29).
O QUE NOS ENSINA A BIBLIA SOBRE O BEN QUE NOS COIDA DEUS
Xesucristo, quen coñece o Creador mellor que ninguén, dixo: “Verdade que se venden dous gorrións por unha moediña de pouco valor? Aínda así, nin un deles cae ó chan sen que o saiba o voso Pai. Pois no voso caso, incluso están contados tódolos pelos da vosa cabeza. Así que non teñades medo, vós valedes máis que moitos gorrións” (Mateo 10:29-31).
A maioría de nós non nos fixamos en tódolos paxariños que vemos, e moito menos nos damos conta de cando algún cae ó chan. Pero o noso Pai celestial fíxase en cada un deles! Ademais os paxaros, por moitos que sexan, nunca serán tan importantes para El coma unha persoa. Así que a lección está clara: non debes ter medo de que Deus non se preocupe por ti. Ó contrario, impórtaslle moito!
Deus interésase moito por nós e cóidanos con cariño
A Biblia asegúranos:
“Os ollos do Señor atópanse en todo, vixiando tanto os malos coma os bos” (PROVERBIOS 15:3, A Biblia, SEPT, 2021).
“Os ollos do Señor están cara ós xustos, os seus oídos cara ó seu clamor” (SALMO 34:16 [34:15, TNM]).
“Teño gozo e ledicia na túa misericordia, pois ti ólla-la miña aflicción, e coñéce-las miñas angustias” (SALMO 31:8 [31:7, TNM]).
“SENTÍA QUE XEHOVÁ NON ME QUERÍA”
Axúdanos en algo saber que Deus se interesa tanto por nós e que nos coida con cariño? Claro que si. Hannah,c de Inglaterra, explica:
“En moitas, moitas ocasións sentía que Xehová non me quería e que non respondía as miñas oracións. Pensaba que era porque me faltaba fe. Sentía que me estaba castigando ou ignorando porque non era valiosa para el. Cría que non lle importaba a Deus.”
Pero agora Hannah está segura de que Xehová se interesa por ela e de que a quere. Que fixo que cambiasen os seus sentimentos? Ela conta: “Foi un cambio gradual. Recordo un discurso bíblico de hai moitos anos que falaba sobre o sacrificio de Xesucristo. Este discurso tivo un profundo efecto en min e axudoume a estar segura de que Xehová me ama. E, cando vía como respondía as miñas oracións, moitas veces botábame a chorar porque me daba conta de que en realidade me quería. Ademais, ó estudar a Biblia e ir ás reunións cristiás aprendín moito máis sobre Xehová, a súa personalidade e o que sente por nós. Agora vexo con claridade o amor que ten por todos nós e como desexa coidarnos e apoiarnos individualmente”.
O que Hannah di é moi animador. Pero como podes estar ti seguro de que Deus entende e lle importan os teus sentimentos? O seguinte artigo responderá esta pregunta.
a A algunhas nais que sofren depresión posparto pode facérselles difícil crear un vínculo co seu bebé. Pero non deberían sentir que é culpa súa. Segundo o Instituto Nacional da Saúde Mental dos Estados Unidos, a depresión posparto “pode ser o resultado dunha combinación de factores físicos e emocionais [...] pero non sucede por algo que faga ou deixe de facer unha nai”. Para máis información sobre este tema, mira o artigo “¿Qué es la depresión posparto?” da revista ¡Despertad! do 8 de xuño de 2003.
b Segundo a Biblia, Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8).
c Cambiáronse algúns nomes nesta serie de artigos.