A verdade sobre o futuro
Preguntácheste algunha vez que futuro nos espera? A Biblia explica que pronto van ocorrer sucesos moi importantes, e que lles afectarán a tódalas persoas do planeta.
Xesús explicou como poderiamos saber que “xa está preto o Reino de Deus” (Lucas 21:31). Predixo que, entre outras cousas, habería grandes guerras, grandes terremotos, fames e pestes. E iso é precisamente o que estamos vendo hoxe en día (Lucas 21:10-17).
A Biblia tamén indica que recoñeceriamos os “días derradeiros”, ou últimos días, dos gobernos humanos polo mal comportamento da xente. Podes ler a descrición que se fai en 2 Timoteo 3:1-5. Cando ves a actitude e o comportamento das persoas hoxe en día, non pensas que esta profecía se está cumprindo ó detalle?
Que significa isto? Que moi pronto o Reino de Deus fará grandes cambios que mellorarán a vida de tódalas persoas do planeta (Lucas 21:36). Na Biblia, Deus promete que fará cousas moi boas pola Terra e polos seus habitantes. Vexamos algunhas delas.
UN BO GOBERNO
A Xesús “foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído” (DANIEL 7:14).
Que significa: Que temos a oportunidade de desfrutar da vida baixo o goberno mundial que Deus xa estableceu co seu Fillo como Rei.
BOA SAÚDE
“E ningún veciño dirá: ‘Estóu enfermo’” (ISAÍAS 33:24, Sagra Biblia en Galego, Manuel Casado Nieto, SBG).
Que significa: Que nunca sufriremos ningunha discapacidade nin volveremos estar enfermos. Teremos a oportunidade de vivir para sempre.
PAZ ABSOLUTA
“Contén a guerra en tódolos confíns” (SALMO 46:10 [46:9, TNM]).
Que significa: Que nunca máis haberá ameazas de guerra nin sufriremos as súas terribles consecuencias.
A TERRA ESTARÁ CHEA DE PERSOAS BOAS
“Os impíos non existen, [...] os humildes, en cambio, herdan a terra” (SALMO 37:10, 11).
Que significa: Que xa non haberá máis xente mala, só persoas que queiran obedecer a Deus.
TODA A TERRA SERÁ UN PARAÍSO
“Construirán casas e habitaranas e plantarán viñas e comerán os seus froitos” (ISAÍAS 65:21, 22).
Que significa: Que todo o planeta será un fermoso xardín. Deus cumprirá o que levamos tanto tempo pedindo en oración: que se faga a súa vontade “na terra” (Mateo 6:10).