A NOSA VIDA CRISTIÁ
Como cultivar amor a Deus e ó próximo
Aínda que os cristiáns non temos que obedecer a Lei de Moisés, Xehová segue a esperar de nós que obedezamos os seus dous mandamentos máis importantes: amar a Deus e o próximo (Mt. 22:37-39). Este amor non xorde automaticamente, senón que debemos cultivalo. Como? Unha maneira importante é lendo a Biblia a diario. Ó pensar nos distintos aspectos da personalidade de Xehová, decatámonos do bo que é (Sal. 27:4). Como consecuencia, sentiremos máis amor por el e aprenderemos a pensar coma el. Isto motivaranos a obedecer os seus mandamentos, incluído o de amar o próximo desinteresadamente (Xn. 13:34, 35; 1 Xn. 5:3). Vexamos tres suxestións para desfrutar máis da lectura da Biblia.
Usa a imaxinación e os cinco sentidos. Imaxina que estás alí. Que ves, que oes, que olores percibes? Como cres que se senten os personaxes do relato?
Cambia de método. Aquí tes algunhas opcións. Le en alto ou segue a lectura escoitando a gravación de son. Tamén podes ler sobre un personaxe bíblico ou un tema concreto en vez de ler a Biblia en orde. Por exemplo, por que non usas as seccións 4 ou 16 do folleto Guía para el estudio de la Palabra de Dios para ler acerca de Xesús? Le enteiro o capítulo correspondente ó texto do día. Outra posibilidade é ler os libros bíblicos na orde en que se escribiron.
Le para entender. É moito mellor ler un capítulo ó día entendendo o que lemos e reflexionando, que ler moitos capítulos só para avanzar. Pensa no contexto. Párate nos detalles. Usa os mapas e as referencias á marxe. Investiga sobre, polo menos, un punto que non entendas. Se podes, dedica o mesmo tempo a ler que a meditar.