ARTIGO DE ESTUDO 43
CANCIÓN sjj 41 Sinte meu rogo
Non te esquezas de orar por outros
“Rezade uns polos outros [...]. Moito pode a oración teimosa do xusto” (SANT. 5:16).
OBXECTIVO
Ver por que é importante orar por outros e algunhas ideas sobre como facelo.
1. Como sabemos que as nosas oracións son importantes para Xehová?
A ORACIÓN é un regalo marabilloso. Pensa nisto: Xehová delegou algunhas tarefas nos anxos (Sal. 91:11). E tamén lle deu ó seu Fillo responsabilidades moi importantes (Mat. 28:18). Pero, e as oracións? Escoitalas é algo que Xehová reservou para si mesmo. Xehová, “o que escoita as oracións”, aténdenos persoalmente (Sal. 65:2, TNM).
2. Que exemplo nos deixou o apóstolo Paulo sobre orar polos demais?
2 Aínda que lle podemos orar con liberdade a Xehová para contarlle os nosos problemas, tamén debemos orar polos demais. Iso foi o que fixo o apóstolo Paulo. Por exemplo, escribiulle á congregación de Éfeso: “Sígovos mencionando nas miñas oracións” (Ef. 1:16). Tamén orou por algunhas persoas de maneira individual, como cando lle dixo a Timoteo: “Doulle gracias a Deus [...] porque decote me lembro de ti nas miñas oracións, noite e día” (2 Tim. 1:3). Paulo tiña os seus propios problemas polos que orar, pero aínda así dedicou tempo a facelo por outros (2 Cor. 11:23; 12:7, 8).
3. Por que é posible que nos esquezamos de orar por outros?
3 Ás veces podemos esquecernos de orar polos demais. Por que? Unha irmá chamada Saraa explica un dos motivos: “A vida neste sistema é caótica. Podemos chegar a distraernos tanto cos nosos problemas que só oremos polo que necesitamos nós”. Pásache isto ás veces? Entón este artigo pode axudarche. Nel 1) explicarase por que é importante orar por outros e 2) daranse recomendacións de como facelo.
POR QUE ORAR POLOS DEMAIS?
4, 5. Como poden ter moito poder as nosas oracións? (Santiago 5:16).
4 Orar por outros ten moito poder (le Santiago 5:16). Podemos cambiar o resultado dunha situación ó orar polos demais? Si. Xesús, sabendo que o apóstolo Pedro ía negar que o coñecía, díxolle: “Eu supliquei que a túa fe non se debilite” (Luc. 22:32). Paulo tamén sabía que a oración pode marcar a diferenza. Cando foi arrestado inxustamente en Roma, escribiulle a Filemón: “Espero ser devolto a vós grazas ás vosas oracións” (Filem. 22, TNM).b E iso foi o que pasou. Paulo foi liberado pronto da prisión e puido seguir predicando.
5 Por suposto, isto non significa que coas nosas oracións poidamos forzar que Xehová faga algo. El fíxase en canto nos preocupa o que lle estamos pedindo en oración e ás veces decide facer o que lle pedimos. Saber isto pode axudarnos a orar con máis intensidade a Xehová sobre unha situación e a deixar con confianza o asunto nas súas mans (Sal. 37:5; ver tamén 2 Corintios 1:11 e as notas de estudo, nwtsty-S).
6. Como afecta ó que sentimos por outros orar por eles? (1 Pedro 3:8).
6 Orar por outros axúdanos a ter “un corazón compasivo” (le 1 Pedro 3:8). Ser compasivos é ser conscientes do sufrimento dunha persoa xunto co desexo de querer axudarlle (Mar. 1:40, 41). Un ancián chamado Michael di: “Cando oro pedindo polas necesidades dos demais, son máis consciente das dificultades polas que están pasando e iso fai que os queira aínda máis. Síntome máis cerca deles, a pesar de que non se dean conta”. E un ancián chamado Richard comenta outro beneficio: “Cando oramos por outra persoa sentímonos máis motivados a facer algo por ela [...]. Ó darlle axuda práctica, en certo sentido estamos axudando a responder a oración que fixemos por ela”.
7. Como nos pode axudar a ver con equilibrio os nosos problemas orar por outros? (Filipenses 2:3, 4). (Ver tamén as imaxes).
7 Orar por outros axúdanos a ver os nosos problemas coa perspectiva correcta (le Filipenses 2:3, 4). Como vivimos nun mundo controlado polo Demo, todos temos problemas (1 Xoán 5:19; Apoc. 12:12). Cando temos o costume de orar polos demais, recordamos que “toda a irmandade no mundo está pasando polos mesmos sufrimentos” (1 Ped. 5:9, TNM). Unha pioneira chamada Katherine conta: “Orar por outros recórdame que eles tamén pasan por problemas, e isto axúdame a non centrarme demasiado nos meus”.
Orar por outros axúdanos a ver os nosos problemas coa perspectiva correcta (ver o parágrafo 7).e
ELES NECESITAN AS NOSAS ORACIÓNS
8. Pon algúns exemplos de por quen podemos orar.
8 Por quen podemos orar? Podemos facelo por grupos de persoas, como por exemplo polos que teñen problemas de saúde, polos rapaces que sofren burlas e presión de grupo na escola ou polos que teñen problemas debido a idade avanzada. Ademais, moitos dos nosos irmáns enfróntanse a oposición, xa sexa por parte da súa familia ou do goberno (Mat. 10:18, 36; Feit. 12:5). Algúns tiveron que deixar as súas casas pola inestabilidade política. E outros sofren as consecuencias dos desastres naturais. Quizais non coñezamos a estes irmáns persoalmente pero, cando oramos por eles, demostramos que seguimos o mandato de Xesús de amarnos uns ós outros (Xoán 13:34).
9. Por que debemos orar polos que dirixen a organización de Xehová e tamén polas súas mulleres?
9 Tamén podemos orar polos que dirixen a organización de Xehová. Isto inclúe os membros do Consello Reitor e os seus axudantes, os Comités de Sucursal, os superintendentes de departamento de Betel, os superintendentes de circuíto, os anciáns de congregación e os servos ministeriais. Moitos deles enfróntanse ás súas propias preocupacións mentres fan moito por nós (2 Cor. 12:15). Por exemplo, un superintendente de circuíto chamado Mark conta: “Un dos meus maiores retos é estar tan lonxe dos meus pais, que xa van maiores. Ambos teñen problemas de saúde. Aínda que a miña irmá e seu marido coidan das súas necesidades, dóeme poder facer tan pouco por eles persoalmente”. Sen importar se estamos ó tanto ou non das dificultades ás que se enfrontan estes irmáns traballadores, facemos ben en incluílos nas nosas oracións (1 Tes. 5:12, 13). Tamén podemos orar polas súas mulleres, xa que elas os apoian fielmente para que sigan coas súas asignacións.
10, 11. Gústanlle a Xehová as oracións xerais? Explica a túa resposta.
10 Como vimos, a miúdo oramos por grupos grandes de irmáns. Por exemplo, sen ter a ninguén en particular en mente, quizais lle pidamos a Xehová que axude ós que están no cárcere ou que console ós que perderon algún ser querido na morte. Un ancián chamado Donald di: “Hai tantos irmáns pasando por problemas que ás veces facemos unha oración xeral para poder incluír a tódolos que están sufrindo”.
11 Gústanlle este tipo de oracións a Xehová? Pois claro. Despois de todo, non sabemos o que necesita exactamente cada un dos nosos irmáns. Así que está ben que fagamos estas oracións xerais (Xoán 17:20; Ef. 6:18). Ó facelas demostramos que amamos “a toda a irmandade” (1 Ped. 2:17, TNM).
CANDO ORES POR ALGUÉN EN CONCRETO
12. Como nos axuda a ser máis específicos nas nosas oracións ser observadores?
12 Sé observador. Ademais de orar por grupos de irmáns, deberiamos orar tamén por irmáns en concreto usando o seu nome. Hai alguén na congregación cunha enfermidade crónica? Hai algún rapaz desanimado, quizais pola presión que sofre na escola? Hai algún pai ou nai que se estea esforzando por criar só ó seu fillo “coa disciplina e os consellos de Xehová”? (Ef. 6:4) Se es observador sentirás máis amor e empatía polos demais e isto motivarate a orar por eles (Rom. 12:15).c
13. Como podemos orar polos que non coñecemos?
13 Ora por outros usando o seu nome. Isto podemos facelo incluso polos que non coñecemos. Por exemplo, pensa nos irmáns e irmás encarcerados en países como Crimea, Eritrea, Rusia e Singapur. Podes encontrar os seus nomes e os dos demais irmáns encarcerados en jw.org.d Un superintendente de circuíto chamado Brian conta: “Cando escribo o nome dun irmán que está en prisión e o digo en alto, axúdame a acordarme del e a incluílo nas miñas oracións persoais”.
14, 15. Como podemos facer que as nosas oracións sexan máis específicas?
14 Pide cousas específicas. Michael, de quen falamos antes, comenta: “Cando leo en jw.org sobre os irmáns que están no cárcere, intento imaxinar como me sentiría eu na súa situación. Eu sei que me preocuparía pola miña muller, e querería asegurarme de que tivese o necesario. Así que isto dáme algo específico que incluír na miñas oracións polos irmáns casados que están no cárcere” (Heb. 13:3).
15 Cando pensamos en como debe ser a vida diaria dos nosos irmáns en prisión, podemos encontrar máis cousas específicas que pedir nas nosas oracións. Por exemplo, podemos pedir que os gardas da prisión sexan amables con eles e que os que teñan un posto de autoridade lles permitan adorar a Xehová con liberdade (1 Tim. 2:1, 2). Tamén podemos orar porque o exemplo fiel destes irmáns anime a congregación da zona ou que alguén non crente observe a súa boa conduta e escoite a nosa mensaxe (1 Ped. 2:12). Por suposto, estas ideas tamén nos poden servir para orar polos irmáns que teñen outros problemas. Se somos observadores, oramos por outros usando o seu nome e pedimos cousas específicas, demostraremos que queremos moito os nosos irmáns (1 Tes. 3:12).
VEXAMOS CON EQUILIBRIO AS NOSAS ORACIÓNS
16. Como podemos manter un punto de vista equilibrado sobre as nosas oracións? (Mateo 6:8).
16 Como vimos, as nosas oracións poden axudar a cambiar a situación de alguén. Pero temos que ter un punto de vista equilibrado. Cando oramos non estamos informando a Xehová de algo que non sabe xa. Tampouco deberiamos dicirlle como debería manexar unha situación. Xehová sabe o que os seus servos necesitan, incluso antes de que eles ou nós o saibamos (le Mateo 6:8). Entón, de que serve orar por outros? Ademais das razóns mencionadas no artigo, é unha maneira de demostrar canto nos preocupamos polos demais. O amor motívanos a orar uns polos outros. E a Xehová faino moi feliz ver como os seus servos imitan o seu amor.
17, 18. Con que podemos comparar as oracións que facemos polos irmáns?
17 Incluso se as nosas oracións parecen non cambiar unha situación, o que si fan é demostrar canto queremos os nosos irmáns, e Xehová toma nota disto. Podemos ilustralo desta maneira: imaxina unha familia que ten dous fillos pequenos, un neno e unha nena. O neno está na cama, enfermo. Entón a nena suplícalle ó seu pai: “Por favor, fai algo polo meu irmanciño. Está moi enfermo!”. O pai xa ten a situación baixo control, pois quere o seu fillo e coida ben del. Pero que feliz o fai ver como a súa filla se preocupa tanto polo seu irmán que lle suplica que lle axude.
18 Iso é o que nos anima a facer Xehová: preocuparnos uns polos outros e orar uns polos outros. Cando o facemos demostramos que non nos preocupamos só por nós mesmos e que queremos de verdade os irmáns, e Xehová está ó tanto diso (2 Tes. 1:3; Heb. 6:10). Ademais, como xa vimos, nalgúns casos as nosas oracións poden ter un efecto significativo en como termine unha situación. Así que esforcémonos por orar uns polos outros.
CANCIÓN sn 53 Traballemos xuntos e unidos
a Cambiáronse algúns nomes.
b Paulo usa a forma plural do pronome grego que se traduce como vosas, así que quizais se estea referindo ás oracións en conxunto da congregación que se reunía na casa de Filemón (ver a nota de estudo en Filemón 2, nwtsty-E). Paulo indica que estas oracións puideron axudar a que a súa situación saíse ben, é dicir, a que fose liberado da prisión en Roma. Así que recoñece que as oracións dos cristiáns fieis poden motivar a que Xehová Deus actúe quizais antes do que tiña previsto ou que faga algo que doutro modo podería non ter feito (Heb. 13:19).
c Mira o vídeo en jw.org Takeshi Shimizu. Xehová é o que escoita as oracións.
d Para encontrar os nomes dos irmáns que están en prisión, busca en jw.org en español: “Testigos de Jehová presos por sus creencias (por países)”.
e DESCRICIÓN DA IMAXE: Irmáns e irmás que están pasando polos seus propios problemas acórdanse de orar por outros.