BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • ijwbq artigo 193
  • Que di a Biblia sobre Daniel?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Que di a Biblia sobre Daniel?
  • Preguntas sobre a Biblia
  • Subtítulos
  • O que di a Biblia
  • Quen foi Daniel?
Preguntas sobre a Biblia
ijwbq artigo 193
O profeta Daniel orándolle a Xehová dende a fosa dos leóns.

Que di a Biblia sobre Daniel?

O que di a Biblia

Daniel foi un destacado profeta xudeu que viviu nos séculos sete e seis a. n. e. Deus permitiulle que interpretase soños, deulle visións sobre acontecementos que terían lugar no futuro e inspirouno para escribir o libro da Biblia que leva o seu nome (Daniel 1:17; 2:19).

Quen foi Daniel?

Daniel creceu en Xudá, un reino que incluía a cidade de Xerusalén e o templo xudeu. En 617 a. n. e. o rei de Babilonia, Nabucodonosor, cercou Xerusalén e levou “ós grandes do país” presos ó exilio en Babilonia (2 Reis 24:15; Daniel 1:1). Daniel, que probablemente era adolescente para ese tempo, foi levado con eles.

Daniel e outros mozos sendo levados pola escolta real ó palacio en Babilonia.

Daniel e outros mozos (incluídos Xadrac, Mixac e Abednegó) foron levados ó palacio de Babilonia para recibir unha preparación especial e servirlle ó rei. Aínda que os puxeron baixo presión para que fixesen cousas que sabían que estaban mal, Daniel e os seus tres amigos permaneceron fieis ó seu Deus, Xehová (Daniel 1:3-8). Despois de que recibiran tres anos de preparación, o rei Nabucodonosor encomiounos pola súa sabedoría e as súas habilidades. De feito, considerounos “dez veces superiores a tódolos meigos e adiviños que existían en todo o seu reino”. Despois nomeou a Daniel e ós seus amigos para servir na corte real (Daniel 1:18-20).

Décadas máis tarde, cando Daniel tiña uns noventa anos, citárono para ir ó palacio. Un home chamado Baltasar, que nese tempo gobernaba en Babilonia, pediulle a Daniel que interpretase algo que unha man escribira misteriosamente na parede. Coa axuda divina, Daniel reveloulle que Babilonia caería ante o imperio medopersa. Babilonia foi tomada esa mesma noite (Daniel 5:1; 5:13-6:1 [5:13-31, TNM]).

Daniel interpretando o que unha man escribira na parede.

Baixo o goberno dos medos e dos persas, Daniel foi nomeado ministro, ou oficial, e o rei Darío quixo ascendelo aínda máis (Daniel 6:2-4 [6:1-3, TNM]). Algúns oficiais que tiñan envexa, conspiraron para asasinar a Daniel facendo que o botasen a unha fosa chea de leóns, pero Xehová rescatouno (Daniel 6:5-24 [6:4-23, TNM]). Cara a fin da vida de Daniel, un anxo aparecéuselle e confirmoulle dúas veces que el era un “home moi valioso” (Daniel 10:11, 19, TNM).

Se queres darlle vida a estes sucesos, mira as dúas partes da produción audiovisual Daniel, un home de fe.

Que nos revela a historia sobre o libro bíblico de Daniel?

Daniel dixo: Nabucodonosor erixiu unha enorme imaxe e ordenoulles ós seus súbditos que a adorasen. Ós que desobedecían botábaos nun forno ardente (Daniel 3:1-6).

O que revela a historia: A Encyclopædia Britannica di que Nabucodonosor levou a cabo proxectos de construción moi grandes en Babilonia “non só para a súa propia gloria, senón tamén en honor ós deuses. Presumiu de ser ‘o que puxo en boca do pobo a reverencia ós grandes deuses’”.

Nos antigos escritos babilónicos menciónanse varias veces as execucións nun forno de lume. Ás veces era un gobernante o que as ordenaba. Por exemplo, un texto antigo da época do reinado de Nabucodonosor, describe o castigo para os oficiais acusados de profanar os deuses de Babilonia. Di: “Destruídeos, queimádeos, asádeos, [...] no forno do cociñeiro […] facede que o seu fume suba. Que a furia das chamas acabe por completo con eles”.a

Daniel escribiu: O rei Nabucodonosor a miúdo presumía dos seus proxectos de construción (Daniel 4:29, 30).

Un ladrillo desenterrado en Babilonia, estampado co nome de Nabucodonosor.

O que revela a historia: “Os rexistros que Nabucodonosor escribiu sobre si mesmo mostran [...] que estaba convencido de que era un gran rei, xusto e poderoso”.b Por exemplo, a inscrición que hai nun edificio mostra este alarde de Nabucodonosor: “Eu construín con ladrillos e betume unha poderosa muralla que, igual que unha montaña, non podía ser movida [...]. Eu reforcei as fortificacións de Esagila e Babilonia e establecín o nome do meu reino para sempre”.c Moitos dos ladrillos desenterrados en Babilonia levan estampado o nome de Nabucodonosor.

Daniel escribiu: O rei Baltasar ofreceulle a Daniel ser o “terceiro no goberno” de Babilonia (Daniel 5:1, 13-16).

Este cilindro cuneiforme do ano 550 a. n. e. menciona o rei Nabonido e o seu fillo Baltasar.

O que revela a historia: Un home chamado Nabonido foi rei durante os sucesos descritos no capítulo 5 de Daniel. Pero este rei pasaba gran parte do seu reinado en Arabia, fóra da cidade de Babilonia. Entón, quen gobernaba en Babilonia durante a súa ausencia? “Un rexistro cuneiforme demostra que Nabonido confiáballe as súas funcións de rei ó seu fillo maior, Baltasar”, explica o historiador Raymond Philip Dougherty no seu libro Nabonidus and Belshazzar. “Baltasar realizaba as funcións reais no nome do monarca ausente, seu pai”. Como Nabonido e Baltasar xa ocupaban o primeiro e segundo posto no reino, Baltasar ofreceulle a Daniel que ocupase o terceiro.

a Journal of Biblical Literature, volume 128, número 2, páxinas 279, 284.

b Babylon—City of Wonders, de Irving Finkel e Michael Seymour, páxina 17.

c Archæology and the Bible, de George Barton, páxina 479.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir