Vai ser destruída a Terra?
O que di a Biblia
Non. O planeta Terra nunca vai ser destruído, queimado nin substituído. A Biblia ensina que Deus creou a Terra para que fose habitada para sempre.
“Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29).
“Ti asentáche-la terra nos seus alicerces e non abalará endexamais” (Salmo 104:5).
“A terra sempre queda” (Eclesiastés 1:4).
“El é Deus, o formador da terra [...], formouna para ser habitada” (Isaías 45:18).
Acabarán os humanos coa Terra?
Deus non vai permitir que os humanos arruínen a Terra por completo coa contaminación, as guerras ou calquera outra cousa. Máis ben, a Biblia di que vai “esnaquiza-los que destrúen o mundo” (Apocalipse 11:18). Como o fará?
Deus vai substituír os gobernos humanos, que non foron capaces de coidar da Terra, por un reino celestial perfecto (Daniel 2:44; Mateo 6:9, 10). Ese Reino será gobernado por Xesucristo, o Fillo de Deus (Isaías 9:5, 6 [9:6, 7, TNM]). Cando estivo na Terra, Xesús demostrou que tiña poder para controlar as forzas da natureza (Marcos 4:35-41). Como Rei do Reino de Deus, tamén será capaz de controlar a Terra e os seus elementos. Vaina volver crear, é dicir, vaina restaurar para que as súas condicións se asemellen ás que había no xardín de Edén (Mateo 19:28; Isaías 65:21-25).
Non ensina a Biblia que a Terra vai ser destruída con lume?
Non, para nada. Esta idea equivocada é consecuencia dunha mala interpretación de 2 Pedro 3:7, que di: “En canto ó ceo e mais á terra actuais, a mesma palabra os ten reservados para o lume”. Vexamos dúas ideas importantes que nos axudan a entender estas palabras:
Na Biblia, os termos “ceo”, “terra” e “lume” poden ter máis dun significado. Por exemplo, Xénese 11:1 di: “Toda a terra falaba unha soa lingua”. Aquí, a palabra “terra” refírese á sociedade humana.
O contexto de 2 Pedro 3:7 explica o que son o ceo, a terra e o lume que se mencionan neste versículo. Os versículos 5 e 6 comparan este suceso ó Diluvio dos días de Noé. O mundo daquel tempo foi destruído, pero o planeta non desapareceu. A “terra” que o Diluvio destruíu foi aquela sociedade de persoas violentas (Xénese 6:11). O Diluvio tamén destruíu o “ceo”, é dicir, as persoas que gobernaban aquela sociedade. Así que o que foi destruído foron as persoas violentas, non o planeta. Noé e a súa familia sobreviviron á destrución daquel mundo e continuaron vivindo na Terra despois do Diluvio (Xénese 8:15-18).
Igual que fixeron as augas do Diluvio, o “lume”, é dicir, a destrución que se menciona en 2 Pedro 3:7, acabará co mundo de xente mala e non co planeta Terra. Deus promete “un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza” (2 Pedro 3:13). A “terra nova”, ou nova sociedade humana, estará gobernada polo “ceo novo”, é dicir, polo Reino de Deus. Baixo este goberno, a Terra converterase nun paraíso cheo de paz (Apocalipse 21:1-4).