TEXTOS BÍBLICOS EXPLICADOS
Proverbios 17:17 | “O amigo ama en todo tempo”
“O amigo ama en todo tempo, e amósase coma un irmáu no perigo” (Proverbios 17:17, Sagra Biblia en Galego, Manuel Casado Nieto).
“O verdadeiro amigo ama en todo momento e é un irmán en tempos de angustia” (Proverbios 17:17, Tradución do Novo Mundo).
Significado de Proverbios 17:17
Os amigos de verdade merecen a nosa confianza. Igual ca un irmán co que se ten unha relación moi estreita, os bos amigos son leais e cariñosos, sobre todo en tempos difíciles.
“O amigo ama en todo tempo”. Esta frase tamén se pode traducir como “os amigos sempre demostran o seu amor”.a A palabra hebrea que se usa nesta frase para amor é máis ca un sentimento por unha persoa. Trátase dun amor desinteresado que se demostra con feitos (1 Corintios 13:4-7). As amizades que se basean nesta clase de amor, non se rompen aínda que pasen por problemas como, por exemplo, algún malentendido ou calquera outra dificultade. Máis ben, están dispostos a perdoarse (Proverbios 10:12). Ademais, un bo amigo alégrase se á outra persoa lle van ben as cousas e non sente envexa dela (Romanos 12:15).
“O amigo [. . .] amósase coma un irmáu no perigo”. Este proverbio baséase na idea de que a relación entre dous irmáns pode ser moi estreita. Así que, cando facemos todo o posible por axudar a un amigo que está pasando por un mal momento, demostramos que somos coma irmáns. É máis, os problemas non debilitan esa amizade senón que a fan máis forte, xa que aumenta o amor e o respecto.
Contexto de Proverbios 17:17
O libro de proverbios está cheo de pequenas citas moi sabias que fan pensar o lector. Boa parte deste libro foi escrito polo rei Salomón. El usou o típico estilo de poesía hebrea, no que se usan paralelismos e contrastes en lugar de rimas. É dicir, hai ideas que se apoian entre elas e outras que contrastan entre si. Proverbios 17:17 é un exemplo de poesía paralela, onde a segunda parte do versículo engade información que lle dá énfase á primeira parte. En cambio, o Proverbio 18:24 é un exemplo de ideas que contrastan entre si: “Hai compañeiros só para parolar, e hai amigos máis íntimos ca irmáns”.
Cando escribiu o Proverbio 17:17, é posible que Salomón estivese pensando na amizade que tiña seu pai David con Ionatán, un fillo do rei Xaúl (1 Samuel 13:16; 18:1; 19:1-3; 20:30-34, 41, 42; 23:16-18). Aínda que David e Ionatán non eran familia, a súa amizade era máis estreita que se fosen irmáns. Ionatán incluso arriscou a súa vida polo seu amigo.b
Para ter unha idea xeral do contido do libro de Proverbios, mira este pequeno vídeo.
a Good News Bible, The Bible in Today’s English Version.
b Mira o artigo “Unidos por una gran amistad”.