BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • hdu artigo 22
  • Xehová non se esquece dos xordos

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xehová non se esquece dos xordos
  • Como se usan as túas doazóns
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • Como se fan os vídeos en linguaxe de signos?
  • Como se distribúen os vídeos en linguaxe de signos?
  • Deus preocúpase polos xordos
    Outros temas
  • Unha biblioteca na palma da túa man
    Como se usan as túas doazóns
  • Como usar JW Library
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2016)
  • Usemos os vídeos ó dar cursos da Biblia
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2019)
Como se usan as túas doazóns
hdu artigo 22
Unha irmá vendo un versículo da Biblia en linguaxe de signos nunha tableta.

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Xehová non se esquece dos xordos

1 DE XULLO DE 2022

Xehová quere que tódalas persoas, sen importar as súas circunstancias, poidan aprender del e do seu Reino (1 Timoteo 2:3, 4). Por iso, as Testemuñas de Xehová producen Biblias e ferramentas de estudo para a maior cantidade de persoas posible, incluídos os xordos. De feito, a nosa organización gravou miles de publicacións en forma de vídeos dispoñibles en máis de 100 linguaxes de signos!a Como producimos e distribuímos estas publicacións? E que melloras se fixeron ó longo do tempo?

Como se fan os vídeos en linguaxe de signos?

Un equipo de tradución a unha linguaxe de signos traballando xuntos nunha publicación.

Os diferentes equipos de tradución de todo o mundo producen as publicacións en linguaxe de signos. Como o fan? Os membros de cada equipo analizan con coidado as publicacións que é necesario traducir. A continuación, deciden como transmitir a información en linguaxe de signos da mellor forma posible. Unha vez feito isto, gravan a publicación en vídeo. Actualmente, uns 60 equipos traducen con regularidade axudas para estudar a Biblia á linguaxe de signos, e outros 40 fano ocasionalmente.

Anos atrás, era moi caro producir vídeos en linguaxe de signos, xa que as cámaras de vídeo e outros aparellos custaban moito máis que agora. Ás veces era necesario construír dende cero o estudio no que se gravaban os vídeos. Noutras ocasións renovábase un edificio existente. En total custaba máis de 30.000b dólares ter todo preparado para un equipo de tradución á linguaxe de signos.

Para aproveitar da mellor forma posible as doazóns, a nosa organización buscou maneiras de mellorar e simplificar o proceso de tradución. Por iso, agora usamos un equipamento máis moderno, funcional e económico. En vez de utilizar un estudio, os equipos de tradución poden usar un fondo verde e gravar vídeos na súa oficina. Cando se necesitan varios irmáns, en lugar de ir a un estudio, estes poden gravar a parte que lles corresponde da publicación dende a súa casa ou dende a oficina.

Un equipo de tradución grava a un irmán sobre un fondo verde para unha publicación en linguaxe de signos.

Tamén fixemos programas informáticos para axudarlles ós equipos que producen as publicacións. Estes adiantos conseguiron reducir á metade o tempo que se tarda en facer unha publicación en linguaxe de signos. Os irmáns agradecen moito estes adiantos. Un irmán chamado Alexander di: “Os vídeos en linguaxe de signos publícanse con moita máis frecuencia que antes. Iso alégrame moitísimo. Vexo os vídeos tódolos días”.

A día de hoxe custa menos de 5.000 dólares mercar o material necesario para un equipo de tradución. Como resultado, producimos vídeos en moitas máis linguaxes de signos.

Como se distribúen os vídeos en linguaxe de signos?

Unha vez finalizada a gravación dunha publicación en linguaxe de signos, hai que facerlla chegar ós que a necesitan. No pasado produciamos videocasetes e DVD pero isto era moi caro, levaba moito tempo e daba moito traballo. As gravacións mandábanse a unha empresa externa para que lles fixesen copias. E por último, as videocasetes e os DVD enviábanse ás congregacións. Só no ano 2013, gastáronse máis de 2 millóns de dólares na produción destes DVD.

Un reprodutor de DVD portátil e algunhas publicacións en linguaxe de signos en DVD.

Os xordos estaban moi agradecidos por estes vídeos, pero non sempre eran fáciles de utilizar xa que o número de videocasetes e DVD foi aumentando ó longo do tempo. Nalgúns casos eran necesarios varios DVD para reproducir un só libro da Biblia. Gilnei, un irmán do Brasil recorda: “Cando queriamos ler un texto da Biblia, primeiro tiñamos que atopar a videocasete correcta e despois buscar o texto nela. Era moi complicado”. Unha irmá chamada Rafayane, que utilizaba os DVD en linguaxe de signos, di: “Era esgotador facer o estudo persoal. Dedicabamos moito tempo a simplemente buscar os textos e as referencias”. E cando os nosos irmáns e irmás ían predicar, moitas veces tiñan que levar con eles DVD ou videocasetes que podían reproducir na televisión da persoa interesada. Algúns irmáns ata levaban o seu propio reprodutor de DVD. Pouco tempo despois apareceron os reprodutores de DVD portátiles con pantalla, e moitos irmáns comezaron a utilizalos. Bobby, que vive nos Estados Unidos, comenta: “Se despois de mostrar un texto querías compartir outro coa persoa, moitas veces tiñas que cambiar de disco. Isto levaba tempo e facía máis difícil o uso da Biblia nas conversacións”.

No ano 2013, a organización de Xehová publicou a aplicación JW Library Sign Language que lles permite ós irmáns descargar e reproducir vídeos en linguaxe de signos nos seus teléfonos ou tabletas. Aínda que ó principio a aplicación só estaba dispoñible en linguaxe de signos americana, en 2017 actualizouse para poder usar calquera linguaxe de signos. Tódolos irmáns estaban encantados. Juscelino, un irmán do Brasil, di: “Non o podía crer! Non deixaba de pensar no amor que nos mostra o Consello Reitor ós xordos. Preocúpase moito por nós para que progresemos na verdade igual que as persoas que poden oír. Estaba moi emocionado. A aplicación motivoume a estudar a Biblia aínda máis”.

Unha irmá usando a aplicación JW Library Sign Language para ver o vídeo Daniel, un home de fe (parte 2).

Usando a aplicación JW Library Sign Language.

Hoxe en día producimos e distribuímos en formato dixital tódolos vídeos en linguaxe de signos dende a nosa páxina web e na aplicación JW Library Sign Language. Deste xeito, as publicacións en linguaxe de signos pódense traducir, gravar e distribuír nuns poucos días en lugar de meses ou anos. De feito, en moitas linguaxes de signos publícanse ó mesmo tempo que nos idiomas falados.

Fíxate no que din algúns irmáns xordos. Unha irmá chamada Klízia di: “Que organización se preocupa tanto polos xordos como para darlles alimento espiritual dunha maneira tan accesible? Nada neste mundo se pode comparar co que fai a organización de Xehová por nós”. Vladimir comenta: “Os vídeos demóstranme que Xehová se preocupa moito tanto polos xordos como polos oíntes”.

Os nosos vídeos en linguaxe de signos a miúdo din o seguinte: “Esta publicación distribúese como parte dunha obra mundial de educación bíblica que se sostén con doazóns voluntarias”. Agradecemos moito as túas doazóns, moitas das cales se fan a través de donate.jw.org. Estes cartos axúdannos a producir Biblias e outras ferramentas de estudo para tódalas persoas, incluídos aqueles que usan linguaxe de signos.

a Xa que as linguaxes de signos comunican as ideas de forma visual usando as mans e as expresións faciais, as publicacións en linguaxe de signos fanse en formato vídeo en lugar de impresas.

b Todas as cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.

Datas históricas na tradución á linguaxe de signos

1992: Publícase a nosa primeira videocasete en linguaxe de signos.

2002: Publícase o noso primeiro DVD en linguaxe de signos.

2013: Lánzase a aplicación JW Library Sign Language.

2017: Actualízase JW Library Sign Language para poder usar calquera linguaxe de signos.

2020: Publícase a primeira Biblia completa en linguaxe de signos, a Tradución do Novo Mundo en linguaxe de signos americana.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir