BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • bt cap. 8 páxs. 60-67
  • As congregacións entraron “nun período de paz”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • As congregacións entraron “nun período de paz”
  • Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • “Por que me estás perseguindo?” (Feitos 9:1-5)
  • “Saulo, irmán, o Señor [...] envioume” (Feitos 9:6-17)
  • “Enseguida se puxo a predicar acerca de Xesús” (Feitos 9:18-30)
  • “Moitos creron” (Feitos 9:31-43)
  • Xesús escolle a Saulo
    Aprendamos das historias da Biblia
  • David e Xaúl
    Aprendamos das historias da Biblia
  • O primeiro rei de Israel
    Aprendamos das historias da Biblia
Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
bt cap. 8 páxs. 60-67

CAPÍTULO 8

As congregacións entraron “nun período de paz”

Saulo pasa de ser un cruel perseguidor a predicar con entusiasmo.

Baseado en Feitos 9:1-43

1, 2. Con que intencións ía Saulo a Damasco?

UN GRUPO de homes acércase a Damasco coa intención de facer algo terrible. Queren sacar os discípulos de Xesús das súas casas, atalos, humillalos e levalos a Xerusalén para que comparezan diante do Sanedrín.

2 O líder daquel grupo é un home chamado Saulo que xa ten as mans manchadas de sangue.a Hai pouco, estivo presente no asasinato de Esteban, un discípulo fiel de Xesús. Aínda que non participou directamente naquel crime, aprobou o que fixeron outros fanáticos relixiosos (Feit. 7:57–8:1). Non contento con atacar os discípulos de Xesús que viven en Xerusalén, empeza a buscar e a perseguir os cristiáns tamén noutras cidades. Este home quere erradicar esa perigosa seita coñecida como o “Camiño” (Feit. 9:1, 2; mira o recadro “A autoridade de Saulo en Damasco”).

3, 4. a) Que lle pasou a Saulo? b) Que preguntas imos analizar?

3 De repente, unha luz moi intensa empeza a brillar arredor de Saulo. Ó vela, os homes que viaxan con el quedan sen palabras. El perde a vista e cae ó chan. Entón, escoita unha voz do ceo que lle di: “Saulo, Saulo, por que me estás perseguindo?”. Asustado, pregunta: “Señor, ti quen es?”. A resposta que recibe déixao impactado. A voz dille: “Son Xesús, a quen estás perseguindo” (Feit. 9:3-5; 22:9).

4 Que podemos aprender do primeiro que lle di Xesús a Saulo? Como nos beneficia analizar o que pasou cando Saulo se converteu en discípulo? E, que leccións podemos sacar da forma na que a congregación aproveitou o período de paz que se produciu despois da conversión de Saulo?

A AUTORIDADE DE SAULO EN DAMASCO

Como conseguiu Saulo autoridade para arrestar os cristiáns nunha cidade estranxeira? O Sanedrín e o sumo sacerdote tiñan autoridade moral sobre os xudeus de todo o mundo. E parece que o sumo sacerdote tamén tiña poder para extraditar criminais. Así que, grazas ás cartas do sumo sacerdote, Saulo podía contar co apoio dos anciáns das sinagogas de Damasco (Feit. 9:1, 2).

Ademais, os romanos dábanlles autoridade ós xudeus para xulgar os seus propios casos. Isto explica por que en cinco ocasións os xudeus puideron darlle a Saulo “corenta azoutas menos unha” (2 Cor. 11:24). O primeiro libro dos Macabeos tamén menciona unha carta que lle escribiu un cónsul romano a Tolomeo VIII de Exipto no ano 138 a. n. e. Nela ordenáballe: “Se se atopan refuxiados entre vós algúns xudeus escapados do seu país, entregádellos ó Sumo Sacerdote Simón para que os castigue de acordo coa Lei” (1 Mac. 15:21). No ano 47 a. n. e., Xulio César tamén confirmou a autoridade que se lle concedera ó sumo sacerdote para resolver calquera cuestión relacionada cos costumes dos xudeus.

“Por que me estás perseguindo?” (Feitos 9:1-5)

5, 6. Que podemos aprender do que lle dixo Xesús a Saulo?

5 Cando Xesús parou a Saulo no camiño de Damasco, non lle dixo: “Por que estás perseguindo ós meus discípulos?”. Máis ben preguntoulle: “Por que me estás perseguindo?” (Feit. 9:4). Que aprendemos disto? Que Xesús sente o sufrimento dos seus seguidores coma se fose propio (Mat. 25:34-40, 45).

6 Se estás sufrindo persecución pola túa fe, podes estar seguro de que tanto Xehová coma Xesús están moi pendentes da túa situación (Mat. 10:22, 28-31). Na actualidade, pode que Xehová non nos quite as probas. Recorda, Xesús viu como Saulo apoiaba o asasinato de Esteban e como arrastrou fóra das súas casas os discípulos de Xerusalén (Feit. 8:3). Xesús non interveu nesas situacións, pero, a través del, Xehová deulles a Esteban e ós outros discípulos a forza que necesitaban para manterse fieis.

7. Que podes facer para aguantar a persecución?

7 Ti tamén podes aguantar durante a persecución se fas o seguinte: 1) Toma a decisión de manterte leal pase o que pase. 2) Pídelle axuda a Xehová (Filip. 4:6, 7). 3) Deixa a vinganza nas súas mans (Rom. 12:17-21). 4) Confía en que Xehová che dará as forzas que necesites mentres dure a proba (Filip. 4:12, 13).

“Saulo, irmán, o Señor [...] envioume” (Feitos 9:6-17)

8, 9. Como é posible que se sentise Ananías cando Xesús lle mandou ir falar con Saulo?

8 Despois de dicirlle a Saulo quen é, Xesús dille: “Levántate e vai á cidade. Alí diranche o que tes que facer” (Feit. 9:6). Como non podía ver, os homes que baixaban con el levárono a Damasco. Alí pasou tres días orando e sen comer. Ó mesmo tempo, Xesús faloulle de Saulo a un discípulo chamado Ananías, “de quen falaban moi ben tódolos xudeus” desa cidade (Feit. 22:12).

9 Pensa nas diferentes emocións que sentiría Ananías nese momento. A Cabeza da congregación, o mesmísimo Xesucristo resucitado, diríxese a el en persoa e encárgalle unha misión especial. Aquel era un gran privilexio pero, ó mesmo tempo, non ía ser fácil. Cando Xesús lle dixo que tería que ir falar con Saulo, Ananías respondeu: “Señor, oín falar a moitos deste home e de todo o dano que lles fixo ós teus discípulos en Xerusalén. E aquí os sacerdotes principais déronlle autoridade para arrestar a tódolos que confían no teu nome” (Feit. 9:13, 14).

10. Que aprendemos da forma na que Xesús tratou a Ananías?

10 Xesús non reprendeu a Ananías por expresar a súa preocupación. Máis ben, deulle instrucións claras e demostroulle consideración ó explicarlle as razóns polas que quería que levase a cabo aquela misión tan inusual. Falando de Saulo, díxolle: “Vai, porque eu escollín este home para levarlles o meu nome ás nacións e tamén a reis e ós fillos de Israel. E eu mostrareille claramente todo o que terá que sufrir por anunciar o meu nome” (Feit. 9:15, 16). Ananías obedeceu a Xesús de inmediato. Foi onda Saulo e díxolle: “Saulo, irmán, o Señor Xesús que se che apareceu cando viñas de camiño envioume para que recuperes a vista e quedes cheo de espírito santo” (Feit. 9:17).

11, 12. Que podemos aprender sobre o relato de Xesús, Ananías e Saulo?

11 Podemos aprender moitas cousas sobre o relato de Xesús, Ananías e Saulo. Por exemplo, aprendemos que Xesús está dirixindo a obra de predicar, tal e como prometeu (Mat. 28:20). Aínda que na actualidade non se comunica cos seus seguidores de forma directa, dirixe a predicación a través do escravo fiel, a quen nomeou sobre os seus servos (Mat. 24:45-47). Baixo a dirección do Consello Reitor, os publicadores e os pioneiros buscan as persoas que queren saber máis sobre Cristo. Como vimos no capítulo anterior, moitas desas persoas estaban pedindo axuda en oración xusto cando as testemuñas de Xehová contactaron con elas (Feit. 9:11).

12 Ananías obedeceu a Xesús, aceptou a misión e, como consecuencia, recibiu moitas bendicións. E ti, obedeces o mandamento de dar testemuño completo incluso se facelo te pon moi nervioso? A algúns pode causarlles moita ansiedade ir de casa en casa e falar con descoñecidos. Para outros é un desafío predicar por teléfono ou por carta, ou falarlles ás persoas que están nos seus traballos ou na rúa. Ananías superou o seu medo e desfrutou do honor de axudar a Saulo a recibir o espírito santo.b Foille ben porque confiou en Xesús e viu a Saulo como o seu futuro irmán. Nós tamén podemos vencer os nosos medos se, igual que Ananías, confiamos en que Xesús está dirixindo a predicación, mostramos empatía polas persoas e as vemos a todas, incluso as máis intimidatorias, coma futuros irmáns (Mat. 9:36).

“Enseguida se puxo a predicar acerca de Xesús” (Feitos 9:18-30)

13, 14. Que podes aprender do exemplo de Saulo se estás estudando a Biblia pero aínda non te bautizaches?

13 Saulo aplicou rapidamente o que aprendera. Despois de ser curado, empezou a reunirse e a pasar tempo cos discípulos de Damasco. Pero aínda fixo máis: “Enseguida se puxo a predicar acerca de Xesús nas sinagogas, dicindo que Xesús é o Fillo de Deus” (Feit. 9:20).

14 Se estás estudando a Biblia pero aínda non te bautizaches, farás coma Saulo e aplicarás rapidamente o que aprendiches? É certo que Saulo viu en persoa un milagre de Xesús, e seguro que iso o motivou a actuar. Pero el non foi o único. Por exemplo, un grupo de fariseos viu coma Xesús curaba a man dun home. E unha gran cantidade de xudeus chegou a saber que Xesús resucitara a Lázaro. Aínda así, a maioría deles non se fixeron seguidores de Xesús e algúns incluso se opuxeron a el (Mar. 3:1-6; Xoán 12:9, 10). A diferenza deles, Saulo cambiou por completo porque temía máis a Deus que ós homes e porque valoraba moito a misericordia que Xesús lle demostrara (Filip. 3:8). Se fas igual que Saulo, non permitirás que nada che impida participar na predicación e reunir os requisitos para chegar a bautizarte.

15, 16. Que fixo Saulo nas sinagogas de Damasco, e como reaccionaron os xudeus daquela cidade?

15 Imaxina a sorpresa e o enfado que debeu sentir a xente cando Saulo empezou a predicar acerca de Xesús nas sinagogas. Moitos deles preguntaban: “Non é este o home que perseguía con moita crueldade en Xerusalén a tódolos que confían no nome de Xesús?” (Feit. 9:21). Para explicar por que cambiara tanto a súa actitude, Saulo “lles demostraba de forma lóxica que Xesús é o Cristo” (Feit. 9:22). Pero a lóxica non convence a todo o mundo. Non é unha chave universal que poida desbloquear a mente das persoas orgullosas ou das que insisten en vivir seguindo as tradicións. Aínda así, Saulo non se rendeu.

16 Tres anos máis tarde, os xudeus de Damasco seguían opoñéndose a Saulo e, ó final, incluso planearon matalo (Feit. 9:23; 2 Cor. 11:32, 33; Gál. 1:13-18). Cando Saulo soubo do plan, decidiu marchar da cidade de forma discreta. “Unha noite os seus discípulos collérono, sacárono por unha ventá da muralla e baixárono nun cesto” (Feit. 9:25). A expresión que utiliza Lucas neste versículo parece indicar que polo menos algúns dos que escoitaron a Saulo en Damasco cambiaron a súa actitude e fixéronse cristiáns.

17. a) Como reaccionan as persoas cando lles falamos das verdades da Biblia? b) Que deberiamos seguir facendo, e por que?

17 Cando empezaches a falarlles á túa familia, amigos e outros coñecidos sobre as cousas boas que estabas aprendendo, probablemente esperabas que todos eles aceptasen a lóxica irrefutable das verdades da Biblia. E poida que algúns o fixesen, pero a maioría non. Incluso é posible que algúns membros da túa familia empezasen a tratarte coma un inimigo (Mat. 10:32-38). Pero, se segues mellorando a túa habilidade para razoar usando as Escrituras e te esforzas por ter unha conduta cristiá, incluso aqueles que agora se opoñen, co tempo poderían cambiar de actitude (Feit. 17:2; 1 Ped. 2:12; 3:1, 2, 7).

18, 19. a) Cal foi o resultado de que Bernabé defendese a Saulo? b) Como podemos imitar a Bernabé e a Saulo?

18 Como é lóxico, cando Saulo chegou a Xerusalén, os discípulos non crían que agora el tamén fose seguidor de Xesús. Pero cando Bernabé lles contou tódolos cambios que fixera, os apóstolos aceptárono e puido quedar con eles durante un tempo (Feit. 9:26-28). Aínda que Saulo evitou chamar a atención, en ningún momento se avergonzou das boas noticias (Rom. 1:16). Predicou con valor en Xerusalén, o lugar onde el mesmo empezara a cruel persecución contra os discípulos de Xesús. Cando os xudeus de Xerusalén se deron conta de que o home ó que enviaran para eliminar os cristiáns se convertera nun deles, enfadáronse moito e decidiron matalo. “Cando os irmáns o souberon, levárono a Cesarea e mandárono a Tarso” (Feit. 9:30). Saulo obedeceu a dirección que Xesús lle deu a través dos irmáns da congregación e todos saíron beneficiados.

19 Fíxate en que Bernabé tomou a iniciativa en axudar a Saulo. Está claro que este acto de bondade fixo que estes dous servos leais de Xehová se fixesen moi bos amigos. Estás ti, igual que Bernabé, disposto a axudar ós novos da congregación predicando con eles e axudándolles a acercarse máis a Xehová? Se o fas, recibirás moitas bendicións. Por outro lado, se hai pouco que es publicador, aceptas a axuda que che ofrecen os demais igual que fixo Saulo? Se predicas con irmáns de máis experiencia, mellorarás as túas habilidades no ministerio, desfrutarás máis e conseguirás amizades que poden durar para sempre.

“Moitos creron” (Feitos 9:31-43)

20, 21. Como aproveitaron os períodos de paz os servos de Deus do pasado e do presente?

20 Despois de que Saulo se fixese discípulo e fuxise de Xerusalén, “tódalas congregacións de Xudea, Galilea e Samaria fortalecéronse e entraron nun período de paz” (Feit. 9:31). Como aproveitaron os discípulos este tempo favorable? (2 Tim. 4:2) Os apóstolos e outros irmáns responsables fortaleceron a fe dos discípulos e tomaron a iniciativa en dirixir a obra de predicar. Como resultado, a congregación seguiu medrando e andaba “no temor de Xehová e no consolo do espírito santo”. Por exemplo, Pedro aproveitou este tempo para fortalecer os discípulos da cidade de Lida, na chaira de Sarón. Grazas ós seus esforzos, moitos dos que vivían naquela zona “fixéronse discípulos do Señor” (Feit. 9:32-35). Os discípulos non se distraeron coas súas metas persoais. Todo o contrario, esforzáronse por coidar uns dos outros e por predicar as boas noticias. Como resultado, as congregacións seguiron aumentando en número.

21 Cara ó final do século XX, as testemuñas de Xehová de moitos países “entraron nun período de paz” parecido. Algúns dos gobernos que oprimiran o pobo de Deus durante décadas caeron. Como resultado, suavizáronse ou elimináronse algunhas prohibicións e os irmáns deses países puideron predicar con máis liberdade. Decenas de miles de testemuñas aproveitaron a oportunidade para predicar abertamente e os resultados foron espectaculares.

22. Como podes aproveitar ó máximo a liberdade da que desfrutas?

22 Estás aproveitando ben a liberdade da que desfrutas agora? Se vives nun país onde hai liberdade relixiosa, ten en conta que Satanás intentará que deixes de adorar a Deus doutras maneiras. A el encantaríalle que dedicases tódolos teus esforzos a conseguir riquezas en lugar de servir a Xehová (Mat. 13:22). Por iso, non te distraias. Usa de maneira produtiva calquera período de relativa paz do que poidas desfrutar. Considérao unha oportunidade de dar un testemuño completo e de fortalecer a congregación. Recorda que as túas circunstancias poden cambiar dun día para outro.

23, 24. a) Que leccións podemos aprender do relato de Tabita? b) Que deberiamos estar decididos a facer?

23 Pensa no que lle pasou a unha discípula chamada Tabita ou Dorcas. Ela vivía en Xope, unha cidade cerca de Lida. Esta fiel irmá usaba o seu tempo e as súas posesións de forma sabia. A Biblia di que “facía moitas boas obras e axudaba moito ós necesitados”. Pero un día, de pronto, enfermou e morreu.c A súa morte causoulles moita dor ós discípulos de Xope, especialmente ás viúvas polas que ela fixera tantas cousas boas. Cando Pedro chegou á casa onde tiñan o corpo preparado para o enterro, fixo un milagre que ningún outro apóstolo fixera ata ese momento. Despois de orar, resucitouna. Podes imaxinar a alegría que sentiron as viúvas e os outros discípulos cando Pedro os chamou ó cuarto onde estaban e viron a Tabita viva? Estes acontecementos deberon fortalecelos moito e preparalos para as probas que se lles viñan enriba. Como é normal, todo isto “chegou a saberse por todo Xope e moitos creron no Señor” (Feit. 9:36-42).

Unha irmá dándolle flores a outra que é maior e está enferma.

Como podes imitar a Tabita?

24 Do relato de Tabita podemos aprender dúas leccións moi animadoras: 1) A vida é curta e fugaz. Por iso é vital que, mentres esteamos a tempo, nos ganemos unha boa reputación diante de Deus (Ecl. 7:1). 2) Podemos confiar na esperanza da resurrección. Xehová viu tódalas cousas boas que fixo Tabita e recompensouna. E tamén recordará todo o noso traballo duro e resucitaranos se morremos antes do Armaxedón (Heb. 6:10). Por iso, sen importar se estamos pasando por tempos difíciles ou desfrutando dun período de paz, sigamos dando un testemuño completo acerca de Cristo (2 Tim. 4:2).

SAULO, O FARISEO

No relato de Feitos sobre o asasinato de Esteban fálase dun “home novo que se chamaba Saulo”. Este home era de Tarso, capital da provincia romana de Cilicia, no sur da actual Turquía (Feit. 7:58). Nesa cidade vivían unha gran cantidade de xudeus. Segundo el mesmo escribiu, foi circuncidado “ós oito días; do pobo de Israel; da tribo de Benxamín, nacido e criado hebreo; en canto á Lei, fariseo”. Está claro que, para os xudeus, tiña unha liñaxe impecable (Filip. 3:5).

Saulo, o fariseo.

Tarso era unha grande e próspera cidade comercial, un centro da cultura grega. Ó crecer nesa cidade, Saulo sabía grego. Aínda así, é probable que recibise a súa educación primaria nunha escola xudía. Saulo sabía facer tendas de campaña, un oficio moi común na zona onde vivía que probablemente aprendeu cando era novo do seu pai (Feit. 18:2, 3).

O relato de Feitos tamén mostra que Saulo era cidadán romano de nacemento (Feit. 22:25-28). Iso quere dicir que un dos seus antepasados conseguira este privilexio. Non sabemos como conseguiu a súa familia a cidadanía romana. En todo caso, ese privilexio colocounos entre a alta sociedade da súa provincia. Os antecedentes e a educación de Saulo permitíronlle coñecer ben tres culturas diferentes: a xudía, a grega e a romana.

É probable que Saulo non tivese máis de 13 anos cando se mudou a Xerusalén, a uns 840 quilómetros, para seguir alí coa súa educación. Nesa cidade recibiu formación do propio Gamaliel, un mestre fariseo moi respectado (Feit. 22:3).

Estes estudos superiores, equivalentes ás universidades actuais, probablemente consistían en memorizar tanto as Escrituras como a lei oral xudía. Un bo estudante de Gamaliel tería o éxito asegurado, e parece que Saulo era un estudante excepcional. El mesmo escribiu: “Adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, porque era moito máis fanático das tradicións dos meus devanceiros” (Gál. 1:14). Este entusiasmo pola tradición xudía foi o que o levou a empezar a perseguir a congregación cristiá.

TABITA “FACÍA MOITAS BOAS OBRAS”

Tabita dándolle un regalo a alguén necesitado.

Tabita formaba parte da congregación que había na cidade portuaria de Xope. Era unha irmá moi querida porque “facía moitas boas obras e axudaba moito ós necesitados” (Feit. 9:36). Os xudeus que vivían en zonas onde tamén había moitos xentís, tiñan dous nomes, un hebreo ou arameo e outro grego ou latino. Este era o caso de Tabita, que era un nome arameo, a quen tamén se coñecía como Dorcas, que era o seu nome grego. Os dous termos significan “gacela”.

Parece que Tabita enfermou e morreu de repente. Como era costume, os seus amigos lavaron o seu corpo e preparárono para o funeral. Despois puxérona nun cuarto superior, probablemente da súa propia casa. O clima de Oriente Próximo facía necesario enterrar as persoas o mesmo día da súa morte, ou como moito ó día seguinte. Os cristiáns de Xope escoitaron que o apóstolo Pedro estaba na cidade de Lida e mandaron dous homes para que o fosen buscar. Esta cidade estaba cerca de Xope, a uns 18 quilómetros, así que só lles levaría catro horas chegar camiñando. Este era tempo suficiente para que Pedro chegase antes do enterro de Tabita (Feit. 9:37, 38). Un erudito en temas bíblicos explica: “No xudaísmo primitivo era habitual mandar os mensaxeiros de dous en dous. Desta forma un podía confirmar o que dicía o outro”.

Que pasou cando chegou Pedro? O relato di: “Levárono ó cuarto da planta de arriba e presentáronse diante del tódalas viúvas chorando e ensinándolle toda a roupa e os mantos que Dorcas fixera cando estaba viva” (Feit. 9:39). Tabita sabía coser e facía túnicas e mantos para os irmáns da congregación. Non sabemos se ela pagaba o material ou se simplemente lles facía o traballo. En todo caso, era unha irmá moi querida pola súa bondade e porque “axudaba moito ós necesitados”.

O que Pedro viu naquel cuarto conmoveuno moito. Un experto chamado Richard Lenski di: “Estas manifestacións de tristeza eran moi diferentes das que había na casa de Xairo. Naquela ocasión había moito ruído. Había xente tocando a frauta e mulleres ás que se lles pagara por chorar. Pero na casa de Tabita os sentimentos de tristeza non eran finxidos” (Mat. 9:23). Está claro que a tristeza dos irmáns era verdadeira. O feito de que en ningún momento se mencionase o marido de Tabita fai que moitos pensen que estaba solteira.

Cando Xesús mandou os seus apóstolos predicar, deulles poder para resucitar os mortos (Mat. 10:8). Pedro estivera presente cando Xesús resucitara a filla de Xairo e tamén cando fixo outros milagres. Pero non hai rexistro de que, ata ese momento, ningún apóstolo resucitase a ninguén (Mar. 5:21-24, 35-43). Agora, Pedro mándalles a todos saír do cuarto e fai unha oración. Xusto despois, Tabita abre os ollos e incorpórase. Imaxina a alegría que sentiron os cristiáns de Xope cando viron a súa querida Tabita viva! (Feit. 9:40-42).

a Mira o recadro “Saulo, o fariseo”.

b Como norma xeral, só os apóstolos tiñan o poder de transmitir os dons do espírito santo a outras persoas. Pero nesta situación especial, parece que Xesús autorizou a Ananías a transmitirlle estes dons a Saulo. Despois de facerse cristián, Saulo tardou bastante tempo en poñerse en contacto cos doce apóstolos. Aínda así, parece que durante este tempo se mantivo moi activo na predicación. Así que é posible que Xesús vise necesario que Saulo tivese este poder para efectuar a misión que lle encargou.

c Mira o recadro “Tabita ‘facía moitas boas obras’”.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir