BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • bt cap. 15 páxs. 117-123
  • “Fortalecendo as congregacións”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • “Fortalecendo as congregacións”
  • Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • “Volvamos a visitar os irmáns” (Feitos 15:36)
  • “Unha discusión tan grande” (Feitos 15:37-41)
  • “Falaban moi ben de Timoteo” (Feitos 16:1-3)
  • “A súa fe foise facendo máis forte” (Feitos 16:4, 5)
  • “Falando con valor grazas á autoridade que lles daba Xehová”
    Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Irmán xove, imita a Marcos e a Timoteo
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • “Seguíronse enchendo de espírito santo e de alegría”
    Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Paulo e Timoteo
    Aprendamos das historias da Biblia
Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
bt cap. 15 páxs. 117-123

CAPÍTULO 15

“Fortalecendo as congregacións”

Os superintendentes viaxantes visitan as congregacións para fortalecer a fe dos irmáns.

Baseado en Feitos 15:36–16:5

1-3. a) Quen é o novo compañeiro de viaxe de Paulo, e que sabemos del? b) Que aprenderemos neste capítulo?

MENTRES viaxa dunha cidade a outra, o apóstolo Paulo mira pensativo para o mozo que o acompaña. Chámase Timoteo e posiblemente teña arredor de 20 anos. É un mozo entusiasta con moitas ganas de traballar. A cada paso que dan, Timoteo vaise afastando da súa casa. Segundo avanza o día, a rexión de Listra e Iconio queda cada vez máis lonxe. Que lles espera nesta viaxe? Paulo xa se fai unha idea porque esta é a súa segunda viaxe misional e xa sabe dos moitos perigos e dificultades que pode haber. Por iso é posible que estea pensando en como reaccionará Timoteo.

2 Paulo confía en Timoteo, probablemente máis do que este humilde rapaz confía en si mesmo. Hai pouco pasou algo que fai que Paulo estea máis convencido que nunca de que necesita un bo compañeiro de viaxe. El sabe que visitar as congregacións e fortalecelas require moita determinación e unidade. Pode que pense así por unha discusión que tivo con Bernabé e que fixo que os dous se separasen.

3 Neste capítulo aprenderemos cal é a mellor forma de resolver os desacordos. Tamén veremos por que Paulo escolleu a Timoteo como compañeiro de viaxe. E aprenderemos máis sobre o importante labor que fan na actualidade os superintendentes de circuíto.

“Volvamos a visitar os irmáns” (Feitos 15:36)

4. Por que quería facer Paulo unha segunda viaxe misional?

4 No capítulo anterior vimos que Paulo, Bernabé, Xudas e Silas fortaleceron os irmáns de Antioquía ó transmitirlles a decisión que tomara o consello reitor con respecto á circuncisión. Que fixo Paulo despois? Foi onda Bernabé e comentoulle que estaba planeando unha nova viaxe. Díxolle: “Volvamos a visitar os irmáns de tódalas cidades onde predicamos a palabra de Xehová para ver como están” (Feit. 15:36). Paulo non estaba falando simplemente de ir visitar os seus novos amigos. O libro de Feitos explica por que quería facer esa segunda viaxe misional. En primeiro lugar, quería transmitirlles a máis irmáns as decisións que tomara o consello reitor (Feit. 16:4). En segundo lugar, como superintendente viaxante, Paulo quería fortalecer as congregacións e axudar ós irmáns a ter máis fe (Rom. 1:11, 12). Como imitan na actualidade as testemuñas de Xehová o modelo que puxeron os apóstolos?

5. Como dirixe e anima as congregacións o Consello Reitor da actualidade?

5 Hoxe en día, Cristo usa o Consello Reitor das testemuñas de Xehová para dirixir a súa congregación. Estes fieis homes unxidos animan e guían os irmáns de tódalas congregacións do mundo mediante cartas, publicacións electrónicas e impresas, reunións e outros medios. Ademais, esfórzanse por manter contacto estreito con cada unha das congregacións e para iso utilizan os superintendentes viaxantes. O Consello Reitor encárgase de nomear directamente os miles de anciáns capacitados que serven como superintendentes de circuíto por todo o mundo.

6, 7. Cales son algunhas das responsabilidades que teñen os superintendentes de circuíto?

6 Os superintendentes viaxantes da actualidade preocúpanse por tódolos irmáns das congregacións que visitan e esfórzanse por fortalecer a súa fe. Como o fan? Seguindo o modelo que deixaron Paulo e outros superintendentes viaxantes do primeiro século. El escribiulle a Timoteo, que tamén era superintendente viaxante: “Pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina. [...] Fai obra de evanxelista” (2 Tim. 4:2, 5).

7 De acordo con estas palabras, os superintendentes de circuíto, e as súas mulleres se están casados, acompañan os publicadores das congregacións nas diferentes facetas do ministerio. Como son tan bos mestres e desfrutan tanto da predicación, o seu bo exemplo e as súas cualidades teñen un efecto moi positivo nos irmáns (Rom. 12:11; 2 Tim. 2:15, TNM). Os superintendentes de circuíto son coñecidos polo seu amor desinteresado. Encántalles utilizar o seu tempo e enerxías para servir a outros, e están dispostos a viaxar cando fai moi mal tempo e incluso a zonas moi perigosas (Filip. 2:3, 4). Presentan discursos baseados na Biblia para animar, ensinar e dar consello. Tódolos irmáns podemos beneficiarnos se nos fixamos no seu bo exemplo e tratamos de imitar a súa fe (Heb. 13:7).

“Unha discusión tan grande” (Feitos 15:37-41)

8. Como reaccionou Bernabé ante a idea de Paulo?

8 A Bernabé pareceulle ben a idea de Paulo de volver a “visitar os irmáns” (Feit. 15:36). Os dous traballaran moi ben xuntos e xa coñecían tanto as rexións coma os irmáns das congregacións que querían visitar (Feit. 13:2–14:28). Por iso parecía boa idea que os dous traballasen xuntos de novo. Pero xurdiu un problema: “Bernabé insistía en levar con eles a Xoán, a quen lle chamaban Marcos” (Feit. 15:37). Esta non era só unha proposta. El estaba decidido a levar o seu primo Marcos con eles nesta viaxe misional.

9. Por que Paulo non estaba de acordo con Bernabé?

9 Pero Paulo non estaba de acordo. Por que? O relato continúa dicindo: “Paulo non quería levalo, porque se separara deles en Panfilia e non os acompañara na obra de predicar” (Feit. 15:38). Marcos xa fora con Paulo e Bernabé na súa primeira viaxe misional, pero pouco despois de saír, cando estaban en Panfilia, abandonounos e volveu a Xerusalén (Feit. 12:25; 13:13). Aínda que a Biblia non di por que marchou, parece ser que ó apóstolo Paulo lle pareceu unha forma de actuar irresponsable. Por iso é probable que se preguntase se podían confiar nel.

10. Como acabou o desacordo entre Paulo e Bernabé?

10 Bernabé seguía insistindo en levar a Marcos. E Paulo tampouco cedía. “Isto provocou unha discusión tan grande que cada un marchou polo seu lado” (Feit. 15:39). Bernabé colleu un barco a Chipre, a súa illa natal, e levou consigo a Marcos. Por outro lado, Paulo seguiu cos seus plans. O relato di: “Paulo escolleu a Silas e, despois de que os irmáns lle pedisen a Xehová que lles demostrase a súa bondade inmerecida, marchou” (Feit. 15:40). Xuntos viaxaron “por Siria e Cilicia fortalecendo as congregacións” (Feit. 15:41).

11. Que cualidades nos axudarán a solucionar as diferenzas que poidamos ter con alguén?

11 Pode que este relato nos recorde que nós tamén somos imperfectos. Paulo e Bernabé foran escollidos para ser representantes do consello reitor. E é probable que tempo despois o propio Paulo chegase a ser membro deste grupo. A pesar de todo isto, nesta ocasión os dous perderon o control. Permitirían que esta situación danase a súa amizade? Non. Aínda que eran imperfectos, Paulo e Bernabé eran humildes e esforzábanse por imitar a Xesús. Co tempo, perdoáronse un ó outro e solucionaron as súas diferenzas (Ef. 4:1-3). De feito, tempo máis tarde, Paulo e Marcos volveron traballar xuntos (Col. 4:10).a

12. Que cualidades de Paulo e Bernabé deberían imitar os superintendentes da actualidade?

12 Aínda que naquela ocasión Bernabé e Paulo se enfadaron moito, non era algo característico deles. Bernabé era coñecido por ser un home cariñoso e xeneroso. Tanto era así que en vez de chamarlle polo seu nome, Xosé, os apóstolos chamábanlle Bernabé, que significa “fillo do consolo” (Feit. 4:36). Paulo tamén era coñecido por ser amable e por preocuparse polos demais (1 Tes. 2:7, 8). Na actualidade, os anciáns, incluídos os superintendentes de circuíto, deben imitar a Paulo e a Bernabé. Igual ca eles, deben ser humildes e tratar con cariño os demais anciáns e o resto dos irmáns da congregación (1 Ped. 5:2, 3).

“Falaban moi ben de Timoteo” (Feitos 16:1-3)

13, 14. a) Quen era Timoteo, e como o coñeceu Paulo? b) Por que se fixou Paulo en Timoteo? c) Que responsabilidade recibiu Timoteo?

13 Na súa segunda viaxe misional, Paulo visitou as congregacións da provincia romana de Galacia. Co tempo, “chegou a Derbe e despois a Listra”. O relato engade: “Alí había un discípulo que se chamaba Timoteo. Súa nai era unha muller xudía crente, pero seu pai era grego” (Feit. 16:1).b

14 É probable que Paulo coñecese a familia de Timoteo arredor do ano 47, durante a primeira viaxe que fixo por aquela zona. Agora, dous ou tres anos despois, durante a súa segunda viaxe, Paulo fíxase neste mozo. Por que? Porque os irmáns falaban moi ben del. Timoteo non só tiña boa reputación na súa congregación senón tamén nas que estaban cerca. O relato explica que tanto os irmáns de Listra coma os de Iconio, que estaba a uns 30 quilómetros, falaban moi ben del (Feit. 16:2). Guiados polo espírito santo, os anciáns encargáronlle a Timoteo unha responsabilidade moi importante: acompañar a Paulo e a Silas como ministro viaxante (Feit. 16:3).

15, 16. Por que tiña Timoteo tan boa reputación?

15 Por que falaban tan ben de Timoteo sendo tan novo? Era pola súa intelixencia, polo seu físico ou polas súas habilidades? As persoas adoitan darlle importancia a esas cousas. Incluso o profeta Samuel se deixou influenciar unha vez polas aparencias. Pero Xehová recordoulle: “Deus non olla coma os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón” (1 Sam. 16:7). En vez de centrarse nas habilidades persoais de Timoteo, os irmáns fixáronse nas súas boas cualidades.

16 Anos máis tarde, o apóstolo Paulo falou dalgunhas das cualidades espirituais que tiña Timoteo. Por exemplo, falou da súa boa actitude, do seu amor desinteresado e do duro traballo que facía nas congregacións (Filip. 2:20-22). Timoteo tamén era coñecido pola súa “fe sincera” (2 Tim. 1:5).

17. Como poden imitar os mozos a Timoteo?

17 Na actualidade, moitos rapaces e rapazas imitan a Timoteo cultivando boas cualidades. Así, poden chegar a ter un bo nome ante Xehová e os irmáns, incluso dende que son moi noviños (Prov. 22:1; 1 Tim. 4:15). Demostran unha fe sen hipocrisía evitando levar unha dobre vida (Sal. 26:4). Como resultado, moitos deles chegan a ser moi valiosos para a congregación, igual que Timoteo. Que contentos nos sentimos todos cando cumpren os requisitos para ser publicadores e co tempo se dedican a Xehová e se bautizan!

“A súa fe foise facendo máis forte” (Feitos 16:4, 5)

18. a) Como colaboraron Paulo e Timoteo co consello reitor? b) Como se beneficiaron as congregacións?

18 Paulo e Timoteo traballaron xuntos durante anos. Como ministros viaxantes, fixeron todo o que o consello reitor lles encargou. A Biblia di: “Paulo e os que ían con el viaxaban dunha cidade a outra, e transmitíanlles ós irmáns as decisións que tomaran os apóstolos e os anciáns que estaban en Xerusalén para que as obedecesen” (Feit. 16:4). Como resultado de obedecer aquelas instrucións, “as congregacións seguiron medrando cada vez máis e a súa fe foise facendo máis forte” (Feit. 16:5).

19, 20. Por que deberían os cristiáns obedecer os irmáns que os dirixen?

19 Do mesmo xeito, as testemuñas de Xehová desfrutan de moitas bendicións porque obedecen de boa gana as instrucións que reciben dos irmáns que os dirixen (Heb. 13:17). Como a escena deste mundo está cambiando continuamente, é moi importante que os cristiáns nos manteñamos ó día co alimento espiritual que nos dá “o escravo fiel e prudente” (Mat. 24:45; 1 Cor. 7:29-31). Se o facemos, manterémonos fortes na fe e sen mancha do mundo (Sant. 1:27).

20 Os superintendentes cristiáns da actualidade, incluídos os membros do Consello Reitor, son imperfectos igual que o eran Paulo, Bernabé, Marcos e outros anciáns unxidos do primeiro século (Rom. 5:12; Sant. 3:2). Pero como o Consello Reitor segue minuciosamente o que di a Palabra de Deus e tamén o exemplo dos apóstolos, demostra ser digno de confianza (2 Tim. 1:13, 14). Como resultado, as congregacións fortalécense e a fe dos irmáns faise máis forte.

TIMOTEO, ESCRAVO Ó “SERVIZO DO EVANXEO”

Paulo valoraba moito a axuda de Timoteo. Despois de colaborar xuntos durante uns 11 anos, escribiu sobre el: “Non teño ninguén coma el que mire lealmente polas vosas cousas, [...] xa sabemos ben como é: que se puxo comigo ao servizo do Evanxeo, coma un fillo co seu pai” (Filip. 2:20, 22, SEPT2021). Timoteo traballou moi duro na obra de predicar. Dese xeito ganouse o cariño de Paulo e deixounos un exemplo moi bo.

Timoteo.

O seu pai era grego e a súa nai xudía. Ó parecer creceu na cidade de Listra e aprendeu das Escrituras dende pequeno grazas á súa nai Eunice e á súa avoa Loide (Feit. 16:1, 3; 2 Tim. 1:5; 3:14, 15). É probable que tanto elas coma el se fixesen cristiáns cando Paulo visitou Listra por primeira vez.

Cando Paulo volveu uns anos despois, Timoteo tiña arredor de 20 anos e “os irmáns de Listra e de Iconio falaban moi ben” del (Feit. 16:2). De acordo con algunhas profecías inspiradas sobre Timoteo, Paulo e os anciáns da congregación recomendárono para un labor especial: acompañar o apóstolo na súa viaxe misional (1 Tim. 1:18; 4:14; 2 Tim. 1:6). Pero para iso tería que deixar a súa familia e circuncidarse. Dese xeito non sería un tropezo para os xudeus ós que lles ía predicar (Feit. 16:3).

Timoteo viaxou a moitos sitios. Predicou con Paulo e Silas en Filipos, despois foi con Silas a Berea e máis tarde predicou el só en Tesalónica. Cando se volveu xuntar con Paulo en Corinto, Timoteo faloulle do amor e da fe que demostraban os irmáns de Tesalónica a pesar das súas dificultades (Feit. 16:6–17:14; 1 Tes. 3:2-6). Máis tarde, cando Paulo estaba en Éfeso, recibiu noticias preocupantes dos corintios, así que pensou en enviarlles a Timoteo de volta (1 Cor. 4:17). Tempo despois, Paulo enviou a Timoteo xunto con Erasto a Macedonia. Pero cando Paulo lles escribiu ós romanos, Timoteo estaba de novo con el en Corinto (Feit. 19:22; Rom. 16:21). Estas son só algunhas das viaxes que fixo Timoteo polas boas noticias.

Pode ser que Timoteo non se sentise capacitado para esta responsabilidade. Por iso Paulo lle escribiu: “Que ninguén faga pouco de ti por seres tan novo” (1 Tim. 4:12). Confiaba tanto nel que incluso o enviou a unha congregación que tiña moitos problemas para que lles mandase a certas persoas que non ensinasen “doutrinas alleas” (1 Tim. 1:3). Paulo tamén lle deu autoridade para nomear superintendentes e servos ministeriais nas congregacións (1 Tim. 5:22).

Timoteo fíxose querer por Paulo grazas ás súas excelentes cualidades. As Escrituras mostran que este mozo foi máis que un amigo íntimo e leal, foi coma un fillo para Paulo. De feito, o apóstolo escribiulle que recordaba as súas lágrimas, que desexaba velo e que oraba por el. Coma un pai preocupado, tamén lle deu consellos para as súas “frecuentes doenzas”, posiblemente de estómago (1 Tim. 5:23; 2 Tim. 1:3, 4).

Cando Paulo estivo preso en Roma por primeira vez, Timoteo estaba con el. E durante un tempo el tamén estivo na prisión (Filem. 1; Heb. 13:23). Está claro que os dous estaban moi unidos. De feito, cando Paulo se deu conta de que pronto ía morrer, escribiulle: “Prepárate para vires onda min axiña” (2 Tim. 4:6-9). Con todo, a Biblia non di se Timoteo chegou a tempo para volver a ver o seu querido amigo e mentor.

MARCOS DESFRUTOU DE MOITAS BENDICIÓNS

O Evanxeo de Marcos fala dun mozo que “fuxiu espido” cando o intentaron atrapar a noite que detiveron a Xesús (Mar. 14:51, 52). Como Marcos foi o único que incluíu este dato no seu Evanxeo, é probable que el fose ese mozo. Se é así, Marcos, tamén coñecido como Xoán Marcos, tivo polo menos certo contacto con Xesús.

Marcos está tomando notas mentres escoita a un home maior.

Uns 11 anos despois, cando Herodes Agripa empezou a perseguir os cristiáns, moitos irmáns da congregación de Xerusalén reuníronse para orar na casa de María, a nai de Marcos. Esa mesma noite o apóstolo Pedro tamén foi alí despois de que un anxo o liberase milagrosamente da prisión (Feit. 12:12). Polo tanto, é probable que Marcos crecese nunha casa que máis tarde se utilizaría para celebrar reunións cristiás. Está claro que coñeceu ben os primeiros discípulos de Xesús e que eles foron unha boa influencia para el.

Marcos tivo o honor de colaborar man a man con moitos superintendentes das primeiras congregacións. Parece ser que a primeira responsabilidade que lle encargaron foi acompañar o seu primo Bernabé e o apóstolo Paulo a Antioquía de Siria (Feit. 12:25). Tamén foi con eles na súa primeira viaxe misional, cando embarcaron a Chipre e máis tarde a Asia Menor. Pero, unha vez alí, Marcos decidiu volver a Xerusalén por razóns descoñecidas (Feit. 13:4, 13). No capítulo 15 de Feitos lemos que Bernabé e Paulo tiveron unha discusión moi forte por culpa de Marcos. Como consecuencia, Bernabé colleu o seu primo e marchou a Chipre para seguir co seu servizo misional (Feit. 15:36-39).

Aínda así, todo parece indicar que os tres resolveron as súas diferenzas, pois arredor do ano 60 ou 61 Marcos volvía a estar colaborando con Paulo, esta vez en Roma. Estando prisioneiro alí, Paulo escribiulles ós colosenses: “Saúdos de Aristarco, o meu compañeiro na cadea, e de Marcos, curmán de Bernabé (acerca deste xa recibistes algunhas instruccións: se chega onda vós, acollédeo)” (Col. 4:10). Polo visto, Paulo estaba pensando en enviarlles a Xoán Marcos en representación súa.

Nalgún momento entre os anos 62 e 64, Marcos tamén colaborou co apóstolo Pedro en Babilonia. Como vimos no capítulo 10 deste libro, entre eles xurdiu unha amizade moi estreita, ata o punto de que Pedro lle chamou “o meu fillo Marcos” (1 Ped. 5:13).

Arredor do ano 65, mentres estaba preso en Roma por segunda vez, Paulo escribiulle ó seu compañeiro Timoteo, que estaba en Éfeso: “Recolle a Marcos e tráeo contigo, porque me é moi útil para o ministerio” (2 Tim. 4:11, NTWA). Sen dúbida, Marcos aceptou inmediatamente esta invitación e viaxou de Éfeso a Roma. Con razón Bernabé, Paulo e Pedro o apreciaban tanto!

Pero o honor máis grande que Xehová lle deu foi escribir un dos catro Evanxeos inspirados. Hai quen opina que Marcos obtivo moita da información que incluíu no seu libro do apóstolo Pedro, porque contén moitos detalles que só podería coñecer alguén que os viviu en persoa. Aínda así, parece que escribiu o seu Evanxeo en Roma, e non cando estivo con Pedro en Babilonia. Marcos usou moitas expresións en latín e traduciu palabras hebreas que lles poderían ser difíciles de entender ós xentís. Por iso, é probable que escribise este Evanxeo pensando sobre todo neles.

a Mira o recadro “Marcos desfrutou de moitas bendicións”.

b Mira o recadro “Timoteo, escravo ó ‘servizo do Evanxeo’”.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir