ARTIGO DE ESTUDO 18
CANCIÓN sjj 65 Melloremos na predicación
Irmán xove, imita a Marcos e a Timoteo
“Recolle a Marcos e traino contigo, que me cómpre moito para o ministerio” (2 TIM. 4:11).
OBXECTIVO
Ver como o exemplo de Marcos e de Timoteo pode axudarlles ós irmáns xoves a cultivar as cualidades necesarias para facer máis por Xehová e polos irmáns da congregación.
1, 2. Que desafíos puideron impedir que Marcos e Timoteo servisen a outros máis plenamente?
IRMANCIÑO, queres aumentar o teu servizo a Xehová e axudarlles máis ós da túa congregación? Seguro que si. Que animador é ver tantos rapaces dispostos a servir a outros! (Sal. 110:3) Pero quizais te enfrontes a desafíos. Dubidas en aumentar o teu servizo por medo a non saber como será a túa vida ou a onde quererá Xehová que vaias? Rechazaches algunha asignación por falta de confianza en ti mesmo? Se é así, non es o primeiro.
2 Marcos e Timoteo pasaron por desafíos parecidos. Pero non permitiron que o medo ó descoñecido ou a falta de experiencia lles impedise servir ós demais. Posiblemente Marcos vivía coa súa nai nunha boa casa cando o apóstolo Paulo e Bernabé o invitaron a que os acompañase na súa primeira viaxe misional (Feit. 12:12, 13, 25). El estivo disposto a deixar o seu fogar para facer máis por Xehová. Primeiro mudouse a Antioquía, e despois viaxou con Paulo e Bernabé a lugares que estaban máis lonxe (Feit. 13:1-5). De maneira parecida, é probable que Timoteo vivise cos seus pais cando Paulo o invitou a unirse a el na obra de predicar. Como era novo e non tiña experiencia, Timoteo puido sentir que non estaba preparado para ir con Paulo (compara con 1 Corintios 16:10, 11 e 1 Timoteo 4:12). Pero aceptou a invitación e, como resultado, desfrutou de moitas bendicións (Feit. 16:3-5).
3. a) Como sabemos que Paulo apreciaba a Marcos e a Timoteo? (2 Timoteo 4:6, 9, 11) (Ver tamén as imaxes) b) Que preguntas responderemos neste artigo?
3 Marcos e Timoteo aprenderon a encargarse de moitas responsabilidades na congregación cando aínda eran novos. Paulo apreciábaos tanto que, cando máis tarde se deu conta de que lle faltaba pouco para morrer, pediulles que fosen onda el (le 2 Timoteo 4:6, 9, 11). Que boas cualidades de Marcos e Timoteo fixeron que Paulo os quixese e confiase neles? Como poden imitalos os irmáns xoves? E como lles pode axudar hoxe en día os consellos cariñosos de Paulo?
Marcos e Timoteo gañaron o cariño de Paulo asumindo responsabilidades cando aínda eran novos (ver o parágrafo 3).c
IMITA A MARCOS ESTANDO DISPOSTO A SERVIR
4, 5. Como demostrou Marcos que estaba disposto a servir a outros?
4 Segundo unha obra de consulta, servir a outros implica esforzarse por axudarlles “con dilixencia e persistencia”.a Marcos deixounos un bo exemplo disto. Cando Paulo non quixo levalo con el á súa segunda viaxe misional, é posible que se sentise ferido e decepcionado (Feit. 15:37, 38). Pero isto non fixo que Marcos deixase de servir ós seus irmáns.
5 Marcos foi co seu primo Bernabé a servir a un lugar diferente. E uns 11 anos máis tarde, foi un dos que apoiaron a Paulo cando este estaba preso en Roma (Filem. 23, 24). De feito, Paulo apreciou tanto o seu apoio que dixo que Marcos fora “un bo alivio” para el (Col. 4:10, 11).
6. Como beneficiou a Marcos pasar tempo con cristiáns maduros? (Ver tamén a nota).
6 A Marcos beneficiouno moito pasar tempo con cristiáns maduros. Despois de estar unha temporada con Paulo en Roma, foi onda Pedro, en Babilonia. Fixéronse tan bos amigos que Pedro chamouno “o meu fillo Marcos” (1 Ped. 5:13). Mentres colaboraban xuntos, é posible que o apóstolo lle contase moitos detalles interesantes sobre a vida e o ministerio de Xesús que máis tarde Marcos incluíu no Evanxeo que leva o seu nome.b
7. Como imitou Seung-Woo o exemplo de Marcos? (Ver tamén a imaxe).
7 Marcos mantívose activo no seu servizo e estivo cerca de irmáns maduros. Como podes imitalo? Quizais queiras facer máis no servizo a Xehová, como ser servo ministerial ou ancián, pero aínda non reúnas os requisitos. Se é así, non te desanimes e sigue buscando cousas que facer por Xehová e pola congregación. Fíxate no exemplo de Seung-Woo, quen agora serve como ancián. Cando era novo, comparábase con outros rapaces da congregación. Algúns deles recibiron responsabilidades antes ca el e isto fixo que Seung-Woo se sentise ferido e decepcionado. Co tempo contóullelo ós anciáns. Un deles suxeriulle que fixese o posible por servir a outros aínda que ás veces non se desen conta das cousas boas que facía. Seung-Woo puxo en práctica este consello e empezou a axudarlles ós maiores e ós que necesitaban transporte para ir ás reunións. Pensando naquela época, el conta: “Cheguei a entender o que significa servir a outros máis plenamente. Descubrín a felicidade que se sente ó axudarlles ós demais de maneiras prácticas”.
Como se benefician os xoves de pasar tempo con irmáns maduros? (Ver o parágrafo 7).
IMITA A TIMOTEO PREOCUPÁNDOTE REALMENTE POLOS DEMAIS
8. Por que escolleu Paulo a Timoteo para que viaxase con el? (Filipenses 2:19-22).
8 Paulo necesitaba compañeiros de viaxe valentes para volver ás cidades onde se enfrontara a oposición. Primeiro escolleu un cristián de experiencia chamado Silas (Feit. 15:22, 40). Despois tamén seleccionou a Timoteo. Que lle chamou a atención deste rapaz? Por un lado, a súa boa reputación (Feit. 16:1, 2). E por outro, que se preocupase realmente polas persoas (le Filipenses 2:19-22).
9. Como demostrou Timoteo que realmente se preocupaba polos seus irmáns?
9 Dende que empezou a colaborar con Paulo, Timoteo demostrou que se preocupaba máis polos demais que por si mesmo. Por iso, cando marchou de Berea, Paulo puido deixar alí a Timoteo sabendo que coidaría ben dos novos discípulos daquel lugar (Feit. 17:13, 14). Naquela ocasión seguro que Timoteo aprendeu moito de Silas, quen tamén quedou en Berea. Máis tarde, Paulo pediulle a Timoteo que fose el só a Tesalónica para fortalecer os cristiáns daquela cidade (1 Tes. 3:2). Durante os seguintes 15 anos, o amor de Timoteo polos seus irmáns fortaleceuse. Queríaos tanto que ás veces incluso choraba cando os vía sufrir (Rom. 12:15; 2 Tim. 1:4). Como poden os irmáns xoves da congregación imitar a Timoteo?
10. Como aprendeu Woo Jae a interesarse máis por outros?
10 Un irmán que se chama Woo Jae aprendeu a interesarse máis por outros. Cando era novo, facíaselle difícil manter conversacións con irmáns de máis idade. Así que, cando os vía nas reunións, simplemente os saudaba e despois marchaba. Un ancián suxeriulle que empezase conversacións dicíndolles ós irmáns o que valoraba deles. Tamén lle dixo que pensase no que lle podería interesar á persoa coa que estivese falando. Woo Jae aplicou este consello. Hoxe en día é ancián, e conta: “Agora paréceme máis fácil ter boas conversacións con persoas de diferentes idades. Faime sentir ben entender mellor as circunstancias dos demais. Isto resúltame moi útil para axudarlles ós irmáns”.
11. Como poden os rapaces aprender a mostrar interese persoal por outros da súa congregación? (Ver tamén a imaxe).
11 Rapaz, ti tamén podes aprender a demostrar interese persoal por outros. Cando esteas na reunión fala con todos, incluídos os maiores e os que son máis novos ca ti. Pregúntalles que tal están e despois escoita. Co tempo quizais te deas conta de como lles podes axudar. Por exemplo, ó mellor chegas a saber que un matrimonio maior necesita axuda para usar a aplicación JW Library®. Ou poida que necesiten alguén que os acompañe na predicación. Poderías botarlles unha man con estas cousas? Ó tomar a iniciativa de axudar a outros serás un bo exemplo para todos.
Os irmáns xoves poden axudar á congregación de moitas maneiras prácticas (ver o parágrafo 11).
BENEFÍCIATE DOS CONSELLOS CARIÑOSOS DE PAULO
12. Como poden beneficiarse os irmáns xoves hoxe en día dos consellos que Paulo lle deu a Timoteo?
12 Paulo deulle a Timoteo consellos prácticos para axudarlle a ter unha vida feliz e a servir a Deus plenamente (1 Tim. 1:18; 2 Tim. 4:5). E como podedes os irmáns xoves hoxe en día beneficiarvos dos consellos cariñosos de Paulo? Lendo as dúas cartas que lle escribiu a Timoteo coma se as escribise tamén para vós e buscando que ideas aplicar na vosa vida. Vexamos algúns exemplos.
13. Que nos axudará a sentir un apego persoal por Xehová?
13 “Exercítate na auténtica piedade” (1 Tim. 4:7b). Que é ter auténtica piedade? É sentir un apego persoal por Xehová e ter o desexo de facer o que lle gusta. Como non nacemos con esta cualidade, necesitamos cultivala. Como? A palabra grega para exercítate usábase a miúdo para describir o duro adestramento dos atletas que se preparaban para unha competición. Estes atletas tiñan que ser disciplinados para crear bos hábitos que lles axudasen a gañar. Nós tamén necesitamos ser disciplinados para crear hábitos que nos acerquen máis a Xehová.
14. Cal debe ser o noso obxectivo cando lemos a Biblia? Pon un exemplo.
14 É importante ter o hábito de ler a Biblia tódolos días e recordar que o obxectivo que queremos conseguir coa nosa lectura é acercarnos máis a Xehová. Por exemplo, que podes aprender da conversa entre Xesús e o mozo gobernante que era rico? (Mar. 10:17-22) Este home cría que Xesús era o Mesías, pero non tivo a fe suficiente como para seguilo. Aínda así, Xesús “sentiu cariño por el”. Non te conmove a amabilidade coa que lle falou? Está claro que quería que este mozo fose feliz servindo a Deus. O que sentía por el era exactamente o mesmo que sentía Xehová (Xoán 14:9). Cando penses neste relato e nas túas circunstancias, pregúntate: “Que necesito facer para acercarme máis a Xehová e servir a outros máis plenamente?”.
15. Por que debe ser importante para un xove dar un bo exemplo? (1 Timoteo 4:12, 13, TNM).
15 “Sé un exemplo para os fieis” (le 1 Timoteo 4:12, 13, TNM). Paulo non só animou a Timoteo a adquirir habilidades, como ler e ensinar, senón tamén cualidades, como o amor, a fe e a castidade. Por que? Porque o que facemos vale máis que o que dicimos. Imaxina que che encargan presentar un discurso sobre como facer máis na predicación. Non te sentirás incómodo ó falar sobre o tema se ti estás dando o mellor na predicación. O teu exemplo daralles peso ás túas palabras (1 Tim. 3:13).
16. a) En que cinco aspectos pode un rapaz da congregación ser un exemplo? b) Como podería un xove chegar a ser un exemplo coa súa “maneira de falar”?
16 En 1 Timoteo 4:12 (TNM), Paulo menciona cinco aspectos nos que un rapaz da congregación pode ser un exemplo. Por que non meditas en cada un deles no teu estudo persoal? Imaxina que queres ser un bo exemplo coa “túa maneira de falar”. Pensa en como usar as túas palabras para animar a outros. Se aínda vives na casa cos teus pais, poderías dicirlles máis a miúdo canto valoras todo o que fan por ti? Despois das reunións, por que non lle dis a alguén que participou no programa o que che gustou da súa parte? Tamén poderías intentar comentar na reunión coas túas propias palabras. Os esforzos que fagas por ser un bo exemplo coa túa maneira de falar demostrarán que estás progresando en sentido espiritual (1 Tim. 4:15).
17. Que lle axudará a un cristián xove a alcanzar as súas metas espirituais? (2 Timoteo 2:22).
17 “Fuxe das paixóns da mocidade e procura a xustiza” (le 2 Timoteo 2:22). Paulo animou a Timoteo a loitar contra os desexos que podían distraelo das súas metas espirituais e danar a súa relación con Xehová. Quizais ti tamén te deas conta de que certas actividades, aínda que non son malas, che deixan pouco tempo para facer cousas no teu servizo a Xehová. Por exemplo, pensa en canto tempo pasas practicando deportes, conectado a Internet ou xogando a videoxogos. Poderías dedicar parte del a facer cousas por Xehová e por outros? Quizais poderías ofrecerte para participar no mantemento do teu Salón do Reino ou para apoiar o programa de predicación cos carriños. Se participas en actividades coma estas, é posible que fagas novos amigos que che axuden a poñerte e a alcanzar metas espirituais.
TERÁS UNHA VIDA EMOCIONANTE SE SERVES ÓS DEMAIS
18. Por que podemos dicir que Marcos e Timoteo tiveron vidas felices e cheas de experiencias impresionantes?
18 Marcos e Timoteo fixeron sacrificios para servir a outros máis plenamente, e por iso tiveron vidas felices e cheas de experiencias impresionantes (Feit. 20:35). Para servir ós seus irmáns, Marcos viaxou a diferentes partes do mundo. Tamén escribiu un relato emocionante sobre a vida de Xesús e o seu ministerio. Timoteo axudou a Paulo a formar novas congregacións e a animar os irmáns. Está claro que a Xehová lle encantaba ver o espírito de sacrificio que demostraban Marcos e Timoteo.
19. Por que deberían os rapaces tomar en serio os consellos que Paulo lle deu a Timoteo, e cal será o resultado?
19 O cariño que Paulo lle tiña a Timoteo vese claramente nas cartas que lle escribiu. Pero como foi Xehová quen usou a Paulo para escribilas, as cousas que lemos nelas tamén nos demostran que Xehová quere moito os rapaces hoxe en día. El desexa que teñan unha vida marabillosa servíndoo. Así que toma moi en serio os consellos cariñosos de Paulo e esfórzate por ter o desexo de servir a outros máis plenamente. Se o fas, desfrutarás dunha vida moi feliz agora e conseguirás “a verdadeira vida” que está por vir (1 Tim. 6:18, 19).
CANCIÓN sjj 80 Vede e probade que bo é Deus
a Bibliotheca Sacra, volume 140, número 558 (abril-xuño 1983), páxina 153, “Behind the Word ‘Deacon’: A New Testament Study”, escrito por D. Edmond Hiebert.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Marcos coidando das necesidades de Paulo e Bernabé na súa viaxe misional. Timoteo visitando de boa gana unha congregación para fortalecer e animar os irmáns.