CAPÍTULO 23
“Escoitade o que teño que dicirvos na miña defensa”
Paulo defende a verdade diante de multitudes enfurecidas e do Sanedrín.
Baseado en Feitos 21:18–23:10
1, 2. Por que foi Paulo a Xerusalén, e a que desafíos se enfrontará alí?
UNHA vez máis Paulo está en Xerusalén. Camiña polas súas estreitas rúas cheas de xente. Esta cidade foi o centro da adoración a Xehová na Terra durante séculos e os seus habitantes séntense moi orgullosos diso. Paulo sabe que moitos cristiáns seguen aferrándose á Lei mosaica e estalles custando aceptar os cambios que Xehová fixo na forma de adoralo. Por iso cando estaba en Éfeso decidiu ir a Xerusalén para axudar ós cristiáns de alí. Ademais de levarlles as doazóns que xuntara, propúxose axudarlles a corrixir a súa forma de pensar (Feit. 19:21). A pesar do perigo que implica, Paulo está decidido a cumprir co seu propósito.
2 A que desafíos se enfrontará Paulo agora en Xerusalén? Un deles virá dalgúns cristiáns que cren os rumores que se contan sobre el. Pero serán os inimigos de Xesús os que lle causarán máis problemas. Eles lanzarán acusacións falsas contra el, golpearano e ameazarano de morte. Pero todos estes acontecementos vanlle dar a Paulo a oportunidade de defender a súa fe. E a humildade, valentía e fe que demostrará ó enfrontarse a estes desafíos serve de exemplo para nós.
“Puxéronse a darlle gloria a Deus” (Feitos 21:18-20a)
3-5. a) Con quen se reuniu Paulo cando foi a Xerusalén, e de que falaron? b) Que podemos aprender da reunión de Paulo cos anciáns de Xerusalén?
3 O día despois de chegar a Xerusalén, Paulo e os seus compañeiros foron ver os anciáns da congregación. No relato non se menciona ningún dos apóstolos, quizais porque o deixaron todo para ir servir a outras partes do mundo. Pero Santiago, o irmán de Xesús, aínda estaba alí (Gál. 2:9). De feito, é posible que fose el quen presidise a reunión cando tódolos anciáns de Xerusalén se xuntaron con Paulo (Feit. 21:18).
4 Paulo saudou os anciáns “e púxose a contarlles en detalle tódalas cousas que Deus fixera entre as nacións mediante o seu labor de predicar” (Feit. 21:19). Que emocionante debeu ser escoitar a Paulo contar todo o que lle pasara. A nós tamén nos alegra moito escoitar como avanza a obra de predicar noutras partes do mundo (Prov. 25:25).
5 É posible que nalgún momento Paulo mencionase as contribucións que trouxo de Europa. Ver que irmáns de tan lonxe se preocupaban por eles chegoulles ó corazón. Como consecuencia, os anciáns “puxéronse a darlle gloria a Deus” (Feit. 21:20a). Na actualidade pasa algo parecido. Moitos irmáns que son vítimas de desastres ou están moi enfermos emociónanse cando outros irmáns lles dan a axuda e o ánimo que necesitan xusto no momento oportuno.
Algúns seguen defendendo “a Lei con moito entusiasmo” (Feitos 21:20b, 21)
6. De que problema lle falaron os anciáns a Paulo?
6 Despois, os anciáns faláronlle a Paulo dun problema. Comentáronlle que os irmáns de Xudea estaban preocupados por algo que escoitaran sobre el. Dixéronlle: “Irmán, sabes que hai moitos miles de crentes que son xudeus e que todos defenden a Lei con moito entusiasmo. Pero eles escoitaron rumores de que lles estás ensinando a tódolos xudeus que viven entre as nacións que deixen a Lei de Moisés, porque lles dis que non circunciden os seus fillos nin sigan os costumes ós que están tan apegados” (Feit. 21:20b, 21).a
7, 8. a) Que forma de pensar equivocada tiñan moitos cristiáns xudeus? b) Por que podemos dicir que esta forma de pensar non era apóstata?
7 Por que había tantos cristiáns que insistían en defender a Lei mosaica 20 anos despois de que fose abolida? (Col. 2:14) No ano 49, os apóstolos e os anciáns reuníranse en Xerusalén e enviaran unha carta ás congregacións para explicarlles que os non xudeus non tiñan que circuncidarse nin obedecer a Lei de Moisés (Feit. 15:23-29). Pero como a carta non mencionaba especificamente os cristiáns xudeus, moitos deles pensaban que aínda tiñan que obedecela.
8 Convertéronse en apóstatas por ter unha forma de pensar equivocada? Non. Ó fin e ó cabo non se trataba de persoas que antes adorasen deuses falsos e agora quixesen volver ós seus costumes. A lei que tanto defendían estes cristiáns xudeus viña de Xehová, non había nada demoníaco ou malo nela. Pero esta lei estaba asociada co antigo pacto, mentres que os cristiáns agora estaban baixo o novo pacto. Para adorar a Xehová como el quería, xa non tiñan que obedecer a Lei. Os cristiáns xudeus que insistían en que había que seguir a Lei faltáballes entender ben este asunto e confiar na congregación cristiá. Necesitaban adaptar a súa forma de pensar ós cambios que Xehová ía establecendo (Xer. 31:31-34; Luc. 22:20).b
“Os rumores sobre ti non son certos” (Feitos 21:22-26)
9. Que ensinou Paulo respecto á Lei mosaica?
9 E que hai dos rumores que dicían que Paulo andaba ensinando que os xudeus das nacións non debían circuncidar os seus fillos nin seguir outros costumes da Lei? Paulo era apóstolo dos xentís e foi a eles ós que lles predicou e explicou a decisión de que xa non tiñan que obedecer a Lei. Tamén lles mostrou que os que insistían en que os non xudeus tiñan que circuncidarse e obedecer a Lei estaban equivocados (Gál. 5:1-7). Paulo tamén lles predicou ós xudeus que encontraba nas cidades que visitaba. E ós que querían escoitalo seguro que lles explicou que a morte de Xesús deixara obsoleta a Lei e que non era necesario obedecela para que Deus os considerase xustos (Rom. 2:28, 29; 3:21-26).
10. Que punto de vista equilibrado demostrou Paulo con respecto á Lei e a circuncisión?
10 Con todo, Paulo non criticou os que querían seguir algunhas tradicións xudías, como por exemplo a de non traballar en sábado ou a de evitar certos alimentos (Rom. 14:1-6). Tampouco puxo regras sobre a circuncisión. De feito, pediulle a Timoteo que se circuncidase porque non quería que os xudeus desconfiasen del, pois o seu pai era grego (Feit. 16:3). A circuncisión era un asunto de decisión persoal. Paulo díxolles ós Gálatas: “Estar ou non estar circuncidados non importa para nada: o único que importa é a fe que actúa a través do amor” (Gál. 5:6). Aínda así, estaba mal que alguén se circuncidase para obedecer a Lei ou que dixese que a circuncisión era necesaria para ter a aprobación de Xehová. Facer isto demostraría falta de fe.
11. Que consello lle deron os anciáns a Paulo, e de que podemos estar seguros? (Mira a nota).
11 Aínda que os rumores sobre Paulo eran completamente falsos, algúns cristiáns xudeus seguían preocupados. Por iso, os anciáns dixéronlle o que debía facer: “Temos catro homes que fixeron un voto. Lévaos contigo, limpádevos cerimonialmente e págalles os gastos para que poidan afeitar a cabeza. Así todo o mundo saberá que os rumores sobre ti non son certos, porque estás actuando correctamente e tamén estás obedecendo a Lei” (Feit. 21:23, 24).c
12. Como demostrou Paulo ser adaptable e estar disposto a cooperar cos anciáns?
12 Paulo podería dicir que o problema real non eran os rumores sobre el, senón que aqueles cristiáns xudeus seguisen insistindo en obedecer a Lei. Pero demostrou ser adaptable sen desobedecer en ningún momento os principios divinos. Pouco antes el mesmo escribira: “Suxeito a Lei cos que están baixo a Lei —eu que non o estou—, para gaña-los que están baixo a Lei” (1 Cor. 9:20). Paulo cooperou cos anciáns de Xerusalén e nesta ocasión actuou coma se estivese “baixo a Lei”. Que bo exemplo nos deixou de como colaborar cos anciáns e non insistir en facer as cousas á nosa maneira (Heb. 13:17).
Paulo foi razoable e estivo disposto a ceder porque o que lle pedían non violaba ningún principio bíblico. Fas ti o mesmo?
“Non merece vivir!” (Feitos 21:27–22:30)
13. a) Por que provocaron algúns xudeus unha revolta no templo? b) Como lle salvaron a vida a Paulo?
13 No templo as cousas non están indo ben. Cando os catro homes están a punto de cumprir o seu voto, uns xudeus de Asia ven a Paulo e acúsano erroneamente de levar xentís ó templo e de provocar unha revolta. Un comandante militar romano intervén evitando que o apóstolo reciba unha malleira que podería matalo. Este home mándalles ós seus soldados que arresten a Paulo, que vai estar preso durante os seguintes catro anos. Pero o apóstolo non está fóra de perigo. Cando o comandante lles pregunta ós xudeus de que o acusan, uns berran unha cousa e outros outra, pero fano tan alto que non se entende nada do que din. Ó final, os soldados levan a Paulo lonxe desa multitude violenta. Cando están a piques de entrar no cuartel, o apóstolo dille ó comandante: “Déixame falarlle ó pobo, por favor” (Feit. 21:39). Este oficial acepta e Paulo pode defender a súa fe con moito valor.
14, 15. a) Que lles explica Paulo ós xudeus? b) Que fixo o comandante para saber por que estaban os xudeus tan enfadados?
14 Paulo empeza: “Escoitade o que teño que dicirvos na miña defensa” (Feit. 22:1). En canto escoitan que lles está falando en hebreo cálmanse. Explícalles de forma moi clara por que agora é discípulo de Cristo. Con moita habilidade, Paulo cóntalles varios detalles que poden verificar se queren. Por exemplo, menciona que recibiu educación do famoso Gamaliel e que perseguiu os discípulos de Cristo, como algúns dos presentes probablemente saben. Ademais, de camiño a Damasco, tivo unha visión na que o propio Xesús resucitado lle falaba. Os compañeiros de Paulo viron unha luz brillante e escoitaron unha voz, aínda que non puideron entender o que dicía (ver as notas de estudo en Feitos 9:7 e 22:9, nwtsty-S). Como Paulo quedou cego pola visión, os seus compañeiros tiveron que levalo ata Damasco. Alí Ananías, un home coñecido polos xudeus da zona, devolveulle a vista de forma milagrosa.
15 Paulo tamén lles conta que Xesús se lle apareceu no templo despois de volver a Xerusalén. Ó escoitar isto, os xudeus enfádanse moitísimo e empezan a berrar: “Acabade con ese home! Non merece vivir!” (Feit. 22:22). Para evitar que o maten, o comandante lévao ó cuartel. Decidido a descubrir a razón pola que os xudeus están tan enfadados con Paulo, mándalles ós soldados que lle dean lategazos para sacarlle información. Cando xa están preparados para empezar, Paulo dilles que é cidadán romano e pregúntalles se a lei lles permite tratalo así. Na actualidade, as testemuñas de Xehová tamén utilizamos os recursos legais que temos ó noso alcance para defender a nosa fe (mira os recadros “A lei e a cidadanía romanas” e “Defendendo legalmente as boas noticias en tempos modernos”). Cando o comandante escoita que Paulo é cidadán romano, dáse conta de que ten que buscar outra forma de conseguir máis información. Ó día seguinte reúne o Sanedrín, o tribunal supremo xudeu, e leva a Paulo para saber de que o acusan.
“Eu son fariseo” (Feitos 23:1-10)
16, 17. a) Describe o que pasou cando Paulo falou ante o Sanedrín. b) Como demostrou Paulo que era humilde cando o golpearon?
16 Paulo empeza a súa defensa ante o Sanedrín dicindo: “Irmáns, ata o día de hoxe actuei cunha conciencia completamente limpa diante de Deus” (Feit. 23:1). Ó escoitar isto, non lle deixan dicir nada máis. O relato continúa: “O sumo sacerdote Ananías mandoulles ós que estaban onda Paulo que lle pegasen na boca” (Feit. 23:2). Que forma de insultalo! E canto prexuízo demostra o sumo sacerdote tachando a Paulo de mentireiro antes incluso de escoitar a súa defensa! Non é de estrañar que o apóstolo lle responda: “Deus vaiche pegar a ti, hipócrita! Séntaste a xulgarme segundo a Lei e ó mesmo tempo vas en contra dela mandando que me peguen. Paréceche que está ben facer iso?” (Feit. 23:3).
17 Algúns dos que están alí quedan de pedra, non porque golpeasen a Paulo senón polo que el acaba de dicir. Pregúntanlle: “Atréveste a insultar o sumo sacerdote de Deus?”. Paulo responde con humildade e, demostrando que respecta a Lei, di: “Irmáns, non sabía que era o sumo sacerdote. Porque está escrito: ‘Non insultes a ningún dos gobernantes do teu pobo’” (Feit. 23:4, 5; Éx. 22:27 [22:28, TNM]).d A continuación, Paulo proba un método diferente. Tendo en conta que o Sanedrín está formado por fariseos e saduceos dilles: “Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos. Hoxe estáseme xulgando porque creo na resurrección dos mortos” (Feit. 23:6).
Igual que Paulo, buscamos terreos en común cando falamos con persoas doutras relixións.
18. Por que se identificou Paulo como fariseo, e como podemos nós razoar de forma parecida nalgunhas situacións?
18 Por que dixo Paulo que era fariseo? Porque era “fillo de fariseos” e a súa familia pertencía a esta seita. Por iso moitos aínda o consideraban como tal.e Pero, como podía Paulo identificarse como fariseo se o que eles crían sobre a resurrección era falso? Os fariseos crían na inmortalidade da alma. Pensaban que cando morría unha persoa boa a súa alma volvía a vivir noutro corpo humano. Paulo non compartía as súas ideas senón que cría na resurrección que ensinara Xesús (Xoán 5:25-29). Aínda así, estaba de acordo cos fariseos en que hai esperanza despois da morte, ó contrario dos saduceos que non crían nunha vida futura. Nós podemos razoar de forma parecida cando falamos con católicos ou protestantes. Podemos dicirlles que, igual ca eles, tamén cremos en Deus. Poida que eles crean na Trindade e nós no Deus da Biblia, pero todos estamos de acordo en que hai un Deus.
19. Por que acabaron discutindo entre eles os membros do Sanedrín?
19 A defensa de Paulo divide o Sanedrín. O relato di: “Así que se armou un barullo moi grande. Entón, algúns escribas do grupo dos fariseos levantáronse e empezaron a protestar moi furiosos. Dicían: ‘Non encontramos nada malo neste home. E se resulta que lle falou un espírito ou un anxo?’” (Feit. 23:9). O simple feito de que un anxo lle fale a Paulo é un sacrilexio para os saduceos, pois eles non cren nos anxos (mira o recadro “Os saduceos e os fariseos”). Como cada vez discuten máis, o comandante militar ten que rescatar outra vez o apóstolo (Feit. 23:10). Pero Paulo aínda non está a salvo. Que lle pasará agora? Verémolo no seguinte capítulo.
a Como había tantos crentes que eran xudeus, é posible que houbese moitas congregacións e que se reunisen en casas de irmáns para atender ben as súas necesidades espirituais.
b Uns poucos anos despois, o apóstolo Paulo escribiu a súa carta ós hebreos na que lles demostraba que o novo pacto era moito mellor e que substituíra o anterior. O que Paulo lles escribiu dáballes argumentos convincentes para razoar cos xudeus que se opoñían a eles. E seguro que tamén fortaleceu a fe dalgúns cristiáns que seguían dándolle demasiada importancia á Lei mosaica (Heb. 8:7-13).
c Algúns expertos din que estes homes fixeran un voto de nazareno (Núm. 6:1-21). É certo que a Lei mosaica, a lei baixo a que se facían este tipo de votos, quedara obsoleta. Aínda así, Paulo puido pensar que non estaba mal que estes homes cumprisen co voto que lle fixeran a Xehová. E por iso tampouco vía mal pagar os seus gastos e acompañalos. Non sabemos exactamente que tipo de voto fixeran, pero o que está claro é que Paulo non aprobaría que se sacrificase un animal para limpar os pecados, algo que facían os nazarenos. O sacrificio perfecto de Xesús invalidaba este tipo de sacrificios. Aínda que non sabemos tódolos detalles, podemos estar seguros de que Paulo non fixo nada que fose en contra da súa conciencia.
d Algúns pensan que Paulo tiña un problema na vista e que iso lle impediu recoñecer o sumo sacerdote. Tamén podería ser que levase tanto tempo fóra de Xerusalén que non soubese quen era o actual sumo sacerdote. Ou quizais non podía ver entre a multitude quen mandou que o golpeasen.
e No ano 49, cando os apóstolos e os anciáns estaban reunidos para decidir se os xentís tiñan que obedecer a Lei, algúns dos que estaban alí identificáronse como “fariseos que se fixeran crentes” (Feit. 15:5). É posible que a estes cristiáns se lles seguise identificando dalgunha forma polo seu pasado como fariseos.