BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • bt cap. 27 páxs. 211-217
  • “Dándolles un testemuño completo”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • “Dándolles un testemuño completo”
  • Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • “Paulo deulle grazas a Deus e animouse moito” (Feitos 28:14, 15)
  • “En todas partes se fala mal desta seita” (Feitos 28:16-22)
  • Deamos “un testemuño completo” igual que Paulo (Feitos 28:23-29)
  • “Predicáballes acerca do Reino de Deus” (Feitos 28:30, 31)
  • “Estou limpo do sangue de todo home”
    Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • “Escoitade o que teño que dicirvos na miña defensa”
    Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Paulo vai a Roma
    Aprendamos das historias da Biblia
Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
bt cap. 27 páxs. 211-217

CAPÍTULO 27

“Dándolles un testemuño completo”

Paulo segue predicando aínda que está preso en Roma.

Baseado en Feitos 28:11-31

1. De que estaban convencidos Paulo e os seus compañeiros, e por que?

ESTAMOS no ano 59. Un barco sae de Malta rumbo a Roma. Este barco, probablemente un enorme cargueiro que transporta cereais polo Mediterráneo, ten “un mascarón de proa dos Fillos de Zeus”. A bordo está o apóstolo Paulo —que vai preso cun garda que o vixía— e os seus queridos irmáns Lucas e Aristarco (Feit. 27:2). A diferenza da tripulación do barco, estes evanxelizadores non buscan a protección dos fillos do deus grego Zeus, dous irmáns xemelgos chamados Cástor e Pólux (ver a nota de estudo de Feitos 28:11, nwtsty-S). Máis ben serven a Xehová, quen lle fixo saber ó apóstolo que daría testemuño da verdade en Roma e que chegaría a estar diante de César (Feit. 23:11; 27:24).

2, 3. Que ruta seguiu o barco de Paulo, e con que axuda contou o apóstolo?

2 O barco fai escala en Siracusa, unha bonita cidade de Sicilia case tan importante coma Atenas e Roma. Tres días máis tarde parte cara a Rexio, na punta da península italiana. Despois, coa axuda dun vento do sur, o barco percorre a gran velocidade os 320 quilómetros que o separan do porto de Puteoli, cerca da actual Nápoles, onde chega dous días máis tarde (Feit. 28:12, 13).

3 Paulo está agora na parte final da súa viaxe a Roma, onde terá que comparecer diante do emperador Nerón. Durante todo o traxecto, o “Deus de toda consolación” estivo con el (2 Cor. 1:3). Neste capítulo veremos como Xehová segue axudando a Paulo no resto da súa viaxe e como o apóstolo continúa predicando con entusiasmo.

“Paulo deulle grazas a Deus e animouse moito” (Feitos 28:14, 15)

4, 5. a) Como lles mostraron hospitalidade a Paulo e ós seus compañeiros en Puteoli, e por que puido desfrutar de tanta liberdade o apóstolo? b) Que bos resultados pode ter a boa conduta dos irmáns que están no cárcere?

4 Cando chegan a Puteoli, Paulo e os seus compañeiros encóntranse con algúns irmáns e estes suplícanlles que queden con eles sete días (Feit. 28:14). Que bonito exemplo de hospitalidade! Pero seguro que recibiron moito máis do que deron, xa que estar con estes misioneiros debeunos animar moito. Como podía Paulo estando prisioneiro desfrutar de tanta liberdade? Posiblemente porque a súa forma de actuar fixo que os gardas romanos confiasen nel.

5 Nos nosos días pasou algo parecido. Moitas veces, os servos de Xehová que estiveron en campos de concentración ou en cárceres desfrutaron de máis liberdade ou privilexios especiais pola súa boa conduta. Por exemplo, en Romanía un home que foi condenado a 75 anos de cárcere por roubar empezou a estudar a Biblia e fixo grandes cambios na súa forma de ser. Grazas a iso, os funcionarios da prisión encargábanlle ir á cidade para comprar cousas para o cárcere, e facía este traballo sen escolta. Naturalmente, o máis importante é que a nosa boa conduta lle dá gloria a Xehová (1 Ped. 2:12).

6, 7. Como demostraron amor os irmáns de Roma?

6 Paulo e os seus compañeiros saen de Puteoli e probablemente camiñan uns 50 quilómetros ata chegar a Capua, onde collen a Vía Apia que os leva a Roma. Esta famosa calzada está pavimentada con bloques grandes e planos de lava. Mentres camiñan por ela desfrutan de magníficas vistas dos campos italianos e, nalgún punto, tamén do mar Mediterráneo. Máis adiante a calzada leva os viaxeiros a través das Lagoas Pontinas, unha zona pantanosa que estaba a uns 60 quilómetros de Roma e onde se atopaba a Praza do Mercado de Apio. Lucas conta que cando os irmáns de Roma souberon que estaban alí, algúns deles viaxaron todos eses quilómetros para recibilos. Outros esperaron en Tres Tabernas, un lugar a uns 50 quilómetros de Roma onde os viaxeiros paraban a descansar. Que mostra de amor tan grande! (Feit. 28:15).

7 A Praza do Mercado de Apio non era o lugar máis axeitado para descansar despois dunha longa viaxe a pé. O poeta romano Horacio describiuna como un lugar “abarrotado de mariñeiros e de pousadeiros desagradables e faltóns”. Tamén escribiu que “a auga era repugnante”, e incluso el mesmo se negou a cear alí.a A pesar de todo isto, os irmáns que viñan de Roma esperaron felices por Paulo e os seus compañeiros para escoltalos por seguridade nesta última parte da viaxe.

8. Por que lle deu Paulo grazas a Deus ó ver os seus irmáns?

8 O relato di que ó ver os seus irmáns “Paulo deulle grazas a Deus e animouse moito” (Feit. 28:15). É posible que o apóstolo coñecese algúns deles persoalmente e tan só con velos xa se sentise animado. Por que lle deu Paulo grazas a Deus? Porque sabía que o amor desinteresado é un aspecto do froito do espírito (Gál. 5:22). Na actualidade, o espírito santo tamén motiva os cristiáns a facer sacrificios por outros e axudar ós que pasan por necesidade (1 Tes. 5:11, 14).

9. Como podemos imitar o exemplo dos irmáns que foron a recibir a Paulo?

9 Por exemplo, o espírito santo impulsa a moitos irmáns a mostrarlles hospitalidade a superintendentes de circuíto, misioneiros e outros servos de tempo completo, moitos dos cales fixeron grandes sacrificios para servir máis a Xehová. Pregúntate: “Podo facer máis por apoiar a visita do superintendente de circuíto mostrándolles hospitalidade a el e á súa muller, se está casado? Podo apuntarme para ir a predicar con eles?”. Se o fas, desfrutarás de moitas bendicións. Imaxina o felices que se sentiron os irmáns romanos cando escoitaron a Paulo e os seus compañeiros contar algunhas das moitas experiencias animadoras que tiveran (Feit. 15:3, 4).

“En todas partes se fala mal desta seita” (Feitos 28:16-22)

10. En que situación estaba Paulo en Roma, e que fixo pouco despois de chegar?

10 Cando o grupo de viaxeiros por fin chegou a Roma, “a Paulo permitíronlle aloxarse a el só nunha casa, cun soldado que o vixiaba” (Feit. 28:16). Normalmente os que estaban baixo arresto domiciliario tiñan que estar encadeados ó garda para que non puidesen escapar. Aínda así, Paulo era un proclamador do Reino e ningunha cadea podería silencialo. Por iso, despois de recuperarse da viaxe durante tres días, mandou chamar os xudeus máis importantes de Roma para presentarse e darlles testemuño.

11, 12. Que dixo Paulo para vencer calquera prexuízo que puidesen ter os xudeus de Roma?

11 Paulo díxolles: “Irmáns, aínda que non fixen nada contra o pobo nin contra os costumes dos nosos antepasados, detivéronme en Xerusalén e entregáronme ós romanos. Despois de interrogarme, quixeron deixarme libre porque non había ningunha base para condenarme á morte. Como os xudeus non estaban de acordo, non me quedou máis remedio que apelar a César, pero non porque eu acusase de algo a miña nación” (Feit. 28:17-19).

12 Ó chamarlles “irmáns” ós xudeus que o foron ver, Paulo intentou establecer un terreo en común con eles e vencer calquera prexuízo que puidesen ter (1 Cor. 9:20). Tamén lles deixou claro que non estaba alí para acusar os da súa nación, senón para apelar a César. Aínda así, os xudeus de Roma non sabían nada do caso de Paulo (Feit. 28:21). A que podería deberse esta falta de comunicación entre uns e outros? Unha obra de consulta di: “O barco de Paulo debeu ser un dos primeiros que chegou a Italia despois do inverno. É probable que aínda non chegase ningún representante das autoridades xudías de Xerusalén nin tampouco unha carta sobre o caso”.b

13, 14. Como empezou Paulo a falar do Reino, e como podemos imitar o seu exemplo?

13 Agora Paulo empeza a falarlles do Reino cunha afirmación que desperta a curiosidade dos xudeus. Dilles: “Por iso pedín vervos e falar con vós, porque levo esta cadea debido a aquel por quen Israel estivo esperando” (Feit. 28:20). Paulo refírese ó Mesías e ó seu Reino, que é o tema sobre o que predican os cristiáns. Pero eles contéstanlle: “Parécenos ben oír da túa propia boca o que pensas, porque sabemos que en todas partes se fala mal desta seita á que pertences” (Feit. 28:22).

14 Cando temos a oportunidade de falar das boas noticias nós tamén podemos imitar a Paulo usando razoamentos ou preguntas que desperten o interese dos nosos oíntes. Podes atopar ideas moi boas no Caderno de Estudo Vida e Actividades Cristiás e nos folletos Melloremos na lectura e no ensino e O amor motívanos a facer discípulos. Estás facendo bo uso destas ferramentas?

Deamos “un testemuño completo” igual que Paulo (Feitos 28:23-29)

15. Que catro cousas podemos aprender da forma na que predicou Paulo?

15 Paulo quedou cos xudeus outro día e nesta ocasión o grupo que foi velo era “aínda máis grande”. O relato di: “Entón, desde a mañá ata a tardiña, Paulo explicoulles o asunto dándolles un testemuño completo do Reino de Deus. E usou a Lei de Moisés e as palabras dos Profetas para intentar convencelos de que cresen en Xesús” (Feit. 28:23). Da forma na que predicou Paulo podemos aprender catro cousas: 1) centrouse no Reino de Deus, 2) esforzouse por chegarlles ó corazón usando argumentos convincentes, 3) usou as Escrituras para razoar e 4) puxo as necesidades dos demais por riba das súas estando disposto a predicarlles todo o día, ata que empezou a facerse de noite. Que bo exemplo para nós! Cal foi o resultado? “Algúns creron o que dicía, pero outros non.” Como consecuencia, Lucas explica que “empezaron a marchar” porque non se poñían de acordo (Feit. 28:24, 25a).

16-18. Por que non lle sorprendeu a Paulo a reacción negativa dos xudeus de Roma, e como deberiamos sentirnos cando rechazan a nosa mensaxe?

16 A Paulo non lle sorprendeu esta reacción porque non era a primeira vez que lle pasaba. Ademais a Biblia xa profetizaba que a xente respondería así (Feit. 13:42-47; 18:5, 6; 19:8, 9). Por iso cando os que rechazaron a súa mensaxe empezaron a marchar, Paulo díxolles: “Con razón o espírito santo lles falou ós vosos antepasados mediante o profeta Isaías e dixo: ‘Vai onda este pobo e dille: “Vós oiredes pero nunca comprenderedes. Miraredes pero nunca entenderedes”. O corazón deste pobo volveuse duro’” (Feit. 28:25b-27). O termo orixinal que se traduce aquí por “duro” tamén pode significar “insensible” e describe moi ben un corazón que non deixa que a mensaxe o motive a actuar (Feit. 28:27, nota). Que pena que aqueles xudeus reaccionasen así!

17 Para concluír Paulo di que, a diferenza dos xudeus, as nacións si que escoitarían a mensaxe (Sal. 67:3 [67:2, TNM]; Is. 11:10; Feit. 28:28). O apóstolo tiña boas razóns para dicir isto porque el mesmo vira como moitos xentís aceptaran as boas noticias do Reino (Feit. 13:48; 14:27).

18 Igual que Paulo, non tomamos como algo persoal que a xente non queira escoitar as boas noticias. Despois de todo, sabemos que en comparación van ser poucos os que atopen o camiño que leva á vida (Mat. 7:13, 14). Cando encontramos alguén que ten a actitude correcta e quere aprender de Xehová, poñémonos moi contentos e recibímolo cos brazos abertos (Luc. 15:7).

“Predicáballes acerca do Reino de Deus” (Feitos 28:30, 31)

19. Como aproveitou Paulo o tempo aínda que estaba baixo arresto domiciliario?

19 Lucas conclúe o seu relato dunha forma positiva e animadora: “Paulo quedou alí dous anos, na casa que arrendara. Recibía amablemente a tódolos que o viñan visitar, predicáballes acerca do Reino de Deus e ensináballes sobre o Señor Xesucristo con moitísimo valor e sen ningún impedimento” (Feit. 28:30, 31). Que exemplo tan impresionante de hospitalidade, fe e entusiasmo!

20, 21. Menciona algúns exemplos de persoas que se beneficiaron do labor de Paulo en Roma.

20 Unha das persoas que Paulo recibiu con moito cariño foi Onésimo, un escravo fuxitivo de Colosas. O apóstolo axudou a este home a facerse cristián e chegou a ser para el un “querido e fiel irmán”. De feito, Paulo descríbeo coma un fillo (Col. 4:9; Filem. 10-12). Canto debeu animar Onésimo a Paulo!c

21 Outras persoas tamén se beneficiaron do bo exemplo de Paulo. El escribiulles ós Filipenses: “O que me está a pasar, máis ben aproveitou ó espallamento do Evanxeo. Porque na residencia do gobernador e nos outros sitios todo o mundo sabe que estou preso por ser cristián, e a maior parte dos irmáns, ó colleren da miña prisión azos para confiar no Señor, métense moito máis a anuncia-la palabra de Deus sen medo” (Filip. 1:12-14).

22. De que outra forma aproveitou Paulo o tempo que estivo recluído en Roma?

22 Paulo tamén aproveitou ben o tempo que estivo recluído en Roma para escribir cartas importantes que beneficiaron moito os cristiáns do primeiro século ós que ían dirixidas.d Ademais, estas cartas chegaron a ser parte das Escrituras Gregas Cristiás e tamén nos axudan a nós, pois os consellos inspirados que conteñen son tan prácticos hoxe coma cando se escribiron (2 Tim. 3:16, 17).

CARTAS QUE ESCRIBIU PAULO ESTANDO PRESO EN ROMA POR PRIMEIRA VEZ

Paulo escribiu cinco cartas a primeira vez que estivo preso en Roma entre os anos 60 e 61 aproximadamente. Unha delas escribiulla a Filemón, un irmán de Colosas. Filemón tiña un escravo que lle escapara chamado Onésimo. Na súa carta Paulo explicoulle que este se fixera cristián e que chegara a ser coma un fillo para el. Agora mandáballe de volta a este escravo que nun tempo lle fora inútil, e pedíalle que o recibise coma un irmán (Filem. 10-12, 16).

Na carta ós Colosenses, Paulo dilles que Onésimo era un dos seus (Col. 4:9). Onésimo e Tíquico, que tamén era cristián, tiveron o privilexio de levar estas dúas cartas, xunto coa que Paulo lles escribiu ós Efesios (Ef. 6:21).

Cando Paulo lles escribiu ós Filipenses, díxolles que estaba preso e tamén lles falou de Epafrodito, quen lles levaba a carta. Os filipenses mandaran este irmán para que axudase a Paulo. Pero Epafrodito púxose moi enfermo e estivo a punto de morrer. Ademais, cando soubo que os filipenses chegaran “a saber da súa doenza”, púxose moi triste. Por iso Paulo tamén lles dixo que debían valorar “a homes coma el” (Filip. 1:7; 2:25-30).

A carta ós Hebreos ía dirixida ós cristiáns hebreos que vivían en Xudea. Aínda que a carta non especifica quen foi o escritor, todo indica que foi Paulo, pois a forma na que está escrita ten o seu estilo. Ademais mandou saúdos dende Italia e mencionou a Timoteo, que estaba con el en Roma (Filip. 1:1; Col. 1:1; Filem. 1; Heb. 13:23, 24).

23, 24. Igual que Paulo, como demostraron moitos cristiáns da actualidade unha actitude positiva a pesar de estar en prisión pola súa fe?

23 Aínda que non se menciona no libro de Feitos, cando Paulo foi liberado levaba preso catro anos, dous en Cesarea e dous en Roma (Feit. 23:35; 24:27).e Pero mantivo unha actitude positiva facendo todo o que puido no seu servizo a Deus. Do mesmo xeito, moitos servos de Xehová da actualidade que foron inxustamente encarcerados pola súa fe mantiveron a alegría e seguiron predicando. Este foi o caso de Adolfo, que estivo no cárcere en España pola súa neutralidade cristiá. Un oficial díxolle: “Estamos impresionados contigo. Fixémosche a vida imposible, pero canto peor te tratabamos máis sorrías e con máis amabilidade nos falabas”.

24 Co tempo, os gardas chegaron a confiar tanto en Adolfo que deixaban a porta da súa cela aberta. Ás veces, os soldados visitábano para facerlle preguntas sobre a Biblia. Un dos gardas incluso entraba na cela para ler a Biblia mentres que Adolfo quedaba fóra vixiando. Cambiáronse os papeis! O prisioneiro vixiaba ó garda! Pensar no bo exemplo destas fieis Testemuñas motivaranos “a anuncia-la palabra de Deus sen medo”, incluso se pasamos por circunstancias difíciles.

25, 26. Que profecía de Xesús viu cumprida Paulo en menos de 30 anos, e como se está cumprindo tamén hoxe en día?

25 O libro de Feitos finaliza co apóstolo Paulo predicando “acerca do Reino de Deus” a tódolos que o visitaban. Que final tan animador! No primeiro capítulo lemos a comisión que Xesús lles deu ós seus seguidores cando dixo: “Cando recibades o espírito santo, teredes poder e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8). Agora, menos de trinta anos despois, a mensaxe do Reino predicóuselles “a tódalas criaturas, debaixo do ceo” (Col. 1:23).f Que proba tan grande do poderoso que é o espírito de Deus! (Zac. 4:6).

26 Na actualidade, ese mesmo espírito dálles poder ós cristiáns unxidos e ás “outras ovellas” para continuar dando “un testemuño completo do Reino de Deus” en 240 países e territorios (Xoán 10:16; Feit. 28:23). E ti? Estás facendo todo o que podes nesta obra?

A VIDA DE PAULO DESPOIS DO ANO 61

Probablemente no ano 61 Paulo compareceu diante do emperador Nerón, quen parece ser que o declarou inocente. Non temos moita información sobre o que fixo o apóstolo despois diso. É posible que fose a España, como tiña planeado (Rom. 15:28). Clemente de Roma escribiu arredor do ano 95 que Paulo viaxou “ata o extremo máis occidental”.g

Despois de ser liberado, Paulo escribiu as dúas cartas a Timoteo e tamén a de Tito. Grazas a estas cartas sabemos que visitou Creta, Macedonia, Nicópolis e Troas (1 Tim. 1:3; 2 Tim. 4:13; Tito 1:5; 3:12). É posible que fose en Nicópolis (Grecia) onde o arrestaron outra vez. En calquera caso, arredor do ano 65 Paulo volvía estar preso en Roma. Pero esta vez Nerón non tivo compaixón del e condenouno á morte. De acordo co historiador romano Tácito, cando un incendio devastou a cidade no ano 64, Nerón acusou falsamente os cristiáns e iniciou unha brutal campaña de persecución.

Na segunda carta a Timoteo, Paulo pediulles a el e a Marcos que fosen rápido a visitalo, pois sabía que a súa morte era inminente. Con el xa estaban Lucas e Onesíforo, que demostraron moito valor ó arriscar a súa vida para animalo (2 Tim. 1:16, 17; 4:6-9, 11). De feito, se naquela época alguén dicía que era cristián arriscábase a ser arrestado e torturado ata morrer. É probable que pouco despois de escribir a súa carta final a Timoteo, arredor do ano 65, Paulo morrese como mártir. Uns tres anos despois do martirio de Paulo, Nerón tamén sufriu unha morte violenta.

g The Ante-Nicene Fathers (vol. I), editado por Alexander Roberts e James Donaldson.

AS BOAS NOTICIAS PREDICÁRONSE “A TÓDALAS CRIATURAS”

Arredor do ano 61, mentres estaba preso en Roma, Paulo escribiu que as boas noticias se lles predicaran “a tódalas criaturas, debaixo do ceo” (Col. 1:23). Como deberiamos entender esta expresión?

Parece ser que Paulo estaba facendo unha descrición xeral do lonxe que chegaran as boas noticias. Por exemplo, no século IV a. n. e. Alexandre Magno conquistou parte de Asia e chegou ata as fronteiras da India. No ano 55 a. n. e. Xulio César invadiu a illa de Gran Bretaña. E no ano 43 n. e., baixo o reinado de Claudio, o sur da illa chegou a ser parte do Imperio Romano. Por outro lado, o Extremo Oriente tamén era coñecido, pois de alí se importaba a seda fina.

Predicáranse as boas noticias en Gran Bretaña, China e Extremo Oriente? Non parece moi probable. De feito, Paulo púxose a meta de predicar en España porque as boas noticias aínda non chegaran alí. Pero cando lles escribiu ós colosenses no ano 56 aínda non lle fora posible ir (Rom. 15:20, 23, 24). Aínda así, para o ano 61 a mensaxe do Reino estaba moi difundida. Polo menos, chegara ata os lugares dos que viñan os xudeus e prosélitos que se bautizaran no Pentecostés do ano 33 e tamén ata os países que visitaran os apóstolos de Xesús (Feit. 2:1, 8-11, 41, 42).

a A Book of Satires, by Q. Horatius Flaccus, editado por Charles Loomis Dana e John Cotton Dana.

b The Anchor Bible: The Acts of the Apostles, traducido por Johannes Munck.

c Paulo quería que Onésimo quedase con el, pero isto infrinxía a lei romana e ía en contra dos dereitos de Filemón, o dono de Onésimo, que tamén era cristián. Finalmente, Paulo mandou de volta a Onésimo xunto cunha carta na que lle pedía a Filemón que o recibise con cariño, coma un irmán (Filem. 13-19).

d Mira o recadro “Cartas que escribiu Paulo estando preso en Roma por primeira vez”.

e Mira o recadro “A vida de Paulo despois do ano 61”.

f Mira o recadro “As boas noticias predicáronse ‘a tódalas criaturas’”.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir