CAPÍTULO 102
As visións de Xoán
Cando estaba preso na illa de Patmos, Xesús ensinoulle ó apóstolo Xoán dezaseis visións do que pasaría no futuro. Estas visións mostraron que se santificaría o nome de Xehová, viría o Seu Reino e se faría a Súa vontade na terra e no ceo.
Nunha das visións, Xoán viu a Xehová no ceo sentado no seu glorioso trono. Arredor del había 24 anciáns vestidos de roupa branca con coroas de ouro. Do trono saían luces coma de lóstregos e sons coma de tormenta. Os anciáns inclinábanse diante de Xehová e adorábano. Noutra visión, viu moita xente de tódalas nacións, pobos e linguas que adoraban a Xehová. O Año, que é Xesús, coidaba deles e guiábaos a augas que daban vida. Noutra visión, Xesús comezaba a gobernar como Rei no ceo xunto ós 24 anciáns. E na seguinte visión, Xoán viu a Xesús pelexando contra o dragón, que é Satanás, e mailos demos. Xesús botábaos do ceo cara á terra.
Entón, Xoán viu unha imaxe moi bonita do Año con 144.000 escollidos de pé no monte Sión. Tamén viu un anxo voando arredor da terra, dicíndolle á xente que respectasen a Deus e lle desen gloria.
Na seguinte visión, viu a guerra de Harmaguedón. Nesa guerra, Xesús e mailo seu exército derrotaban a Satanás e o seu mundo. Na última visión, Xoán viu que no ceo e na terra reinaba a paz. Non quedaba rastro do Demo nin dos seus. Todos respectaban o nome de Xehová e adorábano só a el.
“Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza” (Xénese 3:15)