Mostra Deus empatía?
O QUE NOS ENSINA A CREACIÓN
A empatía é a capacidade de poñerse no lugar doutra persoa e de percibir, compartir e comprender os seus sentimentos. O doutor Rick Hanson, especialista en saúde mental, di que “a empatía está no noso ADN”.
PENSA NISTO: Por que os humanos somos os únicos capaces de mostrar empatía? A Biblia explica que Deus creou a humanidade á súa imaxe (Xénese 1:26). Isto significa que ata certo punto podemos parecernos a el e demostrar as súas marabillosas cualidades. Polo tanto, cando a empatía nos motiva a axudar a outros estamos imitando a empatía do noso compasivo Creador, Xehová (Proverbios 14:31).
O QUE NOS ENSINA A BIBLIA SOBRE A EMPATÍA DE DEUS
Deus sente empatía por nós e odia vernos sufrir. Falando sobre o antigo pobo de Israel, que sufriu unha escravitude moi dura en Exipto e que despois pasou 40 anos moi difíciles no deserto, a Biblia di: “Durante tódalas súas angustias, el tamén estivo angustiado” (Isaías 63:9, TNM). Fíxate en que Deus non só sabía que estaban sufrindo, senón que ademais sentía a súa dor. El afirmou: “Coñezo os seus sufrimentos” (Éxodo 3:7). E tamén dixo: “Quen vos fere, fere a meniña do meu ollo” (Zacarías 2:12 [2:8, TNM]). Así que cando outros nos fan dano, é coma se llo fixesen a el.
A Biblia asegúranos que, aínda que nos sintamos mal con nós mesmos e pensemos que non merecemos a empatía de Deus, “Deus é máis grande que o noso corazón e sábeo todo” (1 Xoán 3:19, 20). El coñécenos mellor que nós mesmos. Sabe perfectamente cales son as nosas circunstancias, os nosos pensamentos e os nosos sentimentos, e sente empatía por nós.
Podemos pedirlle a Deus consolo, sabedoría e apoio, sabendo que el axuda ós que están angustiados.
A Biblia asegúranos:
“Clamarás ó Señor e responderache, pediraslle axuda e dirache: ‘Aquí estou’” (ISAÍAS 58:9).
“Soamente eu coñezo os proxectos que eu planeo para vós —é o Señor quen fala—, proxectos de fartura e non de desgracia, de darvos un porvir e unha esperanza. Habédesme invocar e viredes onda min; rezarédesme a min, e eu escoitareivos” (XEREMÍAS 29:11, 12).
“Recolle as miñas bágoas no teu odre, ¿Non están xa no teu libro?” (SALMO 56:9 [56:8, TNM]).
DEUS FÍXASE EN NÓS, ENTÉNDENOS E MÓSTRANOS EMPATÍA
Cres que saber que Deus sente empatía por nós pode axudarnos a enfrontarnos ós problemas? Fíxate na experiencia de María:
“Sentía que a vida era dura e inxusta despois de sufrir a inmensa dor de perder o meu fillo. El só tiña 18 anos e levaba dous anos loitando contra o cáncer. Estaba enfadada con Xehová por non curalo!
“Seis anos despois, unha amiga moi cariñosa e compasiva da congregación estivo escoitándome mentres eu lle contaba como me sentía e que cría que Xehová non me quería. Despois de prestarme atención durante horas sen interromperme, citou un texto da Biblia que me chegou ó corazón. Foi 1 Xoán 3:19, 20, que di: ‘Deus é máis grande que o noso corazón e sábeo todo’. Explicoume que Xehová comprende o noso sufrimento.
“A pesar disto, custábame deixar de estar enfadada. Entón lin o Salmo 94:19, que di: ‘Cando medran as coitas no meu peito, o teu consolo alégrame o espírito’. Sentía que estes versículos foran escritos xusto para min! Co tempo empezou a consolarme ser capaz de falar con Xehová sobre as miñas preocupacións sabendo que el me escoita e me entende”.
Que animador é saber que Deus nos entende e nos mostra empatía! Pero entón, por que hai tanto sufrimento? Será porque Deus nos castiga polos nosos pecados? Fará algo por acabar con todo o sufrimento? Veremos a resposta nos seguintes artigos.