“Achegádevos a Deus e El achegarase a vós” (Santiago 4:8).
De verdade escoita Deus as nosas oracións?
Preguntácheste algunha vez se Deus te escoita cando lle oras? Nese caso, non es o único. Moitos pedíronlle axuda a Deus, pero os seus problemas non desapareceron. Significa isto que Deus ignora as nosas oracións? Claro que non! A Biblia dános a garantía de que Deus nos escoita cando lle oramos da maneira correcta. Vexamos o que di.
DEUS SI QUE NOS ESCOITA
“A ti que escóita-la oración, tódolos homes se achegan” (Salmo 65:3 [65:2, TNM]).
Algunhas persoas oran porque din que iso as fai sentir mellor, aínda que en realidade non cren que alguén as estea escoitando. Pero a oración é moito máis que un exercicio terapéutico que nos axuda a soportar os problemas. A Biblia asegúranos que “o Señor está cerca dos que o chaman, dos que sinceramente o invocan. [...] Escoita o seu pranto e socórreos” (Salmo 145:18, 19).
Así que podemos estar seguros de que Xehová Deus escoita as oracións dos que o adoran.a El dinos con cariño: “Habédesme invocar e viredes onda min; rezarédesme a min, e eu escoitareivos” (Xeremías 29:12).
DEUS QUERE QUE TI LLE ORES
“Non deixedes de orar nunca” (Romanos 12:12).
A Biblia anímanos a que oremos constantemente e a que o fagamos en toda ocasión. Está claro que Xehová quere que lle oremos (Mateo 26:41; Efesios 6:18).
Por que quererá Deus que lle oremos? Pensa no seguinte: a que pai non lle gusta que o seu neniño lle pida axuda? Quizais un pai xa sabe o que o seu fillo necesita ou sente, pero escoitar as súas palabras demóstralle que o seu fillo confía nel e que o quere moito. De xeito parecido, cando lle oramos a Xehová Deus demostrámoslle que confiamos nel e que queremos estar cerca del (Proverbios 15:8; Santiago 4:8).
DEUS DE VERDADE SE PREOCUPA POR TI
“Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós” (1 Pedro 5:7).
Deus quere que lle oremos porque nos ama e se interesa por nós. É moi consciente das nosas preocupacións e dos nosos problemas, e está desexando axudarnos.
Ó longo da súa vida, o rei David oroulle a Xehová Deus pedíndolle axuda e contándolle o que pensaba e sentía (Salmo 23:1-6). Que opinaba Deus de David? El queríao moito e escoitaba tódalas súas oracións (Feitos 13:22). Da mesma maneira, Deus escóitanos cando lle oramos porque se preocupa por nós.
“AMO Ó SEÑOR QUE ESCOITA A MIÑA VOZ SUPLICANTE”
Estas son as palabras do escritor dun dos salmos da Biblia. El estaba seguro de que Deus escoitaba as súas oracións, e isto axudoulle moito. Sentiuse máis cerca del e encontrou as forzas para facerlles fronte ás situacións difíciles da vida (Salmo 116:1-9).
Se estamos seguros de que Deus nos escoita, non deixaremos de orarlle. Fíxate na experiencia de Pedro, que vive no norte de España. El perdeu o seu fillo de 19 anos nun accidente de tráfico. Nesa situación tan angustiosa, abriulle o seu corazón a Deus contándolle exactamente como se sentía e oroulle varias veces pedíndolle consolo e axuda. E que pasou? Pedro explica: “Xehová contestou as miñas oracións dándonos á miña muller e mais a min consolo e ánimo por medio doutros cristiáns”.
A resposta ás nosas oracións moitas veces vén a través do apoio e do cariño de amigos que se preocupan por nós.
Aínda que as oracións non lle trouxeron de volta o seu fillo, axudáronlle a el e á súa familia de moitas maneiras. A súa muller, María del Carmen, recorda: “As oracións axudáronme a soportar a dor. Eu sabía que Xehová me entendía porque cando lle oraba sentía paz e tranquilidade”.
A Biblia e as experiencias de moitas persoas demostran que Deus escoita as oracións. Aínda así, tamén é certo que non contesta a todas elas. Por que responde algunhas e outras non?
a Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8).