ARTIGO DE ESTUDO 7
O principio de autoridade na congregación
“Cristo é cabeza da congregación, o salvador deste corpo” (EF. 5:23, TNM).
CANCIÓN sjj 137 As nosas fieis irmás
AVANCEa
1. Cal é unha das razóns polas que a familia de Xehová está unida?
ENCÁNTANOS formar parte da familia de Xehová. Por que hai tanta paz e unidade na nosa familia? Unha das razóns é que todos nos esforzamos por respectar o principio de autoridade que estableceu Xehová. De feito, canto mellor entendemos este principio, máis unidos estamos.
2. Que preguntas imos responder neste artigo?
2 Neste artigo analizaremos como aplica o principio de autoridade á congregación. Entre outras cousas responderemos estas preguntas: Cal é o papel das irmás? É certo que tódolos irmáns son cabezas de tódalas irmás? Teñen os anciáns o mesmo tipo de autoridade sobre os irmáns e as irmás que os cabezas de familia sobre as súas mulleres e fillos? Primeiro, imos analizar como debemos ver as irmás.
COMO DEBEMOS VER AS IRMÁS
3. Que nos axudará a valorar aínda máis o labor das irmás?
3 Apreciamos moito as irmás polo enorme esforzo que fan por coidar das súas familias, predicar as boas noticias e axudar ós demais na congregación. E aínda as valoraremos máis se pensamos en como as ven Xehová e Xesús. Tamén podemos aprender como debemos tratalas ó analizar o exemplo do apóstolo Paulo.
4. Como amosa a Biblia que para Xehová as mulleres e os homes son igual de valiosos?
4 A Biblia amosa que para Xehová as mulleres e os homes son igual de valiosos. Por exemplo, explica que no primeiro século Xehová lles deu espírito santo tanto a homes como a mulleres para que puidesen efectuar obras milagrosas como falar en linguas (Feit. 2:1-4, 15-18). Tamén unxiu homes e mulleres para que gobernen con Cristo (Gál. 3:26-29). Tanto homes como mulleres recibirán a recompensa de vivir para sempre na Terra (Apoc. 7:9, 10, 13-15). E todos eles recibiron a comisión de predicar e ensinar as boas noticias (Mat. 28:19, 20). De feito, o libro de Feitos destaca o traballo dunha irmá chamada Priscila que, xunto co seu home Áquila, lle explicou a verdade con máis exactitude a un home moi culto chamado Apolos (Feit. 18:24-26).
5. Segundo Lucas 10:38, 39, 42, como vía Xesús as mulleres?
5 Xesús respectaba as mulleres. El non imitou os fariseos. Eles desprezaban as mulleres, non falaban con elas en público e moito menos conversaban con elas sobre as Escrituras. Pero Xesús incluíunas cando falaba de temas espirituais profundos cos seus discípulos (le Lucas 10:38, 39, 42).b Tamén permitiu que as mulleres o acompañasen nas viaxes que fixo para predicar (Luc. 8:1-3). E deulles a algunhas delas o honor de dicirlles ós apóstolos que resucitara (Xoán 20:16-18).
6. Como demostrou o apóstolo Paulo que respectaba as mulleres?
6 O apóstolo Paulo lembroulle a Timoteo que debía respectar as mulleres. Díxolle que debía tratar “ás vellas, coma a nais” e que debía ver “ás mozas, coma a irmás” (1 Tim. 5:1, 2). Aínda que o apóstolo fixo moito por axudar a Timoteo a chegar a ser un cristián maduro, recoñeceu que foron a nai e a avoa de Timoteo as que lle ensinaron “os santos escritos” (2 Tim. 1:5; 3:14, 15, TNM). Paulo tamén felicitou por nome a varias irmás na súa carta ós Romanos. Non só destacou o traballo que fixeron, senón que tamén lles dixo canto apreciaba o seu labor coma ministras cristiás (Rom. 16:1-4, 6, 12; Filip. 4:3).
7. Que preguntas imos responder agora?
7 Como vimos nos parágrafos anteriores, non hai ningunha base bíblica para pensar que as irmás son inferiores ós irmáns. As nosas cariñosas e xenerosas irmás fan un traballo moi importante, e os anciáns confían na súa axuda para manter a paz e a unidade na congregación. Pero aínda hai que responder algunhas preguntas: Por que lles pide Xehová ás irmás que cubran a cabeza en certas ocasións? Tendo en conta que só os irmáns son nomeados anciáns e servos ministeriais, significa iso que na congregación tódolos irmáns son cabezas de tódalas irmás?
SON TÓDOLOS IRMÁNS CABEZAS DE TÓDALAS IRMÁS?
8. Segundo Efesios 5:23, por que non son tódolos irmáns cabezas de tódalas irmás?
8 A resposta é non. Un irmán non é cabeza de tódalas irmás na congregación. A cabeza é Cristo (le Efesios 5:23). Na familia, o home ten autoridade sobre a súa muller. Pero un fillo bautizado non é cabeza da súa nai (Ef. 6:1, 2). E na congregación a autoridade que teñen os anciáns sobre os irmáns e as irmás é limitada (1 Tes. 5:12; Heb. 13:17). As irmás solteiras que xa non viven cos seus pais séguenos respectando tanto a eles coma ós anciáns. Pero igual que os homes da congregación, elas só teñen un cabeza: Xesús.
Os solteiros que xa non viven cos seus pais están baixo a autoridade de Xesús. (Ver o parágrafo 8).
9. Por que deben as irmás cubrir a cabeza ás veces?
9 Con todo, o certo é que Xehová decidiu que fosen homes nomeados, e non mulleres, os que dirixan a congregación (1 Tim. 2:12). Por que? Pola mesma razón pola que nomeou a Xesús como cabeza dos homes: para que a congregación estea organizada. Se por circunstancias unha irmá debe realizar unha tarefa que normalmente faría un irmán, Xehová pídelle que se cubra a cabeza (1 Cor. 11:4-7).c Xehová non lles pide isto para degradalas senón para darlles a oportunidade de demostrar que respectan o principio de autoridade que el estableceu. Tendo isto en conta, imos responder a seguinte pregunta: Canta autoridade teñen os cabezas de familia e os anciáns?
A AUTORIDADE DOS CABEZAS DE FAMILIA E DOS ANCIÁNS
10. Por que un ancián podería pensar en poñerlles normas ós irmáns da congregación?
10 Os anciáns aman a Cristo e tamén ás “ovelliñas” que Xehová e Xesús puxeron ó seu cargo (Xoán 21:15-17). Un ancián con boas intencións podería verse a si mesmo coma se fose o pai dos irmáns da congregación. Podería razoar que, se un cabeza de familia ten dereito a poñer normas para protexer a súa familia, un ancián podería facer o mesmo na congregación coa esperanza de protexer o rabaño. E algúns irmáns poderían fomentar ese punto de vista pedíndolles ós anciáns que tomen decisións por eles. Pero teñen os anciáns e os cabezas de familia o mesmo tipo de autoridade?
Os anciáns coidan das necesidades espirituais e emocionais da congregación. Xehová deulles a responsabilidade de manter a congregación moralmente limpa. (Ver os parágrafos 11 e 12).
11. En que se asemella a autoridade dos cabezas de familia e a dos anciáns?
11 O apóstolo Paulo indicou que hai certas semellanzas entre o papel dos cabezas de familia e o dos anciáns (1 Tim. 3:4, 5). Por exemplo, Xehová quere que os membros da familia obedezan ó cabeza de familia (Col. 3:20). E tamén quere que os que forman parte da congregación obedezan ós anciáns. Por outro lado, Xehová espera que tanto os cabezas de familia coma os anciáns coiden das necesidades espirituais e emocionais dos que están ó seu coidado. E igual que os bos cabezas de familia, os anciáns axudan a tódolos irmáns que están pasando por problemas (Sant. 2:15-17). Ademais, Xehová espera que os anciáns e os cabezas de familia axuden ós demais a obedecer as súas leis e que non vaian “máis alá do que está escrito” na Biblia (1 Cor. 4:6).
Os cabezas de familia recibiron autoridade de Xehová para dirixir as súas familias. Antes de tomar decisións, un cabeza de familia amoroso consulta coa súa muller. (Ver o parágrafo 13).
12, 13. Segundo Romanos 7:2, en que se diferencia a autoridade dos cabezas de familia e a dos anciáns?
12 Aínda así, tamén hai importantes diferenzas entre a autoridade que teñen os anciáns e a que teñen os cabezas de familia. Por exemplo, Xehová deulles ós anciáns, e non ós cabezas de familia, a responsabilidade de actuar como xuíces e sacar da congregación os pecadores que non se arrepinten (1 Cor. 5:11-13).
13 Por outro lado, Xehová deulles ós cabezas de familia certa autoridade que non lles deu ós anciáns. Entre outras cousas, deulles autoridade para poñer normas nas súas familias e para facelas cumprir (le Romanos 7:2). Por exemplo, un cabeza de familia ten dereito a decidir a que hora como máximo deberían chegar os seus fillos á casa pola noite. E tamén ten autoridade para disciplinalos se desobedecen esa norma (Ef. 6:1). Claro, un cabeza de familia amoroso consulta coa súa muller antes de poñer normas na súa casa. Despois de todo, os dous son “unha soa carne” (Mat. 19:6).d
RESPECTEMOS A CRISTO COMO CABEZA DA CONGREGACIÓN
Xesús dirixe a congregación cristiá baixo a autoridade de Xehová. (Ver o parágrafo 14).
14. a) Segundo Marcos 10:45, por que é axeitado que Xehová escollese a Xesús como Cabeza da congregación? b) Cal é a función do Consello Reitor? (Ver o recadro “O papel do Consello Reitor”).
14 Por medio do rescate, Xehová comprou a vida de tódolos que forman parte da congregación e de calquera persoa que poña fe en Xesús (le Marcos 10:45; Feit. 20:28; 1 Cor. 15:21, 22). Así que é lóxico que nomease a Xesús Cabeza da congregación, pois foi el quen deu a súa vida para rescatarnos. Este é o motivo polo que Xesús ten a autoridade e o dereito para poñer, e facer cumprir, normas que afectan a conduta das persoas, das familias e das congregacións (Gál. 6:2). Pero Xesús fai máis que poñer normas: tamén alimenta e coida de cada un de nós (Ef. 5:29).
15, 16. Que aprendiches do que dixeron Marley e Benjamin?
15 As irmás demostran que respectan a Cristo seguindo a guía que lles dan os homes que el nomeou para coidar da congregación. Unha irmá chamada Marley que vive nos Estados Unidos di: “Valoro moito o meu papel como muller casada e irmá na congregación. Teño que seguir esforzándome por cultivar a actitude correcta con respecto ó principio de autoridade que estableceu Xehová. Pero o meu home e os irmáns da congregación puxéronmo fácil porque me respectan e me demostran que valoran moito todo o que fago”. Seguro que moitas irmás se senten identificadas con estas palabras.
16 Os irmáns demostran que entenden o principio de autoridade respectando e honrando as irmás. Benjamin, un irmán que vive en Inglaterra, di: “Aprendín moito dos comentarios que fan as irmás nas reunións e dos seus consellos sobre como estudar e ser máis eficaces na predicación. Penso que o traballo que fan é moi valioso”.
17. Por que debemos respectar o principio de autoridade?
17 Cando tódolos que formamos parte da congregación —homes, mulleres, cabezas de familia e anciáns— entendemos e respectamos o principio de autoridade, a congregación desfruta de paz. E o máis importante, dámoslle gloria ó noso cariñoso Pai celestial, Xehová (Sal. 150:6).
CANCIÓN sjj 123 Sexamos fieis e submisos á orde teocrática
a Cal é o papel das irmás na congregación? Son tódolos irmáns cabezas de tódalas irmás? Teñen os anciáns e os cabezas de familia o mesmo tipo de autoridade? Neste artigo, responderemos estas preguntas usando exemplos da Biblia.
b Mira o parágrafo 6 do artigo “Demos apoyo a nuestras hermanas” da revista La Atalaya de setembro de 2020 (dispoñible en español).
c Mira o recadro “Cando debería unha irmá cubrir a cabeza?”
d Para saber máis sobre quen debería decidir a que congregación irá unha familia, mira os parágrafos 17 a 19 do artigo “Respetemos el lugar de los demás en la congregación de Jehová” da revista La Atalaya de agosto de 2020 (dispoñible en español).
e Para saber máis sobre este asunto mira o libro “Manténganse en el amor de Dios”, páxinas 209 a 212 (dispoñible en español).
f Para saber máis sobre o papel do Consello Reitor mira a revista La Atalaya do 15 de xullo de 2013, páxinas 20 a 25 (dispoñible en español).