ARTIGO DE ESTUDO 9
CANCIÓN sjj 75 Aquí estou, eu irei
Estás preparado para dedicarte a Xehová?
“Con que lle pagarei ó Señor todo o ben que me fai?” (SAL. 116:12).
OBXECTIVO
Axudarche a conseguir unha relación estreita con Xehová que te leve a querer dedicarte a el e bautizarte.
1, 2. Que hai que facer antes de bautizarse?
DURANTE os pasados 5 anos, bautizáronse como testemuñas de Xehová máis dun millón de persoas. Moitos deles aprenderon a verdade xa de nenos, igual que o discípulo Timoteo no primeiro século (2 Tim. 3:14, 15). Outros coñeceron a Xehová de adultos, algúns deles cando xa eran moi maiores. De feito, hai un tempo, unha muller que estudaba a Biblia coas Testemuñas bautizouse á idade de 97 anos!
2 Se estudas a Biblia ou creciches nunha familia de testemuñas de Xehová, estás pensando en bautizarte? Esa sería unha meta moi boa. Pero, antes de facelo, tes que dedicarte a Xehová. Este artigo explicará o que significa dedicar a túa vida a Deus. Tamén che axudará a entender por que non tes que dubidar nin ter medo de dar este paso e o do bautismo se xa estás preparado para facelo.
QUE É A DEDICACIÓN?
3. Pon algúns exemplos bíblicos de persoas que estaban dedicadas a Xehová.
3 Na Biblia, que alguén estea dedicado a Xehová significa que está separado ou foi escollido para un propósito sagrado. Israel era unha nación dedicada a Deus, pero algúns israelitas estaban dedicados a el de forma especial. Por exemplo, Aarón levaba unha “coroa sagrada” que era unha placa brillante de ouro no seu turbante. Esta placa indicaba que estaba separado para servir a Xehová de maneira especial, como sumo sacerdote de Israel (Lev. 8:9). Os nazarenos tamén estaban dedicados a Xehová de forma especial. A palabra “nazareno” vén do termo hebreo nazirʹ, que significa “separado” ou “dedicado”. Estes servos de Deus tiñan que cumprir unhas normas específicas da Lei mosaica (Núm. 6:2-8).
4. a) Cando te dedicas a Xehová, que chega a ser o máis importante da túa vida? b) Que significa renunciar a un mesmo? (Ver tamén a imaxe).
4 Cando te dedicas a Xehová, tomas a decisión de converterte en discípulo de Xesucristo. Isto significa que facer a vontade de Deus será o máis importante da túa vida. Que implica isto? Xesús dixo: “Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo” (Mat. 16:24). A frase grega que se traduciu como “que renuncie a si mesmo” tamén pode significar “que deixe de vivir para si mesmo”. Como servo dedicado de Xehová terás que rechazar as cousas que a el non lle gustan (2 Cor. 5:14, 15). Isto inclúe evitar “as obras dos baixos instintos”, como a inmoralidade sexual (Gál. 5:19-21; 1 Cor. 6:18). Complicarache a vida seguir estas normas? Se amas a Xehová e estás convencido de que as súas leis son o mellor para ti, obedecelo non será un problema (Sal. 119:97; Is. 48:17, 18). Un irmán que se chama Nicholas explicouno da seguinte maneira: “Podes ver as normas de Xehová coma os barrotes dunha prisión que che impiden facer o que ti queres ou coma os barrotes que te separan dun león para protexerte do perigo”.
Ves as normas de Xehová coma os barrotes dunha prisión que che impiden facer o que ti queres ou coma os barrotes que te separan dun león para protexerte do perigo? (Ver o parágrafo 4).
5. a) Como te dedicas a Xehová? b) Cal é a diferenza entre a dedicación e o bautismo? (Ver tamén a imaxe).
5 E como te podes dedicar a Xehová? Facéndolle unha oración na que lle prometes que o vas adorar só a el e que cumprir a súa vontade será o máis importante na túa vida. En realidade, o que lle estás prometendo é que o seguirás amando “con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con tódalas túas forzas” (Mar. 12:30). A dedicación é algo que se fai en privado, entre ti e Xehová. En cambio, o bautismo é público, e demóstralles a outros que ti xa te dedicaches. O teu obxectivo debería ser cumprir con esta promesa sagrada, e Xehová tamén espera que o fagas (Ecl. 5:3, 4 [5:4, 5, TNM]).
Cando te dedicas a Xehová prométeslle que o vas adorar só a el e que cumprir a súa vontade será o máis importante na túa vida (ver o parágrafo 5).
POR QUE DEDICARTE A XEHOVÁ?
6. Que motiva unha persoa a dedicarse a Xehová?
6 A razón principal pola que un se dedica a Xehová é por amor. Ese amor non é simplemente unha emoción. Máis ben, é o resultado de ter “coñecemento da súa vontade”, é dicir, de saber como é el e cal é o seu propósito (Col. 1:9). O teu estudo das Escrituras convenceute 1) de que Xehová é real, 2) de que a Biblia é a súa Palabra e 3) de que usa a súa organización para cumprir o seu propósito.
7. Que deberiamos facer antes de dedicarnos a Deus?
7 Os que se dedican a Xehová deben coñecer as ensinanzas básicas da Biblia, obedecelas e facer todo o posible por ensinarlles a outros o que aprenderon (Mat. 28:19, 20). O seu amor por Deus foi medrando e agora teñen un profundo desexo de adoralo só a el. Ti tamén sentes isto? Se amas a Xehová con todo o corazón, non verás a dedicación e o bautismo como algo que hai que facer para agradarlles ós teus pais ou ó teu mestre da Biblia. Tampouco darás estes pasos só porque os teus amigos o fagan.
8. Que relación hai entre o agradecemento e a dedicación a Xehová? (Salmo 116:12-14).
8 Ó pensar en tódalas cousas que Xehová fixo por ti, o agradecemento fará que sintas de forma natural o desexo de dedicarlle a túa vida a el (le Salmo 116:12-14). De maneira moi axeitada, a Biblia di que Xehová é quen dá “todo bo regalo e toda dádiva perfecta” (Sant. 1:17). O regalo máis grande que che fixo foi o sacrificio do seu Fillo, Xesús. Por que? Porque o rescate fixo posible que poidas ter unha relación estreita con Xehová e a oportunidade de vivir para sempre (1 Xoán 4:9, 10, 19). Esta foi a mostra de amor máis grande da historia! E unha das mellores formas de expresarlle a Deus o teu agradecemento é dedicándote a el. Así tamén estarás demostrando que valoras moito tódalas demais cousas boas que che dá (Deut. 16:17; 2 Cor. 5:15). Esta idea destácase no libro Desfruta da vida para sempre! lección 46 punto 4, onde se inclúe o vídeo de tres minutos Que lle podemos regalar a Deus?
ESTÁS PREPARADO PARA DEDICARTE E BAUTIZARTE?
9. Por que non debería ninguén sentirse presionado a dedicarse?
9 Quizais sintas que non estás preparado para dedicarte e bautizarte. Poida que aínda necesites facer cambios para vivir segundo as normas de Xehová ou que precises máis tempo para fortalecer a túa fe (Col. 2:6, 7). Non tódolos estudantes progresan ó mesmo ritmo, e non tódolos rapaces están listos para dedicarse e bautizarse á mesma idade. Por iso é bo que analices o teu progreso espiritual tendo en conta as túas capacidades e non en comparación cos demais (Gál. 6:4, 5).
10. Que podes facer se pensas que aínda non estás preparado para dedicarte e bautizarte? (Mira tamén o recadro “Para os que creceron en familias que serven a Xehová”).
10 Aínda que penses que de momento non estás preparado para dedicar a túa vida a Deus, non deixes de ter moi presente esta meta. Pídelle a Xehová que che axude a facer os cambios necesarios (Filip. 2:13; 3:16). Podes estar seguro de que el escoitará e responderá as túas oracións (1 Xoán 5:14).
POR QUE A ALGÚNS LLES CUSTA DECIDIRSE
11. Como nos vai axudar Xehová a seguir sendo fieis?
11 Hai algúns que xa están preparados para dedicarse e bautizarse pero non se atreven a dar estes pasos. Quizais teñan medo de cometer un pecado grave e que os expulsen da congregación. Se ese é o teu caso, podes estar seguro de que Xehová che dará todo o que necesitas para que sexas capaz de seguir servíndoo dunha forma que a el lle agrade (Col. 1:10). El demostrou que pode facelo porque xa lles axudou e lles deu as forzas necesarias a moitos servos seus (1 Cor. 10:13). Esta é unha das razóns polas que relativamente poucas persoas son expulsadas da congregación cristiá. Xehová encárgase de que teñamos todo o que nos fai falta para seguir sendo fieis.
12. Como podemos evitar cometer un pecado grave?
12 Todo ser humano imperfecto sente a tentación de facer o mal (Sant. 1:14). Pero está nas túas mans escoller se vas ceder ou non. Ó fin e ó cabo, es ti quen decide que tipo de vida queres levar. Aínda que algunhas persoas afirmen o contrario, podes aprender a controlar os teus impulsos. Por iso, incluso se aparece algún mal desexo é posible non deixarse levar por el. Hai cousas que che poden axudar. Por exemplo, óralle a Xehová tódolos días, mantén unha boa rutina de estudo persoal da Biblia, asiste ás reunións cristiás e comparte o que cres cos demais. Ser constante nestes asuntos darache as forzas necesarias para estar á altura da túa promesa de dedicación. E nunca te esquezas de que Xehová estará aí para axudarche a conseguilo (Gál. 5:16).
13. Que bo exemplo nos puxo Xosé?
13 Serache máis fácil permanecer fiel a Xehová se decides de antemán o que farás cando te enfrontes a unha tentación. Na Biblia atopamos o exemplo de persoas que probablemente fixeron isto, aínda que eran imperfectas. Por exemplo, a muller de Potifar intentou seducir a Xosé varias veces. Pero el non tiña ningunha dúbida de como ía reaccionar se iso pasaba. No seu relato vemos que “el refugou” ou rechazou a proposta e dixo: “Como podería eu cometer un crime semellante, e pecar contra Deus?” (Xén. 39:8-10). É evidente que Xosé xa sabía como ía reaccionar incluso antes de que ela intentase provocalo. Isto axudoulle a facer o correcto cando se tivo que enfrontar á tentación.
14. Como podes aprender a rechazar as tentacións?
14 Como podes ter a mesma determinación que Xosé? Decidindo xa agora como vas actuar ante unha tentación. Aprende a dicir que non inmediatamente ás cousas que Xehová odia, e incluso deixa de pensar nelas (Sal. 97:10; 119:165). Desta maneira non caerás na tentación, porque xa decidiches que camiño vas seguir.
15. Como pode demostrar alguén que está buscando a Xehová? (Hebreos 11:6).
15 Quizais teñas claro que encontraches a verdade e que queres servir a Xehová con todo o teu corazón pero aínda non te sintas preparado para dedicarte e bautizarte. Nese caso, podes facer o mesmo que o rei David. El suplicoulle a Xehová: “Examíname a fondo, Deus; coñece o meu corazón; próbame, e coñece os meus sentimentos. Olla se é torto o meu camiño, guíame ti polo camiño eterno” (Sal. 139:23, 24). Se ti tamén lle pides isto a Xehová demostras que estás buscando a súa axuda e esforzándote por alcanzar a meta da dedicación e o bautismo. E Xehová bendice “os que o buscan” (le Hebreos 11:6).
SIGUE ACERCÁNDOTE A XEHOVÁ
16, 17. Como atrae Xehová os que se criaron nunha familia de Testemuñas? (Xoán 6:44).
16 Xesús dixo que se alguén chega a ser o seu discípulo é porque Xehová o atrae (le Xoán 6:44). Pensa no significado tan profundo que teñen estas palabras e en como che aplican a ti. Xehová ve algo bo en tódalas persoas ás que atrae. Considera que cada unha delas é a súa propiedade especial, é dicir, algo moi valioso para el (Deut. 7:6). Iso é o que pensa Xehová de ti.
17 Pero poida que sexas un rapaz que se criou nunha familia de Testemuñas. Por iso, quizais sintas que serves a Xehová simplemente porque os teus pais tamén o fan e non porque el te atraese. Se ese é o teu caso, recorda que Deus non te ve só como parte dun grupo. El atrae a cada un individualmente, incluso ós que coñecen a verdade dende que eran pequenos. Ademais, a Biblia di: “Achegádevos a Deus e El achegarase a vós” (Sant. 4:8; 1 Crón. 28:9). Así que ti podes tomar a iniciativa para achegarte a Xehová e el responderache acercándose a ti (compara con 2 Tes. 2:13).
18. Que imos analizar no seguinte artigo? (Salmo 40:9 [40:8, TNM]).
18 Cando te dedicas a Xehová e te bautizas demostras a mesma actitude que Xesús. El ofreceuse de boa gana para facer todo o que seu Pai lle pedise (le Salmo 40:9 [40:8, TNM]; Heb. 10:7). No seguinte artigo imos analizar o que che axudará a seguir servindo fielmente a Xehová despois de bautizarte.
QUE RESPONDERÍAS?
Que significa dedicarse a Xehová?
Que relación hai entre o agradecemento e a dedicación a Xehová?
Como podemos evitar cometer un pecado grave?
CANCIÓN sjj 38 Xehová darache forzas