ARTIGO DE ESTUDO 38
CANCIÓN sjj 25 Un pobo escollido por Deus
Estás prestándolles atención ás advertencias?
“Levará a un pero abandonará o outro” (MAT. 24:40).
OBXECTIVO
Analizar tres comparacións que contou Xesús e ver como se relacionan co tempo de xuízo que sucederá durante o fin deste sistema.
1. Que fará Xesús moi pronto?
VIVIMOS nunha época de moitos cambios! Pronto Xesús xulgará a tódalas persoas. El describiu como sería o mundo xusto antes dese tempo dándolles ós seus discípulos un sinal profético da súa presenza invisible e “da parte final do sistema” (Mat. 24:3). Esta profecía está rexistrada nos capítulos 24 e 25 de Mateo, e tamén nos relatos paralelos de Marcos capítulo 13 e Lucas capítulo 21.
2. Que veremos neste artigo e a que nos axudará iso?
2 Xesús usou tres comparacións que serven de advertencia para nós e nos axudan a estar preparados. Son as seguintes: a das ovellas e as cabras, a das virxes prudentes e as insensatas e a dos talentos. Cada unha delas axúdanos a entender como a nosa maneira de actuar influirá en como seremos xulgados. Neste artigo imos analizalas e veremos o que nos ensinan. A primeira é a das ovellas e as cabras.
AS OVELLAS E AS CABRAS
3. Cando xulgará Xesús as persoas?
3 Na comparación das ovellas e as cabras, Xesús dixo que xulgará as persoas baseándose en como responderon ás boas noticias e en se apoiaron ou non os seus irmáns unxidos (Mat. 25:31-46). Este xuízo sucederá cara ó final da “gran tribulación”, xusto antes do Armaxedón (Mat. 24:21). Igual que un pastor separa as ovellas das cabras, Xesús separará os que apoiaron lealmente os unxidos dos que non o fixeron.
4. Segundo Isaías 11:3, 4, por que podemos estar seguros de que Xesús nos xulgará de maneira xusta? (Ver tamén a imaxe).
4 A Biblia di que, cando Xesús xulgue no nome de Xehová, sempre o fará de maneira xusta (le Isaías 11:3, 4). El ten en conta o que facemos, pensamos e dicimos (Mat. 12:36, 37; 25:40). Xesús saberá quen apoiou os cristiáns unxidos e a súa obra.a Unha das maneiras principais na que unha persoa pode apoiar os irmáns de Cristo é colaborando con eles na predicación. Os que o fan serán xulgados coma “xustos” e terán a esperanza de vivir para sempre na Terra (Mat. 25:46; Apoc. 7:16, 17). Que marabillosa recompensa! Sendo fieis durante a gran tribulación e tamén despois, manterán os seus nomes escritos no “libro da Vida” (Apoc. 20:15).
Pronto Xesús xulgará se as persoas demostraron ser coma ovellas ou coma cabras (ver o parágrafo 4).
5. Que aprendemos da comparación das ovellas e as cabras, e a quen debería interesarlle especialmente?
5 Demostra que es leal. A comparación de Xesús das ovellas e as cabras céntrase principalmente nos que teñen a esperanza de vivir na Terra. Eles demostran a súa fe, non só apoiando os unxidos na predicación, senón tamén seguindo lealmente a guía do escravo fiel e prudente, a quen Xesús escolleu (Mat. 24:45). Pero os que teñen a esperanza de ir ó ceo tamén necesitan prestarlle atención á advertencia desta comparación. Por que? Porque Xesús tamén se fixa na súa forma de actuar, pensar e falar, así que teñen que demostrar que son fieis. De feito, Xesús contou outras dúas comparacións que conteñen advertencias específicas para os unxidos. Encontrámolas tamén no capítulo 25 de Mateo. A continuación imos analizar a das virxes prudentes e as insensatas.
AS VIRXES PRUDENTES E AS INSENSATAS
6. Como demostraron 5 das 10 virxes que eran prudentes? (Mateo 25:6-10).
6 Na comparación das virxes, Xesús falou de 10 que foron a encontrarse cun noivo (Mat. 25:1-4). Todas querían acompañalo ó seu banquete de vodas. Xesús describiu cinco delas coma “prudentes” e as outras coma “insensatas”. As virxes prudentes estaban alerta e preparadas para esperar o que fixese falta ata que chegase o noivo, incluso se o facía tarde pola noite. Levaron candís para ter luz na escuridade e ata aceite de máis por se o noivo se retrasaba. Así que estaban listas para manter o lume nos candís (le Mateo 25:6-10). Por iso, cando o noivo chegou, as virxes prudentes foron con el a celebrar o banquete. De maneira parecida, os cristiáns unxidos que demostraron estar listos permanecendo alerta e fieis ata a chegada de Xesús recibirán a recompensa de unirse ó noivo, Xesús, no seu Reino celestial (Apoc 7:1-3).b E que hai das virxes insensatas?
7. Que lles pasou ás virxes insensatas, e por que?
7 A diferenza das virxes prudentes, as insensatas non estaban listas cando chegou o noivo. Ós seus candís quedáballes pouco para apagarse, e non levaban máis aceite con elas. Cando souberon que o noivo estaba chegando tiveron que ir comprar aceite, e non volveron a tempo para recibilo. Naquel momento “as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta” (Mat. 25:10). Máis tarde, cando as insensatas volveron e quixeron entrar, o noivo díxolles: “Asegúrovos que non vos coñezo” (Mat. 25:11, 12). Aquelas virxes non estaban preparadas para esperar o tempo necesario ata que el chegase. Cal é a lección para os unxidos?
8, 9. Que lección poden aprender os unxidos da comparación das virxes? (Ver tamén a imaxe).
8 Demostra que estás preparado e alerta. Xesús non quixo dicir que habería dous grupos distintos de unxidos: un preparado para esperar ata o fin deste sistema e outro non. Máis ben, explicou que lles pasaría ós unxidos se non estivesen listos para aguantar fielmente ata o fin. Nese caso non recibirían a súa recompensa (Xoán 14:3, 4). Isto é algo moi serio! Sen importar se temos a esperanza de ir ó ceo ou de estar na Terra, debemos prestarlle moita atención a esta comparación. Cada un de nós debe manterse alerta e preparado para aguantar ata o fin (Mat. 24:13).
9 Despois de contar a comparación das virxes para resaltar a necesidade de estar preparados e alerta, Xesús contou a dos talentos. Esta comparación destaca o importante que é ser traballadores.
Cada un de nós debe tomar moi en serio a advertencia da comparación das virxes estando alerta e preparado para aguantar ata o fin (ver os parágrafos 8 e 9).
OS TALENTOS
10. Como demostraron ser fieis dous escravos? (Mateo 25:19-23).
10 Na comparación dos talentos, Xesús falou de dous escravos que foron fieis ó seu amo e doutro que non o foi (Mat. 25:14-18). Os dous escravos demostraron a súa lealdade ó esforzarse moito por conseguir máis cartos para o seu amo. Antes de que este viaxase, confioulles os talentos, que eran unha gran cantidade de diñeiro. Os escravos fieis traballaron duro e usaron os cartos con sabedoría. Cal foi o resultado? Cando o amo volveu, tiñan o dobre do que el lles deixara. Por iso o amo felicitounos e díxolles que foran a alegrarse con el (le Mateo 25:19-23). E que hai do terceiro escravo? Que fixo co diñeiro que lle dera o seu amo?
11. Que pasou co escravo vago, e por que?
11 O terceiro escravo recibira un talento, pero foi vago. O seu amo esperaba que usase o talento con sabedoría, pero este decidiu enterralo. Cando o amo volveu, o escravo só lle devolveu aquel talento e ademais non tivo unha boa actitude. En vez de pedirlle perdón por non conseguir máis diñeiro, chamoulle inxustamente “home esixente”. Por iso, este escravo non recibiu a aprobación do amo. De feito, quitáronlle o talento e botárono da casa (Mat. 25:24, 26-30).
12. A quen representan os escravos fieis?
12 Os dous escravos fieis representan os cristiáns unxidos fieis. O Amo, Xesús, invítaos a alegrarse con el. Eles reciben a súa recompensa celestial mediante a primeira resurrección (Mat. 25:21, 23; Apoc. 20:5b). Por outro lado, o mal exemplo do escravo vago dálles unha advertencia ós unxidos. Cal?
13, 14. Que lección aprenden os unxidos da comparación dos talentos? (Ver tamén a imaxe).
13 Demostra ser traballador e dilixente. Na comparación dos talentos, igual que na das virxes, Xesús non estaba predicindo que os unxidos se volverían vagos. Máis ben, estaba explicando que pasaría se perdían o entusiasmo. Deixarían de asegurarse a “chamada e a elección que se fixo [deles]”, e non se lles permitiría entrar no Reino celestial (2 Ped. 1:10).
14 As comparacións das virxes e dos talentos deixan claro que tódolos cristiáns unxidos deben estar preparados e alerta, e ademais ser traballadores e dilixentes. Pero dixo algo máis Xesús para advertir os unxidos? Si. Podemos encontralo en Mateo 24:40, 41.
Xesús quere que os unxidos sexan traballadores e dilixentes ata o fin (ver os parágrafos 13 e 14).d
QUEN SERÁ LEVADO?
15, 16. Como lles axuda Mateo 24:40, 41 ós unxidos a ver a importancia de manterse alerta?
15 Antes de contar as tres comparacións, Xesús describiu un xuízo final dos unxidos que deixaría ver quen foi aprobado. Falou de dous homes que están traballando nun campo e de dúas mulleres que están moendo co muíño de man. Nas dúas parellas parece que ambos están facendo o mesmo traballo, pero Xesús dixo que “Deus levará a un pero abandonará o outro” (le Mateo 24:40, 41). Entón animou os seus seguidores: “Estade sempre vixiantes, porque non sabedes o día no que vén o voso Señor” (Mat. 24:42). Tamén dixo algo parecido despois de relatar a comparación das virxes (Mat. 25:13). Están relacionados estes comentarios? Iso parece. Só os verdadeiros unxidos que sexan fieis serán levados por Deus para gobernar con Xesús no Reino celestial (Xoán 14:3).
16 Demostra que estás alerta. Calquera unxido que non se manteña alerta non será reunido cos escollidos (Mat. 24:31). Ademais, tódolos que teñen a esperanza de vivir para sempre na Terra tamén deben ver as palabras de Xesús coma unha advertencia de que teñen que manterse alerta e fieis.
17. Por que non deberiamos preocuparnos se Xehová unxiu alguén durante o noso tempo?
17 Como chegamos a coñecer moi ben a Xehová, confiamos nos seus xuízos. Así que non nos preocupamos se decidiu unxir algúns cristiáns fieis durante os últimos anos.c Recordemos o que Xesús dixo sobre os homes que estiveron traballando 11 horas na comparación da viña (Mat. 20:1-16). Os que foron invitados a traballar na viña máis tarde no día cobraron o mesmo que os que empezaran máis cedo. Da mesma maneira, sen importar cando é escollido un unxido, todos recibirán a mesma recompensa celestial se se manteñen fieis.
FAGÁMOSLLES CASO ÁS ADVERTENCIAS
18, 19. Que leccións e advertencias analizamos?
18 Que analizamos neste artigo? Para os que teñen a esperanza de vivir para sempre na Terra, a comparación das ovellas e as cabras destaca a importancia de permanecer fieis e leais a Xehová, tanto agora coma na gran tribulación que pronto virá. Xusto antes do Armaxedón Xesús xulgará as persoas, e os que considere fieis “recibirán vida eterna” (Mat. 25:46).
19 Tamén analizamos dúas comparacións que conteñen advertencias para os unxidos. Por exemplo, na das virxes prudentes e as insensatas, cinco delas demostraron ser sabias. Estaban preparadas e alerta, dispostas a esperar polo noivo todo o tempo que fose necesario. Pero as insensatas non estaban listas, así que o noivo non as deixou entrar no banquete. Nós tamén debemos estar preparados para esperar sen importar canto quede para que Xesús termine con este sistema. Ademais, na comparación dos talentos, falamos de dous escravos fieis que foron traballadores e dilixentes. Esforzáronse moito polo seu amo e ganáronse a súa aprobación. Pero o escravo vago foi rechazado. Cal é a lección? Temos que estar ocupados no noso servizo a Xehová ata que chegue o fin. Finalmente vimos que os unxidos deben manterse alerta para ser levados e así recibir a súa recompensa celestial. Teñen moitas ganas de que chegue a súa “xuntanza con el” nos ceos. Despois da guerra de Armaxedón serán a noiva de Xesús na voda do Año (2 Tes. 2:1; Apoc. 19:9).
20. Que fará Xehová polos que lles presten atención ás súas advertencias?
20 Aínda que o momento do xuízo se está acercando rapidamente, non hai por que ter medo. Se nos mantemos fieis, o noso amoroso Pai celestial daranos “esa forza tan extraordinaria” para que poidamos “estar de pé diante do Fillo do Home”, é dicir, ser xulgados de maneira favorable (2 Cor. 4:7; Luc. 21:36). Sen importar se temos a esperanza de vivir na Terra ou de ir ó ceo, alegraremos moito o noso Deus se lles facemos caso ás advertencias que nos deu Xesús mediante as comparacións. Grazas a que Xehová é tan bo, os nosos nomes estarán “inscritos no libro” da vida (Dan. 12:1; Apoc. 3:5).
CANCIÓN snnw 146 Fixéstelo por min
a Mira o artigo “Que sabemos sobre os futuros xuízos de Xehová?” de A Atalaia de maio de 2024.
b Para máis información, mira o artigo “¿Logrará usted mantenerse alerta?” da revista La Atalaya do 15 marzo de 2015 (dispoñible en español).
c Ver a revista La Atalaya de xaneiro de 2020, páxinas 29 e 30 parágrafos 11 a 14 (dispoñible en español).
d DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha irmá unxida dando un curso da Biblia a unha muller que encontrou predicando.