Podemos acabar coa guerra e cos conflitos violentos?
As persoas loitan por moitas razóns. Algúns por razóns políticas, económicas ou por un cambio social. Outros por ter control en máis territorios e recursos naturais. A causa de moitos conflitos son as diferenzas étnicas ou relixiosas. Que se está facendo para conseguir a paz? Seremos capaces de acabar coa guerra?
Drazen_/E+ via Getty Images
MELLORAS NA ECONOMÍA
Obxectivo: Mellorar a calidade de vida da xente. Isto pode axudar a eliminar ou reducir a desigualdade económica, a cal é unha das razóns principais dos conflitos.
Por que é difícil conseguilo: Os gobernos terían que cambiar a maneira na que gastan os cartos. En 2022, estímase que se gastaron 34.100 millóns de dólares en intentos por conseguir a paz mundial e mantela. Non obstante, isto foi só o 0,4% do que se investiu en asuntos militares ese mesmo ano.
“Gastamos moitos máis cartos e recursos en xestionar conflitos que en evitalos e fomentar a paz” (António Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas).
O que di a Biblia: Os gobernos e as institucións humanas poden axudar ós pobres, pero nunca eliminarán a pobreza por completo (Deuteronomio 15:11; Mateo 26:11).
DIPLOMACIA
Obxectivo: Prever ou resolver as disputas de maneira pacífica mediante o diálogo e a negociación para chegar a un punto no que ambas partes saian beneficiadas.
Por que é difícil conseguilo: Un ou máis países quizais non estean dispostos a negociar, comprometerse ou aceptar un acordo. E os acordos de paz poden romperse con facilidade.
“Coa diplomacia non sempre se consegue ter éxito. Un acordo negociado para finalizar a guerra pode ser tan defectuoso que prepare o terreo para un futuro conflito” (Raymond F. Smith, American Diplomacy).
O que di a Biblia: A xente debería “[buscar] a paz” (Salmo 34:15 [34:14, TNM]). Pero moitos son “desleais, [...] non [están] dispostos a chegar a ningún acordo, […] [e son] traizoeiros” (2 Timoteo 3:1-4, TNM). Esta actitude tan estendida non lles permite resolver os conflitos ós líderes políticos sinceros.
DESARMAMENTO
Obxectivo: Reducir ou eliminar as armas, especialmente as nucleares, químicas e biolóxicas.
Por que é difícil conseguilo: A miúdo os gobernos non están dispostos a desarmarse porque teñen medo a perder poder ou a ser vulnerables. E incluso se acabasen coas armas, non eliminarían as razóns polas que a xente loita.
“Moitos dos acordos e promesas de desarmamento que se fixeron ó final da Guerra Fría non se cumpriron, incluíndo prácticas para reducir os perigos, aliviar tensións internacionais e, en definitiva, achegarnos a un mundo máis seguro” (Asegurar nuestro futuro común: una agenda de desarme, Oficina de Asuntos de Desarme das Nacións Unidas).
O que di a Biblia: A xente debería deixar as armas e “coas espadas [forxar] arados” (Isaías 2:4). E non só iso. Para acabar coa guerra hai que facer algo máis, porque a violencia sae do corazón das persoas (Mateo 15:19).
SEGURIDADE COLECTIVA
Obxectivo: Que os gobernos se poñan de acordo para defenderse uns ós outros dos seus inimigos. En teoría, un inimigo non empezará unha guerra se iso significa loitar contra as forzas combinadas de varias nacións.
Por que é difícil conseguilo: As ameazas de ter que loitar contra varios países á vez non garante a paz. Os gobernos non cumpren sempre as súas promesas nin se poñen de acordo en como e cando actuar contra os seus inimigos.
“Aínda que a seguridade colectiva [...] era unha parte moi importante do Pacto da Sociedade de Nacións e está recollida na Carta da Organización das Nacións Unidas, fracasou por completo en ambos casos” (Encyclopedia Britannica).
O que di a Biblia: Normalmente as cousas van mellor cando as persoas se axudan entre elas (Eclesiastés 4:12). Aínda así, non podemos esperar que as organizacións humanas traian paz e seguridade duradeiras. “Non confiedes nos potentes [ou líderes], humanos que non poden salvar. Vaise deles o alento, e retornan á terra, e con eles esvaecen os seus proxectos” (Salmo 146:3, 4).
A pesar de que moitos gobernos se esforzan por conseguir paz duradeira, segue habendo guerras terribles.