ARTIGO DE ESTUDO 12
CANCIÓN sn 54 Teñamos unha fe forte
Sigue camiñando guiado pola fe
“Seguimos camiñando guiados pola fe, non polo que se ve” (2 COR. 5:7).
OBXECTIVO
Aprender como seguir andando por fe cando temos que tomar decisións importantes.
1. Por que estaba o apóstolo Paulo satisfeito co que fixera durante a súa vida?
O APÓSTOLO Paulo sabía que pronto o matarían, pero tiña moitas razóns para estar satisfeito co que conseguira na súa vida. Mirando atrás puido dicir: “Rematei a miña carreira, gardei a fe” (2 Tim. 4:6-8). Paulo tomara a sabia decisión de usar a súa vida para servir a Xehová e estaba seguro de que El se sentía contento co seu servizo. Nós tamén queremos tomar boas decisións que nos permitan ter a aprobación de Deus. Como?
2. Que significa camiñar guiado pola fe?
2 Falando del mesmo e doutros cristiáns fieis, Paulo dixo: “Seguimos camiñando guiados pola fe, non polo que se ve” (2 Cor. 5:7). A que se refería? Na Biblia, a expresión camiñar ás veces fai referencia ó tipo de vida que unha persoa escolle levar. Cando unha persoa camiña guiada só polo que ve, toma decisións baseándose unicamente no que pode ver, escoitar e sentir. Por outro lado, cando alguén camiña guiado pola fe, toma decisións baseándose na súa confianza en Xehová Deus. As súas accións demostran que está convencido de que Xehová o recompensará e de que o mellor é seguir os consellos que se encontran na súa Palabra (Sal. 119:66; Heb. 11:6).
3. Como nos beneficia camiñar guiados pola fe? (2 Corintios 4:18).
3 Por suposto, todos tomamos algunhas decisións baseándonos no que vemos, escoitamos e sentimos. Pero, se ó tomar decisións importantes só temos en conta estas cousas, é posible que nos equivoquemos. Por que? Porque os nosos sentidos ás veces poderían enganarnos. Ademais, se só camiñamos guiados polo que vemos, poderiamos acabar pasando por alto o que Xehová quere que fagamos (Ecl. 11:9; Mat. 24:37-39). Pero se camiñamos guiados pola fe, é máis probable que escollamos facer o que lle “agrada ó Señor” (Ef. 5:10). Seguir os consellos de Deus daranos paz interior e felicidade verdadeira (Sal. 16:8, 9; Is. 48:17, 18). E se seguimos camiñando guiados pola fe teremos vida eterna (le 2 Corintios 4:18).
4. Como pode unha persoa saber se está camiñando guiada pola fe ou polo que ve?
4 Como podemos saber se estamos camiñando guiados pola fe ou polo que vemos? Temos que facernos as seguintes preguntas: “En que baseo as miñas decisións? Guíome polo que vexo ou pola miña confianza en Xehová e nos seus consellos?”. Vexamos como podemos seguir camiñando por fe en tres situacións importantes: 1) ó escoller un traballo, 2) ó decidir con quen casar e 3) ó recibir instrucións da organización. En cada unha delas analizaremos factores que deberiamos ter en conta para tomar boas decisións.
Ó ESCOLLER UN TRABALLO
5. Que debemos ter en conta á hora de escoller un traballo?
5 Todos queremos ser capaces de coidar das nosas propias necesidades e das da nosa familia (Ecl. 7:12; 1 Tim. 5:8). Nalgúns traballos pódese gañar o suficiente como para cubrir os gastos do día a día e ademais aforrar algo para o futuro. En cambio noutros, o salario só chega para cubrir as necesidades básicas da familia. Cando temos que escoller que emprego imos aceptar, é lóxico que teñamos en conta os cartos que imos gañar. Pero se isto é o único no que pensamos estariámonos deixando guiar polo que vemos, e non pola fe.
6. Como podemos camiñar guiados pola fe cando temos que escoller un emprego? (Hebreos 13:5).
6 Se camiñamos guiados pola fe tamén teremos en conta como lle podería afectar o traballo á nosa relación con Xehová. Deberiamos preguntarnos: “Terei que facer cousas que Xehová odia? Interferirá na miña adoración a Xehová? Fará que teña que estar lonxe da miña familia durante longos períodos de tempo?” (Prov. 6:16-19; Filip. 1:10). Se a resposta a algunha destas preguntas é un “si”, o máis sabio sería non aceptar ese traballo, aínda que sexa difícil encontrar outro. Como camiñamos guiados pola fe, as nosas decisións demostran que estamos seguros de que Xehová coidará das nosas necesidades (Mat. 6:33; le Hebreos 13:5).
7, 8. Como camiñou un irmán guiado pola fe? (Ver tamén a imaxe).
7 Javier, un irmán de América do Sur, viu o importante que é camiñar guiado pola fe.a El dixo: “Mandei o meu currículo para intentar conseguir un posto no que se duplicaría o meu salario e que me facía moita ilusión”. Pero Javier tamén tiña o desexo de facerse pioneiro. El segue dicindo: “Invitáronme a facer unha entrevista co director nacional. Antes de facela, oreille a Xehová pedíndolle axuda, coa seguridade de que el sabía que era o mellor para min. Quería progresar profesionalmente, pero non ía permitir que este traballo me impedise cumprir coas miñas metas espirituais”.
8 Javier conta: “Durante a entrevista, o director díxome que tería que facer horas extra habitualmente. Expliqueille con amabilidade que, debido ó tempo que dedico ó meu servizo a Deus, non as podería facer”. Así que Javier rechazou o traballo e dúas semanas máis tarde empezou a servir como pioneiro. Máis adiante ese mesmo ano, encontrou un emprego a tempo parcial. El di: “Xehová escoitou as miñas oracións e deume un traballo que se axusta ó meu horario como pioneiro. Estou realmente feliz de ter un emprego que me permita dedicar máis tempo a servir a Xehová e os meus irmáns”.
Se che ofrecen un ascenso, demostrará a túa decisión que confías en que Xehová sabe o que é mellor para ti? (Ver os parágrafos 7 e 8).
9. Que aprendes da experiencia de Trésor?
9 E que deberiamos facer se nos damos conta de que o noso traballo actual non nos permite camiñar guiados pola fe? Vexamos a experiencia de Trésor, que é da República do Congo. El conta: “O meu novo emprego era unha oportunidade única na vida. Estaba gañando tres veces máis que no anterior e respectábanme moito”. Pero Trésor perdía as reunións regularmente porque tiña que facer horas extra. Ademais os seus compañeiros trataban de que encubrise actividades deshonestas. Trésor quería deixar o traballo pero preocupáballe estar no paro. Que lle axudou? El di: “Habacuc 3:17-19 axudoume a entender que, incluso se perdía a miña fonte de ingresos, Xehová coidaría de min. Así que deixei o traballo. [...] Moitos empresarios pensan que unha persoa sacrificará todo, incluída a súa vida de familia e as súas actividades espirituais, por un traballo ben pagado. Faime moi feliz pensar en que protexín a miña relación con Xehová. Un ano máis tarde el axudoume a encontrar un traballo estable que me permite cubrir as miñas necesidades e ter máis tempo para servilo. Cando poñemos a Deus en primeiro lugar é posible que nalgúns momentos teñamos certos problemas económicos, pero el sempre coidará de nós”. Se confiamos nos consellos de Xehová e nas súas promesas, seguiremos camiñando guiados pola fe e el bendiciranos.
Ó DECIDIR CON QUEN CASAR
10. Que cousas poderían facernos camiñar guiados pola vista á hora de escoller con quen casar?
10 O matrimonio é un regalo de Xehová, así que é natural querer casar. Cando unha irmá está pensando en casar con certo irmán, é posible que se fixe na súa personalidade, aparencia, reputación, situación económica, responsabilidades familiares e en como a fai sentir.b Estes factores son importantes pero, se son os únicos que ten en conta, estaría camiñando por vista.
11. Como podemos camiñar guiados pola fe ó escoller con quen casar? (1 Corintios 7:39, TNM).
11 Que orgulloso se debe sentir Xehová dos nosos irmáns que seguen o seus consellos á hora de decidir con quen casar! Por exemplo, toman moi en serio a advertencia de non empezar a saír con alguén ata pasar “a flor da xuventude”, é dicir, ata ser suficientemente maduros (1 Cor. 7:36, TNM). Ademais, asegúranse de que a persoa que escollen teña as cualidades que Xehová di que debe ter un bo cónxuxe (Prov. 31:10-13, 26-28; Ef. 5:33; 1 Tim. 5:8). E se alguén que non é Testemuña mostra interese romántico por eles, confían no consello de casar só “no Señor”, como di 1 Corintios 7:39 (TNM) (leo). Seguen camiñando guiados pola fe, confiando en que Xehová sempre lles dará o apoio emocional que necesiten (Sal. 55:23 [55:22, TNM]).
12. Que aprendes do exemplo de Rosa?
12 Vexamos a experiencia de Rosa, unha pioneira de Colombia. Un home do seu traballo que non era Testemuña empezou a mostrar interese nela, e ela empezou a sentirse atraída por el. Rosa conta: “Parecía unha moi boa persoa. Ofrecíase para axudar na súa comunidade, levaba un estilo de vida saudable e gustábame como me trataba. Tiña todo o que buscaba nun marido, excepto que non era Testemuña. [...] Así que se me fixo moi difícil dicirlle que non, porque realmente quería saír con el. Naquel tempo sentíame algo soa e quería casar, pero non encontraba ninguén dentro da congregación” Aínda así, ela non se centrou só no que podía ver. Máis ben pensou en como lle podería afectar esta decisión á súa amizade con Xehová. Entón cortou todo contacto con aquel home e mantívose ocupada en actividades espirituais. Pouco despois invitárona a asistir ó Curso para Evanxelizadores do Reino e agora serve como pioneira especial. Rosa di: “Xehová deume moitas cousas boas e fíxome moi feliz”. Aínda que quizais non sexa fácil camiñar guiados pola fe en asuntos nos que hai envoltos sentimentos moi fortes, o certo é que sempre merece a pena.
Ó RECIBIR INSTRUCIÓNS DA ORGANIZACIÓN
13. Que podería levarnos a camiñar guiados pola vista cando recibimos instrucións da organización?
13 Os anciáns da nosa congregación, o superintendente de circuíto, a sucursal e o Consello Reitor a miúdo nos dan instrucións que nos axudan a servir a Xehová. Pero, e se en certa ocasión non entendemos a razón dalgunhas destas instrucións? Quizais só vexamos como estas nos poderían poñer as cousas máis difíciles a nós. Incluso é posible que empecemos a centrarnos nas imperfeccións dos irmáns que nolas deron. Pero se facemos isto estariamos camiñando por vista.
14. Que nos axudará a camiñar guiados pola fe cando recibimos instrucións da organización? (Hebreos 13:17).
14 Confiamos en que Xehová está guiando a súa organización e en que sabe o que é mellor para nós. Así que obedecemos rapidamente e facémolo de boa gana (le Hebreos 13:17). Sabemos que cando seguimos as instrucións contribuímos a que a congregación se manteña unida (Ef. 4:2, 3). Aínda que os irmáns que nos dirixen son imperfectos, confiamos en que Xehová bendicirá a nosa obediencia (1 Sam. 15:22). E cando chegue o momento apropiado corrixirá todo o que realmente necesite corrixirse (Miq. 7:7).
15, 16. Que lle axudou a un irmán a camiñar guiado pola fe aínda que tiña dúbidas sobre as instrucións que recibira? (Ver tamén a imaxe).
15 Vexamos unha experiencia que destaca os beneficios de camiñar guiados pola fe seguindo as instrucións da organización. No Perú, aínda que o español é un idioma moi estendido, moitas persoas falan idiomas nativos. Un deles é o quechua. Durante anos, os irmáns de fala quechua buscaban no territorio as persoas que falasen este mesmo idioma. Pero, para cumprir coas novas leis do goberno, xa non podían buscar as persoas como facían antes (Rom. 13:1). Aínda que algúns se preguntaron se isto prexudicaría a predicación, como seguiron a guía da organización, Xehová bendiciu os seus esforzos por encontrar moitas persoas de fala quechua.
16 A Kevin, un ancián dunha congregación de fala quechua, tamén lle preocupaba este asunto. El explica: “Cando escoitei as novas instrucións pregunteime como iamos encontrar agora as persoas que falan este idioma”. E entón, que fixo? El explica: “Acordeime de Proverbios 3:5 e de Moisés. Xehová déralle instrucións que parecían non ter sentido. Dixéralle a Moisés que sacase os israelitas de Exipto e os levase cara ó Mar Vermello, onde parecía que non poderían escapar dos exipcios que os perseguían. Aínda así, el obedeceu e Deus bendiciuno facendo un milagre impresionante para salvalos” (Éx. 14:1, 2, 9-11, 21, 22). Kevin estivo disposto a adaptar a súa predicación. Cal foi o resultado? El conta: “Impresionoume como nos bendiciu Xehová. Antes camiñabamos moito na predicación e ás veces só encontrabamos unha ou dúas persoas que falasen quechua. Agora concentrámonos nas zonas onde hai máis persoas que falen este idioma. Como resultado, temos máis conversas, revisitas, cursos da Biblia e aumentou a asistencia ás reunións”. Está claro que, cando camiñamos guiados pola fe, Xehová sempre nos recompensa.
Moitas persoas dixéronlles ós irmáns onde podían encontrar os que falan quechua (ver os parágrafos 15 e 16).
17. Que aprendiches neste artigo?
17 Neste artigo vimos como seguir camiñando guiados pola fe en tres situacións importantes. Pero debemos facelo en tódolos aspectos da nosa vida, como ó escoller que películas imos ver, que imos facer no noso tempo libre, que nivel de estudos queremos conseguir ou como criaremos os nosos fillos. Sexa cal sexa a decisión que teñamos que tomar, non debemos guiarnos só polo que vemos, senón tamén pola nosa relación con Xehová, polos seus consellos e pola súa promesa de que coidará de nós. Se así o facemos, “camiñaremos no nome do Señor, o noso Deus, para sempre xamais” (Miq. 4:5).
CANCIÓN sjj 156 Eu teño fe!
a Cambiáronse algúns nomes.
b Para simplificar, este parágrafo refírese a unha irmá que está buscando marido. Pero, por suposto, estes mesmos consellos aplican no caso de que un irmán estea buscando muller.