ARTIGO DE ESTUDO 28
CANCIÓN sn 69 Ensíname os teus camiños
Por que é bo pedir consello?
“A sabedoría está cos que se aconsellan” (PROV. 13:10).
OBXECTIVO
Aprender como aproveitar ben os consellos que nos dan.
1. Como podemos tomar boas decisións e que os nosos plans saian ben? (Proverbios 13:10; 15:22).
TODOS queremos tomar boas decisións e que os nosos plans saian ben. A Palabra de Deus dinos como podemos conseguilo (le Proverbios 13:10; 15:22).
2. Que promete facer Xehová por nós?
2 Por suposto, a mellor persoa á que lle podemos pedir consello é ó noso Pai, Xehová. El promete que nos vai axudar cando di: “Aconsellareite, pousarei os meus ollos sobre ti” (Sal. 32:8). Este texto móstranos que Xehová fai moito máis que simplemente darnos un consello: el preocúpase persoalmente por nós e axúdanos a aplicalo.
3. Que veremos neste artigo?
3 Neste artigo, usaremos a Biblia para responder as seguintes 4 preguntas: 1) Que cualidades necesito ter para beneficiarme dos bos consellos que me dean? 2) Quen pode darme bos consellos? 3) Como podo demostrar que de verdade quero un consello? 4) Por que non debería pedirlles a outros que decidan por min?
QUE CUALIDADES NECESITO TER?
4. Que cualidades necesitamos para beneficiarnos dos bos consellos?
4 Temos que ser humildes e modestos para poder beneficiarnos dos bos consellos. Debemos admitir que quizais non teñamos a experiencia e o coñecemento necesarios para tomar unha boa decisión pola nosa conta. Se non somos humildes e modestos, Xehová non nos poderá axudar e, como consecuencia, cada vez que leamos un consello na Biblia sentiremos que non é para nós (Miq. 6:8; 1 Ped. 5:5). Pero, se somos humildes e modestos, estaremos desexando escoitar e aplicar os consellos da Biblia.
5. Que cousas puideron volver orgulloso a David?
5 Vexamos o que podemos aprender do exemplo do rei David. Aínda que fixo cousas impresionantes, non se volveu orgulloso. Moito antes de ser rei, era coñecido por ser bo músico. Incluso lle pediron que tocase diante do rei (1 Sam. 16:18, 19). Ademais, Xehová escolleuno para ser o futuro rei e fíxoo moi poderoso ó darlle espírito santo (1 Sam. 16:11-13). David tamén se volveu popular entre as persoas por derrotar os seus inimigos, coma ó xigante filisteo chamado Goliat (1 Sam. 17:37, 50; 18:7). Un home orgulloso podería pensar que ó ser capaz de conseguir todas esas cousas, non necesita que outros o aconsellen. Pero David non era así.
6. Como sabemos que David aceptaba ben os consellos? (Ver tamén a imaxe).
6 Cando se converteu en rei, David escolleu amigos que o puidesen aconsellar (1 Crón. 27:32-34). Isto non nos sorprende, porque no pasado David sempre estivo disposto a escoitar os consellos dos demais. E non só aceptou consellos de homes, senón tamén os dunha muller chamada Abigail. Ela era a muller de Nabal, un home irrespectuoso, desagradecido e egoísta. A diferenza deste home, David foi humilde ó aplicar os consellos que lle dera e así evitou cometer un erro moi grave (1 Sam. 25:2, 3, 21-25, 32-34).
O rei David aceptou e aplicou con humildade o consello de Abigail (ver o parágrafo 6).
7. Que leccións aprendemos do exemplo de David? (Eclesiastés 4:13) (Ver tamén as imaxes).
7 Podemos aprender algunhas leccións do exemplo de David. Por exemplo, pode ser que saibamos facer algo moi ben ou que teñamos certa autoridade sobre outros, pero nunca debemos pensar que o sabemos todo e que non necesitamos consellos dos demais. Como David, debemos estar dispostos a escoitar os bos consellos sen importar de quen veñan (le Eclesiastés 4:13). Desta maneira, seguramente evitaremos cometer erros graves que nos poidan traer problemas a nós mesmos e a outros.
Debemos estar dispostos a escoitar un bo consello sen importar quen nolo dea (ver o parágrafo 7).c
QUEN PODE DARME BOS CONSELLOS?
8. Por que podía Ionatán darlle un bo consello a David?
8 Vexamos outra lección que podemos aprender do exemplo de David. El escoitou os consellos de xente que tiña unha boa relación con Xehová e que tamén entendía ben a situación pola que estaba pasando. Por exemplo, cando quería saber se podía recuperar a súa relación con Saúl, David escoitou o consello de Ionatán, o fillo deste rei. Por que podía Ionatán darlle un bo consello? Porque non só tiña unha boa relación con Xehová, senón que tamén coñecía ben a Saúl (1 Sam. 20:9-13). Que nos ensina isto?
9. A quen deberiamos pedirlle consellos? Explica a túa resposta. (Proverbios 13:20).
9 Cando necesitemos consello sobre algo, é bo que lle preguntemos a alguén que teña unha boa relación con Xehová e ademais experiencia no tema (le Proverbios 13:20).a Por exemplo, imaxina que a un irmán xove lle gustaría encontrar unha boa parella coa que casar. Quen lle podería dar un bo consello? Un amigo que non está casado pode ser de axuda se o que lle di está baseado en principios bíblicos. Pero é posible que o irmán reciba un consello máis específico e práctico se lle pregunta a unha parella madura e espiritual que o coñezan ben e que leven algún tempo felizmente casados.
10. Que veremos a continuación?
10 Xa vimos dúas cualidades que necesitamos ter e tamén quen nos pode dar bos consellos. Vexamos agora porque é importante demostrar que de verdade queremos recibir consellos e se deberiamos pedirlles a outros que decidan por nós.
COMO PODO DEMOSTRAR QUE DE VERDADE QUERO UN CONSELLO?
11, 12. a) Que debemos evitar facer? b) Que fixo o rei Rehoboam cando tivo que tomar unha decisión importante?
11 Ás veces, pode parecer que unha persoa está pedindo consello cando en realidade xa tomou unha decisión e só busca que alguén estea de acordo con ela. Alguén así en realidade non quere recibir consello e debería aprender do que lle pasou ó rei Rehoboam.
12 Rehoboam converteuse en rei de Israel despois da morte de seu pai Salomón. Herdou unha nación que fora próspera, pero a xente sentía que Salomón os fixera traballar demasiado. Así que foron onda Rehoboam para suplicarlle que o seu traballo non fose unha carga tan grande, e el pediulles que lle desen un tempo para pensalo. Empezou ben ó consultar o asunto cos anciáns que xa axudaran a Salomón (1 Reis 12:2-7). Pero rechazou o consello que lle deron. Por que faría algo así? Pode ser que decidise xa o que ía facer e que só buscase que alguén estivese de acordo con el? Se é así, encontrou o que quería no consello dos seus amigos, que eran máis novos (1 Reis 12:8-14). Entón Rehoboam respondeulle ó pobo exactamente o que estes lle dixeran. Como resultado, a nación dividiuse e dende entón Rehoboam tivo problemas constantemente (1 Reis 12:16-19).
13. Como podemos saber se de verdade queremos un consello?
13 Que podemos aprender do exemplo de Rehoboam? Cando pedimos un consello, non deberiamos ter a decisión xa tomada. Debemos estar dispostos a escoitar o que nos digan. Preguntémonos: “Pido un consello pero despois o ignoro se non é o que quería escoitar?”. Vexamos un exemplo.
14. Que temos que recordar cando buscamos consello? Pon un exemplo. (Ver tamén a imaxe).
14 Imaxina que un irmán recibe unha oferta dun traballo moi ben pagado. Antes de aceptala, pídelle consello a un ancián. O irmán menciónalle que neste traballo a miúdo terá que pasar varias semanas lonxe da familia. Entón o ancián recórdalle o principio bíblico de que a súa principal responsabilidade é coidar das necesidades espirituais da súa familia (Ef. 6:4; 1 Tim. 5:8). Supoñamos que o irmán non está de acordo co que lle di o ancián, así que segue buscando ata que alguén na congregación lle diga que pode aceptar o traballo. Está buscando consello ou xa tomou a decisión e só quere encontrar alguén que estea de acordo con el? Temos que recordar que o noso corazón é traizoeiro (Xer. 17:9). Ás veces, o consello que máis necesitamos é o que menos queremos escoitar.
Estamos buscando un bo consello ou só queremos encontrar alguén que estea de acordo con nós? (Ver o parágrafo 14).
POR QUE NON DEBERÍA PEDIRLLES A OUTROS QUE DECIDAN POR MIN?
15. Que non deberiamos facer, e por que?
15 Xehová espera que cada un de nós tomemos as nosas propias decisións (Gál. 6:4, 5). Como vimos, unha persoa sabia buscará consello na Palabra de Deus e de cristiáns maduros antes de escoller que facer. Aínda así, non deberiamos pedirlles a outros que decidan por nós. Pode ser que algúns fagan isto preguntándolle a alguén de confianza: “Que farías ti no meu lugar?”. Outros pode ser que o fagan de maneira máis sutil copiando a decisión de alguén sen pensar moito sobre o tema por eles mesmos.
16. Que pasou en Corinto co tema da carne sacrificada a ídolos, e quen tiña a responsabilidade de decidir se a ían comer ou non? (1 Corintios 8:7; 10:25, 26).
16 Pensemos na decisión que tiveron que tomar os cristiáns da congregación de Corinto do primeiro século sobre a carne que quizais fose sacrificada a ídolos. Paulo escribiulles: “Sabemos que un ídolo non é nada, e que só hai un Deus” (1 Cor. 8:4). Despois do que dixo Paulo, algúns cristiáns decidiron que podían comer a carne que se vendía no mercado aínda que quizais fora sacrificada a ídolos. Outros decidiron que non podían comer esa carne sen que lles molestase a conciencia (le 1 Corintios 8:7; 10:25, 26). Esta era unha decisión persoal. Paulo nunca lles recomendou ós corintios tomar decisións por outros nin copiar o que facían os demais. Cada un deles tiña que “render contas de si mesmo a Deus” (Rom. 14:10-12).
17. Que podería pasar se simplemente copiamos as decisións dos demais? Pon un exemplo. (Ver tamén as imaxes).
17 Podería pasar algo parecido hoxe en día? Pensemos no asunto das fraccións sanguíneas. Cada cristián ten que decidir se as aceptará ou as rechazará baseándose na súa conciencia educada pola Biblia.b Quizais nos custe entender este asunto, pero tomar decisións coma esta é parte da carga que temos que levar cada un de nós (Rom. 14:4). Se copiamos o que decidan facer os demais, poderemos estar debilitando a nosa conciencia. Só a fortaleceremos e a melloraremos se a usamos (Heb. 5:14). Así que, cando deberiamos pedirlle consello a un cristián maduro? Despois de que fixeramos a nosa propia investigación pero aínda necesitemos axuda para entender como nos aplican os principios bíblicos na nosa situación.
Deberiamos pedir consello só despois de facer a nosa propia investigación (ver o parágrafo 17).
NON DEIXEMOS DE BUSCAR CONSELLO
18. Que fixo Xehová por nós?
18 Xehová demostrou o moito que confía en nós ó permitirnos tomar as nosas propias decisións. Deunos a súa Palabra, a Biblia, e tamén amigos sabios que nos poden axudar a entender os principios que encontramos nela. Destas maneiras Xehová coida de nós coma un Pai cariñoso (Prov. 3:21-23). Como podemos demostrarlle o agradecidos que estamos?
19. Como podemos seguir facendo feliz a Xehová?
19 Ós pais failles moi felices ver como os seus fillos crecen e se converten en sabios servos de Xehová que axudan a outros. De maneira parecida, a Xehová faille moi feliz ver como seguimos madurando espiritualmente, como pedimos consello e como tomamos decisións que demostran canto o queremos.
CANCIÓN sjj 127 A persoa que quero ser
a Ás veces, é sabio que os cristiáns pidan consello a persoas que non adoran a Xehová sobre diferentes asuntos, como económicos e médicos.
b Se queres ler información máis detallada sobre este asunto, le o punto 5 e a sección “Investiga” da lección 39 do libro Desfruta da vida para sempre!
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Un ancián aconsella a outro ancián máis maior sobre a maneira na que falou hai pouco nunha reunión.