BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 xullo páxs. 8-13
  • Como dar consello

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Como dar consello
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • CANDO NOS PIDEN CONSELLO
  • COMO DAR CONSELLO CANDO NON NOLO PEDIRON
  • DAR CONSELLO NO MOMENTO OPORTUNO E DA MANEIRA APROPIADA
  • SIGAMOS DANDO E ACEPTANDO CONSELLOS
  • Por que é bo pedir consello?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Pídelles axuda ós anciáns
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Aprende das últimas palabras duns homes fieis
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Dar farate máis feliz
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 xullo páxs. 8-13

ARTIGO DE ESTUDO 29

CANCIÓN sjj 87 Ven á reunión!

Como dar consello

“Aconsellareite, pousarei os meus ollos sobre ti” (SAL. 32:8).

OBXECTIVO

Aprender a dar consellos que poidan axudarlles ós demais.

1. Quen ten que dar consellos, e por que?

GÚSTACHE darlles consellos a outros? Para algúns é fácil, pero a outros dálles medo e séntense incómodos ó facelo. Sexa cal sexa o noso caso, todos estamos obrigados a dalos de vez en cando. Por que? Porque Xesús dixo que os seus verdadeiros seguidores serían identificados polo amor que se mostrarían entre eles (Xoán 13:35). E unha maneira de mostrarlles ese amor ós irmáns é dándolles consello se o necesitan. A Palabra de Deus di que “a doce amizade” nace, ou medra, grazas a un “consello sincero” (Prov. 27:9, TNM).

2. Que deben saber facer os anciáns, e por que? (Ver tamén o recadro “Consello na reunión de entre semana”).

2 Os anciáns en especial necesitan ser capaces de dar consellos que lles axuden ós demais. Mediante Xesús, Xehová asignoulles a estes homes que pastoreasen a congregación (1 Ped. 5:2, 3). Unha maneira na que o fan é incluíndo nos seus discursos consellos baseados na Biblia. Tamén deben darlles consellos ás ovellas de maneira individual, incluso ás que se separaron do rabaño para axudarlles a volver a Xehová. Como poden os anciáns e todos nós dar bos consellos?

O presidente da reunión de entre semana usando o folleto “Melloremos na lectura e no ensino” para felicitar e darlle consello a un estudante.

Consello na reunión de entre semana

O presidente da reunión de entre semana dálles consellos prácticos ós que teñen algunha asignación estudantil. Mentres o irmán ou a irmá presente a asignación, o presidente estará atento a como pon en práctica o punto ou a lección que tiña que aplicar.

Ó acabar a asignación, o presidente comentará os aspectos positivos. Se é necesario, tamén dará consello específico e con tacto sobre as cousas nas que pode mellorar o estudante para aplicar o punto ou a lección. Estes consellos non só beneficiarán o estudante, senón a toda a congregación (Prov. 27:17).

3. a) Como podemos aprender a ser bos conselleiros? (Isaías 9:5 [9:6, TNM]; ver tamén o recadro “Imita a Xesús ó dar consello”) b) Que veremos neste artigo?

3 Podemos aprender moito de como ser bos conselleiros ó estudar o exemplo que nos deixaron diferentes personaxes bíblicos, especialmente Xesús. Un dos seus títulos é “Marabilla de conselleiro” (le Isaías 9:5 [9:6, TNM]). Neste artigo veremos que podemos facer cando nos piden consello e que facer se temos que dar consello cando non nolo pediron. Tamén veremos a importancia de dar consello no momento oportuno e da maneira apropiada.

Imita a Xesús ó dar consello

Vexamos algunhas cousas que fan que Xesús sexa unha “Marabilla de conselleiro”, e como podemos seguir o seu exemplo.

  • Xesús sabía que dicir. El sempre sabía que dicir porque baseaba os seus consellos na sabedoría de Xehová, nunca na súa. Díxolles ós seus discípulos: “As cousas que eu vos digo non son ideas miñas” (Xoán 14:10).

    Lección: Incluso se somos maiores ou temos moito coñecemento, debemos asegurarnos de non basear o noso consello nas nosas ideas, senón na Palabra de Deus.

  • Xesús sabía cando dar consello. El non lles contou ós seus discípulos de golpe todo o que necesitaban saber. Máis ben, esperou o momento oportuno para darlles consello e díxolles só o que eran capaces de entender (Xoán 16:12).

    Lección: Cando aconsellemos a alguén, debemos esperar ata que sexa o mellor “tempo para falar” (Ecl. 3:7). Se lle damos demasiada información á persoa, posiblemente se sinta superada, confusa e desanimada. Así que faremos ben se só lle comentamos o que necesita saber para facerlle fronte ó seu problema.

  • Xesús sabía como dar consellos con tacto. El tivo que aconsellar os seus apóstolos en moitas ocasións sobre ser humildes. Aínda así, sempre o fixo con calma e respecto (Mat. 18:1-5).

    Lección: Incluso se temos que darlle a unha persoa o mesmo consello varias veces, iranos mellor se mantemos a calma e falamos con amabilidade e respecto.

CANDO NOS PIDEN CONSELLO

4, 5. Cando alguén nos pida consello, que é o primeiro que nos deberiamos preguntar? Pon un exemplo.

4 Cando alguén nos pida consello, como deberiamos reaccionar? Quizais nos sintamos ben ó ver que confía en nós e queiramos axudarlle de inmediato. Pero primeiro deberiamos preguntarnos: “Estou cualificado para dar consello sobre este asunto?”. Ás veces, a mellor maneira na que podemos axudarlle a alguén é dirixíndoo a unha persoa que teña o coñecemento e a experiencia necesaria nese tema.

5 Poñamos un exemplo. Imaxina que a un bo amigo teu diagnostícanlle unha enfermidade moi grave. Entón cóntache que empezou a buscar que tratamentos hai dispoñibles e pregúntache a túa opinión sobre cal deles cres que é o mellor. Quizais teñas moi claro cal escollerías, pero non es médico nin tes a formación necesaria para tratar esa enfermidade. Nese caso, o mellor que podes facer é axudarlle ó teu amigo a encontrar alguén cualificado que o poida aconsellar.

6. Que é bo que fagamos antes de dar consello?

6 Incluso se sentimos que estamos cualificados para dar consello nun tema en particular, poderiamos esperar un pouco antes de dalo. Por que? Proverbios 15:28 di que o “xusto medita antes de responder”. E se cremos que xa sabemos a resposta? Aínda así, deberiamos dedicar un tempo a investigar, orar e meditar. Entón estaremos máis seguros de que a nosa resposta está de acordo co que opina Xehová sobre o tema. Fíxate no que lle pasou ó profeta Natán.

7. Que aprendes do que lle pasou ó profeta Natán?

7 Cando o rei David lle dixo ó profeta Natán que quería construírlle un templo a Xehová, este respondeulle nese mesmo momento que o fixera. Pero Natán debeu esperar a consultalo con Xehová. Por que? Porque Xehová non quería que David construíse o templo (1 Crón. 17:1-4). Este exemplo demóstranos que cando nos pidan consello, o máis sabio será ser “lentos para falar” (Sant. 1:19, TNM).

8. Cal é outra razón pola que deberiamos ter coidado ó dar un consello?

8 Hai outra razón pola que temos que ter coidado ó darlle un consello a alguén: poderiamos ter parte da responsabilidade se a decisión que tome baseándose no noso consello ten consecuencias negativas. Está claro que é importante que pensemos con coidado antes de dar consello.

COMO DAR CONSELLO CANDO NON NOLO PEDIRON

9. De que deberían estar seguros os anciáns antes de dar consello? (Gálatas 6:1, TNM).

9 Ás veces, os anciáns teñen que tomar a iniciativa de aconsellar a un irmán ou irmá que deu “un paso en falso” (le Gálatas 6:1, TNM). A Biblia de estudo en español ten unha nota neste versículo que di que esa persoa “vai polo mal camiño, pero pode que aínda non caese nun pecado grave”. O obxectivo dos anciáns é axudarlle á persoa a manterse no camiño que leva á vida eterna (Sant. 5:19, 20). De todas formas, para que o seu consello teña efecto, primeiro teñen que asegurarse de que esa persoa realmente está dando un paso en falso. Teñen que ter en conta que Xehová nos permite a todos tomar decisións segundo a nosa propia conciencia (Rom. 14:1-4). Pero, e se os anciáns se dan conta de que un irmán fixo algo que pode danar a súa amizade con Xehová? Como poden tomar a iniciativa e aconsellalo?

10-12. Que deben facer os anciáns cando teñen que darlle consello a alguén que non o pediu? Pon un exemplo. (Ver tamén as imaxes).

10 Non é fácil para os anciáns dar consello a alguén que non o pediu. Por que? O apóstolo Paulo dixo que unha persoa pode dar un paso en falso sen darse conta. Así que, se os anciáns lle dan un consello, pode ser que non entenda por que llo están dando. Por iso, antes de darllo, hai cousas que deben facer os anciáns para axudarlle á persoa a que lle sexa máis fácil escoitalo.

11 Darlle consello a alguén que non o pediu é como intentar cultivar algo nun terreo duro. Antes de sementar, hai que preparar a terra. Cando está lista, plántase a semente e por último régase para axudarlle a crecer. De maneira parecida, antes de dar un consello a alguén que non o pediu, o ancián tamén ten que preparar o terreo. Por exemplo, pode esperar a que sexa un bo momento para falar e despois pode dicirlle que se preocupa por el e que hai algo que lle quere comentar. Se temos a reputación de ser cariñosos e amables, será máis fácil para os demais aceptar o consello que teñamos que darlles.

12 Durante a conversación, o ancián pode seguir preparando o terreo ó recordarlle que, ás veces, todos cometemos erros e necesitamos consello (Rom. 3:23). Despois, cun ton de voz calmado e con moito respecto, axudaralle a entender coa Biblia como deu un paso en falso. Unha vez o irmán recoñeza que cometeu un erro, o ancián “plantará a semente” explicándolle de maneira sinxela os cambios que necesita facer. Por último, “regará a semente” animando o irmán por tódalas cousas boas que está facendo e orando con el (Sant. 5:15).

Escenas comparando a un ancián dándolle consello a un irmán cun agricultor plantando unha semente nun terreo duro. 1. Preparar o terreo: O agricultor sacha a terra; o ancián fálalle con cariño ó irmán. 2. Plantar: O agricultor pon a semente no chan preparado; o ancián usa a Biblia para razoar co irmán. 3. Regar: O agricultor rega a semente plantada; o ancián ora co irmán.

Para dar consello a alguén que non o pediu, necesítase amor e habilidade (ver os parágrafos 10 a 12).


13. Como poden asegurarse os anciáns de que a persoa entende o consello?

13 Ás veces, o que di a persoa que aconsella e o que entende a persoa aconsellada son dúas cousas diferentes. Que poden facer os anciáns para evitar que lles pase isto? Poden facer preguntas con tacto e respecto para ver se a persoa entendeu o consello e se sabe o que pode facer para aplicalo (Ecl. 12:11).

DAR CONSELLO NO MOMENTO OPORTUNO E DA MANEIRA APROPIADA

14. Por que non deberiamos dar consello cando estamos enfadados?

14 Somos imperfectos, así que ás veces todos facemos ou dicimos cousas que lles molestan ós demais (Col. 3:13). A Biblia di que incluso podemos provocar que nos enfademos uns cos outros (Ef. 4:26). Pero temos que resistir o impulso de dar consello cando estamos enfadados. Por que? Porque “o anoxo do home non leva á conducta que Deus pide” (Sant. 1:20). Se damos un consello nese estado, é probable que fagamos máis mal que ben. Isto non significa que nunca deberiamos expresar como nos sentimos a alguén que nos enfadou. Pero debemos esperar a calmarnos antes de dicirlle nada. Podemos aprender de Elihú, quen lle deu un bo consello a Xob.

15. Que aprendemos do exemplo de Elihú? (Ver tamén a imaxe).

15 Durante días, Elihú estivo escoitando a Xob defenderse das acusacións dos seus falsos amigos. Ó principio compadeceuse del, pero cando Xob intentou defenderse dicindo cousas de Xehová que non eran verdade, Elihú enfadouse moito. Aínda así, esperou a que fose o seu momento para falar e entón aconsellouno dunha maneira moi tranquila e respectuosa (Xob 32:2; 33:1-7). Isto ensínanos algo moi importante: é mellor dar consello no momento oportuno e da maneira apropiada, con respecto e con amor (Ecl. 3:1, 7).

Elihú escoitando con empatía a Xob, quen está cuberto de úlceras.

Aínda que Elihú se enfadou moito polo que dixera Xob, esperou, calmouse e aconsellouno con respecto (ver o parágrafo 15).


SIGAMOS DANDO E ACEPTANDO CONSELLOS

16. Que aprendes do Salmo 32:8?

16 O texto temático deste artigo di que Xehová nos aconsellará cos seus ollos postos sobre nós (le Salmo 32:8). Isto significa que nos seguirá axudando. Non só nos dá consellos senón que tamén nos axuda a aplicalos. Que bo exemplo para nós! Cando teñamos a oportunidade de dar consello a outros, tamén podemos seguir animándoos e axudándolles a tomar boas decisións.

17. Que demostran ser os anciáns que dan consellos específicos e baseados na Biblia? Explica a túa resposta. (Isaías 32:1, 2).

17 Agora máis ca nunca necesitamos dar e recibir bos consellos (2 Tim. 3:1). Os anciáns que dan consello específico e baseado na Biblia son coma “regos de auga nun sequedal” (le Isaías 32:1, 2). Os amigos que saben o que queremos escoitar pero que nos din o que necesitamos escoitar son un regalo, coma “mazás douradas en bandexas de prata” (Prov. 25:11). Así que sigamos aprendendo como dar e aceptar bos consellos.

QUE DEBEMOS RECORDAR CANDO...

  • ... nos pidan consello?

  • ... teñamos que dar consello a alguén que non nolo pediu?

  • ... esteamos enfadados?

CANCIÓN sjj 109 Amémonos de corazón

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir