ARTIGO DE ESTUDO 44
CANCIÓN sjj 138 Os cabelos brancos son unha “coroa de gloria”
Como manter a alegría se imos maiores
“Na vellez seguirán dando froito” (SAL. 92:15 [92:14, TNM]).
OBXECTIVO
Ver por que é importante que as persoas maiores sigan sendo felices e como poden conseguilo.
1, 2. Como ve Xehová os seus servos fieis que xa van maiores? (Salmo 92:13-15 [92:12-14, TNM]; ver tamén a imaxe).
NALGUNHAS partes do mundo as persoas pensan que é un honor facerse maior. Noutras pasa todo o contrario e a xente fai todo o posible por evitar que se note. Por exemplo, se ven unha cana arráncana. Pero por moito que se esforcen, non poden deter o paso dos anos.
2 E que opina o noso Pai celestial dos seus servos que se van facendo maiores? (Prov. 16:31) El di que son coma árbores moi bonitas (le Salmo 92:13-15 [92:12-14, TNM]). Por que? A miúdo as árbores que están cheas de follas e flores teñen décadas de vida. Unha das que máis chama a atención é a cerdeira xaponesa. Algúns dos exemplares máis bonitos teñen máis de mil anos. Da mesma maneira, os irmáns fieis que xa teñen uns anos son fermosos, especialmente ós ollos de Deus. Xehová fíxase na persoa que hai detrás das canas e valora as súas bonitas cualidades. Estes irmáns levan moitos anos servíndolle e mantivéronse leais nos bos e nos malos momentos.
Igual cas árbores que teñen moitos anos, os irmáns maiores fieis son preciosos e seguen florecendo (ver o parágrafo 2).
3. Pon un exemplo de como Xehová se valeu de persoas maiores para cumprir o seu propósito.
3 Para Xehová non perdemos o noso valor a medida que imos tendo máis anos.a De feito, el usa persoas maiores para cumprir o seu propósito. Por exemplo, Sara xa era ben maior cando Xehová lle anunciou que sería a nai dunha nación poderosa e antepasada do Mesías (Xén. 17:15-19). Moisés tamén tiña unha idade cando Xehová lle encargou que liberase os israelitas de Exipto (Éx. 7:6, 7). E o apóstolo Xoán era un home de idade avanzada cando Xehová o usou para escribir cinco libros da Biblia.
4. Segundo Proverbios 15:15, que pode axudarlles ós maiores a facerlles fronte ós seus problemas? (Ver tamén a imaxe).
4 Os irmáns maiores teñen que enfrontarse a moitos problemas que veñen coa idade. Unha irmá dixo de broma: “Facerse maior non é para covardes”. Pero Xehová pode axudarlles a ser felicesb para que desfruten da vida a pesar das dificultades (le Proverbios 15:15). Neste artigo imos ver cousas prácticas que poden facer os maiores para seguir sendo felices e como poden axudar os demais ós irmáns maiores da congregación. Pero primeiro veremos por que pode ser todo un desafío manter a alegría cando nos imos facendo maiores.
Se te fixas e desfrutas das cousas boas que fai Xehová por ti, podes ser feliz a pesar das dificultades (ver o parágrafo 4).
POR QUE PODE SER DIFÍCIL MANTER A ALEGRÍA CANDO NOS FACEMOS MAIORES
5. Que pode facer que os maiores se desanimen?
5 Hai varias cousas que te poden desanimar. Quizais vexas que xa non podes facer o mesmo que antes. Ou pode ser que botes de menos os días nos que eras novo e tiñas boa saúde (Ecl. 7:10). Unha irmá chamada Ruby di: “Cústame vestirme por culpa de tódalas dores que teño e pola miña falta de mobilidade. Ás veces simplemente levantar os pés para poñer os calcetíns fáiseme moi difícil. As miñas mans están entumecidas e con artrite, así que me custa facer as cousas aínda que sexan simples”. E Harold, quen estivo en Betel, di: “Non recoñezo o home no que me convertín, e ás veces frústrome. Antes era moi atlético e encantábame xogar ó béisbol. Os demais dicían: ‘Pasádelle a pelota a Harold que nunca falla’. Pero agora, creo que non podería nin lanzala”.
6. a) Que outras cousas poden facer que os maiores se desanimen? b) Que pode axudarlle a alguén maior a decidir se ten que deixar de conducir ou non? (Mira o artigo desta revista titulado “Debería deixar de conducir?”).
6 Quizais esteas desanimado porque cada vez es menos independente. Pode ser que necesites axuda dun coidador ou mudarte cun dos teus fillos. Tamén é posible que te sintas moi decepcionado porque a túa saúde ou a túa vista empeorou e xa non podes conducir ou ir a ningún sitio só. Isto pode poñerte moi triste. Pero recordar que o valioso que es para Xehová e para outros non depende de se podes coidar de ti mesmo, vivir só ou conducir un vehículo, pode axudarche. E podes estar seguro de que Deus entende como te sentes. O que lle importa é quen es no interior: alguén cun corazón cheo de amor e aprecio por el e polos irmanciños (1 Sam. 16:7).
7. Que lles pode axudar ós que están tristes pola posibilidade de non poder chegar a ver o Armaxedón?
7 Quizais te poña triste pensar na posibilidade de que non chegues a ver o Armaxedón. Que che pode axudar? Intenta recordar que Xehová está esperando con paciencia para destruír este mundo malvado (Is. 30:18). E hai unha razón para que sexa paciente. Grazas a isto millóns de persoas teñen o tempo e a oportunidade de chegar a coñecelo e a servirlle (2 Ped. 3:9). Así que cando esteas desanimado, intenta pensar en cantas persoas se beneficiarán da paciencia de Xehová antes de que chegue o fin. Algunhas delas poderían ser membros da túa propia familia!
8. Como poden afectarlles ós maiores os problemas da vellez?
8 Sen importar a nosa idade, cando non nos atopamos ben é máis fácil que digamos ou fagamos cousas das que nos arrepintamos (Ecl. 7:7; Sant. 3:2). Por exemplo, cando o fiel Xob estaba sufrindo, falou sen pensar (Xob 6:1-3). Ademais, hai enfermidades que poden facer que os maiores fagan ou digan cousas que non son propias deles. Por suposto, ningún de nós usaría de maneira intencionada a nosa idade ou saúde como escusa para ser pouco amables ou esixir que outros fagan cousas por nós. E se nos damos conta de que lle dixemos algo pouco cariñoso a alguén, non debemos dubidar en desculparnos (Mat. 5:23, 24).
COMO MANTER A ALEGRÍA
Como podes manter a alegría a pesar dos problemas que veñen coa idade avanzada? (ver os parágrafos 9 a 13).
9. Por que deberías aceptar a axuda doutros? (Ver tamén as imaxes).
9 Acepta a axuda dos demais (Gál 6:2). Ó principio é posible que che custe. Unha irmá chamada Gretl conta: “Ás veces fáiseme difícil aceptar a axuda dos demais porque penso que serei unha carga. Levoume tempo cambiar a miña maneira de pensar, ser humilde e admitir que necesito axuda”. Cando aceptas a axuda dos demais, permíteslles desfrutar da felicidade de dar (Feit. 20:35). E ti tamén serás moi feliz ó ver canto te queren e canto se preocupan por ti.
(ver o parágrafo 9)
10. Por que deberías acordarte de demostrar o teu agradecemento? (Ver tamén a imaxe).
10 Sé agradecido (Col. 3:15; 1 Tes. 5:18). Cando outros fan cousas boas por nós, aínda que nos sentimos agradecidos, quizais nos esquezamos de demostralo. Pero se sorrimos e damos as grazas, faremos que os nosos amigos se sintan valorados. Leah, quen coida de irmáns maiores en Betel, di: “Unha das irmás das que coido déixame pequenas notas de agradecemento. Non son moi longas, pero si moi bonitas. Encántame lelas e ver canto aprecia a miña axuda”.
(ver o parágrafo 10)
11. Como podes axudar a outros? (Ver tamén a imaxe).
11 Esfórzate por axudar ós demais. Cando centras o teu tempo e enerxías noutros, é menos probable que te centres nos teus propios problemas. Un proverbio africano compara as persoas maiores cunha biblioteca repleta de libros cheos de sabedoría. Pero se non se sacan os libros do estante non poden ensinar ou contar as súas historias. De maneira parecida, os máis novos non poderán aprender leccións importantes de ti se non falas con eles e compartes o que sabes. Failles preguntas e despois escóitaos. Ensínalles que vivir seguindo as normas de Xehová é sempre o mellor e é o que os fará realmente felices. Seguro que che fará moi feliz animar os teus amigos máis novos! (Sal. 71:18).
(ver o parágrafo 11)
12. Segundo Isaías 46:4, que promete facer Xehová polos seus servos que van maiores? (Ver tamén a imaxe).
12 Pídelle a Xehová que che dea forzas. Aínda que ti te poidas sentir canso física ou emocionalmente, Xehová nunca “está canso nin fatigado” (Is. 40:28). E para que usa a súa enerxía sen límites? Por exemplo, para darlles forzas ós seus servos fieis que van maiores (Is. 40:29-31). De feito, el promete axudarlles e sempre cumpre o que promete (le Isaías 46:4; Xos. 23:14; Is. 55:10, 11). Cando ores, Xehová darache a axuda que necesites. Entón, sentirás canto te quere e iso farate moi feliz.
(ver o parágrafo 12)
13. Segundo 2 Corintios 4:16-18, que deberiamos recordar? (Ver tamén a imaxe).
13 Recorda que a túa situación é temporal. Cando recordamos que a situación difícil pola que estamos pasando é temporal, fáisenos máis fácil aguantala. E a Biblia asegúranos que a idade avanzada e a mala saúde son temporais (Xob 33:25; Is. 33:24). Así que pódeche animar saber que os teus mellores días aínda están por vir e non quedaron atrás (Le 2 Corintios 4:16-18). Pero que poden facer outros para axudarche?
(ver o parágrafo 13)
COMO PODEN AXUDAR OUTROS
14. Por que é importante visitar e chamar os irmáns maiores?
14 Visita e chama habitualmente os irmáns maiores (Heb. 13:16). Os maiores poden sentirse tristes por estar tanto tempo sós. Un irmán chamado Camille que se sente así di: “Teño que estar sempre dentro da casa, así que abúrrome. Ás veces síntome coma un león vello encerrado. Póñome nervioso e frústrome”. Cando visitamos os maiores, asegurámoslles que son importantes para nós e que os queremos. Probablemente todos recordamos algunha vez na que quixemos chamar ou visitar a alguén maior da congregación pero non chegamos a facelo. Todos temos moitas cousas que facer. Así que, que nos pode axudar a asegurarnos de “cales son as cousas máis importantes”, como ir visitar os maiores? (Filip. 1:10) Pode axudarche poñer un recordatorio no teu calendario para mandarlle unha mensaxe ou chamar a algún irmán maior da congregación. Tamén podes planear cando ir visitalos. Escolle un día para non esquecerte de facelo.
15. Que poden facer xuntos os novos e os maiores?
15 Se es novo, quizais te preguntes de que podes falar ou que podes facer con alguén maior. Pero non lle deas demasiadas voltas e sé simplemente un bo amigo (Prov. 17:17). Fala cos maiores antes ou despois das reunións de congregación. Quizais poderías preguntarlles cal é o seu texto da Biblia favorito, pedirlles que che conten un recordo gracioso da súa infancia, ou invitalos a ver un programa de JW Broadcasting® contigo. Tamén podes axudarlles de maneiras prácticas. Por exemplo, podes axudarlles a manter os seus dispositivos actualizados ou a descargar as últimas publicacións. Unha irmá chamada Carol conta: “Ofrécete tamén para facer cousas cos irmáns maiores que a ti che gusten. Aínda que xa teño unha idade, gústame desfrutar da vida indo de compras, comendo con amigos ou pasando tempo na natureza para desfrutar da creación”. E unha irmá chamada Maira di: “Unha das miñas amigas ten 90 anos e eu 57 menos. Pero ás veces esquézome disto porque rimos, vemos películas xuntas e, cando pasamos por problemas, axudámonos unha a outra”.
16. Por que lles pode ser de axuda ós maiores que os acompañemos ás citas médicas?
16 Acompáñaos ás citas médicas. Ademais de levalos, poderías asegurarte de que o persoal médico os trate ben e lles estean dando a atención que necesitan (Is. 1:17). Quizais poderías tomar notas do que di o doutor. Unha irmá maior chamada Ruth di: “A miúdo cando vou soa ó médico, o doutor non me toma en serio. Quizais algún diga cousas como: ‘O teu problema é psicolóxico, está todo na túa cabeza’. Pero cando vén alguén comigo, trátame moito mellor. Estoulles moi agradecida ós irmáns que me acompañan”.
17. Cales son algunhas ideas para saír a predicar con irmáns maiores?
17 Predica con eles. Algúns irmáns maiores quizais non teñan as forzas suficientes para predicar de casa en casa. E se invitas a algún deles a que predique contigo nos carriños? Incluso poderías levarlle unha cadeira para que estea sentado cerca do carriño. Ou por que non o invitas a que vaia a un curso da Biblia contigo? Talvez poderiades facelo na súa casa. Os anciáns tamén poden considerar facer as reunións para predicar na casa dos irmáns maiores para que lles sexa máis fácil participar. Facemos moi feliz a Xehová cando nos esforzamos por mostrar amor e respecto polos irmáns maiores (Prov. 3:27; Rom. 12:10).
18. Que veremos no seguinte artigo?
18 Este artigo recordounos que Xehová quere e valora moito ós maiores, igual ca todos nós! Envellecer é difícil, pero coa axuda de Xehová podemos seguir sendo felices (Sal. 37:25). Que animador é saber que os nosos mellores días aínda están por vir e que non quedaron atrás! E que hai dos que coidan dun familiar maior ou dun neno ou amigo enfermo? Como poden manter a alegría? Verémolo no seguinte artigo.
CANCIÓN sjj 30 Meu amigo, meu Deus, meu Pai
a Mira en jw.org e en JW Library o vídeo titulado Os maiores cumpren unha importante función.