ARTIGO DE ESTUDO 48
CANCIÓN sjj 129 Seguiremos aguantando
Que podemos aprender do libro de Xob?
“Abofé que Deus non pode obra-lo mal” (XOB 34:12).
OBXECTIVO
Ver que podemos aprender do libro de Xob acerca de por que Deus permite que haxa sufrimento e como podemos aguantar.
1, 2. Cales son algunhas razóns polas que vale a pena ler o libro de Xob?
LICHES hai pouco o libro de Xob? Escribiuse hai uns 3500 anos, pero moitas persoas seguen pensando que é un dos mellores libros que se escribiron. Falando da súa estrutura simple, fermoso estilo e linguaxe expresiva, unha obra de consulta dixo que o escritor era “un xenio literario”.a Aínda que Moisés foi quen escribiu o libro, o verdadeiro autor é Xehová Deus (2 Tim. 3:16).
2 O libro de Xob é un libro moi importante da Biblia. Por que? Por un lado mostra cal é o gran asunto que afecta a toda a creación intelixente: a santificación do nome de Xehová. Por outro lado, ensínanos sobre as marabillosas cualidades de Xehová, coma o seu amor, sabedoría, xustiza e poder. Por exemplo, neste libro chámaselle a Xehová “o Omnipotente” 29 veces, máis que no resto das Escrituras en conxunto. Tamén responde moitas preguntas da vida, incluída unha que lle preocupa a moitos: por que permite Deus o sufrimento?
3. Que máis podemos aprender do libro de Xob?
3 Do mesmo xeito que estar no alto dunha montaña permítenos ver mellor o que está ó noso arredor, o libro de Xob permítenos ver os problemas da vida desde unha perspectiva elevada: a perspectiva de Xehová. Imos analizar como pode axudarnos este libro cando sufrimos. Tamén aprenderemos como puido axudar a historia de Xob a algúns israelitas e como nos pode axudar agora. E ademais veremos como usar este relato para axudar a outros.
DEUS PERMITIU QUE XOB SUFRISE
4. Que diferenciaba a Xob dos israelitas que estaban en Exipto?
4 Durante a época na que os israelitas estaban sufrindo como escravos en Exipto, un home chamado Xob vivía na terra de Us, posiblemente ó leste da Terra Prometida, ó norte de Arabia. A diferenza dos israelitas que empezaran a adorar a ídolos en Exipto, Xob servía fielmente a Xehová (Xos. 24:14; Ezeq. 20:8). Xehová dixo del: “Home coma el non o hai no mundo” (Xob 1:8).b Xob era un home moi rico e o máis respectado naquela parte do mundo (Xob 1:3). Seguro que Satanás estaba moi enfadado ó ver como este home, que moita xente coñecía e respectaba, servía fielmente a Xehová.
5. Por que permitiu Xehová que Xob sufrise? (Xob 1:20-22; 2:9, 10).
5 Satanás afirmou que Xob deixaría de adorar a Xehová se sufría (Xob 1:7-11; 2:2-5). Aínda que Xehová quería moito a Xob, o que afirmou Satanás con descaro fixo que xurdisen moitas cuestións importantes, así que lle permitiu intentar demostrar se tiña razón (Xob 1:12-19; 2:6-8). Entón Satanás quitoulle a Xob os seus rabaños e mandas, fixo que morresen os seus dez fillos e que lle saísen chagas moi dolorosas por todo o corpo. Pero todos estes intentos crueis por acabar coa integridade de Xob non tiveron éxito (le Xob 1:20-22; 2:9, 10). Co tempo, Xehová devolveulle a súa saúde, riquezas, reputación e deulle dez fillos máis. Tamén fixo que vivise milagrosamente outros 140 anos, os suficientes para ver o ben que lles ía a catro xeracións dos seus descendentes (Xob 42:10-13, 16). Como puido axudar este relato a servos de Deus do pasado, e como nos pode axudar hoxe en día?
6. Como puido axudar a historia de Xob ós israelitas? (Ver tamén a imaxe).
6 Como se puideron beneficiar os israelitas. Os israelitas non tiveran unha vida fácil en Exipto. Por exemplo, Xosué e Caleb pasaran a súa xuventude coma escravos, e despois tiveron que vivir 40 anos no deserto porque outros israelitas desobedeceran a Xehová. Se aquel pobo soubese dos problemas que tivo Xob e sobre como acabou todo, seguro que lles tería sido de axuda, tanto a eles coma as seguintes xeracións, para entender quen é o verdadeiro responsable do sufrimento. Tamén poderían ter entendido mellor por que permite Deus o sufrimento e canto valora que os humanos nos manteñamos íntegros e fieis.
Os israelitas, que foran escravos en Exipto durante moitos anos, co tempo aprenderían sobre Xob. O seu exemplo puido axudarlles (ver o parágrafo 6).
7, 8. Como pode axudar o libro de Xob ós que sofren? Pon un exemplo.
7 Como nos podemos beneficiar nós. Tristemente moitas persoas perderon a súa fe en Deus porque non poden entender por que lles pasan cousas malas á xente boa. Fíxate no exemplo de Hazelc, de Ruanda. Cando era pequena, cría en Deus, pero despois as cousas cambiaron. Seus pais divorciáronse e acabouna criando o seu padrastro, quen a trataba moi mal. Máis tarde, cando era unha adolescente, violárona. Foi a unha reunión da súa relixión, pero alí non encontrou o consolo que buscaba. Co tempo, escribiulle unha carta a Deus onde dicía: “Deus, eu oreiche, intentei facer o que estaba ben, pero ti pagaches o ben co mal. Xa non volverei adorarte, e vou facer o que sexa que me faga feliz”. Rómpesenos o corazón ó ver como persoas coma Hazel acabaron crendo que Deus é o responsable do sufrimento!
8 A diferenza deles, nós aprendemos no relato do libro de Xob que Deus non é o responsable do sufrimento, senón Satanás! Tamén aprendemos a non asumir que os que sofren están recollendo o que sementaron. As Escrituras dinnos que a todos nos poden chegar “algún mal momento e algún suceso imprevisto” (Ecl. 9:11, TNM; Xob 4:1, 8). Ademais, sabemos que ó aguantar fielmente as probas axudamos a que Xehová poida responder ás burlas de Satanás e así defender a Súa reputación (Xob 2:3; Prov. 27:11). Estamos moi agradecidos de aprender estas cousas da Biblia, porque agora sabemos o verdadeiro motivo de por que as persoas boas sofren. Máis tarde Hazel estudiou coas testemuñas de Xehová e chegou a entender que Deus non causou o seu sufrimento. Ela conta: “Oreille outra vez a Deus con todo o meu corazón. Expliqueille que aínda que dixera que xa non o adoraría máis, realmente non quería dicir iso. Despois de todo, non o coñecía de verdade. Agora comprendo que el me quere e son realmente feliz”. Canto agradecemos saber por que Deus permite o sufrimento! Vexamos agora como o relato de Xob nos pode axudar a cada un de nós cando pasemos por probas.
COMO NOS AXUDA A AGUANTAR O RELATO DE XOB
9. Que facía Xob mentres estaba sufrindo? (Santiago 5:11).
9 Imaxínate a Xob sentado só, sobre cinsas, cheo de chagas e dobrado pola dor. A súa pel, ennegrecida pola enfermidade, pelárase do seu corpo esquelético. Nesta situación e estando tan canso, podería parecer que o único que facía era rascarse con pezas rotas de cerámica e queixarse do seu sufrimento. Pero el non estaba simplemente sobrevivindo, senón que estaba aguantando (le Santiago 5:11). Que lle axudou a facelo?
10. Que nos indica que Xob tiña unha boa relación con Xehová? Explica a túa resposta.
10 Xob contoulle a Xehová como se sentía (Xob 10:1, 2; 16:20). Por exemplo, o capítulo 3 explícanos como se queixa sobre tódalas traxedias que lle ocorreron, das cales pensa erroneamente que as causou Xehová. Despois, nunha serie de debates co seus tres amigos, Xob defende con firmeza a súa integridade dirixindo a miúdo as súas respostas a Xehová. As súas palabras daban a entender que por algún tempo considerouse máis xusto ca Deus (Xob 10:1-3; 32:1, 2; 35:1, 2). Pero en realidade, recoñeceu que os seus intentos por defender a súa integridade ás veces levárono a falar sen pensar (Xob 6:3, 26). No capítulo 31 Xob quere que Deus lle responda e lle diga que non merecía ser castigado (Xob 31:35). Por suposto, Xob equivocouse o esixirlle a Deus unha explicación de por que sufría.
11. Como reaccionou Xehová ó que dixo Xob sobre a súa integridade?
11 Agora podemos ver que a súplica desesperada de Xob demostrou a súa devoción inquebrantable por Deus e a súa enorme fe en que, dalgunha maneira, Deus recoñecería a súa integridade. Cando Xehová lle respondeu finalmente desde un vendaval, non deu detalles de por que sufría. Tampouco o castigou por dicir como se sentía nin por afirmar que non fixera nada malo. Máis ben, ensinoulle tal e como un pai faría co seu fillo. E esta foi a mellor maneira de axudarlle. Como resultado, este home recoñeceu con humildade o pouco que sabía e arrepentiuse de falar sen pensar (Xob 31:6; 40:4, 5; 42:1-6). Como puido axudar este relato ás persoas do pasado, e como nos pode axudar agora?
12. Como se puideron beneficiar os israelitas do relato de Xob?
12 Como se puideron beneficiar os israelitas. Eles puideron aprender do que lle pasou a Xob. Pensa no exemplo de Moisés. El tivo que aguantar moitas dificultades, decepcións e cousas desanimadoras mentres era o líder da nación de Israel. A diferenza dos israelitas rebeldes que se queixaban a miúdo contra Xehová, el faláballe a Xehová para contarlle as súas preocupacións, igual ca Xob (Éx. 16:6-8; Núm. 11:10-14; 14:1-4, 11; 17:6, 14 [16:41, 49, TNM]; 17:20 [17:5, TNM]). O exemplo de Xob puido ter axudado a Moisés cando Xehová o corrixiu. Por exemplo, cando os israelitas estaban acampados en Cadex, probablemente durante o ano corenta da súa viaxe deambulando polo deserto, el “foise da lingua” e non lle deu a Xehová a honra que merecía (Sal. 106:32, 33). Como resultado, Xehová non permitiu que entrase na Terra Prometida (Deut. 32:50-52). Aínda que isto tivo que ser moi difícil para Moisés, foi humilde e aprendeu da disciplina que Xehová lle dera. O relato de Xob puido axudar ós israelitas fieis que viviron despois que Moisés. Meditar nel puido facer que aprendesen a expresarlle a Xehová os seus sentimentos e a evitar xustificarse ante el. Tamén puideron aprender a aceptar a disciplina de Xehová con humildade.
13. Como nos pode axudar o relato de Xob a aguantar? (Hebreos 10:36).
13 Como nos podemos beneficiar nós. Como cristiáns, tamén necesitamos aguante (le Hebreos 10:36). Por exemplo, algúns de nós estamos pasando por un problema físico ou emocional, unha situación familiar difícil, a perda dun ser querido ou algún outro problema grave. Ás veces, polos comentarios e polas cousas que fan outros pode ser que nos sexa máis difícil aguantar (Prov. 12:18). Pero o libro de Xob ensínanos que podemos contarlle a Xehová os nosos sentimentos máis profundos coa seguridade de que el nos escoitará (1 Xoán 5:14). Xehová non se enfadará con nós se lle contamos como nos sentimos, incluso se ás veces falamos sen pensar, igual ca Xob. Máis ben, Deus daranos as forzas e a sabedoría que necesitemos para aguantar (2 Crón. 16:9; Sant. 1:5). Ademais, se o ve necesario quizais nos corrixa, tal e como fixo con Xob. Este libro tamén nos ensina como aguantar se recibimos consello ou disciplina da Palabra de Xehová, da súa organización ou dalgúns amigos maduros (Heb. 12:5-7). Igual que a Xob lle foi ben aceptar con humildade a corrección que recibiu, para nós tamén será bo facelo se nos dan consello (2 Cor. 13:11). Que leccións tan boas aprendemos de Xob! Vexamos agora como podemos usar este relato para axudar a outros.
UTILICEMOS O LIBRO DE XOB PARA AXUDAR A OUTROS
14. Que razoamento podemos usar na predicación para que explicar por que existe o sufrimento?
14 Preguntáronche algunha vez na predicación por que sofren as persoas boas? Como respondiches? Pode ser que explicases o que a Biblia di que pasou no xardín de Edén. Quizais empezaches contando que Satanás, un espírito malvado, lle contou á primeira parella humana unha mentira que fixo que se rebelase contra Deus (Xén. 3:1-6). Despois é posible que explicases que por culpa diso, sufrimos e morremos (Rom. 5:12). Finalmente pode ser que comentases que Deus está permitindo que pase o tempo suficiente para demostrar que Satanás mente e para que a xente saiba que el vai acabar con todo o sufrimento e que van poder vivir para sempre (Apoc. 21:3, 4). Esta é unha boa maneira de responder á pregunta, e quizais nos dea bos resultados.
15. Como podemos usar o libro de Xob para explicarlle a alguén por que existe o sufrimento? (Ver tamén as imaxes).
15 Outra maneira de explicar por que sufrimos é falando sobre Xob. Poderías empezar felicitando a persoa por facer unha pregunta tan boa. Despois, menciona que Xob, un home fiel que tamén sufriu moito, fixo a mesma pregunta. El incluso cría que Deus era dalgunha maneira o motivo do seu sufrimento (Xob 7:17-21). A persoa coa que fales quizais se sorprenda ó saber canto tempo leva habendo xente co seu mesmo punto de vista. Despois poderías explicarlle con tacto que foi o Demo e non Deus quen fixo que Xob sufrise, porque quería demostrar que os humanos só serven a Deus por motivos egoístas. Poderías engadir que aínda que Deus non provocou que lle pasasen cousas malas a Xob, ó permitilas demostrou que confía nos humanos fieis para probar que Satanás se equivoca. Ó final podes explicar que, co tempo, Deus bendiciu a Xob por manterse fiel. Así que, podemos consolar a outros asegurándolles que o sufrimento non vén de Xehová.
Como podes usar o libro de Xob para asegurarlles a outros que Deus non pode facer cousas malas? (Ver o parágrafo 15).
16. Conta unha experiencia que mostre como o libro de Xob pode axudar a alguén que está sufrindo.
16 Vexamos como o libro de Xob axudou a Mario. Un día en 2021, unha irmá estaba predicando por teléfono. Na súa primeira chamada leulle un versículo da Biblia a Mario e explicoulle que Deus non só escoita as nosas oracións, senón que tamén nos ofrece un futuro e unha esperanza. Entón preguntoulle a Mario que pensaba, e el díxolle que cando ela o chamou estaba escribindo unha nota de suicidio. Dixo: “Creo en Deus, pero esta mañá preguntábame se me abandonara”. Na segunda chamada falaron sobre o sufrimento de Xob. El decidiu que tiña que ler todo o libro de Xob, así que a irmá lle mandou un enlace para ler a Biblia en jw.org. Cal foi o resultado? Mario aceptou un curso da Biblia e estaba desexando aprender máis sobre o amoroso Deus que se interesa por el.
17. Por que agradeces que Xehová incluíse o libro de Xob na súa Palabra inspirada? (Xob 34:12).
17 Está claro que a Palabra de Deus ten moito poder para axudar ás persoas, incluídas as que sofren (Heb. 4:12). Canto agradecemos que Xehová incluíse o relato de Xob na súa Palabra inspirada (Xob 19:23, 24). Este libro asegúranos que “abofé que Deus non pode obra-lo mal” (le Xob 34:12). Tamén nos ensina por que permite Deus o sufrimento e como podemos aguantalo. E axúdanos a consolar os que sofren. No seguinte artigo veremos como nos pode axudar este libro cando temos que dar consello a outros.
CANCIÓN sjj 156 Eu teño fe!
a The Book of Job, escrito por John Hartley, ©1988, (Eerdmans Publishing Co., Grand Rapids, Michigan), páxina 38.
b Todo indica que Xob viviu no período de tempo entre a morte do fiel Xosé (1657 a. n. e.) e o nomeamento de Moisés como líder de Israel (arredor do 1514 a. n. e.). É posible que as conversacións entre Xehová e Satanás e os problemas ós que se enfrontou Xob sucedesen durante ese tempo.
c Cambiáronse algúns nomes.