BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 decembro páxs. 8-13
  • Que nos ensina o libro de Xob sobre como dar consello?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Que nos ensina o libro de Xob sobre como dar consello?
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • COMO ACONSELLARON A XOB OS SEUS TRES AMIGOS
  • COMO ACONSELLOU ELIHÚ A XOB
  • SIGAMOS APRENDENDO LECCIÓNS VALIOSAS DO LIBRO DE XOB
  • Que podemos aprender do libro de Xob?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Un amigo de verdade ofrece consellos construtivos
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2016)
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 decembro páxs. 8-13

ARTIGO DE ESTUDO 49

CANCIÓN sjj 44 A oración do desconsolado

Que nos ensina o libro de Xob sobre como dar consello?

“Escoita, Xob, as miñas razóns” (XOB 33:1).

OBXECTIVO

Aprender do libro de Xob como dar bos consellos.

1, 2. Que reto tiñan Elihú e os tres amigos de Xob?

AS NOTICIAS espállanse rapidamente entre a xente do leste. Xob, un home moi coñecido polas súas riquezas, perdérao todo. Elifaz, Bildad e Sofar, uns amigos del, viaxaron ata Us para consolalo cando souberon do que lle pasara. Pero non estaban preparados para o que viron cando chegaron.

2 Imaxina a escena. En certo sentido, Xob perdera todo o que tiña. Quedárase sen os seus grandes rabaños de ovellas, vacas, camelos e burros. A maioría dos seus servos foran asasinados e tódolos seus fillos morreran cando a casa se lles caeu encima. Por se fose pouco, Xob ponse moi enfermo e o seu corpo está cuberto de chagas dolorosas. Desde a distancia os tres homes ven como Xob está moi triste sentado sobre cinsas. Que fan entón? Durante un total de sete días non lle din nada a este home que está sufrindo tanto (Xob 2:12, 13). En certo momento, un home máis xove chamado Elihú chega e senta cerca deles. Entón Xob empeza a falar maldicindo o día que naceu e desexando a morte (Xob 3:1-3, 11). Claramente, necesita axuda! O que digan estes homes e como o fagan demostrará se son realmente os seus amigos e se de verdade se preocupan por el.

3. Que veremos neste artigo?

3 Xehová fixo que Moisés rexistrase o que Elihú e os tres amigos de Xob dixeron e fixeron. É interesante fixarse en que algunhas cousas que dixo Elifaz parece que foron inspiradas por un espírito malvado. Pola contra, as palabras de Elihú foron inspiradas por Xehová (Xob 4:12-16; 33:24, 25). Por iso non nos sorprende que aínda que o libro de Xob ten algúns dos mellores consellos que xamais se deron, tamén ten algúns dos peores. Algo moi importante que podemos aprender do libro de Xob é como nos pode axudar cando temos que dar consello. Primeiro veremos o mal exemplo dos tres amigos de Xob e despois veremos o bo exemplo de Elihú. En cada caso aprenderemos como os israelitas puideron beneficiarse deste libro e como podemos facelo nós agora.

COMO ACONSELLARON A XOB OS SEUS TRES AMIGOS

4. Por que non conseguiron o que se propuxeran os tres amigos de Xob? (Ver tamén a imaxe).

4 A Biblia di que os tres amigos de Xob foron onda el “para lle daren o pésame e consolalo” por todo o que lle pasara (Xob 2:11). Pero non conseguiron o que se propoñían. Por que? Polo menos por tres razóns. 1) Sacaron conclusións demasiado rápido e equivocáronse. Por exemplo, asumiron erroneamente que Xob estaba sendo castigado polos pecados que cometera (Xob 4:7; 11:14).a 2) A maioría dos consellos que lle deron a Xob foron inútiles, pouco amables e realmente ferintes. Por exemplo, as palabras destes homes parecían moi sabias pero non lle axudaron en nada (Xob 13:12). Bildad díxolle dúas veces a Xob que falaba demasiado (Xob 8:2; 18:2). E Sofar deu a entender que era un parvo (Xob 11:12). 3) Aínda que quizais non lle berraron a Xob, o seu ton foi a miúdo condescendente, sarcástico e acusatorio (Xob 15:7-11). En definitiva, estes homes estaban máis interesados en demostrar que Xob estaba equivocado que en consolalo e fortalecer a súa fe.

Un dos amigos de Xob falándolle mal mentres os outros dous observan. Xob, cheo de chagas, escoita o consello con moita dor mentres está no chan.

Ó dar consello, fagamos todo o posible por evitar un ton condescendente. O noso obxectivo debería ser axudar (ver o parágrafo 4).


5. Cal foi o resultado dos consellos de Elifaz, Bildad e Sofar?

5 Como é lóxico, os consellos que os seus amigos lle deron a Xob non tiveron bo resultado, pois sentiuse feito pedazos coas súas palabras (Xob 19:2). Podemos comprender por que viu necesario defender a súa reputación. Isto levouno a ter un punto de vista desequilibrado e a falar sen pensar (Xob 6:3, 26). O que dixeron estes homes non estaba de acordo coa maneira de pensar de Xehová, e tampouco trataron a Xob con compaixón. Como resultado, acabaron sendo ferramentas nas mans de Satanás sen darse conta (Xob 2:4, 6). Como puido axudar este relato a outros no pasado, e como nos pode axudar hoxe?

6. Que puideron aprender os anciáns de Israel do mal exemplo dos tres amigos de Xob?

6 Como se puideron beneficiar os israelitas. Cando Xehová lles deu ós israelitas as súas normas, escolleu anciáns para axudarlles a seguilas e para xulgalos (Deut. 1:15-18; 27:1). Estes homes tiñan que escoitalos con coidado antes de darlles consello ou xulgalos (2 Crón. 19:6). Tamén tiñan que facer preguntas en vez de asumir que xa sabían todo o que pasara (Deut. 19:18). Ademais, estes conselleiros debían ser amables ó falar cos que lles pedían axuda. Por que? Porque as persoas non lles contarían como se sentían realmente se eles eran impacientes ou estaban molestos (Éx. 22:21-23 [22:22-24, TNM]). Estas son algunhas leccións que os anciáns en Israel puideron ter aprendido do relato de Xob.

7. Quen podía dar consello en Israel ademais dos anciáns, e como lles puido axudar o relato de Xob? (Proverbios 27:9, TNM).

7 Por suposto, os anciáns non eran os únicos que podían dar consello en Israel. En realidade, calquera israelita, xa fose novo ou maior, home ou muller, podía darlle consello a un amigo que fixera algo malo ou que necesitase mellorar a súa relación con Xehová (Sal. 141:5). Estes consellos sinceros son os que demostran quen é un amigo verdadeiro (le Proverbios 27:9, TNM). O mal exemplo de Elifaz, Bildad e Sofar puido ser unha lección para os israelitas sobre que non dicir e que non facer ó dar consello.

8. Que debemos facer cando deamos consello? (Ver tamén as imaxes).

8 Como nos podemos beneficiar nós. Os cristiáns queremos axudar os irmáns cando pasan por probas. Pero para iso debemos evitar o que fixeron os tres amigos de Xob. Primeiro, temos que evitar sacar conclusións precipitadas e ter tódolos datos antes de dar consello. Segundo, o noso consello ten que estar baseado na verdade da Palabra de Deus e non na nosa opinión coma fixo moitas veces Elifaz (Xob 4:8; 5:3, 27). Terceiro, evitemos dicir cousas pouco amables ou crueis. Recordemos que algunhas cousas que afirmaron estes tres homes eran verdade. Incluso máis tarde o apóstolo Paulo citou algunhas palabras de Elifaz (compara Xob 5:13 con 1 Corintios 3:19). Aínda así, a maioría das cousas que dixeron sobre Deus non eran certas e fixéronlle dano a Xob. Por iso Xehová dixo que o que contaran non era verdade (Xob 42:7, 8). Un bo consello nunca deixa a Xehová como alguén pouco razoable nin fai sentir ós seus servos que el nunca os vai querer. Vexamos agora o que podemos aprender do exemplo de Elihú.

Serie de imaxes: Un irmán dándolle consello con cariño a outro que está enfadado. 1. Un irmán escoitando con paciencia a outro que está enfadado mentres expresa os seus sentimentos. Están sentados tomando un refresco. 2. O irmán que escoita abrindo a Biblia. 3. O irmán comparte con cariño un consello da Biblia mentres o outro escoita con calma.

Ó dar consello, 1) basea o que dis en feitos, 2) usa a Palabra de Deus e 3) fala con cariño (ver o parágrafo 8).


COMO ACONSELLOU ELIHÚ A XOB

9. Explica por que Xob necesitaba axuda despois de que os seus amigos deixasen de falar e como lla deu Xehová.

9 Cando Xob e os seus amigos deixaron de discutir, o ambiente debía estar tenso. Estes homes falaron o suficiente como para encher 28 capítulos da Biblia, e moito do que dixeron foi mentres estaban molestos e incluso enfadados. Normal que Xob seguise estando desanimado! Aínda necesitaba que lle desen consolo e que o corrixisen. Como lle axudou Xehová? Usou a Elihú. E por que Elihú non dixo nada ata ese momento? El mesmo explicou: “Eu son novo e vós sodes homes de idade. Así que quedei calado por respecto” (Xob 32:6, 7, TNM). El sabía que os maiores a miúdo son sabios porque viviron máis anos e pasaron por moitas máis cousas na súa vida que os novos. Pero despois de escoitar con paciencia a aqueles homes, non podía quedar máis tempo calado. Dixo: “A idade por si mesma non fai a alguén sabio nin son só os homes de idade os que comprenden o que é correcto” (Xob 32:9, TNM). Que dixo Elihú despois, e como o fixo?

10. Que fixo Elihú antes de aconsellar a Xob? (Xob 33:6, 7).

10 Antes de aconsellar a Xob, Elihú quería que el se sentise en calma e listo para escoitar o que lle tiña que dicir. Como o conseguiu? Primeiro controlou as súas emocións. Sabémolo porque a Biblia di que ó principio Elihú estaba enfadado (Xob 32:2-5). Aínda así, nunca se deixou levar pola frustración falándolle a Xob dunha maneira cruel. Mais ben, foi humilde e faloulle coma un verdadeiro amigo. Por exemplo, díxolle: “Velaí, para Deus son eu tanto coma ti” (le Xob 33:6, 7). Despois deixou claro que o escoitara con atención. De feito, resumiu as ideas principais das seis veces que falou Xob (Xob 32:11; 33:8-11). E máis tarde volveu facer algo parecido cando lle deu consello (Xob 34:5, 6, 9; 35:1-4).

11. Como aconsellou Elihú a Xob? (Xob 33:1).

11 Cando Elihú aconsellou a Xob, fíxoo sen facerlle sentir que non valía nada e mostrándolle respecto a este home fiel. Por exemplo, usou o seu nome a diferenza dos outros tres homes que aparentemente non o fixeron (le Xob 33:1). Quizais recordando canto quería el mesmo falar mentres Xob e os seus amigos discutían, Elihú mostrou empatía e deulle a oportunidade de responder cando o aconsellou (Xob 32:4; 33:32). Ademais mostroulle claramente por que algunhas cousas que dixera e fixera non estaban ben, e recordoulle dunha maneira amable a sabedoría, poder, xustiza e amor leal de Xehová (Xob 36:18, 21-26; 37:23, 24). Sen dúbida, o bo consello de Elihú preparou a Xob para seguir recibindo consello, desta vez do seu Creador (Xob 38:1-3). Como puido axudar o exemplo de Elihú a outros no pasado, e como nos pode axudar agora?

12. Como usou Xehová os profetas para axudar ó seu pobo, e como lles puido axudar ós israelitas o exemplo de Elihú?

12 Como se puideron beneficiar os israelitas. Ó longo da historia de Israel, Xehová nomeou profetas para facerlle saber ó pobo o seu propósito. Por exemplo, durante a época dos xuíces, Déborah foi coma unha nai espiritual que guiou a nación e Samuel tamén lles transmitiu as instrucións de Xehová ós israelitas desde que era só un rapaz (Xuí. 4:4-7; 5:7; 1 Sam. 3:19, 20). Despois, na época dos reis, Xehová encargouse de que practicamente houbese unha liña continua de profetas para axudar ós israelitas a que o seguisen adorando da maneira correcta e para corrixir os que desobedecesen (2 Sam. 12:1-4; Feit. 3:24). O exemplo de Elihú rexistrado no libro de Xob pode axudar a homes e mulleres fieis a entender que dicir e como facelo ó dar consello.

13. Como podemos os cristiáns hoxe en día animar os irmáns?

13 Como nos podemos beneficiar nós. Como cristiáns, nós tamén damos a coñecer a vontade de Deus predicando o que di na súa Palabra, a Biblia. Ademais usamos palabras que consolen e animen os irmáns (1 Cor. 14:3). O exemplo de Elihú pode axudarnos cando facemos estas cousas. Especialmente os anciáns teñen que falar de maneira cariñosa e amorosa, incluso ós que están molestos ou din cousas sen pensar (1 Tes. 5:14; Xob 6:3).

14, 15. Explica como un ancián pode imitar a Elihú.

14 Imaxina a seguinte situación. Un ancián chega a saber que unha irmá da súa congregación se sente deprimida. Entón, visítaa para animala xunto con outro irmán. Durante a visita a irmá explica que, aínda que segue indo á predicar e ás reunións, non é feliz. Como reaccionará o ancián?

15 En primeiro lugar, intentará comprender as razóns polas que a irmá se sente así. Para conseguilo terá que escoitar con paciencia. Pensa ela que non merece o amor de Deus? Pésanlle demasiado as “preocupacións da vida”? (Luc. 21:34) En segundo lugar, o ancián intentará felicitala polas cousas boas que está facendo. Despois de todo, segue asistindo ás reunións e predicando a pesar de sentirse deprimida. E en terceiro lugar, unha vez que o ancián entenda a situación e o que fai que estea desanimada, usará a Biblia para asegurarlle que Deus a quere moito (Gál. 2:20).

SIGAMOS APRENDENDO LECCIÓNS VALIOSAS DO LIBRO DE XOB

16. Como podemos seguir sacándolle partido ó libro de Xob?

16 Canto aprendemos ó estudar o libro de Xob! Como vimos no artigo anterior, este relato inspirado non só nos ensina por que permite Deus o sufrimento, senón tamén como podemos aguantalo. E como vimos neste artigo, todos nós podemos aprender a dar consellos efectivos se seguimos o bo exemplo de Elihú e non o dos tres amigos de Xob. Cando teñas que darlle consello a alguén, por que non repasas antes estes consellos que aprendiches do libro de Xob? E se hai moito que non les este libro tan bonito, poderías poñerte a meta de facelo outra vez? Verás que segue sendo tan útil e práctico como cando se escribiu.

QUE RESPONDERÍAS?

  • Que deberiamos evitar dicir e facer ó dar consello?

  • Que podemos aprender sobre como deu consello Elihú?

  • Como podemos seguir sacándolle partido ó libro de Xob?

CANCIÓN sjj 85 Recibámonos uns a outros con amor

a Parece ser que un espírito malvado intentou convencer a Elifaz de que Xehová pensa que ningún humano é xusto e que polo tanto ningún poderá agradarlle nunca. Elifaz creu nesta idea retorcida e errónea e repetiuna as tres veces que falou (Xob 4:17; 15:15, 16; 22:2).

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir