PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Como podo superar a timidez?
A mala noticia: Por culpa da timidez podes perder a oportunidade de ter bos amigos e de vivir momentos incribles.
A boa noticia: A timidez non é sempre mala. Pode axudarche a pensar antes de falar, a ser unha persoa máis observadora e a saber escoitar.
O mellor de todo: Que sexas tímido agora, non significa que o vaias ser sempre. Podes controlar os efectos negativos da timidez na túa vida. De que maneira? Descúbreo neste artigo.
A que lle tes medo?
A timidez pode facer que teñas medo tan só de pensar en falar con alguén cara a cara. Por iso, pode que te sintas só e illado do mundo coma se estiveses nun cuarto escuro. E iso dálle medo a calquera. Pero se entendes cales son os teus medos, será coma se acendeses unha luz e verás que non hai nada que temer. Pensa nestes tres exemplos.
“Non sei de que falar”.
Realidade: A xente recorda máis como a fas sentir que as cousas que dis. Por iso, podes controlar este medo mellorando as túas habilidades para escoitar, demostrando así que estás realmente interesado no que din os outros.
Pensa nisto: Que tipo de amigo prefires, un laretas que sempre está falando ou alguén que te saiba escoitar?
“A xente vai pensar que son un aburrido”.
Realidade: Tanto se es tímido coma se non o es, a xente vaise formar unha opinión de ti. Por iso, se te expresas e mostras como es realmente, podes controlar este medo e axudar a que outros teñan unha mellor opinión de ti.
Pensa nisto: Se cres que todo o mundo ten unha opinión negativa de ti, non serás ti o que está xulgando mal os demais?
“Vou facer o ridículo se digo algo mal”.
Realidade: De cando en cando iso pásalle a todo o mundo. Podes controlar este medo se ves esas situacións coma oportunidades para demostrarlles a outros que non pensas que sexas perfecto.
Pensa nisto: Non che cae mellor a xente que recoñece que non é perfecta?
Sabíalo? Algunhas persoas pensan que non son tímidas porque están sempre mandando mensaxes de texto. Agora ben, é máis fácil facer amigos de verdade se falas con eles en persoa. A psicóloga e experta en tecnoloxía Sherry Turkle escribiu: “Só cando vemos a cara do outro e oímos a súa voz, comportámonos de forma máis humana entre nós”.a
Cando aprendas a controlar os teus medos, verás que falar cara a cara coa xente é máis sinxelo do que parece.
Plan de acción
Evita as comparacións. Non tes por que converterte nunha persoa extravertida. En lugar diso, o teu obxectivo pode ser manter a túa timidez baixo control. Desta maneira non perderás a oportunidade de ter bos amigos e de vivir momentos incribles.
“Nin as túas conversacións teñen por que ser moi longas, nin tes que ser o centro de atención. Simplemente preséntate e fai algunha pregunta” (Alicia).
Principio bíblico: “Bote contas cadaquén sobre os propios feitos, e daquela terá en si e non nos outros razón para estar satisfeito” (Gálatas 6:4).
Sé observador. Fíxate nas cousas que fan as persoas que teñen facilidade para relacionarse con outros. Que é o que lles funciona e o que non? Cales desas habilidades che gustaría poñer en práctica?
“Aprende das persoas que fan amigos con facilidade. Fíxate no que fan e no que din cando coñecen a alguén por primeira vez” (Aaron).
Principio bíblico: “Co ferro afíase o ferro, e o home a carón do próximo” (Proverbios 27:17).
Fai preguntas. Habitualmente á xente gústalle dar a súa opinión sobre as cousas. Así que facer preguntas é unha boa maneira de comezar unha conversación sen centrar a atención en ti.
“Prepararse de antemán pode axudarche a estar máis tranquilo. Antes dunha festa podes pensar nalgúns asuntos dos que falar e mesmo nalgunhas preguntas. Deste xeito, non estarás tan nervioso ó coñecer xente nova” (Alana).
Principio bíblico: “Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros” (Filipenses 2:4).
a Do libro En defensa de la conversación. Escrito por Sherry Turkle. Traducido por Joan Eloi Roca.