Quen salvará o noso planeta?
Moita xente pensa que os humanos lle están facendo dano á Terra e á vida que hai nela, e están moi preocupados por iso. Segundo algúns expertos en medio ambiente, o que están facendo os humanos está poñendo en perigo de extinción moitas especies e facéndolle máis dano ca nunca á biodiversidade do planeta.
Acabarán os humanos coa Terra? Ou algún día serán capaces de vivir dunha maneira que non lle faga dano á natureza?
Servirán de algo os esforzos humanos?
Moitos expertos pensan que os humanos poden protexer o planeta e vivir sen facerlle dano á natureza. Algúns investigadores din que para que os esforzos humanos teñan éxito, habería que facer cambios en moitas áreas e facelos ó mesmo tempo. Algúns destes cambios serían:
Mellorar a maneira de xestionar os terreos, os bosques, as zonas húmidas e os océanos.
Usar outras técnicas de cultivo e fontes de enerxía.
Cambiar a maneira de producir e distribuír os alimentos, para conseguir que a xente consuma e desperdicie menos comida, para que coma sobre todo vexetais e só unha cantidade moderada de carne e de peixe.
Aceptar que unha boa calidade de vida non depende de ter cada vez máis cousas.
Que opinas? É realista esperar que os gobernos, as empresas e as persoas cheguen a colaborar dunha maneira que nunca antes se viu? Ou pensas que iso non é posible porque hai persoas que son avariciosas, egoístas e que non se preocupan polo futuro? (2 Timoteo 3:1-5).
Por que podemos ter esperanza?
A Biblia asegúranos que hai esperanza para o noso planeta. Explica por que os esforzos dos humanos non son suficientes para salvar a Terra, e di que cambio fai falta facer para conseguilo. Tamén explica en que consistirá este cambio.
Por que non chega coas iniciativas humanas para salvar o planeta? Xehováa creou a Terra e encargoulles ós humanos a responsabilidade de coidar dela (Xénese 1:28; 2:15). Só lles iría ben se buscaban a guía do seu Creador e se obedecían as súas instrucións (Proverbios 20:24). Pero, en vez diso, rexeitaron a Xehová e decidiron actuar pola súa conta (Eclesiastés 7:29). Pero os humanos non teñen a habilidade de coidar do planeta eles sós, e calquera mellora que consigan terá resultados limitados (Proverbios 21:30; Xeremías 10:23).
O cambio que é necesario. Deus non vai deixar que os humanos sigan destruíndo o planeta (Apocalipse 11:18). El non vai mellorar os gobernos nin a sociedade que tanto dano lle está facendo ó planeta, senón que os vai substituír (Apocalipse 21:1). Por iso Xehová di: “Mira! Estou facendo novas tódalas cousas” (Apocalipse 21:5).
Como chegará ese cambio. Xehová substituirá os gobernos humanos por un goberno celestial, o Reino de Deus. Este goberno, baixo a dirección de Xesucristo, gobernará sobre o planeta (Daniel 2:44; Mateo 6:10).
O Reino de Deus ensinaralles ós humanos a vivir baixo as normas xustas de Deus. Cando os humanos recoñezan a autoridade do seu Creador e sigan a súa guía, poderán vivir en harmonía coa natureza (Isaías 11:9). A Biblia explica que o goberno de Deus fará posible que teñamos unha excelente calidade de vida, pero sen facerlle dano ó planeta. Fará isto:
Conseguirá comida para todos (Salmo 72:16).
Recuperará os recursos naturais (Isaías 35:1, 2, 6, 7).
Asegurarase de que os humanos coiden dos animais e que os animais non lles fagan dano (Isaías 11:6-8; Oseas 2:20 [2:18, TNM]).
Evitará que haxa desastres naturais (Marcos 4:37-41).
Podes estar seguro de que o Reino de Deus pronto fará estes cambios. Para máis información, le o artigo “Cando gobernará o Reino de Deus na Terra?”.
a Xehová é o nome persoal de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8).