COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Expositores “para dar testemuño a tódolos pobos”
1 DE ABRIL DE 2023
Por máis de dez anos, os expositores portátiles captaron a atención das persoas na nosa predicación. Por todo o mundo os carriños recoñécense facilmente, xa que o seu deseño é característico e tamén práctico. Ben pode que esteas de acordo con Asenata, unha irmá de Polonia, que dixo: “Os carriños son sinxelos, pero aínda así son bonitos. Son moi fáciles de usar e mover”.
Algunha vez te preguntaches como se deseñan e fabrican os expositores?
Un deseño práctico
En 2001, o Consello Reitor aprobou que os irmáns de Francia comezasen a probar diferentes formas de predicación pública, o que incluía o uso dos expositores. Probaron varios deseños coma, por exemplo, maletas e carriños da compra adaptados para expoñer e gardar publicacións. Co tempo, a sucursal de Francia escolleu un deseño estándar que os irmáns estiveron usando por varios anos.
Un dos primeiros expositores portátiles en Francia no ano 2005.
Os irmáns en Francia estaban encantados cos resultados desta iniciativa na predicación pública. Por esta razón, o Consello Reitor aprobou en 2011 unha nova proba en Nova York (Os Estados Unidos) usando expositores e mesas de información. Os pioneiros que participaron nesta proba, déronse conta de que predicar cos expositores tiña moitas vantaxes. Por exemplo, eran moi fáciles de levar dun lado a outro. Tamén deron algunhas ideas prácticas para mellorar o deseño dos expositores. Os primeiros carriños de madeira, que estaban feitos a man, eran moi pesados e iso facía difícil subir e baixar escaleiras con eles. Así que se volveron deseñar para facelos máis lixeiros, pero non tanto como para que os levase o vento. O novo deseño incorporaba rodas máis grandes e fortes que facían máis fácil levar os carriños por calquera terreo. Ademais engadíronlle unha caixiña pequena para gardar máis publicacións.
A proba piloto foi todo un éxito, así que en 2012 o Consello Reitor aprobou o uso dos expositores en todo o mundo. Chegouse a un acordo cunha empresa para fabricalos en grandes cantidades usando materiais lixeiros pero tamén resistentes.
Cos anos, melloráronse os expositores. Por exemplo, en 2015 engadiuse unha funda de plástico, coa parte dianteira transparente, para protexelos da choiva. A Dina, que vive en Georgia, gústalle moito esta funda. Ela di: “O carriño ten o seu propio ‘chuvasqueiro’ para protexer as publicacións”. No ano 2017, fixéronse dispoñibles carteis magnéticos nalgúns idiomas. Tomasz, un irmán de Polonia, comenta: “Era moi difícil cambiar os carteis adhesivos. Os magnéticos foron unha solución moi boa”. En 2019, aínda se fixeron máis cambios nos materiais e na fabricación dos expositores para facer que durasen máis.
Como se fan os expositores?
Unha empresa fabrica os expositores e eles mesmos envíanos a calquera parte do mundo. Actualmente un expositor custa uns 40 euros, sen contar o envío e outros gastos. Ata o día de hoxe, gastáronse case 15 millóns de euros en mercar carriños e arredor de 420.000 enviáronse a congregacións de todo o mundo.
Para usar as doazóns da mellor maneira posible, os expositores pídense en grandes cantidades. Ademais, as congregacións tamén poden pedir pezas de recambio para arranxar os carriños en lugar de solicitar un novo.
Usamos os expositores para dar testemuño
Ós predicadores de todo o mundo encántalles usar os expositores portátiles. Martina, de Ghana, comenta: “Normalmente somos nós os que nos acercamos á xente ó predicar. Pero o que me gusta de usar os carriños é que son as persoas as que se achegan a nós. Incluso a xente que só está paseando, tamén pode recibir a mensaxe”.
Noutro pais de África, un home acercouse ó carriño e colleu unhas publicacións no seu idioma. Volveu unha semana despois e díxolle ós irmáns: “Xa lin tódalas publicacións. E como o que din me parece moi importante, quero compartilo coa miña familia na aldea”. Os familiares deste home vivían a 500 quilómetros de distancia! Cando volveu, dous meses despois, comentou: “A xente da miña aldea xa leu tódalas publicacións e está moi contenta co que leron. Queren facerse testemuñas de Xehová, pero teñen algunhas preguntas. Por exemplo, aprenderon que alguén ten que mergullalos na auga para bautizarse, pero por alí non temos ningún río cerca. Temos que vir aquí para bautizarnos?”. Os irmáns puxeron en contacto a este home cun pioneiro que fala o seu idioma. Dende entón, os dous teñen conversas sobre a Biblia con frecuencia.
É emocionante ver como se están usando os expositores para predicar “en todas partes para dar testemuño a tódolos pobos” (Mateo 24:14). De onde saen os cartos para cubrir os gastos de fabricación dos carriños? Das doazóns voluntarias para a obra mundial, incluídas as que se fan a través de donate.jw.org. Moitas grazas pola túa xenerosidade!