COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Iniciativas sostibles que benefician os nosos irmáns e o planeta
1 DE ABRIL DE 2025
As testemuñas de Xehová sabemos que pronto Deus intervirá para salvar a Terra do dano que os humanos lle causaron (Apocalipse 11:18). Con todo, tamén facemos o que podemos para coidar o planeta. Por exemplo, implementamos moitas iniciativas sostibles nas nosas instalacións.
As iniciativas sostibles, ou solucións ecolóxicas, son proxectos que teñen como obxectivo reducir o impacto negativo no medio ambiente. Que proxectos deste tipo fixemos? E como usamos as doazóns dos nosos irmáns da mellor maneira?
Unha solución para manter fresco un Salón de Congresos
O Salón de Congresos de Matola, en Mozambique, foi construído inicialmente sen paredes e cun tellado de chapa metálica. Este tellado acumulaba moita calor, facendo que o auditorio estivese moi quente. Un irmán di: “A calor facíanos suar! Cando remataba o programa, os irmáns saían correndo para fóra buscando aire fresco”. Como poderiamos conseguir un ambiente máis cómodo para que os nosos irmáns se puidesen concentrar?
Decidimos optar por unha solución ecolóxica: instalar ventiladores impulsados polo vento e tamén colocar illamento no tellado. O illamento reduce a cantidade de calor do sol que se transfire ó edificio, e os ventiladores proporcionan un fluxo constante de aire fresco. Os ventiladores non requiren enerxía, senón que usan o vento e a convección natural para extraer o aire quente que se acumula no auditorio. Estes ventiladores custan uns 50 dólaresa cada un.
Ventiladores impulsados polo vento no Salón de Congresos de Matola.
Esta solución mellorou moito a calidade do aire no Salón de Congresos. Como non hai aire estancado, acumúlase menos humidade e menos mofo no edificio. Tamén hai menos acumulación de dióxido de carbono e un maior fluxo de osíxeno. Como resultado, os asistentes poden concentrarse mellor e están máis cómodos. O irmán do que falamos antes di: “Agora, non saímos correndo fóra en canto remata o programa. En vez diso, quedamos no auditorio durante a pausa para o xantar, charlando cos amigos. Sentarse baixo o novo tellado é como sentarse baixo unha árbore grande e agradable!”.
Agora, os nosos irmáns desfrutan aínda máis dos seus congresos.
Usamos fontes de enerxía renovables
En moitos dos nosos edificios ó redor do mundo instalamos sistemas fotovoltaicos. Estes sistemas usan paneis solares para converter a luz do sol, unha fonte de enerxía renovable, en electricidade. Como resultado, somos menos dependentes da electricidade xerada a partir de combustibles fósiles. Os sistemas fotovoltaicos producen menos contaminación e axúdannos a aforrar os fondos doados.
En 2023, instalouse un sistema fotovoltaico na sucursal de Eslovenia, que proporciona o 30 % das necesidades enerxéticas do edificio. Ademais, se nun momento dado o sistema xera máis electricidade da que se necesita, a enerxía sobrante pode enviarse á rede eléctrica da cidade. Este sistema custou 360.000 dólares. Non obstante, como agora as facturas da luz da sucursal son máis baixas, o sistema amortizarase en catro anos.
Sucursal de Eslovenia.
En 2024, instalamos paneis fotovoltaicos e unha gran batería na sucursal de Sri Lanka. Este proxecto custou uns 3 millóns de dólares, e o sistema asume o 70 % das necesidades enerxéticas da sucursal. Os aforros cubrirán a inversión dos paneis en tan só tres anos. Ese mesmo ano, tamén instalamos un sistema fotovoltaico na sucursal dos Países Baixos. Este sistema custou 1,1 millóns de dólares e proporciona o 35 % da electricidade para a sucursal. Este sistema amortizarase en nove anos.
Sucursal dos Países Baixos.
Tamén instalamos sistemas fotovoltaicos en varias oficinas remotas de tradución (OTR) en México. Vexamos un exemplo: a OTR ó tarahumara (Central) situada en Chihuahua. No inverno, as temperaturas poden baixar de 0 graos Celsius e no verán, alcanzan máis de 40 graos! Con todo, debido ó alto custo da electricidade, os irmáns evitaban usar sistemas de calefacción e refrixeración. Jonathan, un irmán que traballa na OTR, di: “Usabamos mantas e roupa de abrigo no inverno e, no verán, abriamos as ventás”.
En 2024, instalouse un sistema fotovoltaico na OTR. Este sistema custou 21.480 dólares, pero os aforros cubrirán a inversión en cinco anos. Agora, os nosos irmáns poden usar os sistemas de calefacción e refrixeración con máis frecuencia. Jonathan di: “Desfrutamos máis da nosa asignación e somos máis produtivos. Ó mesmo tempo, sentímonos ben sabendo que os recursos da nosa organización están sendo usados de maneira eficiente e respectuosa co medio ambiente”.
O equipo de tradución ó tarahumara (Central) agora traballa nun ambiente máis cómodo.
Recollemos a auga da choiva
En África, algúns Salóns do Reino non teñen acceso a unha fonte de auga segura. Como resultado, ás veces os irmáns teñen que percorrer varios quilómetros para levar auga ata o seu Salón do Reino. Noutros Salóns, os irmáns compran auga que logo se entrega en camións, pero isto é caro e non é respectuoso co medio ambiente.
Para que os nosos irmáns teñan auga, instalamos canlóns nos tellados e grandes tanques de auga en moitos Salóns do Reino en toda África. Antes de instalar os equipos, os irmáns estudan o microclima local para deseñar o sistema máis efectivo para cada Salón. Equipar un Salón do Reino custa entre 600 e 3000 dólares. Aínda así, este equipo adoita reducir os gastos operativos dos Salóns do Reino, xa que os irmáns non necesitan pagar pola auga.
Un tanque de auga nun Salón do Reino en Phuthaditjhaba (Suráfrica).
Estes sistemas que recollen a auga da choiva beneficiaron os nosos irmáns. Noemia, unha irmá de Mozambique, di: “Antes, viaxabamos longas distancias para obter auga. Chegabamos ó Salón moi cansos. E como había pouca auga, era difícil manter unha boa hixiene. En cambio, agora todos podemos lavar as mans e ir ó Salón do Reino sen estar demasiado cansos para desfrutar da reunión. Moitas grazas!”.
En Suráfrica, unha irmá e o seu fillo usando auga que se recolleu da choiva.
De onde veñen os cartos para pagar estas iniciativas ecolóxicas? Mediante doazóns para a obra mundial, moitas das cales se fan a través dos diferentes métodos que se atopan en donate.jw.org. Moitas grazas polas túas xenerosas doazóns!
a Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.