Venres 10 de outubro
O temor de Xehová é o comezo da sabedoría (Prov. 9:10).
Que deberiamos facer se, de repente, nos aparece unha imaxe pornográfica? Deixar de mirala de inmediato. Algo que nos pode axudar a facelo é recordar que a nosa relación con Xehová é o máis valioso que temos. Incluso as imaxes que non se consideran pornográficas poden despertar en nós desexos inmorais. Por que temos que evitalas? Porque non queremos nin pensar en facer algo inmoral (Mat. 5:28, 29). David, un ancián de Tailandia di: “Neses casos pregúntome: ‘Aínda que unha imaxe non sexa considerada como pornográfica, gustaralle a Xehová que a siga mirando?’. Razoar desta maneira axúdame a actuar con sabedoría”. Cultivar un temor apropiado a desagradar a Xehová axudaranos a actuar con sabedoría. De feito, o temor a Deus é a base ou “o comezo da Sabedoría”. w23.06 páx. 23 pars. 12, 13
Sábado 11 de outubro
Ven, meu pobo, entra nas túas habitacións (Is. 26:20).
É posible que as “habitacións” sexan as congregacións. Xehová promete que nos protexerá se o seguimos servindo en unidade cos nosos irmáns e irmás. Así que temos que esforzarnos xa agora, non só por soportalos, senón por querelos. A nosa vida dependerá diso. “O grande día do Señor” será un momento moi difícil para toda a humanidade (Sof. 1:14, 15). E, por suposto, o pobo de Xehová tamén pasará por dificultades. Pero se nos preparamos xa agora seremos capaces de manter a calma e axudarlles a outros. Poderemos aguantar calquera dificultade. Cando os nosos irmáns sufran, faremos todo o posible para consolalos demostrándolles compaixón e axudándolles a cubrir as súas necesidades. E se lles demostramos amor xa agora seranos aínda máis fácil facelo no futuro. Entón, Xehová recompensaranos con vida eterna nun mundo no que tódolos desastres e problemas serán cousa do pasado (Is. 65:17). w23.07 páx. 7 pars. 16, 17
Domingo 12 de outubro
Xehová vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade (1 Ped. 5:10).
Moitas veces, cando a Palabra de Deus fala de homes fieis, refírese a eles como homes cunha gran forza física e mental. Pero, ata estes homes tan fortes non sempre se sentiron así. Por exemplo, nalgunhas ocasións o rei David sentiu que era “tan forte coma unha montaña”, pero noutras sentiuse “aterrorizado” (Sal. 30:7, TNM). Sansón tiña unha forza excepcional cando contaba co espírito de Deus, pero recoñeceu que sen o seu poder se debilitaría, “e sería coma un dos outros homes” (Xuí. 14:5, 6; 16:17). Foi Xehová quen lles deu o poder a estes servos fieis para aguantar en situacións moi difíciles. O apóstolo Paulo sabía moi ben que el tamén necesitaba o poder de Xehová (2 Cor. 12:9, 10). El tivo que enfrontarse a problemas de saúde (Gál. 4:13, 14). Ás veces, tamén lle custaba facer o correcto (Rom. 7:18, 19). E nalgunha ocasión sentiu angustia e inseguridade (2 Cor. 1:8, 9). Con todo, cando Paulo estaba débil, sentíase poderoso. En que sentido? Porque Xehová lle daba as forzas que necesitaba para aguantar as probas. w23.10 páx. 12 pars. 1, 2