Venres 17 de outubro
Andade coma fillos da luz (Ef. 5:8).
Para continuar andando “coma fillos da luz” necesitamos ter a axuda do espírito santo de Deus. Por que? Porque non é fácil manterse limpo neste mundo inmoral (1 Tes. 4:3-5, 7, 8). O espírito santo pode axudarnos a loitar contra a forma de pensar deste mundo, o que inclúe as súas filosofías e os puntos de vista que van en contra da forma de pensar de Deus. Ademais, o espírito santo tamén nos pode axudar a comportarnos con “toda bondade, xustiza e verdade” (Ef. 5:9). Unha forma na que podemos recibir espírito santo é pedíndoo en oración. Xesús dixo que Xehová lles “dará o Espírito Santo ós que llo pidan” (Luc. 11:13). Tamén o recibimos cando louvamos a Deus xuntos nas reunións (Ef. 5:19, 20). A boa influencia que pode ter esta forza en nós axudaranos a vivir da maneira que lle agrada a Deus. w24.03 páxs. 23-24 pars. 13-15
Sábado 18 de outubro
Seguide pedindo e recibiredes, seguide buscando e encontraredes, seguide petando á porta e abrirásevos (Luc. 11:9).
Necesitas ser máis paciente? Entón, pídelle a Xehová que che axude a selo. A paciencia é unha calidade do froito do espírito (Gál. 5:22, 23). Así que, cando nos enfrontemos a unha situación que poña a proba a nosa paciencia, debemos pedirlle vez tras vez a Xehová que nos dea o seu espírito santo para demostrar esta calidade (Luc. 11:13). Tamén podemos pedirlle que nos axude a ver as cousas como el as ve. E despois de orarlle temos que facer todo o que poidamos por ser pacientes sempre. Se damos estes pasos, Xehová axudaranos a conseguir que esta calidade chegue a ser parte da nosa personalidade. Tamén axuda meditar en exemplos da Biblia. Na Biblia atopamos moitos exemplos de persoas que foron pacientes. Cando meditamos neles podemos aprender diferentes formas de demostrar esta calidade. w23.08 páx. 22 pars. 10, 11
Domingo 19 de outubro
Botade alí as redes para pescar (Luc. 5:4).
Xesús aseguroulle ó apóstolo Pedro que Xehová coidaría del. Despois de resucitar, Xesús fixo un milagre no que lles axudou ós seus apóstolos a conseguir outra vez unha gran cantidade de peixe (Xoán 21:4-6). Sen dúbida, isto aseguroulle a Pedro que Xehová podería coidar facilmente das súas necesidades materiais. É posible que nese momento o apóstolo recordase as palabras de Xesús, cando dixera que Xehová coidaría de tódolos que buscan “primeiro o Reino” (Mat. 6:33). Todo isto axudoulle a poñer a predicación en primeiro lugar na súa vida, en vez de centrarse no seu negocio de pesca. De feito, anunciou a verdade con valor no día do Pentecostés do ano 33 n. e., e isto fixo que miles de persoas aceptasen as boas noticias (Feit. 2:14, 37-41). A partir dese momento, Pedro axudou a samaritanos e a xentís a seguir a Cristo (Feit. 8:14-17; 10:44-48). Está claro que Xehová o usou dunha maneira sobresaliente para que toda clase de persoas chegasen a formar parte da congregación. w23.09 páx. 20 par. 1; páx. 22 par. 11