Domingo 31 de agosto
Os sabios daranse conta (Dan. 12:10).
Se queremos entender as profecías da Biblia temos que pedir axuda. Pensa no seguinte exemplo. Imaxina que estás visitando un sitio no que nunca estiveches pero vas acompañado dun amigo que coñece ben a zona. El sabe exactamente onde estades e a onde leva cada camiño. Seguro que estarías moi contento de que quixese acompañarte! De forma parecida, Xehová sabe exactamente en que momento da historia nos encontramos e que vai pasar no futuro. Así que, para entender as profecías da Biblia debemos ser humildes e pedirlle a súa axuda (Dan. 2:28; 2 Ped. 1:19, 20). Coma calquera bo pai, Xehová quere que os seus fillos teñan un futuro feliz (Xer. 29:11). Pero a diferenza dun pai humano, el pode dicirnos con exactitude o que sucederá no futuro. Xehová fixo que na súa Palabra se incluísen profecías para que puidésemos coñecer algúns sucesos importantes incluso antes de que ocorran (Is. 46:10). w23.08 páx. 8 pars. 3, 4
Luns 1 de setembro
A luz dun amencer virá onda nós desde o alto (Luc. 1:78).
Deus deulle a Xesús o poder para solucionar tódolos problemas da humanidade. Os milagres que fixo Xesús demostran que el ten o poder para solucionar tódolos problemas que nós nunca poderiamos resolver. Por exemplo, ten o poder para liberarnos do que causa a maioría dos nosos males: o pecado que herdamos e as súas consecuencias, como as enfermidades e a morte (Mat. 9:1-6; Rom. 5:12, 18, 19). Os seus milagres demostraron que pode curar todo tipo de enfermidades, e que incluso pode resucitar mortos (Mat. 4:23; Xoán 11:43, 44). Tamén ten o poder para controlar fortes tormentas e para liberar as persoas dos malos espíritos (Mar. 4:37-39; Luc. 8:2). Canto nos anima saber que Xehová puxo este poder nas mans do seu Fillo! Podemos confiar completamente en que se cumprirán tódalas promesas que hai na Biblia sobre o Reino de Deus. Os milagres que fixo Xesús cando era humano son só unha pequena mostra do que fará como Rei do Reino de Deus. w23.04 páx. 3 pars. 5-7
Martes 2 de setembro
O Espírito examina todo, mesmo as profundidades de Deus (1 Cor. 2:10).
Se estás nunha congregación grande e che parece que non ven a túa man poderías desanimarte. Pero non deixes de intentalo. Prepara varios comentarios para cada reunión. Así, se non comentas ó principio, aínda terás outras oportunidades durante o resto da reunión. Cando prepares o Estudo de A Atalaia, pensa en como se relaciona cada parágrafo co tema do artigo. Se o fas, poderás dar bos comentarios durante todo ese artigo. Ademais, poderías preparar comentarios nos parágrafos que falan de verdades profundas que son máis difíciles de explicar. Por que? Porque é probable que neses parágrafos haxa menos mans levantadas. Pero imaxina que, aínda así, non consegues comentar durante varias reunións. Que poderías facer? Falar co irmán que vai dirixir esa parte e dicirlle en que pregunta che gustaría responder. w23.04 páxs. 21-22 pars. 9, 10