Quen é o Rei do Reino de Deus?
Deus fixo que varios escritores da Biblia deixasen rexistrados algúns detalles que nos axudarían a identificar quen sería o Rei do Reino de Deus. Deste gobernante predíxose o seguinte:
Sería escollido por Deus. “Eu son quen puxo o meu rei [...], e dareiche por herdade as nacións; por posesión, os termos da terra” (Salmo 2:6, 8).
Sería descendente do rei David. “Velaí que nos naceu un meniño, déusenos un fillo [...]. Oh, ¡que grande a súa Soberanía! A paz non terá fin no trono de David e no seu reino, para afincalo” (Isaías 9:5, 6 [9:6, 7, TNM]).
Nacería en Belén. “E ti, Belén de Efratah, [...] de ti vai saír un que será o soberano [...]. Ata o mesmo cabo da terra, estenderá a súa grandeza” (Miqueas 5:1, 3, [5:2, 4, TNM]).
Rechazaríano e mataríano. “Desprezado, non lle tivemos aprezo. [...] Foi ferido por causa das nosas rebeldías, foi esmagado polas nosas iniquidades” (Isaías 53:3, 5).
Sería resucitado e Deus daríalle unha posición gloriosa. “Nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción. [...] Engrandecido pola dereita de Deus” (Feitos 2:31, 33).
Xesucristo é o Rei ideal
Ó longo de toda a historia da humanidade, a única persoa que encaixa coa descrición dun gobernante ideal é Xesucristo. De feito, un anxo díxolle a María, a nai de Xesús: “Deus daralle o trono de David, seu pai; [...] o seu reinado non terá fin” (Lucas 1:31-33).
Xesús nunca gobernou cando estivo na Terra, pero si que vai gobernar a humanidade dende o ceo como Rei do Reino de Deus. Por que é o Rei ideal? Vexamos o que fixo cando estivo na Terra.
Xesús preocupábase polas persoas. Axudou a homes e mulleres, novos e maiores, sen importar de onde fosen ou se eran ricos ou pobres (Mateo 9:36; Marcos 10:16). En certa ocasión, un leproso suplicoulle: “Se queres, pódesme limpar”. Conmovido, Xesús curouno (Marcos 1:40-42).
Xesús ensinounos como agradarlle a Deus. Dixo: “Non podedes servir a Deus e mai-lo diñeiro”. Tamén dixo que debemos tratar a outros como nos gustaría que nos tratasen a nós, un principio que coñecemos como a Regra de Ouro. Ademais, ensinou que Deus non soamente se interesa no que facemos, senón tamén no que pensamos e no que sentimos. Por iso, se queremos agradarlle a Deus temos que controlar o que temos dentro do corazón (Mateo 5:28; 6:24; 7:12). Xesús destacou que, se queremos ser realmente felices, debemos aprender o que Deus quere que fagamos e facelo (Lucas 11:28).
Xesús ensinounos o que significa amar os demais. O que dicía e o que facía chegáballes ó corazón ós que o escoitaban. A Biblia di: “A xente quedou sorprendida pola súa doutrina; porque lles ensinaba con autoridade” (Mateo 7:28, 29). Por exemplo, ensinoulles: “Amade os vosos inimigos”. Incluso el mesmo orou a Deus polos que finalmente o mataron: “Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan” (Mateo 5:44; Lucas 23:34).
Xesús é o gobernante ideal. Está perfectamente capacitado, quérenos moito e desexa axudarnos. Pero, cando empezará a gobernar?