BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • nwt páxs. 471-475
  • A3 Como chegou a Biblia ata nós

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • A3 Como chegou a Biblia ata nós
  • A Biblia. Tradución do Novo Mundo
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • OS COPISTAS CONSERVARON A PALABRA DE DEUS
  • A BASE PARA A TRADUCIÓN DOS TEXTOS HEBREO E GREGO
  • Cambiouse ou manipulouse a Biblia?
    Preguntas sobre a Biblia
  • A Biblia sobrevive ós intentos de alterar a súa mensaxe
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (público) 2016
A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A3 Como chegou a Biblia ata nós

A3

Como chegou a Biblia ata nós

O Autor da Biblia é o mesmo que se encargou de conservala. El mesmo fixo que quedase rexistrada esta afirmación:

“A palabra de Xehová permanece para sempre” (1 Pedro 1:25).

Esta afirmación é certa, aínda que ningún manuscrito orixinal das Escrituras Hebreoarameasa nin das Escrituras Gregas Cristiás sobrevivise ata os nosos días. Entón, como podemos estar seguros de que o que lemos hoxe na Biblia se corresponde co que dicían os escritos orixinais inspirados por Deus?

OS COPISTAS CONSERVARON A PALABRA DE DEUS

Con relación ás Escrituras Hebreas, parte da resposta a esta pregunta está nunha antiga tradición establecida por Deus, que mandou facer copias do seu contido.b Por exemplo, Xehová mandoulles ós reis de Israel que fixesen as súas propias copias da Lei (Deuteronomio 17:18). Ademais, Deus deulles ós levitas a responsabilidade de conservar a Lei e ensinarlla á xente (Deuteronomio 31:26; Nehemías 8:7). Despois de que os xudeus fosen ó exilio a Babilonia, apareceron os soferim, unha clase de copistas ou escribas (Esdras 7:6, notas, nwt-S). Co paso do tempo, eses escribas fixeron moitas copias dos 39 libros das Escrituras Hebreas.

Ó longo dos séculos, os escribas copiaron con moito coidado eses libros. Durante a Idade Media un grupo de escribas xudeus coñecidos como masoretas seguiu con esta tradición. O texto masorético completo máis antigo é o Códice de Leningrado, que é do ano 1008 ou 1009 n.e. Pero a mediados do século XX descubríronse uns 220 manuscritos ou fragmentos da Biblia entre os Rolos do Mar Morto. Eses manuscritos escribíronse máis de mil anos antes que o Códice de Leningrado. Unha comparación entre os Rolos do Mar Morto e o Códice de Leningrado confirma algo moi importante: aínda que os Rolos do Mar Morto conteñen algunha palabra diferente, ningunha desas variacións cambia a mensaxe.

E que hai dos 27 libros das Escrituras Gregas Cristiás? Estes libros foron escritos orixinalmente por algúns dos apóstolos de Xesucristo e por outros discípulos do primeiro século. Os primeiros cristiáns fixeron copias destes libros, seguindo a tradición dos escribas xudeus (Colosenses 4:16). É certo que algunhas persoas, como o emperador romano Diocleciano, intentaron acabar con tódolos escritos dos primeiros cristiáns. Aínda así, houbo miles de fragmentos de manuscritos antigos que se conservaron ata os nosos días.

Os escritos cristiáns tamén se traduciron a outros idiomas. Entre as primeiras copias da Biblia hai traducións a idiomas tan antigos como o armenio, copto, etiópico, xeorxiano, latín e siríaco.

A BASE PARA A TRADUCIÓN DOS TEXTOS HEBREO E GREGO

Non tódalas copias dos manuscritos antigos da Biblia usan exactamente as mesmas palabras. Entón, como podemos saber o que dicía o texto orixinal?

Esta situación podería compararse á dun profesor que lles pide a cen alumnos que copien un capítulo dun libro. Aínda que chegase a perderse o capítulo orixinal, poderíase saber o que dicía comparando as cen copias. Incluso se cada alumno cometese algúns erros, é moi pouco probable que todos cometesen os mesmos. Da mesma maneira, cando os expertos comparan os miles de fragmentos e copias dos antigos libros da Biblia que están dispoñibles, poden detectar os erros que cometeron os copistas e determinar que dicía o texto orixinal.

“Pódese dicir con seguridade que non hai outra obra da antigüidade que se transmitise con tanta exactitude”.

Podemos estar seguros de que as ideas dos textos orixinais da Biblia chegaron con exactitude ata nós? O experto William Green dixo sobre o texto das Escrituras Hebreas: “Pódese dicir con seguridade que non hai outra obra da antigüidade que se transmitise con tanta exactitude”. Sobre as Escrituras Gregas Cristiás, coñecidas tamén como o Novo Testamento, o biblista Frederick Bruce escribiu: “Temos moitas máis probas que demostran a exactitude do Novo Testamento que de calquera outra obra de autores clásicos. E ninguén cuestiona a autenticidade destas obras”. Tamén dixo: “Se o Novo Testamento fose unha colección de obras non relixiosas, a súa autenticidade non se poñería en dúbida”.

Texto hebreo nos Rolos do Mar Morto.

Capítulo 40 do libro de Isaías nos Rolos do Mar Morto (dos anos 125 a 100 a.n.e.).

Ó comparalo con manuscritos hebreos que se escribiron uns mil anos despois, só se atoparon diferenzas moi pequenas e a maioría delas son ortográficas.

Texto hebreo no Códice de Alepo.

Capítulo 40 do libro de Isaías no Códice de Alepo, un importante manuscrito masorético hebreo de arredor do ano 930 n.e.

Texto hebreo: A Tradución do Novo Mundo das Escrituras Hebreas en inglés (1953-1960) baseouse na Biblia Hebraica, de Rudolf Kittel. Desde entón, edicións actualizadas do texto hebreo, como por exemplo a Biblia Hebraica Stuttgartensia e a Biblia Hebraica Quinta, incluíron os resultados de investigacións recentes baseadas nos Rolos do Mar Morto e noutros manuscritos antigos. Estas obras especializadas conteñen o Códice de Leningrado no texto principal e inclúen notas con alternativas sacadas doutras fontes como o Pentateuco samaritano, os Rolos do Mar Morto, a Septuaxinta grega, os targumes arameos, a Vulgata latina e a Peshitta siríaca. Para preparar a revisión da Tradución do Novo Mundo consultáronse tanto a Biblia Hebraica Stuttgartensia como a Biblia Hebraica Quinta.

Texto grego: A finais do século XIX, os expertos Brooke Westcott e Fenton Hort compararon os manuscritos e fragmentos da Biblia que había dispoñibles para preparar un texto grego de referencia que se axustase o máximo posible ós escritos orixinais. A mediados do século XX, o Comité de Tradución da Biblia do Novo Mundo usou este texto de referencia como base para a súa tradución. Tamén se usaron outros papiros antigos que se pensa que son dos séculos II e III n.e. Desde entón, chegaron a estar dispoñibles máis papiros. Ademais, outros textos de referencia como o de Nestle e Aland, e o das Sociedades Bíblicas Unidas inclúen os resultados de investigacións recentes. Algúns dos descubrimentos destas investigacións usáronse nesta revisión.

Grazas a estes textos de referencia, quedou claro que algúns versículos das Escrituras Gregas Cristiás que aparecen nalgunhas traducións antigas, como a King James Version e La Biblia del Oso, foron engadidos tempo despois por copistas e nunca formaron parte das Escrituras inspiradas. Aínda así, tendo en conta que no século XVI xa se establecera a división en versículos que utilizan a maioría das traducións da Biblia, a omisión destes versículos crea algúns saltos na numeración na maioría das Biblias. Este é o caso de Mateo 17:21; 18:11; 23:14; Marcos 7:16; 9:44, 46; 11:26; 15:28; Lucas 17:36; 23:17; Xoán 5:4; Feitos 8:37; 15:34; 24:7; 28:29 e Romanos 16:24. Nesta tradución púxose unha nota en cada versículo omitido.

Tamén se sabe que a conclusión longa de Marcos 16 (versículos 9-20), a conclusión curta de Marcos 16 e o relato que aparece en Xoán 7:53–8:11 tampouco formaban parte dos manuscritos orixinais. Por iso non se incluíron nesta tradución.c

O contido dalgúns versículos axustouse tendo en conta o que a maioría de expertos acepta como a tradución máis exacta dos escritos orixinais. Por exemplo, de acordo con algúns manuscritos, Mateo 7:13 di: “Entrade pola porta estreita, porque a porta ancha e o camiño amplo levan á destrución e moitos son os que entran por ela”. En edicións anteriores da Tradución do Novo Mundo en inglés non se facía referencia á “porta ancha”. Pero ó estudar máis a fondo os manuscritos chegouse á conclusión de que esa expresión si que aparecía no texto orixinal e por iso se decidiu incluíla nesta edición. Aínda que se fixeron bastantes axustes deste tipo, son variacións pequenas que non supoñen un cambio significativo na mensaxe da Palabra de Deus.

Manuscrito en papiro.

Un manuscrito en papiro de 2 Corintios 4:13–5:4 de arredor do ano 200 n.e.

a Para simplificar, a partir de agora chamarémoslles Escrituras Hebreas.

b Unha razón pola que debían facerse copias dos manuscritos era que os orixinais estaban escritos en materiais perecedoiros.

c Podes atopar máis detalles sobre por que estes versículos se consideran espurios nas notas da Traducción del Nuevo Mundo de las Santas Escrituras (con referencias), publicada en 1987 en español.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir