CAPÍTULO 3
Que propósito ten Deus para a humanidade?
1. Cal é o propósito de Deus para a humanidade?
DEUS ten un propósito marabilloso para a humanidade. El creou a Adam e Eva, a primeira parella humana, para viviren nun fermoso xardín. Quería que tivesen fillos, coidasen dos animais e fixesen de toda a Terra un paraíso. O propósito de Deus non cambiou (Xénese 1:28; 2:8, 9, 15; ver a nota 6).
2. a) Como sabemos que Deus cumprirá o seu propósito? b) Que clase de persoas vivirán na Terra, e por canto tempo?
2 Pensas que algún día viviremos nun paraíso? Xehová dinos: “Planeeino e cumprireino” (Isaías 46:9-11; 55:11). Nada poderá impedir que cumpra o seu propósito. El explica que creou a Terra por un motivo: “Non a creou coma un caos, formouna para ser habitada” (Isaías 45:18). Que clase de persoas quere Deus que vivan na Terra e por canto tempo? A Biblia di: “Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29; Apocalipse 21:3, 4).
3. Cando ves que a xente enferma e morre, que preguntas poderías facerte?
3 Pero hoxe en día a xente enferma e morre. En moitos lugares, mesmo loitan e se matan uns ós outros. Está claro que isto non é o que Deus quería. Entón, que pasou? Por que non se cumpriu o seu propósito? Só a Biblia ten a resposta.
UN INIMIGO DE DEUS
4, 5. a) Quen usou unha serpe no xardín de Edén para falar con Eva? b) Como pode unha persoa honrada converterse nun ladrón?
4 A Biblia explica que Deus ten un inimigo “chamado Satán e Satanás”. Satán usou unha serpe no xardín de Edén para falar con Eva (Apocalipse 12:9; Xénese 3:1). Fíxoo de tal xeito que Eva pensou que era a serpe quen falaba (ver a nota 7).
5 Creou Deus ó Demo? Non. Cando Deus preparou a Terra para Adam e Eva, un anxo cambiou e converteuse no Demo (Xob 38:4, 7). Como foi iso posible? Pensa nisto. Como pode unha persoa honrada converterse nun ladrón? O certo é que ninguén nace sendo ladrón. Pero se alguén empeza a desexar algo que non é seu e segue a pensar niso, pouco a pouco ese desexo vaise facendo máis forte. E, cando se lle presenta a oportunidade, róubao. En facendo isto convértese nun ladrón (le Santiago 1:13-15; ver a nota 8).
6. Como se converteu un anxo en inimigo de Deus?
6 Iso é o que pasou con este anxo. Despois de crear a Adam e Eva, Xehová díxolles que tivesen fillos e enchesen a Terra (Xénese 1:27, 28). É posible que aquel anxo pensase: “Toda esa xente podería adorarme a min en vez de a Xehová”. Canto máis pensaba niso, máis o ansiaba. Pero, estaba desexando que o adorasen, algo que só lle pertence a Xehová. Por iso mentiu e enganou a Eva (le Xénese 3:1-5). Deste xeito, converteuse en Satán e no Demo, e fíxose inimigo de Deus.
7. a) Por que morreron Adam e Eva? b) Por que nos facemos vellos e morremos?
7 Adam e Eva desobedeceron a Deus e comeron do froito (Xénese 2:17; 3:6). Ó faceren isto, pecaron contra Xehová e co tempo morreron, tal como Xehová lles dixera (Xénese 3:17-19). Cando Adam e Eva tiveron fillos, estes herdaron o pecado e por iso tamén morreron (le Romanos 5:12). Pero, por que herdaron o pecado? Para entendelo mellor, vexamos un exemplo. Imaxina que queres facer un biscoito, pero o molde ten un golpe ou defecto. O biscoito vai saír co mesmo defecto que o molde. Como todos vimos de Adam, todos herdamos o pecado e temos o mesmo “defecto” ca el. Por iso nos facemos vellos e morremos (Romanos 3:23; ver a nota 9).
8, 9. a) Que quería facerlles crer Satán a Adam e Eva? b) Por que non eliminou Xehová os rebeldes nese momento?
8 Satán empezou unha rebelión contra Xehová cando conseguiu que Adam e Eva desobedecesen a Deus. Quería facerlles crer que Xehová é un mentireiro, un mal gobernante que non desexaba o mellor para eles. Satán deu a entender que os humanos non precisamos que Deus nos diga o que temos que facer, e que Adam e Eva debían decidir pola súa conta o que está ben e o que está mal. Que faría Xehová? Podería eliminar os rebeldes nese momento e así acabaría coa rebelión. Pero, demostraría iso que Satán é un mentireiro? O certo é que non.
9 Xehová non acabou cos rebeldes decontado. Máis ben, deixou que os humanos se gobernasen durante un tempo. Isto demostraría que Satán é un mentireiro e que Xehová sabe o que é mellor para nós. Aprenderemos máis sobre este tema no capítulo 11. Pero, que pensas da decisión que tomaron Adam e Eva? Fixeron ben en crer a Satán e desobedecer a Deus? Xehová déralles todo o tiñan: unha vida perfecta, un lugar fermoso para vivir e un traballo do que desfrutar. Pola contra, Satán nunca fixera nada bo por eles. Se ti estiveses no lugar de Adam e Eva, que farías?
10. Que decisión importante debemos tomar todos?
10 En realidade, nós tamén temos que tomar unha decisión semellante e a nosa vida depende do que decidamos. Podemos escoller como gobernante a Xehová ou a Satanás. Se escollemos obedecer a Xehová, axudarémoslle a demostrar que Satán é un mentireiro (Salmo 73:28; le Proverbios 27:11). Hoxe en día moi pouca xente obedece a Deus. De feito, el non é quen goberna o mundo. Entón, quen o fai?
QUEN GOBERNA O MUNDO?
Se tódolos reinos do mundo non fosen de Satán, podería ofrecerllos a Xesús?
11, 12. a) Que aprendemos da oferta que Satán lle fixo a Xesús? b) Que textos bíblicos demostran que Satán é quen goberna o mundo?
11 Xesús sabía quen é o verdadeiro gobernante do mundo. En certa ocasión Satán mostroulle “os reinos todos do mundo enteiro”. Entón Satán prometeulle a Xesús: “Heiche dar todo isto se te postras e me adoras” (Mateo 4:8, 9; Lucas 4:5, 6). Pensa nisto. Se todos eses reinos non fosen de Satán, podería ofrecerllos a Xesús? Non, verdade? Só podía facelo porque son seus.
12 Poida que te preguntes: “Como é posible que Satanás sexa o gobernante do mundo? Non é Xehová o Deus todopoderoso que creou o Universo?” (Apocalipse 4:11). Así é, pero Xesús explicou que Satán é o “príncipe deste mundo” (Xoán 12:31; 14:30; 16:11). O apóstolo Paulo tamén lle chamou “o deus deste mundo” (2 Corintios 4:3, 4). E o apóstolo Xoán escribiu: “O mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xoán 5:19).
O FIN DO MUNDO DE SATÁN
13. Por que precisamos un mundo novo?
13 Este mundo é cada vez máis perigoso. Por todos lados vemos guerras, corrupción, hipocrisía e violencia. Por moito que se esforcen, os humanos non poden solucionar estes problemas. Pero Deus si que pode. Pronto vai acabar con toda a maldade que hai no mundo na guerra de Harmaguedón. Despois diso, a Terra tornará nun mundo novo e xusto (Apocalipse 16:14-16; ver a nota 10).
14. a) A quen escolleu Deus para ser Rei do seu Reino? b) Que predixo a Biblia sobre Xesús?
14 Para facer da Terra un lugar mellor, Xehová usará un goberno celestial. Este goberno coñécese como o Reino de Deus. Xehová escolleu a Xesús para ser o Rei deste Reino. Hai miles de anos, a Biblia predixo que Xesús gobernaría como “Soberano da Paz” e que o seu goberno non remataría nunca (Isaías 9:5, 6 [9:6, 7, NM]). Xesús ensinoulles ós seus seguidores a orar por este goberno cando dixo: “Veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo” (Mateo 6:10). No capítulo 8 aprenderemos como o Reino de Deus substituirá os gobernos humanos (le Daniel 2:44). Logo, fará que a Terra sexa un fermoso paraíso (ver a nota 11).
O NOVO MUNDO XA ESTÁ PRETO
15. Que é a “terra nova”?
15 A Biblia promete “un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza” (2 Pedro 3:13; Isaías 65:17). Ás veces, cando a Biblia fala da “terra” refírese ás persoas que viven nela (Xénese 11:1). Así que cando fala da “terra nova” e xusta, refírese a tódalas persoas que obedezan a Deus e teñan a súa aprobación.
16. a) Que fermoso agasallo lles dará Deus ós que vivan no novo mundo? b) Que temos que facer para obter este agasallo?
16 Xesús prometeu que os que vivan neste novo mundo recibirán “vida eterna” (Marcos 10:30). Que temos que facer para obter este agasallo? Atoparás a resposta en Xoán 3:16 e 17:3 (leos). Vexamos agora o que di a Biblia sobre como será a vida na Terra cando sexa un paraíso.
17, 18. Por que sabemos que haberá paz en toda a Terra e que nos sentiremos seguros?
17 Xa non haberá guerras, maldade, crime nin violencia. Deus acabará coas guerras (Salmo 46:10 [46:9, NM]; Isaías 2:4). Non haberá ningunha persoa mala en toda a Terra (Salmo 37:10, 11). Só quedarán as persoas que amen a Deus e o obedezan. Haberá paz para sempre (Salmo 72:7).
18 O pobo de Xehová sentirase seguro. No pasado, cando os israelitas eran obedientes a Deus, el protexíaos e eles estaban seguros (Levítico 25:18, 19). No Paraíso, non lle teremos medo a nada nin a ninguén. Sempre nos sentiremos seguros! (le Isaías 32:18; Miqueas 4:4).
19. Por que podemos estar seguros de que no novo mundo haberá comida dabondo?
19 Haberá comida dabondo para todos. “Haberá trigo dabondo nos eidos; mesmo no cume dos montes” (Salmo 72:16, SBG). Xehová bendiciranos e as leiras darán os seus froitos (Salmo 67:7 [67:6, NM]).
20. Por que sabemos que toda a Terra será un paraíso?
20 Toda a Terra será un paraíso. Teremos boas casas e bonitos xardíns (le Isaías 65:21-24; Apocalipse 11:18). O planeta enteiro será un lugar tan fermoso coma o xardín de Edén. Xehová sempre nos dará todo canto precisemos. A Biblia explica: “Abres ti a túa man e dáslle fartura a todo ser vivo” (Salmo 145:16).
21. Por que sabemos que haberá paz entre os humanos e os animais?
21 Haberá paz entre os humanos e os animais. Os animais xa non lle farán mal a ninguén. Os nenos sentiranse seguros, mesmo estando con animais que hoxe son perigosos (le Isaías 11:6-9; 65:25).
22. Que fará Xesús polos enfermos?
22 Ninguén estará enfermo. Cando Xesús estivo na Terra, curou moita xente (Mateo 9:35; Marcos 1:40-42; Xoán 5:5-9). Pero como Rei do Reino de Deus, Xesús curará a todo o mundo. Ninguén dirá: “Estou impedido” (Isaías 33:24; 35:5, 6).
23. Que fará Deus por quen morreu?
23 Os mortos volverán vivir. Deus promete que resucitará millóns de persoas. “Haberá resurrección de xustos e inxustos” (Feitos 24:15; le Xoán 5:28, 29).
24. Que che parece a idea de vivir no Paraíso?
24 Todos temos que escoller. Podemos escoller aprender sobre Xehová e servilo, ou ignoralo e facer o que nos dea a gana. Se eliximos servir a Xehová poderemos ter un futuro marabilloso. No seguinte capítulo imos aprender máis sobre Xesucristo e como cumprirá tódalas promesas de Deus.