Estás preparado para ser dos que “herdarán a terra”?
TODOS estamos desexando que se cumpra esta promesa de Xesús: “Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra” (Mt. 5:5). Os unxidos “herdarán a terra” cando se convertan en reis e gobernen no ceo xunto a Xesús (Ap. 5:10; 20:6). Pero a maioría dos cristiáns verdadeiros espera herdar a Terra e vivir para sempre nela sendo perfectos, felices e en paz. Para que isto sexa posible, terán que facer varias cousas. Imos analizar tres delas: axudar a facer da Terra un paraíso, asegurarse de que os resucitados teñan todo o necesario e ensinarlles. Vexamos como podemos demostrar incluso agora que desexamos facer estas cousas no novo mundo.
PREPARADO PARA FACER DA TERRA UN PARAÍSO
Xehová díxolles ós humanos: “Enchede a terra e sometédea”. Con isto indicou que, co tempo, toda a Terra se convertería nun paraíso (Xén. 1:28). Polo tanto, os que vivan para sempre na Terra tamén terán que obedecer este mandato. Ó principio, a Terra non será un paraíso porque o xardín de Edén xa non existe. Así que haberá moito traballo que facer para limpar as zonas que agora están danadas. Seguro que teremos que traballar moito!
Isto recórdanos todo o traballo que tiveron que facer os israelitas cando volveron de Babilonia. Case ninguén vivira alí durante 70 anos. Aínda así, Isaías predixo que coa bendición de Xehová, poderían volver a converter a súa terra nun bonito lugar. A profecía dicía: “Fará do deserto coma o Edén e da estepa coma o xardín do Señor” (Is. 51:3). Isto foi xusto o que pasou, Xehová axudoulles a conseguilo. Da mesma forma, os que herden a Terra, poderán convertela nun bonito paraíso grazas á bendición de Xehová. Pero hai algunhas cousas que podes facer xa agora para demostrar que desexas participar neste labor.
Unha delas é facer todo o posible por manter a túa casa limpa e ordenada, incluído o que hai arredor dela. Podes conseguilo incluso se os teus veciños non o fan. Tamén podes axudar coa limpeza e o mantemento do Salón do Reino ó que asistes ou do Salón de Congresos. Ademais, se cho permiten as túas circunstancias, quizais poidas solicitar servir como voluntario local nos labores de socorro. Facendo isto, demostrarás que estás listo para axudar onde faga falta. Pregúntate: “Podería conseguir algunhas habilidades que poida usar se Xehová me permite vivir para sempre na Terra?”.
PREPARADO PARA AXUDARLLES ÓS RESUCITADOS
Xusto despois de resucitar a filla de Xairo, Xesús dixo que lle desen algo de comer á nena (Mc. 5:42, 43). Pode que non fose moi difícil coidar daquela rapaza de 12 anos. Pero pensa en todo o que implicará que Xesús cumpra a súa promesa de que “tódolos que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; e sairán” (Xn. 5:28, 29). Aínda que a Biblia non dá moitos detalles, podemos imaxinar que os resucitados necesitarán axuda para conseguir comida, roupa e un sitio onde vivir. Como podes demostrar xa agora que estás listo para axudar? Imos ver algunhas cousas que podes facer.
Que podes facer para demostrar que estás preparado para herdar a Terra?
Cando se anuncia que o superintendente de circuíto vai visitar a túa congregación, ofréceste para invitalo a comer? Cando hai irmáns a tempo completo especial que deixan de servir en Betel, ou cando un superintendente de circuíto deixa a obra de viaxante, poderías axudarlles a buscar un lugar onde vivir? Se se vai celebrar un congreso rexional ou especial na túa zona, poderías facerte dispoñible para colaborar antes ou despois do congreso, ou para darlles a benvida ós delegados?
PREPARADO PARA ENSINARLLES ÓS RESUCITADOS
Segundo o que di Feitos 24:15, esperamos que resuciten miles de millóns de persoas. Moitos non tiveron a oportunidade de coñecer antes a Xehová, pero si que a terán despois de resucitar.a Servos de Deus fieis e con experiencia colaborarán neste gran labor de ensinanza (Is. 11:9). Charlotte, unha irmá que predicou en Europa, América do Sur e África desexa que chegue ese momento. Ela di: “Teño moitas ganas de ensinarlles ás persoas resucitadas. Cando leo sobre alguén que viviu no pasado, penso: ‘Se coñecese a Xehová, a súa vida sería moi diferente’. Estou desexando falarlles de Deus ós resucitados e de como os beneficiará servilo”.
Incluso os servos fieis de Xehová que viviron antes de que Xesús viñese á Terra terán moito que aprender. Imaxina que felices nos fará explicarlle a Daniel como se cumpriron as profecías que escribiu pero que non entendía (Dn. 12:8). Será un honor poder facelo. E que pasará cando lles expliquemos a Rut e a Noemí que o Mesías foi descendente da súa familia? Faranos moi felices participar neste labor de ensinanza mundial, libres das presións e das distraccións deste malvado mundo.
Como podes demostrar agora que estarás preparado para ensinarlles ós resucitados? Unha maneira evidente de facelo é esforzándote por ser mellor mestre e por predicar con regularidade (Mt. 24:14). Incluso se a idade ou outras circunstancias limitan a túa predicación neste momento, podes demostrar que estás preparado para ensinarlles ós resucitados se te esforzas o máximo posible.
É bo meditar nestas importantes preguntas: “De verdade estás desexando herdar a Terra? Emociónate pensar en facer da Terra un paraíso, en coidar dos resucitados e en ensinarlles?”. Podes demostrar que estás preparado para vivir para sempre se participas en tarefas que se parezan as que terás que facer cando herdes a Terra.
a Ver o artigo “Moitos serán educados ‘na xustiza’” da revista A Atalaia de setembro de 2022.