Dous membros novos do Consello Reitor
NA REUNIÓN anual do 5 de outubro de 2024 fíxose un anuncio moi especial: os irmáns Jody Jedele e Jacob Rumph foran nomeados coma membros do Consello Reitor das Testemuñas de Xehová. Ambos levaban moitos anos servindo fielmente a Xehová.
Jody Jedele e a súa muller, Dámaris
O irmán Jedele naceu en Missouri (EEUU) e creceu nunha familia de Testemuñas. A súa familia vivía nun lugar onde había poucos irmáns. Por iso coñeceu a moitos irmáns e irmás de diferentes partes do país que ían predicar aquela zona. Impresionárono o seu amor e unidade. Bautizouse ó principio da súa adolescencia, o 15 de outubro de 1983. Gustáballe predicar e, despois de acabar o instituto, empezou a servir como pioneiro regular en setembro de 1989.
Cando era un rapaz, seus pais levábanos a el e á súa irmá a visitar Betel. Isto fixo que quixesen servir alí, e ambos conseguírono. O irmán Jedele chegou ó Betel de Wallkill en setembro de 1990. Ó principio colaborou no Departamento de Limpeza e despois no Departamento Médico.
Durante aquel tempo, había congregacións na zona de fala española que estaban medrando e necesitaban irmáns. Así que o irmán Jedele cambiouse a unha delas e empezou a aprender español. Pouco despois coñeceu a Dámaris, unha irmá do seu circuíto que era pioneira. Co tempo casaron e empezaron a servir xuntos en Betel.
En 2005, deixaron Betel para coidar dos seus pais. Durante aquel tempo, serviron como pioneiros regulares. O irmán Jedele axudou como instrutor no Curso para Pioneiros, e serviu no Comité de Enlace cos Hospitais e no Comité Rexional de Construción.
En 2013, recibiron de novo a invitación para servir en Betel no proxecto de construción de Warwick. Desde entón, tamén serviron en Patterson e en Wallkill. O irmán Jedele colaborou co Departamento Local de Deseño e Construción e cos Servizos de Información Hospitalaria. En marzo de 2023, foi nomeado como axudante do Comité de Servizo. Pensando nas súas asignacións, el conta: “Ó enfrontarte a novos desafíos, ás veces podes sentirte superado. Pero é neses momentos cando tes que acordarte de confiar en Xehová, porque el é quen fai posible que consigamos o que nos encargou”.
Jacob Rumph e a súa muller, Inga
O irmán Rumph naceu en California (EEUU). Durante a súa infancia súa nai era inactiva, pero esforzábase por ensinarlle as verdades da Biblia. Ademais, cada ano visita a súa avoa, unha irmá fiel. Ela axudoulle a querer saber máis sobre a verdade e cando el tiña 13 anos pediu que lle fixesen un curso da Biblia. O 27 de setembro de 1992, cando aínda era adolescente, bautizouse. Entón, a súa nai empezou a asistir ás reunións e a predicar outra vez, e seu pai e seus irmáns empezaron a progresar e bautizáronse.
Cando era un rapaz, o irmán Rumph fixouse en que os pioneiros eran moi felices. Así que, despois de acabar o instituto, fíxose pioneiro en setembro de 1995. No ano 2000, mudouse a Ecuador para servir onde había máis necesidade. Alí coñeceu a Inga, unha irmá do Canadá que tamén era pioneira, e co tempo casaron. Despois serviron xuntos nunha cidade do Ecuador onde había un pequeno grupo de publicadores. Agora é unha congregación con moitos publicadores.
Co tempo, foron nomeados pioneiros especiais e despois serviron como superintendentes de circuíto. En 2011, foron invitados a asistir á clase número 132 de Galaad. Despois de graduarse desfrutaron servindo en diferentes lugares e asignacións por todo o mundo, como en Betel, de misioneiros e de superintendentes de circuíto. O irmán Rumph tamén tivo o privilexio de ser instrutor no Curso para Evanxelizadores do Reino.
Pola pandemia da COVID-19, volveron ós Estados Unidos. Alí foron invitados a servir no Betel de Wallkill, onde o irmán Rumph recibiu formación no Departamento de Servizo. Co tempo, volveron á sucursal do Ecuador, onde el serviu no Comité de Sucursal. En 2023, foron reasignados a Warwick. En xaneiro de 2024, o irmán Rumph foi nomeado para servir como axudante do Comité de Servizo. Recordando os lugares onde serviu, el conta: “O que fai que unha asignación sexa especial non é o sitio, senón as persoas coas que serves alí”.
Valoramos moito o gran traballo que fan estes irmáns, e “[seguimos] demostrando que [valoramos] moito os homes que son coma [eles]” (Filip. 2:29).