BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 decembro páxs. 14-19
  • Imitemos a humildade de Xehová

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Imitemos a humildade de Xehová
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • XEHOVÁ É ACCESIBLE
  • XEHOVÁ É RAZOABLE
  • XEHOVÁ É PACIENTE
  • XEHOVÁ FÍXASE NOS HUMILDES
  • Imitemos a maneira de pensar de Xehová e Xesús
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Dar farate máis feliz
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Demostra que confías en Xehová cando tomes decisións
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2023)
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 decembro páxs. 14-19

ARTIGO DE ESTUDO 50

CANCIÓN sn 48 Camiñamos a cotío con Xehová

Imitemos a humildade de Xehová

“Así que imitade a Deus como fillos queridos” (EF. 5:1).

OBXECTIVO

Aprender catro maneiras nas que podemos imitar a humildade de Xehová.

1. Que te impresiona sobre a humildade de Xehová?

CANDO pensas nos gobernantes do mundo actual, dirías que son humildes? Probablemente non. Pero Xehová, que é todopoderoso, si que é humilde (Sal. 113:5-8). Ninguén é tan humilde como Xehová, non hai nin un chisco de arrogancia nel. Neste artigo veremos catro bonitos aspectos da súa personalidade e como se pode ver a humildade en cada un deles. Tamén analizaremos como Xesús imitou a humildade do seu Pai. Examinar estas cousas axudaranos a acercarnos a Xehová e a aprender como ser máis humildes coma el.

XEHOVÁ É ACCESIBLE

2. Que nos di Salmo 62:9 (62:8, TNM) sobre Xehová? (Ver tamén a imaxe).

2 Normalmente non é fácil falar coa xente que é orgullosa. Os seus egos inflados fan que actúen de maneiras que provocan que os demais os rechacen ou que os eviten por completo. Que diferente é Xehová! O noso Pai celestial é humilde, invítanos a acercarnos a el para contarlle as cousas que pesan na nosa mente e corazón (le Salmo 62:9 [62:8, TNM]). Igual que un pai cariñoso quere saber de verdade o que lles preocupa ós seus fillos, a Xehová interésalle escoitar as nosas oracións. De feito, deixou escritas moitas delas na Biblia. Iso móstranos o accesible que é (Xos. 10:12-14; 1 Sam. 1:10-18). Pero que pasa se ás veces sentimos que non somos dignos de acercarnos a Xehová?

Un pai escoitando con paciencia como seu fillo pequeno lle explica como rompeu o floreiro sen querer mentres xogaba co seu avión de xoguete.

Un pai imita a Xehová e escoita con humildade o seu fillo que rompeu un floreiro mentres xogaba (ver o parágrafo 2).


3. Por que podes estar seguro de que Xehová quere que lle ores a miúdo?

3 Podemos achegarnos a Xehová en oración incluso cando sentimos que non somos dignos do seu amor. Por que podemos dicir isto? Na comparación de Xesús do fillo perdido, el comparou a Xehová a un pai compasivo cun fillo que non se sentía digno de ser aceptado de volta na familia. Pero que fixo o pai cando o fillo volveu a casa? Xesús dixo que, tan pronto como viu o fillo, “botou a correr cara a el, abrazouno e bicouno con cariño” (Luc. 15:17-20). Xehová é coma ese pai. En canto escoita orar a alguén que ten o corazón feito pedazos e esmagado polo peso da culpa ou das preocupacións, a súa humildade impúlsao a escoitalo con moita atención (Lam. 3:55-57). Xehová móstranos empatía e, igual que o pai que botou a correr, el dános a tranquilidade de que contamos co seu amor e co seu consolo (Is. 57:15). Como fai isto? A miúdo a través dos anciáns, dos nosos familiares Testemuñas e doutros irmáns e irmás (Sant. 5:14, 15). Xehová dános a súa axuda porque quere que nos acheguemos a el.

4. Por que lle era fácil á xente falar con Xesús?

4 Como imitou Xesús o seu Pai? Xesús tamén é humilde, igual ca seu Pai. É por iso que, cando estivo na terra, a xente sentíase cómoda, acercábase a el e non tiña medo de facerlle preguntas (Mar. 4:10, 11). E cando el lles preguntaba cal era a súa opinión sobre algo, dicíanlle o que pensaban de verdade (Mat. 16:13-16). Ademais, cando cometían algún erro, non tiñan medo de que Xesús se enfadase con eles. Sabían que era amable, paciente e comprensivo (Mat. 17:24-27). Como Xesús imitou moi ben o seu Pai, os seus seguidores puideron coñecer mellor a Xehová (Xoán 14:9). Aprenderon que El non se parece en nada ós líderes relixiosos crueis, orgullosos e distantes do seu tempo. Ó contrario, Xehová é humilde e accesible.

5. Como nos pode axudar a humildade a ser máis accesibles?

5 Como podemos imitar a Xehová? Cando aprendemos a ser máis humildes, facemos que sexa máis fácil para os demais falar con nós. A humildade evita que sexamos envexosos, orgullosos e que non perdoemos a outros. Senón, espantariamos os demais (Col. 3:12-14). En especial, os anciáns teñen que esforzarse por ser accesibles. Para facer isto, necesitan estar a miúdo cos irmáns. Así que, sempre que sexa posible, preferirán asistir ás reunións en persoa en vez de por videoconferencia. E sempre que as circunstancias o permitan, predicarán de casa en casa coa congregación. Desta maneira os irmáns coñeceranos mellor e sentiranse libres de falar con eles sempre que precisen axuda.

XEHOVÁ É RAZOABLE

6, 7. Pon algúns exemplos de como Xehová estivo disposto a cambiar de opinión cando os seus servos lle oraron.

6 As persoas orgullosas a miúdo pensan que saben o que é mellor e non hai maneira de que cambien de opinión. Pero Xehová, quen sempre sabe o que é mellor, non é así para nada! Como é humilde, sempre está disposto a escoitar os demais e a cambiar as súas decisións. Por exemplo, Míriam, xunto a Aarón, queixouse de seu irmán Moisés. Pero isto estaba moi mal porque el era o representante de Xehová, así que en realidade estaba faltándolle ó respecto a Deus. Como resultado, Xehová enfadouse moito con ela e fixo que tivese lepra. Pero cando Aarón lle suplicou a Moisés que lle axudase e este fixo o mesmo con Xehová, como reaccionou Deus? Non mantivo de maneira orgullosa o xuízo que fixera contra ela senón que, como é humilde, cedeu e curouna (Núm. 12:1-15).

7 Xehová tamén foi humilde ó tratar co rei Ezequías. Envioulle o seu profeta Isaías para dicirlle que ía morrer e entón o rei suplicoulle a Deus chorando que o curase. Xehová escoitou con consideración a súa oración e díxolle que viviría 15 anos máis (2 Reis 20:1, 5, 6). A humildade move a Xehová a ser compasivo e a ceder.

8. Que exemplos demostran que Xesús é razoable? (Marcos 3:1-6).

8 Como imitou Xesús o seu Pai? Mentres estivo na terra, Xesús fixo cousas boas por outros sempre que podía. Por exemplo, curou persoas en sábado a pesar da oposición dalgúns líderes relixiosos (le Marcos 3:1-6). E hoxe, como Cabeza da congregación cristiá, segue sendo razoable. De feito, cando alguén da congregación comete un pecado grave, el é paciente e dálle moitas oportunidades de cambiar (Apoc. 2:2-5).

9. Como podemos pensar e actuar de maneira razoable? (Ver tamén as imaxes).

9 Como podemos imitar a Xehová? Temos que aprender de Xehová a pensar e actuar dunha maneira razoable (Sant. 3:17). Por exemplo, uns pais razoables non lles consenten todo ós seus fillos pero tampouco esperan máis deles do que poden facer. Un bo exemplo disto foi Xacob, pois el foi considerado cos seus fillos como vemos en Xénese 33:12-14. Outra cousa que deben evitar os pais razoables e humildes é comparar de maneira inxusta un fillo con outro. Os anciáns tamén teñen que ser razoables. Unha maneira na que o fan é non insistindo na súa propia opinión, senón apoiando a decisión da maioría dos anciáns cando non vaia en contra dos principios bíblicos (1 Tim. 3:2, 3). E cada un de nós podemos esforzarnos por intentar comprender o punto de vista dos demais incluso se vemos as cousas de maneira diferente (Rom. 14:1). Todos na congregación debemos esforzarnos por que os demais “vexan que [somos] persoas razoables” (Filip. 4:5).

Serie de imaxes: Un pai desfrutando de predicar de casa en casa cos seus nenos pequenos. 1. El sorrindo mentres seu fillo lle ofrece a un home o folleto “Desfruta da vida para sempre!”. 2. Máis tarde, sorrindo mentres a súa filla lle ofrece a unha muller unha tarxeta de jw.org.

Os pais teñen que ser razoables sobre o que esperan dos seus fillos na predicación (ver o parágrafo 9).


XEHOVÁ É PACIENTE

10. De que maneiras demostrou Xehová que é paciente?

10 Probablemente te deches conta de que á xente orgullosa non lle gusta que a fagan esperar. Son moi impacientes. Que diferente é Xehová! Por exemplo, nos días de Noé, dixo que esperaría 120 anos para destruír os malvados (Xén. 6:3). Así este servo de Deus tivo tempo de criar os seus fillos e de construír a arca coa axuda da súa familia. Máis tarde, un anxo que representaba a Xehová escoitou con paciencia tódalas preguntas que fixo Abrahán sobre a destrución de Sodoma e Gomorra. Unha persoa orgullosa teríalle respondido: “Como se che ocorre cuestionarme!”. Pero este anxo foi paciente con Abrahán porque imitou a Xehová (Xén. 18:20-33).

11. Segundo 2 Pedro 3:9, por que é paciente Xehová hoxe en día?

11 Xehová segue sendo paciente hoxe en día, pois está esperando ó momento que decidiu para que chegue a fin. Por que? “Porque non desexa que ninguén sexa destruído, senón que todos se arrepintan” (le 2 Pedro 3:9). Serviu de algo a paciencia de Xehová? Pois claro! Millóns de persoas acercáronse a el, e esperamos que moitas máis tamén o fagan. De todas maneiras, a súa paciencia ten límites. Ama as persoas, pero non permitirá que fagan o que queiran para sempre. Chegará o momento no que acabe coas persoas malvadas (Hab. 2:3).

12. Como está imitando Xesús a paciencia de Xehová?

12 Como imitou Xesús o seu Pai? Xesús leva imitando a paciencia de Xehová miles de anos. El viu como Satanás calumniaba tanto a Xehová coma as persoas fieis (Xén. 3:4, 5; Xob 1:11; Apoc. 12:10). Tamén viu como moitos humanos sufrían cousas terribles. Imaxina cantas ganas ten de “desfacer as obras do Demo” (1 Xoán 3:8). Por que é capaz Xesús de esperar con paciencia a que Xehová lle diga que pode acabar con todo o que fixo Satanás? Unha razón é que é humilde. Ten claro que é Xehová quen decide cando traer o fin (Feit. 1:7).

13. Como foi paciente Xesús cos seus apóstolos, e por que?

13 Cando Xesús estivo na terra, tamén foi paciente cos seus apóstolos. Por exemplo, cando discutiron unha e outra vez sobre quen era o maior, non se frustrou con eles, senón que seguiu sendo paciente (Luc. 9:46; 22:24-27). Confiaba en que co tempo aprenderían a ser máis humildes. E ti, cometiches o mesmo erro varias veces? Entón seguro que estás moi agradecido de ter un Rei tan humilde e paciente!

14. Que nos axudará a ser máis pacientes?

14 Como podemos imitar a Xehová? Para poder pensar e actuar cada vez máis coma Xehová, temos que aprender a pensar coma Xesús (1 Cor. 2:16). Como podemos entender mellor a mente de Cristo? Non hai atallos. Temos que ler os Evanxeos e despois debemos dedicar tempo a meditar no que el facía e en por que o facía. E, sen dúbida, tamén temos que pedirlle a Xehová que nos axude a ser humildes e pacientes coma Xesús. Canto máis aprendamos a pensar coma el, máis capaces seremos de imitar a Xehová ó ser pacientes con outros e con nós mesmos (Mat. 18:26-30, 35).

XEHOVÁ FÍXASE NOS HUMILDES

15. Pon algúns exemplos de como Xehová demostrou que ama os humildes (Salmo138:6).

15 Le Salmo 138:6. Que honor teñen os humildes de que o Soberano do Universo os valore tanto! Vexamos só uns poucos exemplos de persoas humildes ás que Xehová honrou ó longo da historia. Quizais algunhas delas non son as primeiras que nos veñen á mente, pero están incluídas na Biblia. Xehová inspirou a Moisés para que rexistrase o nome dunha ama de leite chamada Déborah, quen viviu nos tempos dos patriarcas. Ela serviu fielmente na casa de Isaac e na de Xacob durante uns 125 anos en total! Aínda que non sabemos moito sobre esta fiel muller, Xehová asegurouse de que se deixase rexistrado canto a querían (Xén. 24:59; 35:8). Centos de anos despois, Deus escolleu a David, un rapaz que era pastor, para que fose o rei da nación de Israel (2 Sam. 22:1, 36). Pouco despois de que Xesús nacese, Deus enviou anxos para darlles o honor a uns pastores humildes de ser os primeiros en saber que nacera o Mesías cerca deles, en Belén (Luc. 2:8-11). E cando Xosé e María levaron a Xesús ó templo, Xehová deulles o honor a dúas persoas maiores, Simeón e Ana, de ver o seu Fillo (Luc. 2:25-30, 36-38). Está claro que, aínda que “o Señor é excelso [...] pon a súa atención nos humildes”.

16. Como imitou Xesús a Xehová ó tratar a outros?

16 Como imitou Xesús o seu Pai? Igual ca seu Pai, Xesús valoraba moito a xente humilde. El ensinoulles ás persoas “comúns e sen estudos” sobre o Reino de Deus (Feit. 4:13; Mat. 11:25). Ademais curou os enfermos e tratounos dun xeito que non só lles devolveu a saúde senón tamén a dignidade (Luc. 5:13). A noite antes de morrer, Xesús lavoulles os pés ós seus apóstolos, algo que normalmente só faría un servo (Xoán 13:5). E antes de ascender ó ceo, deulles a tódolos seus seguidores, incluídos nós hoxe en día, o honor de facer a obra máis importante que ningún humano terá nunca: axudar a outros a conseguir a vida eterna (Mat. 28:19, 20).

17. Como podemos mostrar que amamos e respectamos a outros? (Ver tamén a imaxe).

17 Como podemos imitar a Xehová? Mostramos que amamos e respectamos as persoas cando lles predicamos as boas noticias a todas elas, sen importar de onde veñan, a cor da súa pel ou nivel de educación. E facemos o mesmo cos nosos irmáns cando pensamos que son superiores a nós, independentemente das habilidades ou responsabilidades que teñamos (Filip. 2:3). A Xehová encántalle ver como somos humildes e tomamos a iniciativa de honrarnos uns ós outros destas e doutras maneiras (Rom. 12:10; Sof. 3:12).

Dúas irmás dirixindo un curso da Biblia a unha muller nunha prisión.

Imitamos a humildade de Xehová cando compartimos as boas noticias con todo tipo de persoas (ver o parágrafo 17).a


18. Por que queres imitar a humildade de Xehová?

18 Cando nos esforzamos por imitar a humildade do noso amoroso Pai celestial, convertémonos en persoas máis accesibles, máis razoables, máis pacientes e que mostran amor e respecto por outros. Recordemos que cando facemos todo o que podemos por parecernos máis ó noso humilde Deus, somos aínda máis valiosos para el! (Is. 43:4).

COMO PODE A HUMILDADE AXUDARCHE A SER MÁIS...

  • ... accesible?

  • ... razoable?

  • ... paciente?

CANCIÓN sjj 159 Deámoslle gloria a Xehová!

a DESCRICIÓN DA IMAXE: Unhas irmás imitan con humildade a Xehová ó predicarlle a unha muller que está no cárcere.

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir