Primera Carta de San Pedro
5 Ós responsables das vosas comunidades, exhórtoos eu, responsable coma eles, que fun testemuña dos padecementos de Cristo e que terei parte convosco na gloria que está para se manifestar: 2 coidade o rabaño de Deus, que está á vosa garda; mirade por el, non por pura obriga senón, como Deus quere, de boa gana; nin por baixos intereses de lucro senón porque vos agrada; 3 nin dándovolas de señores dos que se vos encomendaron senón facéndovos exemplo para o rabaño. 4 Así, cando apareza o supremo Pastor, recibiréde-la coroa da gloria, que nunca murcha.
5 Tamén os mozos habedes ser ben guiados cos responsables. No trato cos demais revestídevos todos vós dun pensar humilde, porque
Deus oponse ós soberbios,
pero concédelle-la gracia ós humildes.
6 Por iso vós facédevos humildes,
para estardes baixo a man poderosa de Deus,
de xeito que El vos levante no intre oportuno.
7 Botade sobre Deus tódalas vosas ansias,
que El coida de vós.
8 Pero comede e bebede con regra. ¡Alerta!
Que o voso inimigo, o demo, bruando coma un león,
anda ó arredor á procura de quen engulir.
9 Resistídelle firmes na fe,
sabendo que os mesmos sufrimentos lles están reservados
ós vosos irmáns en todo o mundo.
10 Pois Deus, de quen vén toda a gracia e que vos chamou por medio de Cristo á súa gloria eterna, despois dun pouco de sufrimento, El mesmo vos porá en forma, vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade. 11 El ten poder polos séculos dos séculos. Amén.
12 Do puño de Silván, irmán fiel —así o considero—, escribinvos esta pequena carta, para vos exhortar e asegurar que esta é a verdadeira gracia de Deus. Afincádevos ben nela.
13 A comunidade escollida coma vós, que vive en Babilonia, mándavos saúdos e tamén o meu fillo Marcos. 14 Saudádevos uns ós outros cun bico de irmáns. Paz a todos vós, os cristiáns.