As boas noticias segundo Xoán
13 Antes da festa da Pascua, Xesús xa sabía que chegara a súa hora para deixar este mundo e volver onda o Pai. El amara os seus seguidores que estaban con el no mundo e seguiunos amando da mesma maneira ata o final. 2 Estaban ceando e o Demo* xa metera no corazón de Xudas Iscariote, que era fillo de Simón, a idea de traizoar a Xesús. 3 Así que Xesús, que sabía que o Pai puxera tódalas cousas nas súas mans, que Deus o enviara e que ía volver con Deus, 4 levantouse da mesa, puxo o seu manto a un lado, colleu unha toalla e atouna á cintura. 5 Despois botou auga nunha palangana, e empezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba atada á cintura. 6 Cando chegou a Simón Pedro, el preguntoulle: “Señor, vasme lavar ti os pés?”. 7 Xesús respondeulle: “Agora non entendes o que estou facendo, pero xa o entenderás máis adiante”. 8 Pedro díxolle: “Ti nunca me lavarás os pés”. E Xesús contestoulle: “Se non chos lavo, non es un dos meus*”. 9 Simón Pedro díxolle: “Señor, entón non me laves só os pés, lávame tamén as mans e a cabeza”. 10 Xesús respondeulle: “O que xa se bañou ten todo o corpo limpo, así que só necesita lavar os pés. Vós estades limpos, pero non todos”. 11 Xesús sabía quen o ía traizoar, e por iso dixo: “Non todos estades limpos”.
12 Despois de lavarlles os pés, puxo o seu manto, sentouse* outra vez á mesa e díxolles: “Entendedes o que vos fixen? 13 Vós chamádesme Mestre e Señor, e tedes razón, porque o son. 14 Así que se eu, que son o Señor e o Mestre, vos lavei os pés a vós, vós tamén tedes que* lavarvos os pés uns ós outros. 15 Púxenvos o exemplo* para que fagades o mesmo que eu vos fixen. 16 De verdade vos aseguro que o escravo non é máis que o seu amo nin o enviado é máis que quen o enviou. 17 Agora que sabedes estas cousas, seredes felices se as facedes. 18 Non estou falando de todos vós. Eu coñezo os que escollín. Pero isto pasou para que se cumprise a parte das Escrituras que di: ‘O que comía do meu pan volveuse contra min*’. 19 Dígovos isto agora, antes de que pase, para que cando pase creades que eu son quen digo ser. 20 De verdade vos aseguro que quen recibe a calquera que eu envíe recíbeme tamén a min, e quen me recibe a min recibe tamén a quen me enviou”.
21 Despois de dicir isto, Xesús angustiouse moito e díxolles directamente: “De verdade vos aseguro que un de vós me vai traizoar”. 22 Entón os discípulos empezaron a mirar uns para os outros, e estaban confundidos porque non sabían de cal deles estaba falando. 23 Un dos seus discípulos, ese ó que Xesús quería moito, estaba ó lado* de Xesús na mesa. 24 Así que Simón Pedro fíxolle un xesto coa cabeza e preguntoulle: “De quen está falando?”. 25 Entón ese discípulo recostouse no peito de Xesús e preguntoulle: “Señor, quen é?”. 26 Xesús contestoulle: “É ó que lle vou dar o cacho de pan que vou mollar no prato”. E despois de mollar o pan deullo a Xudas, o fillo de Simón Iscariote. 27 Xudas colleu o cacho de pan e despois Satanás entrou nel. Entón Xesús díxolle: “O que vas facer, faino máis rápido”. 28 Pero ningún dos que estaban* á mesa sabía por que lle dixera iso. 29 De feito, como Xudas era o encargado da caixa dos cartos, algúns pensaban que Xesús lle estaba dicindo que comprase o que necesitaban para a festa ou que lles dese algo ós pobres. 30 Así que en canto colleu o cacho de pan, marchou de alí. Era de noite.
31 Cando Xudas xa marchara, Xesús dixo: “Agora o Fillo do Home é glorificado, e Deus é glorificado mediante el. 32 Deus mesmo o vai glorificar e vaino facer moi pronto. 33 Filliños, vou estar con vós un pouco máis. Buscarédesme, pero agora dígovos o mesmo que lles dixen ós xudeus: ‘Para onde eu vou, vós non podedes vir’. 34 Douvos un mandamento novo: amádevos uns ós outros. Da mesma maneira que eu vos amei, amádevos tamén vós uns ós outros. 35 Así todos saberán que sodes os meus discípulos, se vos amades* uns ós outros”.
36 Simón Pedro preguntoulle a Xesús: “Señor, a onde vas?”. E el contestoulle: “A onde eu vou non me podes seguir agora, pero seguirasme máis tarde”. 37 Pedro díxolle: “Señor, por que non te podo seguir agora? Eu estou disposto a dar a miña vida por ti”. 38 E Xesús contestoulle: “Dis que darías a vida por min? De verdade che aseguro que non cantará o galo ata que negues tres veces que me coñeces”.