Carta ós Hebreos
4 Así que, como a promesa de entrar no descanso de Deus segue estando vixente, teñamos coidado, non vaia ser que algún de nós sexa considerado indigno dela. 2 Porque a nós tamén se nos anunciaron as boas noticias, igual que a eles. Pero eles non se beneficiaron da mensaxe que escoitaron, porque non tiñan a mesma fe que os que obedeceron. 3 Pero os que demostramos fe si que entramos no descanso sobre o que el dixo: “Así que cheo de furia fixen este xuramento: ‘Non entrarán no meu descanso’”. Dixo isto aínda que el mesmo, despois de terminar todo o que fixo, leva descansando desde o principio da humanidade*. 4 Porque el dixo sobre o sétimo día en certa parte das Escrituras: “E o sétimo día Deus descansou de todo o que fixo”. 5 E tamén di: “Non entrarán no meu descanso”.
6 Así que, como aínda hai algúns que non entraron nel (e os primeiros ós que se lles anunciaron as boas noticias non entraron porque desobedeceron), 7 moito tempo despois el volve a marcar un día cando di “hoxe” no salmo de David. É tal como se acaba de dicir: “Se hoxe escoitades a miña voz, non vos volvades cabezóns*”. 8 Porque se Xosué levase os israelitas a un lugar de descanso, Deus non falaría despois doutro día de descanso. 9 Así que aínda queda un descanso sabático para o pobo de Deus. 10 Porque a persoa que entrou no descanso de Deus tamén descansou do que ela mesma fixo, igual que Deus descansou do que fixo.
11 Por iso, fagamos todo o posible para entrar nese descanso, para que ningún de nós siga o exemplo dos que desobedeceron*. 12 Porque a palabra de Deus está viva e actúa con poder. Está máis afiada que calquera espada de dous fíos e entra ata separar a alma* do espírito*, e ata separar as articulacións da substancia que hai dentro dos ósos*, e é capaz de sacar á luz* os pensamentos e as intencións do corazón. 13 Nada do que foi creado está escondido da súa vista. Tódalas cousas están expostas e claramente visibles ós ollos de Deus, que é a quen lle temos que render contas.
14 Así que, como temos un gran sumo sacerdote que entrou nos ceos, Xesús, o Fillo de Deus, sigamos falando da fe que temos nel*. 15 Porque non temos un sumo sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades, senón que temos un que foi probado coma nós en tódolos sentidos, pero sen pecado. 16 Por iso, acerquémonos ó trono de Deus e orémoslle con confianza* para recibir misericordia e bondade inmerecida xusto no momento no que necesitamos axuda.