Primeira Carta ós Tesalonicenses
1 De parte de Paulo, Silvano* e Timoteo para a congregación dos tesalonicenses que está unida a Deus, o Pai, e ó Señor Xesucristo:
Que teñades bondade inmerecida e paz.
2 Sempre lle damos grazas a Deus cando vos mencionamos a todos nas nosas oracións. 3 Porque recordamos constantemente diante do noso Deus e Pai o voso labor fiel, os vosos esforzos motivados polo amor, e o aguante que demostrades pola esperanza que tedes no noso Señor Xesucristo. 4 Irmáns, Deus quérevos moito, e nós sabemos que Deus escolleuvos a vós 5 porque vos predicamos as boas noticias non só con palabras, senón tamén con poder, con espírito santo e con moita convicción. E xa sabedes que clase de persoas chegamos a ser entre vós polo voso ben. 6 Ademais, imitástesnos a nós e ó Señor porque, aínda que pasastes por moitas dificultades, aceptastes a mensaxe coa felicidade que dá o espírito santo. 7 Así, chegastes a ser un exemplo para tódolos crentes de Macedonia e de Acaia.
8 O certo é que grazas a vós, non só se escoitou a palabra de Xehová* en Macedonia e Acaia, senón que a vosa fe en Deus estendeuse por todas partes. Así que non fai falta que digamos nada máis. 9 Porque a xente deses lugares segue falando da primeira vez que nos vimos e de que deixastes os vosos ídolos e vos volvestes a Deus. Volvéstesvos a Deus para ser escravos dun Deus vivo e verdadeiro 10 e para esperar o seu Fillo, é dicir, a Xesús, que vai vir dos ceos. El resucitou* de entre os mortos e líbranos da ira de Deus que vai vir.