As boas noticias segundo Marcos
16 Cando o sábado xa pasara, María Madalena, María a nai de Santiago e Salomé compraron especias aromáticas para mesturalas con aceite e botalas no corpo de Xesús. 2 O primeiro día da semana* foron moi cedo á tumba*, despois de saír o sol. 3 E preguntábanse unhas ás outras: “Quen nos vai mover a pedra da entrada da tumba?”. 4 Pero cando miraron para a entrada, viron que xa fixeran rodar a pedra, aínda que era moi grande. 5 Cando entraron na tumba, viron un home novo que estaba sentado á dereita e que levaba posta unha túnica longa e branca, e quedaron pasmadas. 6 El díxolles: “Non vos asustedes. Estades buscando a Xesús o Nazareno, o que foi executado no madeiro. Resucitou*, non está aquí. Mirade, este é o sitio onde o puxeran. 7 Pero ide e dicídelles ós seus discípulos e a Pedro: ‘El vai diante de vós de camiño a Galilea. Verédelo alí, tal como el vos dixo’”. 8 Así que elas saíron da tumba e escaparon de alí tremendo e superadas pola emoción. E non lle dixeron nada a ninguén, porque tiñan medo*.